SUNDAY 24 MARCH 2019

Archivos por Etiqueta: Sergas

Irregularidades e opacidade na adquisición de fármacos por parte do SERGAS

Segundo desprende o último Informe do Consello de Contas, o gasto farmacéutico da Xunta vai aumentando de maneira paulatina nestes anos (do 30% en 2014 ao 36% en 2016), con opacidade e incumprimento os procedementos establecidos na Lei de Contratos Públicos.

Mostrámonos moi preocupadas ante o incremento do consumo de fármacos neste contexto de irregularidades denunciadas polo propio Consello de Contas“, indican dende Esquerda Unida

O informe do Consello de Contas sobre farmacia hospitalaria resalta que, á hora de adquirir produtos, “a pesar da existencia de protocolos ou instrucións internas, estas non se cumpren”. É por iso que o sistema de información sobre a adquisicións e consumos de fármacos, (coñecido como a Aplicación SINFHOS), “non proporciona información sobre os prezos ofrecidos por diferentes laboratorios, e non conserva o historial de prezos”, o que imposibilita unha posición vantaxosa de cara a optar por fármacos máis accesibles. Ao non cumprirse o protocolo, “isto xera unha falta de homoxeneidade nos datos rexistrados”, en consecuencia, “non é o suficientemente efectivo e non permite a optimización de recursos”, así como o control do gasto.

Ademais, a documentación relativa ás adquisicións e condicións de subministración dos produtos carece de sistematización, o que xunto co sistema de compras directas que supera o 90% das adquisicións na farmacia hospitalaria, impide un cumprimento efectivo dos trámites establecidos na normativa reguladora dos contratos do sector público.

Aínda que o que máis chama a atención, dentro destas malas prácticas de acordos con laboratorios, é que nalgún caso se rexistran pagos por outros servizos, tales como “becas, cesión de equipos o mantemento dunha páxina web” así como unha “práctica estendida por parte dos laboratorios de ofertar bonificacións consistentes nun abono contable en función do volume de adquisicións, sen que isto se recolla de forma axeitada”, algo totalmente incrible e inaceptable.

Tras ter levado esta cuestión ao Parlamento da man de Eva Solla, voceira de Sanidade de En Marea, dende a Xunta de Galicia seguen sen dar as cifras que solicita a deputada, e non se ten nada claro sobre como funcionan os procedementos de adquisicións de fármacos na farmacia do hospital.

En Marea insta á Xunta e sentarse a falar de xeito urxente con sindicatos, colexios e asociacións de profesionais sanitarios para buscar solucións a grave situación de falla de persoal

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, denunciou en rolda de prensa a falla de seriedade do Goberno da Xunta de Galicia que ante o grave problema de falla de persoal sanitario que vive o noso país continúa sen sentarse a buscar solucións urxentes. Trátase dun problema que ven provocado pola nefasta planificación por parte da Xunta e a política de non escoitar as denuncias e demandas dos propios profesionais que levan anos alertando da situación. “A consellería de sanidade e a Xunta non pode botarse agora as mans á cabeza ante a falla de persoal na sanidade pública, levamos anos denunciando esta situación e presentando propostas pero o Goberno galego non tomou ningunha medida” alegou Eva Solla.

No caso da atención primaria destacou que no último ano e medio en todas as comisións de sanidade sempre se tratou algún caso dun centro de saúde con falla de persoal. “Non hai semana que non atendamos algún centro de saúde e as súas denuncias por falla de persoal” asegurou. E pese a isto, ata xuño non se tomou nin unha soa medida e non para incrementar persoal senón para reorganizar o servizo de pediatría.

“En abril ridiculizaba a proposta de En Marea de traer persoal de fora e agora saen nos medios dicindo que se contrataría a calquera pediatra que queira traballar en Galicia. Non temos un goberno serio, non se está a buscar solucións e ven dunha planificación nefasta dos últimos 10-15 anos” lamentou a vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea. Por este motivo, instou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a deixar de lado o período estival para “estar o pé do cañón” xa que “estamos ante un problema moi grave que atinxe á saúde dos nenos e nenas do noso país”.

Desde En Marea defenden que a Xunta non só ten que contratar persoal de fora sanitario de xeito urxente senón que tamén é preciso que modifique o tipo de contratación “para que queden” xa que na actualidade “a precariedade na sanidade é a norma”.

A deputada de En Marea destacou polo tanto que é preciso e urxente tomar medias a corto, medio e longo prazo. Para iso, instou ao Goberno galego a sentarse nunha mesa coas centrais sindicais, colexios e asociacións profesionais de médicos para entre todos buscar medidas urxentes que permitan arranxar a situación.

Pola súa banda, o grupo parlamentario de En Marea rexistrará diversas iniciativas no Parlamento de Galicia orientadas a pedir información ao Goberno pero tamén para que se tomen medidas para traer profesionais de fora de Galicia, do Estado e incluso doutros países da Unión Europea.

O BNG pide convocar todas as prazas vacantes no SERGAS e reforzar urxentemente o persoal dos PACs

A portavoz de sanidade de BNG, Montse Prado trasladou as condolencias á familia e amigos do home falecido o pasado sábado no PAC do concello da Estrada cando o único facultativo  atendía outra urxencia fora do centro. A nacionalista pide que o conselleiro Almuíña compareza no Parlamento e asuma “a gravidade deste feito, produto dos recortes do Partido popular na sanidade pública galega”.

Acompañada  de membros do colectivo de profesionais dos  PACs  da Guarda, Tui e Vigo,a parlamentaria afirmou que esta morte  “no é froito dunha casualidade, é o resultado dos recortes sanitarios do PP durante todos estes anos”. Nestes sentido instou ao titular da consellería, Jesús Vázquez Almuiña e os responsables do SERGAS a explicar no Parlamento o acontecido e asumir responsabilidades porque dende  hai meses, explicou, o persoal dos puntos de atención continuada trasladaron á administración a situación de precariedade pero o  “PP fai caso omiso das propostas e reivindicacións dos profesionais que mellor coñecen  esta realidade ”.

Para a nacionalista, o Partido popular debe convencerse que non é posible facer máis con menos e a Xunta debe abordar, sen dilación, que existe un déficit de profesionais e recursos que repercuten moi negativamente nas persoas usuarias dos PACs. Os Centros de saúde  pechados polas tardes en período estival provocan  unha sobrecarga de traballo nos puntos de atención continuada. Un traballo, manifestou a deputada, realizado “grazas ao grande voluntarismo do persoal”

Os profesionais non son substituídos, non se cobren as prazas, non se realizaron reforzos e a Xunta segue afirmando que existe un déficit de profesionais, circunstancia que a nacionalista negou porque na sanidade privada, recalcou, “este déficit non  existe” e a maior parte dos profesionais proveñen da sanidade pública pero a privada oferta mellores condicións laborais.

Prado asegurou que hai solucións pero urxe coñecer o número de prazas reais dos profesionais do SERGAS para analizar as necesidades e dispositivos a cubrir. Nesta liña, “despois de saber cales son as prioridades é preciso convocar todas as prazas vacantes no SERGAS con  emprego de calidade e estable que remate coa actual precarización”. Por outro lado, engadiu,  hai que  aumentar as prazas de formación nas universidades, as prazas MIR e restituír todos os dereitos e recursos recortados polo Partido popular nestes anos.

O Partido popular debe amosar “vontade política” e mudar o rumbo e folla de ruta para non reincidir no deterioro sanitario. Prado e anunciou que o BNG seguirá “defendendo unha sanidade pública galega e sempre de  calidade”.

Incremento dos efectivos

Pola súa parte, Carlos Gabián , profesional sanitario no PAC de Tui explicou que os puntos de atención continuada foron creados para  atender as urxencias pero non para o resto de casos que deben ser atendidos nos Centros de Saúde, sen embargo o peche de centros de Saúde pola tarde en período estival  provoca a saturación nos PACs. Gabián pediu á administración que se sente cos profesionais e escoite as súas demandas para mellorar a asistencia sanitaria. Sentímonos  maltratados e pedimos a administración que reflexione porque as quendas de traballo nos PACs cada vez son maiores, non están dotados de persoal suficiente, temos problemas de conciliación e desgraciadamente, o acontecido  no PAC da Estrada pode repetirse.

Val Miñor, Ponteareas, Cambados, A Guarda son centros que precisan reforzo ao igual  que outros PACs de áreas con grande afluencia de  turismo e celebración de festas no período do verán.

Eva Solla: “A sanidade pública non pode ser un nicho de negocio da privada, e temos exemplos sangrantes”

A deputada de En Marea, Eva Solla, pregunta á Xunta de Galicia sobre “que medidas levará a cabo respecto ao incumprimento das Leis en Materia de Incompatibilidades no SERGAS e os conflitos de intereses que conlevan, que van contra a sanidade pública“.

A Sanidade Pública esixe un compromiso serio e non pode ser nicho de negocios da privada. Temos que coidar ao persoal público, devolver a carreira profesional, mellorar a formación e favorecer a promoción profesional e a investigación“, sinalou a deputada.

Ao noso entender, -indicou Solla- estase a dar un proceso peligroso, xa que moitos colectivos queren percibir un complemento económico e, para iso, están a incumplir a lei de Saúde de Galicia, entre outras”.

Eva Solla fai fincapé na necesidade “dun compromiso serio coa sanidade, que non pode ser un nicho de negocio da privada, do que temos exemplos sangrantes”.

Esto é unha desvergoña e a Xunta de Galicia debería pronunciarse“, sentenciou a deputada.

A Xunta adxudica o servizo de ambulancias e polo tanto ten que mediar no conflito para resolvelo

A portavoz parlamentaria de Sanidade do BNG, Montse Prado, reclamou á Xunta que interveña no conflito de transporte de ambulancias, tendo en conta que é a responsable da adxudicación deste servizo sanitario, para buscar unha solución e evitar que se agraven as repercusións tanto nos propios traballadores e traballadoras como na poboación usuaria.

Salienta que o transporte sanitario terrestre é unha prestación esencial, pero o Sergas adxudicou o servizo a empresas que presentaron ofertas á baixa, -mesmo con sospeitas de trato de favor-, o que terminou por repercutir nun deterioro das condicións laborais, nunha perda de emprego e no deterioro da calidade asistencial.

As empresas adxudicatarias alegan agora que o contrato non é rendible e pretenden reducir custes a costa do persoal, que xa denuncia o deterioro tanto das súas condicións laborais como na prestación do servizo. Por exemplo, non se compren as condicións hixiénico-sanitarias dos vehículos, non contan co número de ambulancias estipuladas nos concursos e recórtanse os cadros de persoal mentres se incrementan a carga de traballo.

“Denuncian que a situación do sector de ambulancias é de abandono absoluto, cunha patronal só preocupada polo seu rendemento económico e o desprezo da Xunta cara un servizo básico”, denuncia Prado. Ante o bloqueo da negociación por parte da patronal, a CIG ten convocado folga no sector os días 9 e 10 de maio, 6 e 7 de xuño e 4 e 5 de xullo.

“Mobilización secundada de xeito masivo e que converterán en indefinida a partir de setembro se nin a patronal, nin a Xunta de Galiza atenden as súas demandas”, indicou a deputada.

Neste contexto, o Bloque reclaman que o Sergas tome medidas coas empresas que incumpren as condicións mínimas deste servizo público, que convoque un novo concurso que garanta as condicións laborais e a calidade na prestación do servizo, a retirada de todos os elementos de presión e de precarización das condicións de traballo e a sinatura dun novo convenio colectivo.

“Non poden manter o discurso de que é un conflito laboral cando a Xunta é responsábel principal na situación do sector e aceptou ofertas por debaixo de convenio, e agora administración e empresas pretendan que os traballadores e as traballadoras paguen esas rebaixas temerarias”, alegou Prado.

A proposta que o BNG defendeu no Parlamento, e que foi vetada polo PP, instaba ao Goberno a mediar entre as empresas adxudicatarias do servizo público de transporte sanitario terrestre e o persoal, garantir os dereitos laborais e exercer a labor de vixilancia e control sobre a prestación do servizo por parte das empresas, para garantir as condicións establecidas nos pregos.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies