SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: PSdeG

O presidente da Xunta presenta un “exercicio continuísta a partir dun balance que falsea a realidade”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, lamentou que a primeira intervención do presidente da Xunta no Debate do Estado da Autonomía ofrecera un “exercicio continuísta a partir dun balance que falsea a realidade”. Criticou que “mira para outro lado diante doas grandes dificultades que viven amplos espazos da sociedade”.

O responsable socialista apuntou que o presidente da Xunta ofrece “un ano perdido” logo de “moitos anos de pasividade” baixo o goberno de Feijóo “en relación coa modernización e a inclusión social”. Sinalou que en asuntos como o emprego e a sanidade, perde a oportunidade de “amosar unha vontade reformista real” diante dos “déficits moi notables” que apuntan logo de 9 anos de goberno de Feijóo.

Explicou que o seu “balance optimista” en relación co mercado do traballo “non se corresponde coa realidade” cando hai 90.000 empregos menos dos que Galicia tería de manter a media de creación de emprego do Estado. A sociedade galega padece dunha “precariedade inaceptable” e a “gran dificultade” de incorporar á mocidade ao mercado laboral en boas condicións.

Tamén “distorsiona a realidade” con relación ao sistema sanitario, presentando un balance triunfalista logo de 9 anos de privatizacións que provocan “problemas como o de Vigo”, co hospital Povisa en preconcurso de acredores. Lembrou que a precariedade na contratación sanitaria supera o 20 por cento, e padece unhas listas de espera “inaceptables e aumentando nos últimos tempos”.

Fernández Leiceaga reclamou hoxe o cese do alcalde de Vilanova logo dos seus “insultos machistas” contra a presidenta da Deputación de Pontevedra, unha evidencia máis da falla de compromiso e comprensión do PP coa igualdade. Lembrou neste sentido que a semana pasada a propia portavoz de Igualdade daquel partido permitíase tildar ao goberno de Pedro Sánchez de “goberno florero” por ter máis ministras que ministros.

Novo impulso

O portavoz socialista reivindicou un “novo impulso dende os valores socialdemócratas” para un goberno que “poña por diante a inclusión social, a atención ás desigualdades que están crecendo na sociedade, e mecanismos como a reforma da Risga para integrar aos 115.000 galegos que padecen graves carencias materiais”. Tamén reclamou un plan de emprego para xóvenes “partindo dun diagnóstico axeitado”.

Reclamou “progresar e non alentar a pasividade e a inercia como formas de facer política”, e anunciou parte das propostas que presentarán os socialistas dentro do Debate do Estado da Autonomía, como o compromiso co diálogo social para reducir a precariedade no emprego, a supresión das primeiras matrículas na Universidade pública ou a gratuidade dos tramos das autoestradas xestionadas pola Xunta de Galicia.

Teses de Casado

Fernández Leiceaga advertiu que o presidente da Xunta “equivócase ao seguir as teses de Casado –o presidente do PP- ou faise eco das propostas de Vox en vez de sementar un escenario onde o diálogo poida frutificar para convencer aos cataláns de que o seu futuro está dentro de España”. Advertiu que Feijóo “perde a oportunidade de aproveitar o novo talante do goberno de Pedro Sánchez para afrontar os problemas de Galicia”.

Lamentou que o presidente da Xunta “prefire a confrontación ao diálogo, e o enfrontamento contra un goberno lexítimo antes de tender a man” para aproveitar a comprensión amosada por Sánchez diante das diferenzas culturais, as preferencias de autogoberno e a atención ás desigualdades no territorio.

O PSdeG cualifica cun “suspenso” a política forestal do PP na Xunta

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, cualificou hoxe cun “suspenso” a política forestal do PP na Xunta, ata o punto de que así se evidenciou nas recomendacións da propia comisión de estudo levada a cabo no Parlamento de Galicia.

Desas conclusións, como explicou o socialista, tírase “un cambio de fondo” nas políticas postas en marcha ata o de agora e a “recuperación” de medidas iniciadas polo executivo que dirixiu Emilio Pérez Touriño.

De aí que Leiceaga puxese ese “suspenso” á política forestal e contraincendios do PP, ao tempo que valorou o feito de que se dispoñan procedementos que permitan “facer seguimento” de que as medidas propostas na comisión “se levan á práctica”.

Nese punto, o voceiro socialista puxo en cuestión que ese “cambio de fondo” poida materializarse “mantendo o mesmo equipo na consellería” de Medio Rural, motivo polo cal avanzou que avaliará se a Xunta “cumpre ou non cos seus deberes”.

Meses de demora nas probas diagnósticas de pacientes con cancro no CHUO


As demoras intolerables na realización dos TACs de control que requiren os pacientes con cancro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense estanse levando a cabo con dous ou tres meses de retraso con respecto ao que prescriben os oncólogos.

A deputada socialista ourensana Noela Blanco explicou nun almorzo informativo, “os TACs permiten medir a evolución da enfermidade”, polo que constitúen “a base dos tratamentos”. Neste contexto, apuntou que o ano pasado os pacientes con cancro do CHUO rexistraron “máis de 150 reclamacións” a causa dos retrasos, e que xa van máis de medio centenar no que vai de 2018.

Dado que no centro hospitalario atribúen esta situación á falta de especialistas e derivan a moitos pacientes á privada, Noela Blanco urxiu á Xunta que dispoña “máis medios”. E é que, sumadas ás dificultades para o seguimento da patoloxía, as demoras “supoñen un estrés e un sufrimento adicional para os doentes”.

Só un goberno sen alma pode permitir unha situación que carrexa consecuencias tan graves coma estas“, alertou a deputada do PSdeG, ao tempo que anunciou iniciativas parlamentarias coas que reclamará que “non se excedan os tempos de espera recomendados” para estas probas e que “se publiquen os datos das agardas”.

O PP impide recuperar a Casa da Xuventude de Ourense

A portavoz de Mocidade do Grupo Socialista de Ourense, Noela Blanco, lamentou o veto do PP a unha iniciativa socialista para recuperar a Casa da Xuventude de Ourense. Así o dixo no debate da proposición non de Lei do Grupo Socialista na Comisión de Política Social celebrada hoxe no Parlamento, que foi rexeitada polo voto en contra do PP.

A responsable socialista reivindicou o papel orixinal da Casa da Xuventude como “faro da liberdade, a democracia e a participación da mocidade” que acadou o seu apoxeo baixo a dirección de Benito Losada dende o seu nacemento nos anos 70. Logo do seu pasamento, dixo, o goberno galego decide poñer á fronte á curmá de Feijóo, Mercedes Valeiras, comezando un proceso de “desmantelamento e baleirado de contido”.

Acusou ao goberno galego de converter a institución na “casa do PP” comezando coa “censura de actividades, excesiva burocratizacións, redución de espazos e mesmo instalación dun Punto de Encontro Familiar e da sede do programa Lidera na mesma habendo outros espazos específicos máis acaídos en Ourense”.

Os socialistas galegos levaron ao Parlamento esta proposta coas demandas sociais articuladas a través da Plataforma Casa da Xuventude para manter e impulsar as actividades das Casas da Xuventude dependentes da Xunta, comprometéndose na recuperación do funcionamento da de Ourense en concreto.

Blanco reclamou recuperar o esquema orixinal de funcionamento da entidade, suprimindo o posto de coordinadora de actividades –o que desempeña agora mesmo Mercedes Valeiras- e restituíndo as funcións da dirección do centro. Tamén pediu fomentar a participación de asociacións e colectivos xuvenís, reactivar o Consello de Xestión e cambiar a denominación polo de “Casa da Xuventude de Benito Losada”.

Os socialistas galegos solicitaban ademais relocalizar as actividades enmarcadas no programa Lidera nos centros de emprendemento destinados especificamente a ese obxectivo e relocalizar o Punto de Encontro Familiar nun emprazamento máis idóneo.

Polémica planta de residuos en Casalonga

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamoulle hoxe á Xunta que rexeite o proxecto do Grupo Toysal para construír unha planta de tratamento de residuos para producir biogás en Casalonga –Teo-. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na que lembrou que a Xunta ten que realizar unha Declaración Ambiental Integrada sobre este proxecto.

Vilán advertiu que tanto a Lei do Solo de Galicia como o Plan de Xestión de Residuos resultan dan unha reposta “tan ambigua que da a posibilidade das dúas opcións” para construír a planta en suelo rústico e nunha zona con moita poboación. Advertiu que a resposta “non só depende do Concello” senón tamén da Consellería de Medio Ambiente.

Os socialistas galegos alertaron da preocupación dos veciños e veciñas do lugar polos problemas medioambientais e sociais dunha infraestrutura que, no mesmo proxecto, recoñece a instalación dunha balsa de 5.000 metros cúbicos con posible afectación aos ríos Sar e Tinto. Tamén advirte de ruídos e vibracións polo tránsito de vehículos, emisión de gases contaminantes e a xeración de residuos que contaminen os suelos e acuíferos.

Advertiu da imprecisión do informe á hora de explicar a resposta a estes problemas, aludindo a “diversas tecnoloxías punteiras” sen precisar e, engade, admite como “imposible” elaborar un plan de restauración detallado pola incapacidade de avaliar a evolución das condicións socioeconómicas de Casalonga.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies