SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Sanidade

En Marea insta á Xunta a aportar persoal e medios que palíen as graves carencias dos servizos de urxencias

En Marea reclama solucións urxentes ás graves carencias que atravesan as os servizos de urxencias dos hospitais galegos, e ante as que, a pesar das mobilizacións e folgas impulsadas polo persoal sanitario, a Consellería fai ouvidos xordos. Así o reclamou no pleno do Parlamento a vicepresidenta da Cámara e deputada Eva Solla, que presentou unha moción na que se instaba a poñer solución ao déficit de medios humanos e materias que están a sufrir os nomeados servizos no conxunto dos centros hospitalarios galegos.

Eva Solla denunciou a insensibilidade e a total ausencia de voltade de diálogo da Consellería de Sanidade. Un departamento que “fai augas”, e que en lugar de aportar solucións se empeña en negar o evidente e gravísimo deterioro da asistencia sanitaria.

“Falamos de carencias que son transversais ao conxunto do sistema sanitario e que xeran sufrimento ao persoal, que non pode conciliar, que se vé obrigado a facer gardas e horas extra sen alternativa e sentíndose desprezados, porque non hai ninguén na Consellería que escoite as súas demandas”, denuncia a deputada.

A representante de En Marea lembrou o mes de folga que xa leva o servizo de urxencias do CHUS, así como os dous meses  que pasaron desde que os PACs comezaron tamén a súa folga reclamando profesionais suficientes para dar unha mellor atención. Unha situación límite que, tal e como destaca Eva Solla, representa “o termómetro da grave situación que atravesa o conxunto da sanidade galega”.

“O incremento das urxencias está moi ligado ao deterioro da atención primaria. Moitos profesionais non poden dar atención a domicilio ante o colapso das consultas nos centros de saúde, con agardas de ata dez días que levan ao consecuente incremento das demandas de atención en PACs e Urxencias”. Así o destacou Eva Solla no pleno, no que tamén puxo de manifesto a relación entre a sobrecarga das urxencias e as elevadas listas de agarda nas consultas de atención especializada. “Para oftalmoloxía a agarda é duns 9 meses; cardioloxía, ano e medio. Falamos de situacións que provocan un elevado deterioro da saúde das persoas enfermas, que cando empeoran sen posibilidade de ser vistas polo seu especialista recorren tamén ás urxencias hospitalarias”.

A deputada de En Marea denuncia a “xestión absolutamente nefasta” que o goberno do Partido Popular está realizado da sanidade pública. “A pesar do colapso das urxencias, mantéñense plantas pechadas na Coruña, no Salnés e en Compostela. Abrilas, incrementar a plantilla do sistema sanitario público e cubrir as carencias nos servizos de urxencias é a solución. Tamén elaborar plans funcionais de servizo, e escoitar as demandas dos profesionais”, demanda Solla.

Para En Marea non cabe seguir agardando máis, e ante a pasividade do executivo da Xunta, que durante anos non planificou a necesidade dos MIR ou de enfermería”, esixe medidas que palíen as graves carencias. “Non contrata de forma estable, polo que os profesionais marchan; non se cubren baixas e vacacións; móvese oas profesionais entre servizos provocando descubertos; hai problemas nos PACs, nas urxencias, no 061; hai desabastecemento de fármacos. Faltan pediatras, hai informes negativos do Consello de Contas, temos sobre a mesa a xantaxe de Povisa e segue sen haber ningunha solución real. A Consellería fai augas”, conclúe a deputada.

Coa proposta defendida por Eva Solla o grupo de En Marea fai un chamamento á Xunta de Galicia para incrementar os efectivos profesionais nos servizos de urxencias tanto de atención primaria como de atención especializada de xeito permanente, acordando coas representantes sindicais das e dos traballadores as melloras necesarias no inmediato.

Así mesmo reclama a apertura das plantas e alas inoperativas de xeito permanente, dotándoas co persoal necesario para absorber as necesidades de ingresos hospitalarios e establecer protocolos para asistencia ás persoas pendentes de ingreso. Ademais, considera urxente atender o incremento de efectivos de persoal nas urxencias do CHUS, demandados pola Xunta de Persoal, así como a substitución do 100 por cento das ausencias e o cumprimento dos requirimentos da Inspección de Traballo.

Por último, En Marea pide a elaboración dun plan funcional para as urxencias do Complexo Hospitalario Uuniversitario de Santiago (CHUS) negociado coa Xunta de Persoal e repoñer o material obsoleto nos hospitais do Servizo Galego de Saúde, con especial atención ao material das urxencias do CHUS.

CCOO-Sanidade insta o SERGAS a atender as reivindicacións do persoal dos PAC

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia apoia «todas as reivindicacións» do persoal médico e de enfermaría dos puntos de atención continuada (PAC) de Galicia, que continúa en folga. O sindicato esixe unha «verdadeira negociación» e insta o SERGAS a atender as peticións do colectivo, como son a xornada efectiva de 1451 horas anuais, o pagamento da totalidade dos complementos de nocturnidade e festividade —conxelados hai anos— ou a contratación estable.

Peche do persoal no PAC de Ferrol

Gardas

CCOO-Sanidade denuncia o intento da Administración de «coar pola porta de atrás» a implantación de gardas localizadas nas fins de semana. Desde hai anos, o sindicato pide a eliminación da voluntariedade das horas extras e mesmo fixo unha reclamación en Vigo após a imposición da súa ampliación nesta área sanitaria.

Contratación estable

Segundo CCOO, cómpre a contratación estable de profesionais, substituíndo as fórmulas tradicionais de voluntariedade ou gardas por emprego de calidade. Para Comisións, «esta é a fórmula axeitada para atraer profesionais da sanidade a Galicia» e frear a «sangría» da emigración no sector.

Comité de folga

Por último, CCOO insta o SERGAS a convocar o comité de folga para negociar, xa que é este órgano o interlocutor legal para negociar as reivindicacións expostas na convocatoria dos paros e mobilizacións.

En Marea insta á Xunta a acometer a necesaria ampliación do centro de saúde do Porriño

En Marea insta á Xunta de Galicia a acometer dunha vez por todas a necesaria ampliación do centro de saúde do Porriño e a garantir unha dotación de persoal e medios suficiente para cubrir as necesidades asistenciais de todos os municipios aos que presta servizo. Así o reclamou este mércores no Parlamento de Galicia, onde a deputada Eva Solla defendeu unha iniciativa coa que tamén denunciou a non cobertura das baixas e vacacións.

A ampliación do centro de saúde do Porriño é unha demanda histórica. Xa en 2010 o Concello puxo a disposición unha parcela de 525 metros cadrados e asinou un acordo coa Xunta de Galicia, que incluía a creación dun servizo de fisioterapia e outro de radioloxía. Porén, case unha década despois a situación non mudou, os terreos fican baldíos e de novo o goberno galego non inclúe no seu orzamento para o vindeiro ano a partida para impulsar esa infraestrutura nin para mellorar a Unidade de Atención ás Drogodependencias. Dúas medidas aprobadas por unanimidade no pleno do Concello do Porriño.

Tal e como lembra a deputada Eva Solla, os pediatras soportan unha elevada carga de traballo, e o espazo para urxencias e rehabilitación dispoñible tamén é insuficiente. Ademais, o número de pacientes potenciais tense incrementado nos últimos anos ata superar os 40.000. Unha carga asistencial que se agrava no caso do PAC, que tamén dá cobertura a outros municipios da contorna, como Mos ou Salceda de Caselas.

Eva Solla lembra a nova concentración convocada para este xoves no Porriño, onde a veciñanza volverá reclamar que se acometa a ampliación pendente. E insta ao goberno galego a dotar este e o conxunto dos PACs galegos de persoal suficiente e a cubrir baixas e vacacións. “Non pode ser que reiteradamente o goberno non habilite as partidas precisas para cubrir as necesidades en materia sanitaria”, indica a deputada, que lamenta que o goberno galego desoa de xeito reiterado as peticións e permaneza impasible ante as carencias.

Esa liña, a deputada lembra que o déficit de medios e persoal que afecta ao PAC da localidade é un problema que se extende ao conxunto dos puntos de atención continuada de Galicia, cuxo persoal está a mobilizarse. “Lonxe de buscar solucións ás carencias dos PACs, que na súa maioría traballan con dotacións de persoal moi por debaixo das necesidades, a Xunta propón unha solución que atenta contra os dereitos dos traballadores”, denuncia Eva Solla.

“Os profesionais piden un plan de continxencias que permita cubrir as ausencias imprevistas cun modelo análogo ao que funciona no 061. Algo que non se fixo. Lonxe diso, agora a Xunta pretende obrigar ao persoal a figurar nunha listaxe sen ningún tipo de contrapartida, violando o seu dereito á conciliación e forzándoos a incrementar a súa xornada laboral”. Unha solución inaceptable.

O BNG abandona a comisión de investigación de sanidade porque o PP impón en solitario o seu plan de traballo

O BNG abandonou hoxe, de maneira permanente, a Comisión de investigación sobre os recortes no sistema sanitario solicitada pola oposición e ante a decisión do Partido popular de impoñer e aprobar en solitario o plan de traballo impedindo as comparecencias do persoal do PAC da Estrada trala morte dunha persoa nos corredores de urxencias por falta de un médico no centro, traballadores da sanidade contratados e precarios, persoal do centro sanitario POVISA, persoas investigadoras, doentes, responsables do colexio de psicólogos e do mantemento de electromedicina.

Para a portavoz de sanidade do BNG e membro da comisión de investigación, Montse Prado, hoxe o Partido popular tentou trasladar á cidadanía que existe un regulamento na Cámara galega democrático que permite á oposición crear unha comisión de investigación pero en realidade, “o PP non acredita neste sistema” e acabamos de comprobar como na primeira reunión da comisión para investigar os recortes en sanidade, o grupo maioritario convértea “nun fraude e nunha burla” impoñendo o seu plan de traballo e “escollendo só as comparecencias que lle interesan” das presentadas pola oposición.

Dende o BNG, dixo a deputada, “non imos introducir as propostas que lle gustan ao Partido popular” porque nós xa propuxemos as persoas e entidades afectadas polos recortes e son eles os que deben falar nesta comisión, non as persoas elixidas exclusivamente polo PP. Prado cualificou de “gravísimo, antidemocrático e humillante ” o acontecido na comisión de investigación no só para as forzas da oposición senón tamén para un gran número de persoas que confiaban e mantiñan a esperanza na comisión para “deitar luz sobre a sanidade pública”.

A parlamentaria do BNG lamentou que o Grupo popular vetara a comparecencia de moitas das persoas escollidas pola oposición afirmando que non aportarían nada ao que Prado replicou que precisamente “son esas persoas as que deben ser escoitadas e tomar nota das súas propostas”.

O BNG, explicou considerou dende o primeiro momento que esta comisión era necesaria para analizar a actual situación da sanidade pública galega, e hoxe constatamos como “ o Partido popular, novamente impide que as persoas que padecen os recortes sanitarios poidan aportar a súa experiencia no Parlamento galego. O Partido popular impide que compareza algunha persoa do PAC da Estrada, obxecto de investigación trala morte dunha persoa, ninguén dos PACs que permanecen en folga pola falta de medios materiais e humanos, tampouco ningún representante das urxencias extra hospitalarias, do 061, ambulancias, central e coordinación nin celadores e celadoras nin persoal de enfermería, colectivos que o Partido popular non considera necesario que comparezan”.

Prado afirmou que o interese do PP non é outro máis que “agochar a súa folla de ruta” na externalización e privatización do servizo sanitario galego e por iso “amordazan ao Parlamento e as forzas da oposición” impoñendo un plan de traballo sesgado coa pretensión de vender “transparencia” que en realidade é “un fraude democrático e un lavado de cara”.

A deputada anunciou que o BNG nas condicións impostas polo Partido popular abandona a comisión de investigación para non participar “nun trágala” que só interesa ao PP. O BNG, reiterou non vai ser “cómplice” dos vetos e imposicións do Partido popular, concluíu.

O BNG solicita 80 comparecencias plurais e solventes para abordar a situación da sanidade

O BNG ven de rexistrar no Parlamento o plan de traballo que recolle as comparecencias e a solicitude de documentación de cara á Comisión de investigación sobre a sanidade pública e da Comisión de investigación do accidente do Marisquiño. A formación nacionalista encara estas comisións coa vocación, nun caso, de mellorar o sistema público de saúde, reverter as consecuencias dunha década de recortes e privatizacións do PP, e noutro caso, para garantir a seguridade nos espectáculos públicos masivos.

En relación á investigación da sanidade, insta ao PP a permitir traballar “sen vetos nin restricións, se é verdade que nada ten que agochar, e que non caia na tentación de utilizar o rodillo para boicotear o funcionamento da comisión como ten feito noutras ocasións”, demandou a portavoz nacional, Ana Pontón. “A comisión é unha ventá aberta para recuperar unha sanidade pública libre de recortes e privatizacións, porque coa saúde das persoas non se xoga”, recalcou.

“O plan de traballo recolle cerca dun cento de comparecencias, co fin de ter unha visión plural e solvente, ampla e ao mesmo tempo detallada, da situación da sanidade pública”, explica a líder do Bloque, “voces de todos os colectivos e de todos os ámbitos relacionadas co sistema sanitario, queremos escoitar a todas as persoas que teñan algo importante que dicir, que teñan aportacións ou propostas que facer, cun único obxectivo: Recuperar unha sanidade pública libre de recortes e privatizacións”.

En relación á comisión de investigación do Marisquiño, o BNG busca dous obxectivos. En primeiro lugar, aclarar a realización dun evento ao que asistiron miles de persoas nun lugar que estaba en mal estado de conservación e, por tanto, non reunía as necesarias condicións de seguridade. Asunto no que é preciso esclarecer as responsabilidades políticas. E, en segundo lugar, aprender como xestionar a celebración de grandes eventos públicos para evitar que nunca máis volva repetirse un accidente destas características.

Comparecencias en Sanidade

O tráxico incidente do PAC da Estrada motiva petición de comparecentes, entres eles, o portavoz do falecido, Manuel Pereira; o coordinador do centro de saúde da Estrada, Juán Sánchez, ou a xerente da EOXI de Compostela, Eloína Núñez. Un segundo grupo de declarantes en relación ao caso da Hepatite C, empezando pola entón conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera, e polos responsables no momento do conflito da Asistencia Sanitaria e de Farmacia do SERGA, Félix Rubial e Carolina González.

Os colectivos profesionais e de doentes como @s responsables dos sindicatos con presenza na sanidade, -CIG-Saúde, CCOO, UGT, CSIF, STASE, entre outras-, a Plataforma SOS Sanidade Pública ou o presidente do Consello galego de Colexios Médicos, José Luís Jiménez. Na parte do Executivo, pide que acuda a comisión o presidente da Xunta, o conselleiro de Sanidade, o xerente do SERGAS, os de todas as EOXIs. Completase con comparecencias de todas as especialidades asistenciais.

A situación de Povisa tamén suma varias comparecencias, entres elas a do propietario José Silveira e de novo Rocio Mosquera como ex xerente deste hospital privado.

Listas de espera, actas, e auditorías

En relación á documentación, solicita o resultado da investigación da morte dun doente no PAC da Estrada, informes da situación de todos os servizos privatizados, das derivacións a centros privados, listas de espera xerais e por especialidades e a situación real do cadro de persoal do SERGAS.

Tamén toda a documentación financeira de Povisa, as súas contas anuais e as correspondentes auditorías. En relación ao caso da Hepatite C, solicita coñecer a denuncia presentada pola Fiscalía por non dispensar medicamentos a persoas con esta doenza así como as actas das reunións da subcomisión creada neste caso e os correos enviados desde responsables do SERGAS aos centros hospitalarios.

Porto, Concello, Xunta, empresa

No caso da investigación do accidente do Marisquiño, solicita a comparecencia dos máximos responsables das tres administracións implicadas: Enrique López Veiga, Abel Caballero e Núñez Feixóo, así como os responsables da empresa organizadora do evento. Ademais dun elenco de técnicos relacionados coas infraestruturas do porto vigués e, por suposto, representantes das persoas afectadas. E entre a documentación, plans de porto, plan de protección da empresa organizadora e toda a documentación das distintas administracións relacionadas coa autorización do evento.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies