SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Pazo de Meirás

A impunidade do franquismo con Queipo de Llano é semellante á que padecemos cos Franco en Meirás

A eurodeputada do BNG participa coa delegación de Memoria Histórica da Eurocámara nunha visita aos “espazos da represión” en Sevilla

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa nunha nova iniciativa do grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, neste caso no percorrido en Sevilla por diversos lugares paradigmáticos da represión franquista. Deste xeito, tras a reunión celebrada con asociacións memorialísticas, un dos lugares visitados foi o Cemiterio Municipal San Fernando de Sevilla, onde vítimas da represión están enterradas en foxas e a Basílica da Macarena, onde está enterrado o xenocida Gonzalo Queipo de Llano, ademais dun encontro no Parlamento andaluz.

“Lamentablemente, a impunidade do franquismo con Queipo de Llano, enterrado con todas honras, é similar a que padecemos en Galiza coa familia Franco a respecto do pazo de Meirás, unha das propiedades incautadas polo ditador que sigue en mans da súa familia”, subliñou Ana Miranda, quen considera que esta situación é unha “grave anomalía democrática que o Estado español ten o deber de corrixir” e critica que entre as promesas do novo Goberno tripartito andaluz está un paso atrás na memoria histórica.

E precisamente para rematar con esta anomalía a deputada galega considera que o Estado español conta cunha “útil ferramenta” como é a Resolución en contra do avance do fascismo, aprobada na Eurocámara o pasado 25 de outubro. Este documento insta, no seu artigo 20, a que os Estados Membros prohiban as asociacións e organización que fan apoloxía do fascismo e do nazismo. “É dicir, desde a Eurocámara pedimos ao Estado español que prohiba a Fundación Francisco Franco”, explica Miranda.

As emendas aprobadas nesta resolución tamén contemplan a retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos e a retirada de toda a simboloxía franquista, así como o desenvolvemento do traballo de contextualización e reinterpretación para que os símbolos que non sexan suprimidos contribúan á sensibilización do público e a recuperación da memoria histórica.

Visibilidade internacional

A visita a Sevilla enmárcase nas iniciativas organizada polo grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, integrada por deputadas e deputados de distintos países e de diferentes grupos políticos agás o PP, entre as que destacan a visita ao Val de Cuelgamuros, para reclamar a retirada dos restos do ditador, e a visita ao pazo de Meirás, onde a delegación puido comprobar como alí se fai apoloxía da ditadura.

“Desde o grupo de Memoria Histórica da Eurocámara queremos acadar visibilidade internacional para o problema da impunidade do franquismo e rematar co incumprimento de principios europeos sobre a memoria democrática nestes tempos de involución democrática como o novo goberno andaluz, que se permite mesmo usurpar figuras como Lorca, asasinado polo franquismo”, salienta Ana Miranda ao tempo que denuncia o continuo incumprimento da Lei de Memoria Histórica e do Informe da ONU sobre o franquismo.

Apoio unánime do Parlamento para solicitar a devolución do Pazo de Meirás sen custe para Galiza

O Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade, tras un proceso de transacción entre todos os grupos da Cámara, solicitar a devolución do Pazo de Meirás sen custe algún para Galiza, incorporando así a emenda presentada polo BNG, que consideraba irrenunciable para o acordo un pronunciamento en contra de indemnizar á familia Franco pola devolución do patrimonio espoliado ao pobo galego.

“A familia Franco é unha familia ocupa e xa pagamos este pazo a golpe de extorsión e co desvío de fondos públicos en plena ditadura”, denunciou no debate a portavoz nacional, Ana Pontón, polo que sería unha “aberración” calquera tipo de compensación aos herdeiros do franquismo, “unha labaza ás vítimas e a dignidade deste pobo” intolerables en democracia, argumentou.

Ademais de apoiar as iniciativas para a recuperación do Pazo de Meirás, a proposición non de lei do BNG incluía a proposta de que o Parlamento expresase o seu apoio ás 19 persoas denunciadas pola fundación e a familia Franco por participar nun acto para reclamar, precisamente, a devolución que hoxe aprobou a Cámara.

Pontón criticou que o PP vetase ese apoio ás persoas protagonistas dun acto simbólico e pacífico, “un acto de rebeldía que tivo gran repercusión, reactivou o debate social sobre a devolución e contribuíu a contarlle ao mundo a situación na que está este BIC coa conivencia da Xunta”, que mesmo ten aportado 60.000€ á Fundación Franco pola xestión das visitas, pese a ter como fin exaltar a figura dun ditador xenocida.

Por iso, a proposición do BNG tamén incluía a petición para ilegalizar a Fundación Franco, -“alguén se imaxina unha fundación Hitler xestionando visitas na residencia turística de Berghof?”, interpelaba Pontón-, así como destinar o pazo a un espazo da memoria. Todas foron rexeitadas polo PP.

A dirixente do Bloque sinalou o cambio de actitude nun partido que, ata agora, tiña vetado todas as iniciativas a favor de recuperar o patrimonio roubado, que “presumía” de non adicar un só euro ao cumprimento da lei da memoria histórica ou que como última aportación desde o Goberno do Estado foi “concederlle o ducado de Franco á sobrinísima o mesmo día da moción da censura, na vella práctica do todo atado e ben atado”.

Ademais das Torrés de Meirás, o BNG tamén reclama a devolución das esculturas do Pórtico da Gloria e da Casa Cornide, obxecto tamén dun acto simbólico por parte dun grupos de activistas, moitos militantes nacionalista, que tamén se enfronta a unha denuncia da familia Franco.

Pontón concluíu subliñanso a necesidade dunha “ruptura democrática” cun réxime que non foi capaz de acabar coa impunidade do franquismo pero que mete na cadea as persoas por defender ideas políticas, como o dereito de autodeterminación dos pobos, un réxime que pretende colocar “na parte de atrás do autobús” ás nacións sen Estado,  demostrando que ten “pozos negros” nunha democracia de “baixa calidade” na que aínda seguen sen castigo os crimes da ditadura.

Recuperarmos o Pazo

Xoán Antón Pérez-Lema

Cómpre recoñecerlle á conselleira nacionalista Ánxela Bugallo o primeiro fito no camiño para recuperarmos o Pazo de Meirás para a cidadanía, ao declaralo Ben de Interese Cultural (BIC) no 2008. Hoxendía tense avanzado moito camiño polo traballo da Comisión de Recuperación da Memoria Histórica e pola especial sensibilidade do Concello de Sada e da Deputación coruñesa. Mais tamén por mór do consenso total do Parlamento de Galicia. Neste tema o PPdeG está a facer o correcto. Probábelmente pola presión cidadá, mais cómpre recoñecérllelo.

Os Franco non teñen un título de propiedade legal. Unha “Junta Pro Pazo”, creada polo pulo da Deputación e do Concello coruñeses, usou o diñeiro obtido de descontos obrigatorios dos soldos de funcionarios e empregados e das doazóns “voluntarias” inducidas nos pobos polos concellos e pola Falanxe para lle mercar o pazo á súa propietaria, Blanca Quiroga Pardo-Bazán, ofrecéndollo en doazón a  Franco, que o aceptou en decembro de 1938. Porén, a transmisión é radicalmente nula, porque a doazón de bens inmobles require para causar efecto dunha escritura notarial que non existiu. A trapallada xurídica continuou no 1941 cando Franco adquiriu o Pazo a medio de compravenda perante Notario á mesma persoa que xa lle vendera antes á “Junta Pro pazo”. O prezo era moi baixo e non se xustificou o seu aboamento.

Xa que logo, o suposto título de dominio dos Franco é radicalmente nulo por inexistente, ao non existir causa, nin prezo,  nin válido consentemento nunha Blanca Quiroga que xa non era propietaria na altura.

As achegas de fondos públicos na adquisición e mantemento do Pazo e, sobre todo, a súa dedicación a finalidades públicas do Goberno “de facto” (residencia oficial de verán do ditador, celebración de Consellos de Ministros e actos oficiais…) determinan que o Pazo haxa de se considerar como ben de dominio público Velaí o título xurídico para que a Administración do Estado poida reivindicar xudicialmente o Pazo duns Franco que non teñen título de propiedade válido.

Canto á indemnización dos gastos aboados polos Franco dende que o Estado deixou de usar  o Pazo, a súa cualidade de herdeiros duns primeiros posuidores de mala fe, plenamente conscientes da ilegalidade do seu dominio, vetaríalles calquera  pretensión nese senso.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies