• A situación foi denunciada na segunda xornada da comisión de investigación alternativa sobre a situación da sanidade pública galega que tivo lugar esta mañá no Parlamento de Galicia
  • Nesta xornada compareceron o técnico de emerxencias sanitarias do 061, Óscar Graña, a médica de urxencias do CHUS, Fátima Nercellas, e a enfermeira no CHUS, Elisabeth Dosil, quen coincidiron en sinalar o total abandono e inhibición por parte da de Galicia ante a grave situación do sistema sanitario público

A sala de no Parlamento de Galicia acolleu a segunda xornada da comisión de investigación alternativa sobre a situación da sanidade pública do noso país na que compareceron o técnico de emerxencias sanitarias do 061, Óscar Graña, a médica de urxencias do CHUS, Fátima Nercellas, e a enfermeira no CHUS, Elisabeth Dosil. Os tres comparecentes coincidiron en sinalar a grave situación que se está a vivir no sistema sanitario público do noso país cun total abandono e inhibición por parte da Xunta de Galicia.

O primeiro en falar foi Óscar Graña, técnico de emerxencias sanitarias do 061, quen asegurou que o emprego e a organización das ambulancias no noso país estase a pensar e planificar unicamente en base a criterios económicos e non pensando no benestar das persoas. Asegurou así mesmo que o número de ambulancias é manifestamente insuficiente o que provoca como situacións habituais que unha persoa teña que esperar máis de 4 horas nun hospital tras ser dado de alta ocupando unha cama que non pode ser empregada por alguén pendente de ingreso, ou que as persoas que teñan que trasladarse para tratamentos hospitalarios teñan que soportar viaxes de máis dunha hora e media por traxecto.

Así mesmo asegurou que se está a vulnerar a propia lexislación trasladando nas ambulancias máis persoas das permitidas, ou persoas dependentes sen acompañante o que provoca que no caso de que lle aconteza algo o condutor non pode facer abolsutamente nada para impedilo. Así mesmo non se están a garantir as condicións hixiénico-sanitarias ao non coñecer nin tan sequera que tipo de posibles enfermidades contaxiosas poden presentar os trasladados que en moitos casos están a compartir ambulancia con outros doentes aos que poden igualmente contaxiar.

O ratio de ambulancia por habitante é tamén totalmente insuficiente e moi por debaixo do recomendable polo Ministerio e os tempos de espera ante unha chamada ao 061 superan en moitas ocasións os 25 minutos, que é o tempo máximo en casos por exemplo de ictus, infarto ou accidentes graves.  A contratación por parte das empresas concesionarias de persoal sen a preparación requirida foi outra das cuestións denunciadas por Óscar Graña. Problemas para se comunicar entre técnicos que teñen que empregar os seus propios teléfonos móbiles, problemas para localizar o lugar das emerxencias para o que se teñen que valer das indicacións dadas pola persoa que chamou ao 061, ou o feito de que todo o rexistro das emerxencias atendidas se faga con papel de calco e onde prima a facturación a terceiros que a calidade asistencial, foron outras das cuestións salientadas esta mañá por este técnico de emerxencias sanitarias do 061.

“A poboación galega segue a depender da sorte da hora do día no que se produza o accidente. Non dispomos de ningún sistema para desdobrar as ambulancias en caso de catástrofe. O único que hai no momento é tratar de localizar ao persoal que queiran de xeito voluntario colaborar. Non se dispón de sistema que permita alertar ao persoal que acudiron alertados polas redes sociais, sistemas de comunicación tiveron que usar os propios teléfonos, non dispoñemos de información de como montar un hospital de campaña, non hai uniforme para identificalos” alertou Óscar Graña.

A todo isto súmase a situación de precariedade absoluta que teñen que soportar estes profesionais cun convenio colectivo conxelado desde hai máis de 3 anos, contratos en practicas con salarios de 800 euros mensuais.

A médico de urxencias do CHUS, Fátima Nercellas, informou pola súa parte do traslado á Fiscalía de dous casos de falecemento nos corredores do CHUS acontecidos o pasado día 2 de xaneiro despois de ter avisado en diversas ocasións á xerencia e ao propio Conselleiro da gravidade da situación en urxencias, con 29 persoas graves sen atender nos corredores. “Ese día houbo catro paradas nos corredores de urxencias, dúas saíron adiante e dúas persoas faleceron” informou.

“Estamos nunha situación dramática. A día de hoxe estamos entrando na epidemia da gripe esta semana supostamente activase o plan de continxencia que é acumular aos doentes entre cortinas en urxencias. Non poden saír de urxencias ata saber que tipo de gripe é e polo tanto tampouco poden subilos a planta xa que deberían estar en habitacións separadas pero si poden estar en urxencias cos seus acompañantes” declarou Fátima Nercellas.

A última en intervir nesta segunda xornada foi Elisabeth Dosil, enfermeira no CHUS, quen denunciou o total abandono da sanidade pública e asegurou que a “falla de estabilidade nos profesionais leva aparellado falla de confianza dos doentes ante o cambio continuo do médico e fai imposible unha relación de confianza entre ambos”.
Así mesmo, as listas de agarda fan que teñan que acudir a urxencias incluso derivados polos seus propios médicos como explicou a enfermeira do CHUS.

A sobrecarga de traballo á que se enfrontan a diario nos servizos de urxencias do noso país está a provocar un elevadísimo porcentaxe de baixas por problemas de saúde, aumentando tamén o risco de comenter erros e dificultando enormemente a relación entre os propios traballadores. “O nivel de estrés e tensión que se vive a diario faite pensar que vas a guerra diariamente en vez de ir ao teu posto de traballo” asegurou.

O material foi outra das denuncias nas que coincidiu asegurando que está totalmente obsoleto e que teñen que buscar equipos que funcionen por todo o hospital. “Non podemos ir a traballar a sala de críticos co medo de que falle o material de asistencia vital e falla” afirmou. “Non queremos alarmar a ninguén pero non queremos ser cómplices da destrución da sanidade pública” concluíu.

VINDEIRAS SESIONS DA COMISION ALTERNATIVA DE INVESTIGACION DA SANIDADE 

A vindeira semana terán lugar dúas novas xornadas da comisión alternativa de investigación da situación da sanidade pública do noso país. A primeira delas será o martes ás 16.30horas coa comparecencia de Marian Rodríguez Blanco, pediatra do Hospital da Barbanza, e Encina Galego, pediatra de Atención Pediátrica.

A seguinte sesión será o xoves tamén as 16.30 horas coa comparecencia de Miguel Vieito Villar, xurista e investigador en dereito da saúde (exclusión sanitaria), e Rosa Cerqueiro Landín, Psicóloga Clínica do Sergas.