No verán de 2018 quedou ao descuberto o resultado da restauración do Pórtico da Gloria. A apertura ás visitas do monumento tras a restauración financiada pola Fundación Barrié suscitou unha enorme expectación, con arredor de 80.000 persoas en menos de dous meses antes do novo peche para a continuación dos traballos no templo.

Este 2 de xaneiro o Pórtico volveu estar aberto ás visitas, pero con notables mudanzas na forma e no fondo. A que fora portada da vella Catedral románica compostelá está “encapsulada”, isto é, dentro dunha gran estrutura de madeira que separa o Pórtico do resto do recinto. Esta estrutura actúa a xeito de enorme caixa que evita filtracións e pos procedentes das obras de restauración que continúan noutros puntos próximos da Catedral, as cales “prolongaranse ata as portas do vindeiro Ano Santo 2021”, segundo cálculos doa Fundación Catedral e do Cabido.

Alén dese “encapsulamento” a principal e máis controvertida medida é a do cobro de entradas por visitar o Pórtico. Como avanzara a Catedral, a tarifa xeral por visitar unicamente o Pórtico restaurado é de 10 euros que quedan en 8 coa “tarifa reducida”para familias numerosas, persoas en desemprego, estudantes, peregrinos e maiores de 65 anos. No caso dos grupos escolares o prezo é de 2 euros por estudante.