SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Pontevedra

Jácome leva a defensa do xeito á Deputación de Pontevedra

Foi unha proposta da Comisión Europea lanzada no 2014 a que fixo tremer a un sector enteiro; o do xeito, algo que creou moita preocupación en Galiza porque supuña a prohibición da arte tradicional. “É en xaneiro deste ano cando nos enteramos que a Comisión Europea non recoñece esta especificade, e coa prohibición de utilizar para os pequenos peláxicos unha dimensión da rede inferior a 50mm, o xeito quedaría prohibido” alerta o deputado da Coalición Son.

Jácome asegura que o comisario de pesca, a unha pregunta contestada á eurodeputada Lídia Senra eludiu responder á cuestión, “xa que en lugar de atallar o tema da dimensión da malla en si que é o que interesa, limitouse a falar da  lonxitude”. Dende Coalición Son lembran que o sector do xeito xa se mobilizou no 2015 e foi grazas a isto que a Comisión Europea finalmente renunciou ao veto.

Dende o grupo provincial engaden que estas redes soen usarse en barcos “de un ou dous tripulantes” sendo unha “arte da cal dependen en Galiza arredor dun milleiro de familias” onde “a protección do xeito é fundamental xa que moitas vilas mariñeiras e pobos costeiros dependen economicamente desta arte tradicional”.

Jácome apunta que “é de xustiza social que a Deputación de Pontevedra vote a favor dos acordos da moción” por ser o xeito “unha das nosas expresións tradicionais que parte da nosa cultura e identidade como pobo galego”.

Propostas para a implementación de novas infraestruturas para o abastecemento e almacenamento da auga na cidade de Vigo

En relación a problemática de abastecemento e almacenamento da auga na cidade de Vigo e contorna, Amigos da Terra ven de presentar ante as diferentes administracións implicadas (Concello de Vigo, Xunta de Galicia y Ministerio para la Transición Ecológica) unha serie de propostas de actuación que consideramos deberían aplicarse antes de expor outras medidas máis complexas, custosas e cun considerable impacto ambiental como transvasamentos ou novos encoros.

Desde Amigos da Terra consideramos que a aplicación das mesmas, cunha estimación prudente dos seus resultados, conseguiríase un aumento na capacidade de auga embalsada e no uso eficiente da mesma que moi probablemente faría innecesaria a medio prazo a construción de novas infraestruturas. Estas propostas poderían aplicarse ademais de maneira inmediata. Outro dato que sometemos a considerar é o aforro de custos económicos e ecolóxicos. Estas medidas resultarían considerablemente máis baratas e sen apenas impacto ambiental relevante e, ademais, de aplicación e resultados inmediatos.

Sobre o sistema de tarifas: Pasar do actual pago por tramos ao pago por consumo real.

Segundo o instituto galego de estatística IGE, o instituto nacional de estatística INE e a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) sinalásese que o sistema de tarifas do servizo de auga na cidade de Vigo é a que máis incentiva ao malgasto da mesma. O propio pleno do Concello de Vigo aprobou, por unanimidade, o cambio de devanditas tarifas para establecer o pago por consumo real. Un cambio de sistema de tarifas, aplicando o que se utiliza na práctica totalidade das cidades, implicaría un sensible aforro de auga, unha auténtica concienciación cidadá, e conseiguintemente un sensible aumento das reservas de auga.

Sobre os encoros de abastecemento: Aumentar a súa capacidade actual.

O principal encoro de subministración de auga a Vigo e o resto de Concellos da súa contorna, Eiras, conta cunha capacidade nominal de almacenamento de 22 hectómetros (21 hectómetros útiles). Sobre esta capacidade nominal establécense as previsións e posibles plans de continxencias, pero ese dato oficial non é o dato real. Eiras acumula máis de trinta anos de achegue de lodos e áridos e materiais de arrastre (especialmente marcados tamén polos procesos erosivos dunha conca fluvial na que os incendios son recorrentes). Recuperar a súa capacidade real de almacenamento, e mesmo incrementala de forma sensible poderá facerse cun dobre procedemento de dragado: das súas marxes desde terra e desde embarcación en toda a superficie da súa conca. Este proceso ten dous inconvenientes perfectamente corrixibles. Por unha banda o dragado inevitablemente produce lodos en suspensión durante os traballos que aumentan a turbidez da auga e dificultan a súa potabilización Afortunadamente a comarca de Vigo conta cunha segunda presa de abastecemento (Zamáns) que, aínda que de menor capacidade, permitiría garantir a subministración ata que os lodos en suspensión de Eiras volvesen sedimentarse. Unha vez completada esta actuación en Eiras podería facerse a mesma neste segundo encoro de Zamáns. O segundo problema consiste en dar un tratamento adecuado e ecoloxicamente responsable aos lodos que se extraerían de ambas as presas. Lamentablemente non se necesita afastarse moito da zona de extracción pois, como sinalabamos, atopámonos en zonas de incendios recorrentes. O curso alto dos ríos Oitavén e Zamáns, e consecuentemente os seus lodos de achegue ás presas, carecen de contaminación química nin compostos orgánicos persistentes en cantidades relevantes. Estes lodos poderían utilizarse como substrato e fertilizante para a rexeneración dos chans incendiados. Con este procedemento obteriamos por tanto o dobre beneficio do aumento de capacidade de auga embalsada e a rexeneración de áreas incendiadas. Un cálculo prudente indicaría que as reservas de auga, con este sinxelo e económico procedemento, poderían aumentar nun 10%, o equivalente a garantir máis dun ano de subministración nas peores condicións de ausencia de precipitacións. Como medida complementaria nun futuro debería priorizarse a posibilidade, de ser necesario, do recrecemento dos encoros existentes.

Sobre a rede de distribución: Programa intensivo de renovación e control de perdas.

O último dato oficial dispoñible cifra nun punto semanal o descenso na cantidade de auga embalsada na presa de Eiras pero desde o Concello de Vigo triplican ese dato oficial asegurando un descenso de entre tres e catro puntos semanais. Si realmente estase conseguindo un aforro significativo no consumo (o Concello cífrao nun 4´5% ) a baixa pluviosidade, aínda que con maiores precipitacións que no mesmo período do ano pasado cando se decretou a prealerta por seca, non explica por si soa este vertixinoso descenso nas reservas. O INE cifra nun 30% a media das perdas de auga derivadas das deficiencias nas redes de distribución. A hemeroteca dispoñible abunda en exemplos recentes de inundacións frecuentes nas rúas da cidade por rotura de tubaxes. Moitas obras de reparación en devanditas redes. Descoñecemos o efecto concreto na porcentaxe de minimización de perda de auga nas redes de distribución, aínda que a maioría porcentual dos fondos destinados a esta renovación das redes destínanse a actuacións complementarias de renovación de beirarrúas, firmes de estradas e sobre todo ornamentación e mobiliario urbano. Consideramos que a prioridade debería ser fundamentalmente a renovación das redes de saneamento (aínda con moitos quilómetros de tubaxes de fibrocemento) e a esa prioridade deberían destinarse os fondos da concesionaria correspondendo o resto de gasto ornamental das actuacións ao Concello.

Sobre as medidas concretas de aforro por parte do Concello: eliminar os baldeos e as fontes ornamentais de ciclo aberto e adoptar outras medidas.

Os propios traballadores da concesionaria da auga de Vigo pedían tomar medidas (xa en plena alerta por seca o pasado outono) para reducir o malgaste que significaba arroxar diariamente 1.500.000 litros de auga. Xa no ano 2009, cun consumo de 1.000.000 de litros diarios entón (en menos dunha década os baldeos incrementaron en 500.000 litros de auga o seu consumo) solicitaban polo menos evitalos en caso de choivas torrenciais. Consideramos que os baldeos nas rúas son incompatibles cun consumo responsable da auga. Non se trata só de reducilos en situación de prealerta por seca ou suspendelos en situación de alerta, máxime cando os mesmos realízanse con auga potabilizada e clorada da rede de abastecemento para o consumo humano. Existen alternativas suficientes (auga procedente da estación depuradora, tanques de tormenta de almacenamento etc) que se podería destinar a esa finalidade. As billas de auga para baldeo deberían substituírse polos modelos que incrementan a presión de saída reducindo o consumo. Os sistemas de rega manual e automatizado dos xardíns urbanos debe programarse de forma eficiente, evitando a rega de xardíns nas horas centrais do día (especialmente nas xornadas de máis calor) que implica un desperdicio do 40% da auga utilizada. A instalación por parte do Concello de Vigo de fontes ornamentais na cidade aumentou considerablemente estes últimos anos sexan de ciclo aberto ou pechado (e moi especialmente no primeiro caso) consideramos incompatible cun consumo responsable da auga seguir engadindo estes elementos ornamentais á decoración urbana. Como mínimo as fontes ornamentais de ciclo aberto deberían ser desconectadas da rede de subministración. Paralelamente todas as instalacións públicas deberían contar con sistemas eficientes de aforro de auga (perlizadores nas billas e todos eles con temporizador, cisternas de dobre descarga).

Sobre actuar contra as causas e non só nos efectos: Medidas exemplares contra o cambio climático

O Concello de Vigo e o seu alcalde, que presidiu durante anos a Rede Española de Cidades polo Clima e que mesmo acolleu algunhas das reunións da mesma coñece perfectamente que a seca é un dos efectos do cambio climático, e coñece igualmente cales son as súas causas. O Concello de Vigo debería ser exemplar tamén na loita contra as causas. E así chegamos ás luces do Nadal. Afirma o alcalde de Vigo que o consumo da iluminación ornamental será irrelevante aínda que este anuncio coincide coa noticia do prezo da electricidade en máximos históricos. Facer o cálculo do prezo quilowatt/hora multiplicado por ese nove millóns de luces é sinxelo (e a cantidade non é precisamente pequena) pero para o tema que nos ocupa aplicaremos outro indicador: a súa incidencia no cambio climático, porqué este indicador? Porque aquí chegamos á relación que diciamos ao principio: o cambio climático é o argumento de fondo que desde o Concello utilízase para esixir medidas contra a seca. Entre o 40% e 65% da electricidade que consumimos en Vigo, e a porcentaxe aumenta precisamente en función da seca, procede das centrais térmicas de carbón segundo despréndese do informe de oficio realizado pola oficina do valedor do cidadán do Concello de Vigo e a Universidade de Vigo, as maiores responsables a nivel autonómico da emisión de gases de invernadoiro que provocan ese cambio climático do que uno dos seus efectos, é xustamente a seca. O malgasto enerxético derivado deste tipo de actuacións (sumadas ao resto de contribucións de Vigo á emisión directa e indirecta de gases de invernadoiro) contribuirá sensiblemente a incrementar as causas do problema que simultaneamente pretendemos mitigar, nos seus efectos con medidas de urxencia.

Caudal ecolóxico do río Oitavén: Revisión á alza.

O río Oitavén, que abastece a presa de Eiras, conserva aínda, a pesar da construción no seu día de dita presa, uns valores ecolóxicos relevantes e en moitos casos únicos no contexto fluvial da Provincia. O seu caudal ecolóxico efectivamente debería ser analizado para a súa actualización engadindo o factor climático e a súa incidencia na menor pluviosidade. Concretamente, ao contrario do que propón o Concello de Vigo, desde Amigos da Terra consideramos que devandito caudal ecolóxico debería revisarse á alza, nunca diminuírse.

Propostas para recuperar as rías: ENCE fora de Pontevedra e plan integral de saneamento

O BNG celebrou a VI Xornadas Parlamento Aberto para abordar a situación das rías galegas cun panel de expertas e expertos, representantes do sector pesqueiro e marisqueiro e responsables políticos, e reclamou o saneamento e rexeneración integral das rías, que leva vinte anos de retraso.

“Un ecosistema único, seguramente o principal motor económico do país e a empresa máis importante que ten Galiza, pero o saneamento e a rexeneración integral das rías é unha asignatura pendente”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na apertura da xornada, onde criticou a incompetencia política do Goberno de Feixóo que dilapida miles de empregos.

“As rías galegas merecen moito máis que un Goberno que desaproveita a súa riqueza, incapaz de completar o saneamento integral das súas augas. E as consecuencias son evidentes: redución da actividade produtiva pesqueira, marisqueira e acuicola, perda de miles de postos de traballo, problemas de contaminación ambiental, cuantiosas perdas económicas tanto polo que se deixa de ingresar como polas multas a pagar por non cumplir a normativa”, alegou Pontón.

Parlamento AbertoOs datos facilitados pola propia Xunta revelan que hai 1.358 vertidos dos que 348 son contaminantes. Se atendemos as rías, na de Arousa, un recente informe da UVI detectou vertidos contaminantes de augas depuradas e non depuradas e mortandade de marisco pola baixada da salinidade nos lombos do Ulla. “Por se estas amezadas fosen poucas, podería recibir un golpe mortal se a Xunta permite a reapertura da Mina de Touro- O Pino”, alertou.

Na Ría do Burgo, toneladas de lodos tras anos anos de espera por unha actuación de dragado e recuperación integral. Na de Ferrol, desapareceron máis de 3.000 especies pola contaminación e a Ensenada da Malata o a de Caranza figuran case sempre na lista de puntos de maior contaminación do litoral galego.

No caso das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo a produción de berberecho case desapareceu, -cunha caída do 93%-, a producción de ameixa caiu un 28% e a produción de vieira un 57%. “E mentres, ENCE segue na Ría de Pontevedra cunha prórroga indecente, contaminando e destruíndo centos de empregos, pero esa batalla ímola ganar”, subliñou Pontón.

Propostas urxentes

Para mudar a situación das rías, o BNG lanza unha batería de propostas. Un Plan xeral de saneamento como prevé a normativa galega e, dunha vez por todas, completar a limpeza integral das augas. ENCE fora da ría e actuacións de rexeneración que pasen por eliminar vertidos, realizar dragados e unha rede de depuración en todo o litoral.

Igualmente, competencias plenas para Galiza en materia de augas e competencias en salvamento marítimo, “porque xa vimos as dramáticas consecuencias de que decidan desde Madrid sobre as nocas costas”, alegou, e unha aposta contundente polo sector pesqueiro e marisqueiro e pola acuicultura extensiva.

Pontón indicou que a situación das rías é unha evidencia máis da discriminación do Estado con país. “PSOE agora, como antes o PP, ignoran os intereses dos galegos e das galegas. Nada se fai por sacar a contaminación de ENCE de Pontevedra, nada por dragar a Ría do Burgo, nada por acabar coa estafa das peaxes, nada para garantir a devolución do Pazo de Meirás, nada para evitar o espolio enerxético”, por iso, “é máis necesario ca nunca un proxecto político que teña Galiza como único referente, como é o BNG”, concluíu.

O alcalde de Vilanova de Arousa (PP) chama “chacha para todo” á presidenta da Deputación de Pontevedra

O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Duran (PP), referiuse á presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, como “chacha para todo” do rexidor de Vigo. Sucedeu durante unha conferencia de prensa tras un conflito político entre o Concello de Vilanova de Arousa e a Deputación de Pontevedra.

Silva anunciou o sábado que se tomaría a fin de semana para reflexionar sobre “que medidas tomar” contra Durán “en defensa dos dereitos de todas as mulleres”, as accións que se anunciarán o luns.

A vicesecretaria xeral do PSOE e portavoz do Congreso, Adriana Lastra, pedíu o “cese” de Durán. Exhortou á dirección nacional de Pablo Casado a actuar ou, doutra forma, consideralo “cómplice das súas palabras e actitudes”.

Os regidores socialistas da provincia e varios deputados e alcaldes enviaron unha carta dirixida a Alberto Núñez Feijóo e ao presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, no que critican a “falta continua de respecto e actitudes machistas” do PP.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, esixiu a “renuncia inmediata” do alcalde de Vilanova de Arousa coa comprensión de que as súas declaracións son “inaceptables” e son un exemplo do “machismo máis rancio”.

A Xunta nega investimentos a infraestruturas dirixidas a persoas con diversidade funcional

Xosé Lois Jácome

A parcela, ten como obxectivo a construción dun centro de atención integral para persoas con parálise cerebral.

Que un Concello, ceda solo municipal, para unha asociación de estas características, entra dentro non só do normal, senón dentro do desexable.

O financiamento para a construción de este centro, correrá ao cargo da Fundación Amancio Ortega. Non é intención (nesta ocasión) de falar da idoneidade ou non deste tipo de doazóns, e dos auténticos obxectivos que se buscan cos titulares de prensa, que ben seguro, chegarán cando sexa a inauguración, senón antes, trátase de poñer o foco onde, na miña opinión como traballadora do sector por máis de 16 anos e tamén como delegada de persoal, debe estar. Nomeadamente, na Consellería de Política Social da Xunta de Galiza.

A Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, non deixa lugar a dúbidas, as administracións públicas desenvolverán as actuacións necesarias para a coordinación da atención de carácter social e sanitario, de forma efectiva e eficiente, (…) e promoverán as medidas necesarias para favorecer o acceso das persoas con diversidade funcional aos servizos e prestacións en condicións de igualdade co resto da cidadanía. A competencia de esta Lei, está transferida ao noso país, e evidentemente a responsabilidade é da Consellería. Mais nunha táctica, xa coñecida por todas nós, Rey Varela, tomando exemplo das mesmas técnicas que se dan na sanidade, ou na educación, nega calquera tipo de investimento en infraestruturas e deita esa responsabilidade nas asociacións, que vense obrigadas a buscar “mecenas” ou afundir a súa economía, xa bastante precaria, con créditos que poñen en perigo o seu futuro, o futuro dos e das usuarias e por suposto, a estabilidade laboral das traballadoras.  Non esta de máis lembrar, que a maior parte de estas asociacións de nais e pais, naceron durante o franquismo, ante a absoluta ineficacia da ditadura en materia de atención ás persoas con diversidade funcional, e que moitas delas funcionan a través de asembleas que escollen directamente as súas xuntas directivas. O funcionamento de moitas é francamente mellorable, mais, que organización asemblearia non ten marxe de mellora? que organización asemblearia non ten problemas de participación no día a día? Moitas nais e pais ante a situación na que vivían as súas fillas/os, xuntáronse, fixeron recadacións e con moitos sacrificios, conseguiron iniciar un camiño, que nalgúns casos dura xa máis de 50 anos, sacaron a duras penas ás persoas con diversidade funcional das súas casas e conseguiron moitísimos obxectivos, tanto na mellora da calidade de vida de esas persoas como das súas familias, alén, dun traballo de visibilización e normalización digno de resaltar. Agora mesmo, estas asociacións funcionan baixo a modalidade de contrato coa Consellería de Benestar, é dicir, reciben ingresos por cada praza, facendo un traballo, que realmente debería estar levando a cabo a Xunta de Galiza.

A situación actual, é dunha falta de prazas residenciais na nosa cidade, xa endémica, que trae como consecuencia que moitas familias, polo proceso de avellentamento, tanto da persoa con diversidade funcional, como das propias persoas que exercen a tarefa de coidados no fogar, cando chega o momento inevitable, no que xa non poden exercer esa función con garantías, vense obrigadas á busca dunha praza residencial. E a situación actual é que a Xunta, ofrece prazas en Lugo, ou en Ourense (se hai moita sorte) co proceso de desarraigo que iso supón nas familias.

Non pasa só co caso de Amencer na nosa cidade, dou por feito que pasa en todo o país.

É que sucede cando non aparece un “mecenas”? pois que con sorte cedese unha infraestrutura, que xa non sexa de interese para a administración e cargase na asociación que toque a súa reforma. Así sucedeu coa asociación Aspanaex, que ante a urxente necesidade dunha residencia, a administración, cedeulle o edificio do centro de saúde de Coia. Mátanse así, no caso polo menos de Vigo, dous paxaros dun tiro, por un lado quédase ben sen gastar cartos, e polo outro, dificúltase a reversión de equipamentos á sanidade pública que presta atención a todas e todos, no caso que (de momento parece improbable), un futuro goberno rache coa tendencia neoliberal e de liquidación do Estado de protección e benestar. Iso si, da reforma do edificio, por unha contía millonaria, tense que responsabilizar a propia asociación.

É imprescindible, neste punto, dicir que unhas instalacións adecuadas son moi importantes para unha atención adecuada a persoas con dificultades varias. Mais tamén é imprescindible  dicir que a atención de calidade non as dan as instalacións. Os coidados dignos e de calidade os dan as persoas traballadoras, que por norma xeral no sector da diversidade, e en calquera sector relacionado cos coidados, malviven con salarios de miseria, cos que é imposible establecer un proxecto de vida independente, con horarios excesivos e cargas de traballo que son responsabilidade directa da administración e que son excesivas debido á proporción traballadora-usuaria. Estas proporcións, non están pensadas para unha boa atención, senón para unha atención meramente asistencial e que aforre cartos de xestión, cartos que posteriormente son usados en cousas máis importantes que as persoas, ben sexa rescate de bancos ou autoestradas ou publicidade institucional que lave a imaxe do goberno de quenda.

Non hai “mecenas” para gastos continuados de persoal. Esas doazóns só darían un titular, moitos gastos periódicos e ningún retorno de lavado de imaxe de eses “mecenas” que ao mesmo tempo que financian a construción dunha residencia, deixan que as súas traballadoras en Bangladesh morran queimadas vivas nos seus talleres por 28 euros ao mes.

Non existe solución ao traballo dos coidados que non pase por unha intervención decidida do Estado. Os coidados, ben sexan médicos, á terceira idade ou á diversidade, teñen que ser públicos ao 100%, sen matices e sen atallos de colaboración público-privada que sempre acaban coas mesmas vítimas, traballadoras e usuarias. É urxente, tal e como reclaman os sindicatos de clase, o tránsito de toda atención ás persoas ao sector publico. É urxente que dunha forma contundente as organizacións de esquerdas reclamen unha intervención decidida do Estado na economía e un cambio no sistema económico, deixando de lado a falacia da economía especulativa, por irreal, e o centralismo da economía dos coidados. Precisamos xa unha economía feminista.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies