SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Santiago

Antón Sánchez e Xosé Manuel Beiras visitarán a Oriol Junqueras e Raúl Romeva

O encontro terá lugar o vindeiro 10 de decembro na prisión de Lledoners onde os dous dirixentes políticos permanecen en prisión preventiva á espera de xuízo. Un procedemento cuestionado por diferentes entidades defensoras dos dereitos humanos, nun tempo no que vimos como tribunais de Estados da Unión Europea se negaron a executar euro-ordes e a aplicar medidas cautelares polos mesmos actos que xustifican no Estado español medidas de excepción como a prisión preventiva.

Este encontro pretende mostrar a nosa solidariedade esixindo que dirixentes políticos de formacións legais poidan realizar o traballo político nas rúas e nas prazas, e tamén nas institucións nas que foron electos, como é o caso do dirixente de ERC Oriol Junqueras. Entendemos que o feito de que sigan en prisión preventiva é unha mostra máis da deriva autoritaria que atravesa aos poderes do Estado español diante das demandas democráticas postas enriba da mesa por boa parte da sociedade catalá.

Dende Anova Irmandade Nacionalista defendemos que en democracia todos os proxectos políticos poden ser non só defendidos, se non levados á práctica se acadan as maiorías sociais suficientes para facelo. O Estado español debera recoñecer antes ou despois o que fixeron xa Canadá ou Reino Unido: o de entender que os conflitos políticos no século XXI teñen que dirimirse abrindo as urnas, e non poñendo freos á democracia. Imaxes como a das cargas policiais nos colexios electorais nese histórico 1-O forman parte da historia máis negra do Réxime do 78 e son impropias de calquera democracia.

Nese sentido vemos con preocupación determinadas afirmacións dos voceiros da dereita española que non descartan a opción de ilegalizar partidos políticos independentistas. Este tipo de afirmacións evidencian unha concepción cativa da democracia, que non acepta a existencia dun marco de respecto dos nosos dereitos sociais e nacionais e que mesmo pon en perigo dereitos e liberdades civís consagrados no propio ordenamento xurídico vixente.

Entendemos que a mudanza de goberno no Estado español debe abrir un tempo novo no que se atendan as demandas sociais das clases subalternas, ao tempo que se amplía e se mellora a democracia. Debemos empurrar nesa dirección para blindar as conquistas sociais e conseguir un marco de benestar para as maiorías sociais, no que se consiga un marco novo que respecte o dereito a decidir dos pobos.

Anova aposta por relanzar En Marea como ferramenta da Unidade Popular para a ruptura co Réxime do 78

Hoxe o principal organismo entre asembleas de Anova Irmandade Nacionalista expresou a súa preocupación polo momento que vive nestes momentos En Marea. Unha deriva burocrática, iniciada pola actual Coordinadora, dilúe a súa orientación política rupturista e lamina a pluralidade interna do espazo, convertendo na práctica a En Marea nunha opción de parte e non no punto de encontro da Unidade Popular en Galicia.

Vemos con especial preocupación que o debate do Plenario 27 de outubro teña o seu centro en cuestións internas, nun debate no que cuestións procedimentais e internas ocuparán a maior parte do tempo do debate en detrimento do necesario debate de ideas. Nese sentido o documento político que se presenta non defende ningunha orientación política e estratéxica clara, o que na práctica supón un cheque en branco para a dirección que salga electa neste proceso poida tomar calquera decisión nun momento decisivo no que hai que revalidar os gobernos municipais e ampliar a rede de mareas municipalistas.

Non compartimos os prazos dados para inscribirse no censo de En Marea. Se o comparamos cos prazos de procesos anteriores, recortan en case un mes o tempo para darse de alta no censo. Promoveremos, con outros axentes de En Marea, emendas que permitan ampliar estes prazos e que ninguén que o desexe quede sen poder participar. Tamén resulta sorprendente que o Consello de Mareas esixa que un organismo superior como o Plenario teña que ter unha maioría de 2/3 para introducir emendas ao Regulamento que establece o seu funcionamento.

Entendemos que tanto o Plenario como o proceso de renovación do Consello das Mareas debe supoñer un punto e aparte nesta forma de proceder. Debemos recuperar as posicións de ruptura e armar un espazo realmente respectuoso coa pluralidade como garantía máxima para blindar as mareas municipalistas e dar a batalla contra o Partido Popular.

Nese sentido facemos un chamamento ao conxunto do espazo de Unidade Popular – e moi especialmente ás mulleres e homes implicados no día a día da construción das mareas – para que podiamos conseguir estes obxectivos. Todas e todos somos necesarios para relanzar En Marea como ferramenta de ruptura co Réxime do 78.

Xoán Bascuas, candidato as primarias por Compromiso por Galicia Santiago

Hoxe tivo lugar o remate do proceso de primarias da Agrupación local santiaguesa de Compromiso por Galicia.

Ao haber un único candidato, o procedemento resolveuse pola vía interna. O candidato único foi Xoán Bascuas, que contou co apoio do 59,46 por cento dos avais.

Unha vez chegado o momento da votación, os homes e mulleres da Agrupación local de Compromiso deron o seu apoio nun 94,44 por cento, namentres que o 5,55 restante optou polo voto en branco.

O xa candidato local de Compromiso agradeceu o apoio recibido e mostrou a sùa disposición para facer un traballo positivo e construtivo para a cidadanía de Santiago.

Compromiso reclama a execución da vía verde de Santiago a Cerceda

Compromiso reclama a execución da vía verde polos camiños de ferro do tren en desuso para crear unha ruta cicloturista e de senderismo. Serían case 40 quilómetros, que enlazarían Santiago, Ordes, Tordoia e Cerceda, apostando pola bicicleta como medio de transporte e de ocio. A iniciativa xa está recollida no acordo asinado entre Concello e as distintas administracións no ano 2017 e que se atopa sin ningún avance.

A formación galeguista tamén propón a creación dun carril bici que faga un percorrido circular unindo os parques da cidade e fan unha aposta decidida por ampliar os 8 quilómetros de carril bici que existen na actualidade, virando cara un modelo de mobilidade máis sostible mellorando a saúde da veciñanza e reducindo a contaminación.

A proposta galeguista coincide coa celebración da Semana da Mobilidade no Concello de Santiago.

Santiago | Compromiso reclama que se actúe nas Hortas da zona vella

Compromiso reclama unha actuación de adecentamento e recuperación das hortas que se atopan entre  a Rúa das Hortas e a Rúa San Clemente que se están invadidas pola maleza.

“Non se pode ter un espazo a 200 metros da Praza do Obradoiro cheo de maleza e que dificulta o paso e que dende os xardíns da Rúa da Trinidade se aprecia o estado de abandono” sostén a formación galeguista. Engaden tamén que “non se pode consentir o abandono deste espazo emblemático da cidade”.

Dende Compromiso apostan por poñer en valor unha zona verde que na actualidade está totalmente descuidada e esquecida. Aínda que na súa contorna si se fixeron distintas actuacións, este espazo ficou no olvido, só usado como atallo de paso pola veciñanza da zona.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies