SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Persoal

CCOO, CIG, CSI-F e UGT acusan o novo conselleiro do Medio Rural de «mentir sen pudor» no Parlamento

CCOO, CIG, CSI-F e UGT acusan o novo conselleiro do Medio Rural de «mentir sen pudor» no Parlamento. O titular da carteira, José González Vázquez, afirmou nunha intervención na Cámara autonómica que estaba a rematar coa temporalidade no Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). Porén, os sindicatos ínstano a «non faltar á verdade» e lémbranlle que o 60 % do servizo está formado por persoal temporal «en fraude de lei».

Bombeiros forestais traballando na extinción dun incendio
Bombeiros forestais traballando na extinción dun incendio

Segundo os sindicatos, o colectivo consta de 1939 traballadoras e traballadores, dos cales 1200 son temporais en fraude de lei, pois levan máis de tres anos nas súas prazas sen que a Administración lles dese a oportunidade de consolidalas mediante un concurso-oposición, tal como esixe a Lei de emprego público de Galicia.

Doutra banda, do total de efectivos, 436 teñen un contrato de catro meses e outros 610, de nove meses, que suman 1046 traballadores e traballadoras. Isto é, máis da metade do operativo traballa só uns meses ao ano.

Non hai incremento de persoal

Os sindicatos tamén lle reprochan a González Vázquez que o ano que vén non se incrementará en 600 persoas o efectivo, como afirmou perante as deputadas e deputados. Realmente, vanse trasladar á Xunta os postos de traballo que en anos anteriores contrataba durante a época de alto risco á empresa pública Servizos Agrarios Galegos S. A. (SEAGA). Polo tanto, o incremento de efectivos «é igual a cero».

Non hai prevención

CCOO, CIG, CSI-F e UGT aseguran que non hai unha aposta da Xunta pola prevención de incendios. «É unha falacia, porque case todo o orzamento, máis de cen millóns, gástase en extinción». Para as catro organizacións, a maior proba de que non hai prevención é que, no lapso dun mes —do 31 de outubro ao 30 de novembro—, a Consellaría do Medio Rural envía ao paro máis de mil traballadores e traballadoras do SPDCIF, após remataren os contratos de catro e nove meses.

Reunión co conselleiro

Debido a esta situación, os catro sindicatos instan o novo conselleiro a recibir «de maneira urxente» a representación legal do colectivo para constituír unha mesa de diálogo que permita atopar solucións a esta precariedade.

Por último, CCOO, CIG, CSI-F e UGT anuncian que pedirán reunións coas deputadas e deputados que constitúen o grupo de especialistas que se encargará de revisar o funcionamento do SPDCIF, aos que exporán as súas reivindicacións.

Os sindicatos mobilízanse o mércores contra a precariedade laboral no servizo contraincendios

Os sindicatos Comisións Obreiras (CCOO) e outras organizacións anunciaron esta mañá mobilizacións contra a precariedade laboral no Servizo Público de Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). As protestas comezarán o mércores, día 31 de outubro, cadrando co cesamento de 436 traballadoras e traballadores fixos-descontinuos. O persoal concentrarase entre as 11 e as 12 horas na explanada da actual estación de autobuses da capital de Galicia.

No centro, Carlos Hermida, voceiro de CCOO
No centro, Carlos Hermida, voceiro de CCOO

Segundo os sindicatos, o modelo da Xunta de Galicia para a prevención de incendios forestais é «obsoleto». O voceiro de CCOO, Carlos Hermida, foi máis aló e denunciou que a Administración autonómica mantén o servizo nun «abandono total».

Na súa opinión, existe unha «aposta clara» do Goberno galego para incentivar as empresas privadas. Puxo como exemplo as bases de helicópteros, que saen máis caras que coa xestión directa pública. Outro exemplo do abandono é que «hai traballo para todo o ano», como o proba que o operativo de tres meses acabou sendo contratado por máis tempo porque foi necesario.

Mil despedimentos nun mes

As protestas repetiranse o vindeiro 30 de novembro, cando rematen os contratos dos 610 empregados e empregadas do operativo contratado por nove meses. En total, máis de mil efectivos despedidos no intervalo dun mes.

CIG denuncia que educación modificou o cadro de persoal de Infantil e Primaria, eliminando 58 empregos e 54 aulas

A federación de Ensino da CIG vén de denuncia a Consellaría de Educación, “verdadeiro exemplo de falta de transparencia e ausencia de negociación” executa unha modificación dos cadros de persoal do corpo de mestres/as sen previa negociación coas organizacións sindicais. A medida, que implica contar para o curso 2018/19 con 54 aulas menos das que existen neste final de curso, “supón un novo recorte do persoal docente (58 empregos en total) na dilatada política do PP de reducir o número de profesionais do ensino público”.

Dende a CIG-Ensino censuran que de novo a Consellaría impón estes recortes sen que exista un mínimo contraste nin negociacións no seo da mesa sectorial. “Padecemos unha Administración que vive instalada na soberbia e no desprezo ao profesorado e que impón unilateralmente cambios de relevancia como modificar os cadros de persoal dos centros sen nin sequera ouvir previamente á representación sindical”.

A supresión de unidades educativas afecta especialmente ás provincias da Coruña e Pontevedra, nas que se pechan tanto aulas creadas oficialmente -e que, por tanto, figuraban nos catálogos a efectos da súa cobertura con docentes definitivos- como aulas habilitadas (aquelas que se abriron nos últimos anos e que agora se pechan sen que nunca foran cubertas definitivamente).

O peche destas aulas leva consigo a perda de 58 postos de traballo, que afecta especialmente a docentes das especialidades de Infantil e Primaria. “A cifra de eliminación de postos docentes elévase a 85 se temos en conta as especialidades de EI, EP, Inglés, Francés , Música e Educación Física; só a creación de novos postos en especialidades como PT, AL ou Orientación (27 en total) permite reducir a cifra final de recortes”, rematan.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies