Esta maña ás 12:30h tivo lugar a inauguración da nova variante de Aradas. Ao acto acudiron veciños de , de Compostela, Cruz Vázquez Veiga, presidenta de FERUSA en representación de todo o rural compostelán, e membros da Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago de Compostela – , en sinal de protesta contra o vertedoiro da cidade e ao que tamén chegan residuos doutras zonas de Galicia.

Aproveitando a presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, achegáronse ata alí en actitude pacífica, pero con mascarillas que facían referencia aos cheiros que soportan día si e día tamén e portando unha pancarta que rezaba “Sr. Feijóo, vertedoiro de Miramontes sen control”.

O texto da pancarta tiña todo que ver coas derradeiras declaracións da directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Cruz Ferreira, que hai uns días asegurou que “en Galicia non existen vertedoiros incontrolados”.

“Á marxe da xerga política, nós queremos facer constar que o vertedoiro de Miramontes peca de falla de control. Por moitas inspeccións que proclamen facer, o certo é que no vertedoiro non existe un control rigoroso de entrada de residuos, e así é como se chegou a superar amplamente a cantidade de materia orgánica que se deposita na antiga canteira; cantidade para a cal o vertedoiro non está preparado, e que pode ocasionar moitos problemas futuros”, declaraba un dos afectados.

Outra veciña manifestaba que “a variante é algo moi positivo, xa que reducirá o tráfico de camións polo centro de Compostela, pero moitos deses camións seguirán circulando por Miramontes, por unha vía pola cal non deberan transitar e deixando malos cheiros e vertidos ao seu paso. Coma sempre, os veciños do rural somos os máis desfavorecidos”.

Tras o acto de inauguración da variante, os afectados trasladaron as súas impresións a Feijóo, facendo especial fincapé na súa preocupación pola saúde, xa que é capital facer os estudos pertinentes para averiguar se as partículas que viaxan polo aire en forma de cheiros son prexudiciais para quen as respire e, tamén, levar un control das augas subterráneas, xa que algunhas fontes deixaron de ser potables dende que o Complexo Ambiental de Miramontes opera na antiga canteira.