WEDNESDAY 16 JANUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Xosé Lois Jácome

Jácome leva a defensa do xeito á Deputación de Pontevedra

Foi unha proposta da Comisión Europea lanzada no 2014 a que fixo tremer a un sector enteiro; o do xeito, algo que creou moita preocupación en Galiza porque supuña a prohibición da arte tradicional. “É en xaneiro deste ano cando nos enteramos que a Comisión Europea non recoñece esta especificade, e coa prohibición de utilizar para os pequenos peláxicos unha dimensión da rede inferior a 50mm, o xeito quedaría prohibido” alerta o deputado da Coalición Son.

Jácome asegura que o comisario de pesca, a unha pregunta contestada á eurodeputada Lídia Senra eludiu responder á cuestión, “xa que en lugar de atallar o tema da dimensión da malla en si que é o que interesa, limitouse a falar da  lonxitude”. Dende Coalición Son lembran que o sector do xeito xa se mobilizou no 2015 e foi grazas a isto que a Comisión Europea finalmente renunciou ao veto.

Dende o grupo provincial engaden que estas redes soen usarse en barcos “de un ou dous tripulantes” sendo unha “arte da cal dependen en Galiza arredor dun milleiro de familias” onde “a protección do xeito é fundamental xa que moitas vilas mariñeiras e pobos costeiros dependen economicamente desta arte tradicional”.

Jácome apunta que “é de xustiza social que a Deputación de Pontevedra vote a favor dos acordos da moción” por ser o xeito “unha das nosas expresións tradicionais que parte da nosa cultura e identidade como pobo galego”.

A Xunta nega investimentos a infraestruturas dirixidas a persoas con diversidade funcional

Xosé Lois Jácome

A parcela, ten como obxectivo a construción dun centro de atención integral para persoas con parálise cerebral.

Que un Concello, ceda solo municipal, para unha asociación de estas características, entra dentro non só do normal, senón dentro do desexable.

O financiamento para a construción de este centro, correrá ao cargo da Fundación Amancio Ortega. Non é intención (nesta ocasión) de falar da idoneidade ou non deste tipo de doazóns, e dos auténticos obxectivos que se buscan cos titulares de prensa, que ben seguro, chegarán cando sexa a inauguración, senón antes, trátase de poñer o foco onde, na miña opinión como traballadora do sector por máis de 16 anos e tamén como delegada de persoal, debe estar. Nomeadamente, na Consellería de Política Social da Xunta de Galiza.

A Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, non deixa lugar a dúbidas, as administracións públicas desenvolverán as actuacións necesarias para a coordinación da atención de carácter social e sanitario, de forma efectiva e eficiente, (…) e promoverán as medidas necesarias para favorecer o acceso das persoas con diversidade funcional aos servizos e prestacións en condicións de igualdade co resto da cidadanía. A competencia de esta Lei, está transferida ao noso país, e evidentemente a responsabilidade é da Consellería. Mais nunha táctica, xa coñecida por todas nós, Rey Varela, tomando exemplo das mesmas técnicas que se dan na sanidade, ou na educación, nega calquera tipo de investimento en infraestruturas e deita esa responsabilidade nas asociacións, que vense obrigadas a buscar “mecenas” ou afundir a súa economía, xa bastante precaria, con créditos que poñen en perigo o seu futuro, o futuro dos e das usuarias e por suposto, a estabilidade laboral das traballadoras.  Non esta de máis lembrar, que a maior parte de estas asociacións de nais e pais, naceron durante o franquismo, ante a absoluta ineficacia da ditadura en materia de atención ás persoas con diversidade funcional, e que moitas delas funcionan a través de asembleas que escollen directamente as súas xuntas directivas. O funcionamento de moitas é francamente mellorable, mais, que organización asemblearia non ten marxe de mellora? que organización asemblearia non ten problemas de participación no día a día? Moitas nais e pais ante a situación na que vivían as súas fillas/os, xuntáronse, fixeron recadacións e con moitos sacrificios, conseguiron iniciar un camiño, que nalgúns casos dura xa máis de 50 anos, sacaron a duras penas ás persoas con diversidade funcional das súas casas e conseguiron moitísimos obxectivos, tanto na mellora da calidade de vida de esas persoas como das súas familias, alén, dun traballo de visibilización e normalización digno de resaltar. Agora mesmo, estas asociacións funcionan baixo a modalidade de contrato coa Consellería de Benestar, é dicir, reciben ingresos por cada praza, facendo un traballo, que realmente debería estar levando a cabo a Xunta de Galiza.

A situación actual, é dunha falta de prazas residenciais na nosa cidade, xa endémica, que trae como consecuencia que moitas familias, polo proceso de avellentamento, tanto da persoa con diversidade funcional, como das propias persoas que exercen a tarefa de coidados no fogar, cando chega o momento inevitable, no que xa non poden exercer esa función con garantías, vense obrigadas á busca dunha praza residencial. E a situación actual é que a Xunta, ofrece prazas en Lugo, ou en Ourense (se hai moita sorte) co proceso de desarraigo que iso supón nas familias.

Non pasa só co caso de Amencer na nosa cidade, dou por feito que pasa en todo o país.

É que sucede cando non aparece un “mecenas”? pois que con sorte cedese unha infraestrutura, que xa non sexa de interese para a administración e cargase na asociación que toque a súa reforma. Así sucedeu coa asociación Aspanaex, que ante a urxente necesidade dunha residencia, a administración, cedeulle o edificio do centro de saúde de Coia. Mátanse así, no caso polo menos de Vigo, dous paxaros dun tiro, por un lado quédase ben sen gastar cartos, e polo outro, dificúltase a reversión de equipamentos á sanidade pública que presta atención a todas e todos, no caso que (de momento parece improbable), un futuro goberno rache coa tendencia neoliberal e de liquidación do Estado de protección e benestar. Iso si, da reforma do edificio, por unha contía millonaria, tense que responsabilizar a propia asociación.

É imprescindible, neste punto, dicir que unhas instalacións adecuadas son moi importantes para unha atención adecuada a persoas con dificultades varias. Mais tamén é imprescindible  dicir que a atención de calidade non as dan as instalacións. Os coidados dignos e de calidade os dan as persoas traballadoras, que por norma xeral no sector da diversidade, e en calquera sector relacionado cos coidados, malviven con salarios de miseria, cos que é imposible establecer un proxecto de vida independente, con horarios excesivos e cargas de traballo que son responsabilidade directa da administración e que son excesivas debido á proporción traballadora-usuaria. Estas proporcións, non están pensadas para unha boa atención, senón para unha atención meramente asistencial e que aforre cartos de xestión, cartos que posteriormente son usados en cousas máis importantes que as persoas, ben sexa rescate de bancos ou autoestradas ou publicidade institucional que lave a imaxe do goberno de quenda.

Non hai “mecenas” para gastos continuados de persoal. Esas doazóns só darían un titular, moitos gastos periódicos e ningún retorno de lavado de imaxe de eses “mecenas” que ao mesmo tempo que financian a construción dunha residencia, deixan que as súas traballadoras en Bangladesh morran queimadas vivas nos seus talleres por 28 euros ao mes.

Non existe solución ao traballo dos coidados que non pase por unha intervención decidida do Estado. Os coidados, ben sexan médicos, á terceira idade ou á diversidade, teñen que ser públicos ao 100%, sen matices e sen atallos de colaboración público-privada que sempre acaban coas mesmas vítimas, traballadoras e usuarias. É urxente, tal e como reclaman os sindicatos de clase, o tránsito de toda atención ás persoas ao sector publico. É urxente que dunha forma contundente as organizacións de esquerdas reclamen unha intervención decidida do Estado na economía e un cambio no sistema económico, deixando de lado a falacia da economía especulativa, por irreal, e o centralismo da economía dos coidados. Precisamos xa unha economía feminista.

Coalición SON denuncia que a Xunta repartiu 4 millóns de euros a concellos con fórmulas inxustas

Ditas axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, adxudicáronse en estrito orde de rexistro ata esgotar o crédito dispoñible. Para sorpresa de todas, segundo coñeciamos o dia 13 de xullo a través do DOG na resolución do 6 de xullo, as axudas -cuxo prazo abríase o sábado 5 de maio ás 00:00 horas-, remataron 12 minutos despois de saír a convocatoria para a presentación de solicitudes.

É evidente que este sistema de adxudicacións é, canto menos, inxusto,  ademais o contexto deste reparto de subvencións dá a pensar, segundo Xosé Lois Jácome, que a lo menos algúns dos concellos que accederon ás axudas eran concellos previamente avisados, xa que as solicitudes tiñan que ir acompañadas de diversa documentación: “haberá que ver se é casualidade a cor política dos municipios que acadaron estas subvencións”.

Aínda así, o deputado provincial advirte que “independentemente da cor política destes concellos é evidente que este sistema non favorece a igualdade entra a cidadanía da provincia de Pontevedra e de todo o país”, pois “as subvencións non poden ser un reparto que se fai nunha carreira de atletismo, onde o concello que chega primeiro gaña a subvención, máis alá de cal sexa a necesidade real do proxecto, se para máis escándalo, resultase confirmado que todos, ou unha gran maioría dos concellos están gobernados polo PP, quedaría confirmado que isto non son máis que subvencións para unha precampaña electoral, usando os cartos de todas para lucimento de concellos do mesmo partido que Feijóo, máis preocupado por recuperar as deputacións onde hoxe non goberna e volvelas a converter nun niño de nepotismo dende o que facer oposición aos gobernos municipais que non lle son afíns”, apuntaba Xosé Lois Jácome esta mañá.

Jácome, únese así ás criticas do deputado de En Marea Antón Sánchez, que vén de rexistrar unha PNL no Parlamento de Galicia na que insta á Xunta a abrir de novo a convocatoria de subvencións destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia en réxime de concorrencia competitiva, fixando unha baremación nas bases reguladoras da Orde.

Coalición Son recorda que as irregularidades continúan á orde do día, “as prácticas do señor Louzán son ben coñecidas na provincia de Pontevedra; que non veñan agora da Xunta con procedementos similares que lles dá prioridade a uns concellos en detrimento dos outros; como se houbese cidadanía de primeira e de segunda”.

A Coalición Son denunciará no pleno o deterioro do servizo de Correos na provincia de Pontevedra

Dende a Coalición Son denunciarase no vindeiro pleno a delicada e situación límite que está a sufrir o servizo de CORREOS; pois no exercicio orzamentario do 2017, viu recortado o seu financiamento pola prestación do SPU (Servizo Postal Universal) nun 66%, o que supón algo máis de 120 millóns de euros.

Xosé Lois Jácome

Mais isto non remata aquí, senón que trala aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, vólvese recortar dito financiamento, e, ademais, o Estado xa lle endebeda á empresa postal pública máis de 250 millóns de euros.

O persoal de Correos vén avisando desta traxedia anunciada dende hai tempo, e advirten que os sectores máis afectado, como soe ser neste caso son os núcleos rurais, respecto a isto Jácome alertaba que “o recorte en servizos prestados á cidadanía, especialmente en zonas rurais da provincia de Pontevedra, implica a desaparición ou o recorte do reparto domiciliario de correspondencia, peche de oficinas en zonas rurais ou de escasa poboación, redución de horarios ou a supresión de postos de traballo de ámbito rural”.

Na nosa provincia, o deputado afirma que “o axuste poderá implicar 335 postos de traballo suprimidos e poboacións sen reparto regular de luns a venres, afectando a practicamente toda a veciñanza pola perda ou debilitamento do servizo postal”.

Dende a Coalición Son percibimos un claro desmantelamento do servizo público de Correos; pois senón non se entende como é posible que empresas como Seur ou DHL estean operando con gran éxito sen contar coa mesma infraestrutura da que dispón Correos.

Por iso, dende a Coalición Son amosaremos o noso rexeitamento no Pleno da Deputación de Pontevedra aos recortes no Servizo de Correos, onde tamén propoñemos ao pleno instar ó Goberno a corrixir o recorte que non trae máis que consecuencias claramente negativas para a veciñanza, Correos e o persoal da empresa, así como a desbloquear o Convenio Colectivo e o Acordo Funcionarial. Así mesmo, instarase ó Ministerio de Facenda á aprobación do Plan Estratéxico que permita a súa adaptación empresarial ás necesidades e á demanda da cidadanía.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies