SUNDAY 24 MARCH 2019

Archivos por Etiqueta: Touro

Manifestación das Marchas da Dignidade o sábado en Touro contra a depredación empresarial da Galiza

Galiza está ferida por culpa dun sistema depredador que leva por diante todo o que atopa para encher os petos dos de sempre. Un sistema cruel ao que non lle importa facer dano se con iso consigue satisfacer a cobiza dos que máis teñen. Un sistema que conta coa submisión do poder político, cómplice necesario en toda esta desfeita. Os atentados ao noso país son constantes e veñen xa de lonxe, de moi lonxe, xa desde antes do desecamento da Lagoa de Antela ou da instalación da Celulosa na Ría de Pontevedra. As coiteladas á nosa terra foron, e son, unha constante, e aquí estamos para dicir basta.

Trouxeron unha minería destrutiva que contaminou terra, ríos e rías, e agora pretenden volver traer máis minas para acabar de destruír o que quede. As mesmas empresas que esnaquizan rexións enteiras de Canadá e EEUU coa extracción das Areas Bituminosas e co fracking, queren vir a Galicia a extraer todo o que queiran sen que a Xunta de Galicia teña intención de impedilo e co goberno central ollando para outro lado. Ben o saben aquí en Touro.

Construíron unha celulosa e unha fábrica de cloro na Ría de Pontevedra provocando grandes emisións de nitróxeno e óxido sulfúrico á atmosfera, e de fósforo, cobre, mercurio e zinc á ría e converténdose nunha das industrias máis contaminantes de Galicia, e como iso non abondou, encheron os montes de eucaliptos para satisfacer as súas demandas coa complicidade da Xunta de Galicia e a indiferenza do goberno central. E iso vai ser así moitos anos máis tras a prórroga da súa concesión. E nós dicimos que xa abonda.

Fixeron unha política forestal nefasta para o país que incide no abandono do rural e provoca terribles lumes forestais ano tras ano, moitos deles en parques naturais de gran valor como o Xurés, Invernadeiro ou o Caurel, por non falar dos recentes incendios en Mondariz ou os do ano pasado, que deixaron catro persoas mortas e innumerables danos materiais e ambientais. E para combater o lume, temos bombeiros forestais precarizados que tamén levan anos loitando polos seus dereitos mentres Feijoó fai fotos apagando lumes cunha mangueira. Lumes nunca máis!

Encheron de centrais eléctricas os nosos ríos, esnaquizaron cascadas e prexudicaron a salmóns, troitas e outros animais, puxeron centrais térmicas que encheron a nosa terra de choiva ácida e cóbrannos a electricidade a prezo de ouro, coma se os recursos foran seus, coma se o franquista Villar Mir fora o dono dos nosos ríos. E a pesar de todo isto nin sequera foron quen de dar unha solución á enerxía no peche de Alcoa. Estáfannos e dicimos que chove, pero xa chegou, non podemos permitilo, temos que paralos.

Queremos renovables, queremos enerxía limpa para parar o cambio climático, pero a instalación de muíños e outras instalacións deben contar coa comunidade, coa veciñanza, non poden instalarse en calquera sitio só con criterios das empresas eléctricas.

Todo isto é froito das políticas ao servizo do poder económico e de costas á xente, a nós. E se non nos mobilizamos firme e permanentemente, non imos poder darlle a volta a esta desfeita. Aquí, na loita desde abaixo, unitaria, constante e diversa, poderemos paralos. Por iso estamos aquí, para iso son as Marchas da Dignidade, para sumar forzas contra un inimigo que cada vez ten máis poder porque nós estámolo permitindo. Temos que loitar contra o inimigo común que nos está asoballando, que está desfacendo a nosa terra, os nosos dereitos e as nosas vidas. As Marchas seguiremos loitando para que isto non aconteza e berrando polo pan, traballo, teito e dignidade.

O concello de Touro inicia obras de canalización do Río Portapego sen autorización de Augas de Galicia, denuncia Aldea Viva

O concello de Touro pretende canalizar un tramo do río Portapego, para o que solicitou autorización a Augas de Galicia, e cuxo expediente se atopa actualmente en período de información pública e en prazo de alegacións, que remata o vindeiro 28 de agosto.

Pero o concello de Touro, facendo caso omiso á lei de augas e para sorpresa da veciñanza, comezou este luns día 20 as obras no río Portapego sen a preceptiva autorización de Augas de Galicia e faltando unha semana para rematar o período de alegacións ás obras.

As obras comezaron co tapado do leito augas arriba do tramo a canalizar para o que utilizaron material de escavación; isto provocou o rebordamento das augas polas rúas do núcleo urbano de Fonte Díaz, ao tempo que deixaron sen caudal o leito natural augas embaixo.

A asociación Aldea Viva vén de poñer os feitos en coñecemento de Augas de Galicia instando a que actúe ao respecto e se repoña o caudal ao río.

Fai unha semana a asociación Aldea Viva deu a coñecer un informe de Augas de Galicia relativo ao expediente de autorización desta obra ao tempo que fixo público que presentarían alegacións ás obras, por entender consonte ao informe de Augas de Galicia, que os problemas no río Portapego son causados polas actuacións nos terreos da mina.

Este colectivo afirmaba que debe ser o propietario dos terreos mineiros, Explotaciones Gallegas, quen acometa na súa propiedade as actuacións necesarias para evitar a contaminación e os arrastres de materiais que entullan o Portapego; ao tempo que sosteñen que as obras pretendidas polo concello non solucionarán o problema.

Para Aldea Viva é un feito gravísimo que sexa a propia administración, local neste caso, quen incumpra as autorizacións previas, e como tal considera que o alcalde Ignacio Codesido (PP), ou en quen delegara, queda deslexitimado para o desempeño das funcións do seu cargo.

Augas de Galicia tilda de “lamentable” o estado do río Portapego contaminado pola mina de Touro

O alcalde do Concello de Touro, Ignacio Codesido, pretende pagar con cargos públicos unha nova canalización do río Portapego debido os constantes colapsos que sofre a rede de saneamento provocados polo depósito de lodos procedentes da mina de Touro.


A asociación Aldea Viva ven de coñecer un informe de Augas de Galicia, no marco de exposición pública de dita obra, no que os técnicos sinalan o “estado lamentable do cauce natural do regato” como a principal causa dos continuos asolagamentos.

É por isto que o colectivo medioambientalista anuncia que presentará alegacións ás obras que pretende levar a cabo o concello rexido polo alcalde popular Codesido, xa que consideran que as arcas municipais non deben asumir os custos da desfeita medioambiental que levou a cabo a propietaria dos terreos da mina, Explotaciones Gallegas. Ademáis consideran que as actuacións propostas non solucionan o problema xa que os lodos mineiros seguirán atascando a rede.

Recordan que no mes de Xullo xa denunciaron o gasto de máis de 300000 euros por parte de diferentes administracións en intentar tapar o estado do río que pasa pola capital municipal.

O alcalde Ignacio Codesido e a súa relación coa mina de Touro

Os escándalos relacionados cos terreos mineiros propiedades de Explotaciones Gallegas (máxima accionista de Cobre San Rafael) denunciados por Aldea Viva, son numerosos e teñen todos un punto en común; a connivencia do alcalde de Touro.

Segundo narran todo comezou coa urbanización da actual área de servizos de Touro, e que supuxo a desaparición da canle perimetral, que evitaba a saída dos lixiviados da mina cara os ríos, e das balsas de decantación.

O silencio e a permisividade do alcalde permitiron os desastres medioambientais que se veñen sucedendo dende aquela, xa que a pesares do coñecemento da situación non denunciou en ningún momento as supostas ilegalidades senón que foi colaborador necesario das mesmas como demostran feitos como o desta nova.

En Marea Touro convoca unha charla informativa para falar sobre as necesidades de Touro ante o novo plan de transporte

O vindeiro xoves 9 ás oito do serán terá lugar na casa da cultura de Touro unha xuntaza aberta na que se abordará a necesidade dun proxecto de transporte metropolitano que cubra as necesidades da poboación existente ó mesmo tempo que axude a converter Touro nun sitio atractivo para vivir.

Dende a marea critican que o actual rexedor do PP, Ignacio Codesido, non se interesase pola mellora da mobilidade nun momento clave como é o actual, xa que se está a negociar un novo modelo que entrará en vigor o vindeiro ano, o que segundo afirman é unha mostra clara do desgoberno que está a sufrir Touro e unha das principais causas polas que o municipio leva anos estancado.

Entre os ponentes estará Conchi García da plataforma TeoBus para relatar o éxito do proxecto que desenvolveron en Teo nos últimos anos,e tamén o deputado de En Marea e responsable de mobilidade no grupo parlamentar, Antón Sánchez.

Trabas para utilizar os espazos públicos

A agrupación local denuncia as múltiples trabas que pon o rexedor Ignacio Codesido para empregar os locais municipais por outras forzas políticas e colectivos veciñais críticas coa súa xestión. Ao non existir unha regulamentación para o uso dos espazos municipais é o alcalde o que elixe a dedo quen os vai a utilizar, un feito que xa propiciou un escrito por parte da marea de Touro na que se instaba ó goberno local a non utilizar a súa posición de poder para discriminar as veciñas, e que de perseguir nesa actitude actuarían en consecuencia. Demandan con urxencia a elaboración dun regulamento para o uso das intalacións do concello para evitar as evidentes irregularidades que se veñen cometendo dende fai anos.

En Marea Touro considera prioritario un proxecto de transporte público

O concello de Touro sofre graves eivas nos servizos máis básicos, e que en moitos casos son causa de que moita xente decida ir vivir a outros concellos da comarca, afondando aínda máis a crise demográfica que padece.

No vindeiro ano a Xunta vai licitar os contratos do Mapa Concesional do Transporte Metropolitano de Galicia, e Touro ten actualmente un grave problema de mobilidade ó igual que outros moitos concellos do rural galego, mais isto non semella ser unha gran preocupación para o goberno do PP de Ignacio Codesido, que ante a oportunidade e necesidade de presentar unha proposta sólida ao novo plan de transporte metropolitano, decide non facer nada e non ten aínda proxecto ningún que presentar na xuntanza comarcal que terá lugar na consellería; proxectos que si teñen presentado outros concellos da comarca hai meses.

As conexións existentes entre Touro e Santiago son escasas e están mal estruturadas, non son efectivas pola escasa frecuencia nin polos tempos excesivos do traxecto, tampouco permiten a mobilidade interna e non cobren a meirande parte das parroquias, o que obriga á veciñanza a dispoñer de trasporte privado, cada vez menos accesible sobre todo polo avellentamento da poboación.

A Marea de Touro considera prioritario facer efectivo un Proxecto de Mobilidade que preste o servizo de xeito efectivo e dea solución ás necesidades da veciñanza, para ir traballar, para o estudo tanto obrigatorio como postobrigatorio ou para o lecer.

Un Proxecto de Mobilidade precisa de meses de traballo, dedicar recursos, de posta en coñecemento da veciñanza e recollida previa de propostas, etc. Para En Marea é inadmisible  que o goberno de Touro (PP) permaneza de brazos cruzados á espera do que as empresas privadas de transporte ofrezan. As empresas do transporte seguro que velarán polo seu rédito económico, non polo beneficio social e o interese da veciñanza, que é o que tería que estar defendendo o goberno local.

Esta situación é unha demostración máis da inoperancia e incompetencia do goberno popular encabezado por Codesido, que non ten un proxecto de goberno sólido, polo que a veciñanza sofre os problemas derivados dunha administración débil e ausente de ideas que permitan desenvolver as múltiples potencialidades da contorna.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies