SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Recortes

O BNG pide convocar todas as prazas vacantes no SERGAS e reforzar urxentemente o persoal dos PACs

A portavoz de sanidade de BNG, Montse Prado trasladou as condolencias á familia e amigos do home falecido o pasado sábado no PAC do concello da Estrada cando o único facultativo  atendía outra urxencia fora do centro. A nacionalista pide que o conselleiro Almuíña compareza no Parlamento e asuma “a gravidade deste feito, produto dos recortes do Partido popular na sanidade pública galega”.

Acompañada  de membros do colectivo de profesionais dos  PACs  da Guarda, Tui e Vigo,a parlamentaria afirmou que esta morte  “no é froito dunha casualidade, é o resultado dos recortes sanitarios do PP durante todos estes anos”. Nestes sentido instou ao titular da consellería, Jesús Vázquez Almuiña e os responsables do SERGAS a explicar no Parlamento o acontecido e asumir responsabilidades porque dende  hai meses, explicou, o persoal dos puntos de atención continuada trasladaron á administración a situación de precariedade pero o  “PP fai caso omiso das propostas e reivindicacións dos profesionais que mellor coñecen  esta realidade ”.

Para a nacionalista, o Partido popular debe convencerse que non é posible facer máis con menos e a Xunta debe abordar, sen dilación, que existe un déficit de profesionais e recursos que repercuten moi negativamente nas persoas usuarias dos PACs. Os Centros de saúde  pechados polas tardes en período estival provocan  unha sobrecarga de traballo nos puntos de atención continuada. Un traballo, manifestou a deputada, realizado “grazas ao grande voluntarismo do persoal”

Os profesionais non son substituídos, non se cobren as prazas, non se realizaron reforzos e a Xunta segue afirmando que existe un déficit de profesionais, circunstancia que a nacionalista negou porque na sanidade privada, recalcou, “este déficit non  existe” e a maior parte dos profesionais proveñen da sanidade pública pero a privada oferta mellores condicións laborais.

Prado asegurou que hai solucións pero urxe coñecer o número de prazas reais dos profesionais do SERGAS para analizar as necesidades e dispositivos a cubrir. Nesta liña, “despois de saber cales son as prioridades é preciso convocar todas as prazas vacantes no SERGAS con  emprego de calidade e estable que remate coa actual precarización”. Por outro lado, engadiu,  hai que  aumentar as prazas de formación nas universidades, as prazas MIR e restituír todos os dereitos e recursos recortados polo Partido popular nestes anos.

O Partido popular debe amosar “vontade política” e mudar o rumbo e folla de ruta para non reincidir no deterioro sanitario. Prado e anunciou que o BNG seguirá “defendendo unha sanidade pública galega e sempre de  calidade”.

Incremento dos efectivos

Pola súa parte, Carlos Gabián , profesional sanitario no PAC de Tui explicou que os puntos de atención continuada foron creados para  atender as urxencias pero non para o resto de casos que deben ser atendidos nos Centros de Saúde, sen embargo o peche de centros de Saúde pola tarde en período estival  provoca a saturación nos PACs. Gabián pediu á administración que se sente cos profesionais e escoite as súas demandas para mellorar a asistencia sanitaria. Sentímonos  maltratados e pedimos a administración que reflexione porque as quendas de traballo nos PACs cada vez son maiores, non están dotados de persoal suficiente, temos problemas de conciliación e desgraciadamente, o acontecido  no PAC da Estrada pode repetirse.

Val Miñor, Ponteareas, Cambados, A Guarda son centros que precisan reforzo ao igual  que outros PACs de áreas con grande afluencia de  turismo e celebración de festas no período do verán.

En Marea denuncia o deterioro da atención sanitaria que os recortes do goberno de Núñez Feijóo están a provocar nas zonas rurais

O voceiro de En Marea, Luís Villares, visitou os centros de saúde de Pontenova e Meira en Lugo onde puido comprobar como a Xunta de Galicia está a impor unha continuada redución de servizos na sanidade no ámbito rural. No caso concreto de Pontenova non se vai cubrir unha das prazas de médico alegando que a ratio é suficiente pero a dispersión demográfica e o avellentamento da veciñanza require duns coidados médicos que non se están a cubrir. Existe tamén unha praza de celador que tampouco se está a cubrir e provoca que moita xente maior teña que se trasladar ao centro para pedir cita e facer determinadas xestións que podería facer doutro xeito se esa praza estivese cuberta.

No centro de saúde de Meira, que funciona de forma continuada para atender a toda a comarca, vive unha situación similar. O voceiro de En Marea sinalou a necesidade de contar cun segundo equipo médico completo para dar servizo a toda a poboación. Pero tamén é preciso cubrir unha praza de enfermeiro que está vacante neste momento.

“Non se lle pode pedir á xente que viva no rural cando despois non se lles ofrece servizos básicos como é o dereito á atención sanitaria proxima, vital para salvar vidas e que agora mesmo non se está a producir” denunciou Luís Villares.

Unha situación que non é exclusiva na montaña de Lugo senón que se está a repetir por todo Galicia e que se está a agravar no verán co peche de camas nos hospitais, peche de servizos de pediatría en distintos lugares do noso país que está a provocar unha perda de dereitos e deterioro da calidade de vida das persoas que viven no rural. Ante isto que fai o goberno de Núñez Feijóo? absolutamente nada” remarcou Luís Villares polo que anunciou a intención do seu grupo de continuar a loitar ata lograr que a toda a poboación galega teña os mesmos dereitos e calidade de vida independentemente da zona na que viva.

Olalla Rodil: “A Xunta desvía fondos de I+D+i para costear outro novo edificio na Cidade da Cultura”

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, denuncia que o Goberno galego transvasou 700.000 € do Plan de financiamento do sistema universitario galego, destinados a I+D+i, para sufragar a construción dun novo edificio na Cidade da Cultura.

“É escandaloso que os recursos públicos en investigación vaian para cemento e para seguir aumentado o número de edificacións nunha Cidade da Cultura que segue a ser un pozo sen fondo porque vampiriza recursos públicos a esgalla sen apenas beneficio para o país”, denunciou a deputada portavoz parlamentaria de Cultura.

Ademais, lembra Rodil, a construción dunha nova edificación “supón o incumprimento do acordo parlamentario que en marzo de 2013 paralizou de maneira definitiva as obras da Cidade da Cultura”, acordo que o PP “se salta con total menosprezo as decisións da Cámara galega”. Neste caso, co agravante de que implica un novo recortazo nunha das partidas máis importantes do Plan de financiamento do SUG, “que vén soportando importantes recortes nos últimos anos”, sinalou.

“De novo, a Xunta de Feixóo aposta polo cemento en lugar de pola investigación e polo desenvolvemento, que son claves para un crecemento económico competitivo que se traduza en emprego de calidade”, argumentou.

A deputada nacionalista lembrou que no último pleno instou á Consellaría de Educación e Cultura a procurar alternativas máis económicas, -que o xa bautizado como Edificio Fontán-, para acoller os organismos universitarios que prevé instalar na Cidade da Cultura. Unha obra na que o Goberno galego, sinalou Rodil, “leva gastados máis de 300 millóns de euros públicos”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies