SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Paula Vázquez Verao

En Marea volve a pedir no Parlamento un cronograma de actuacións para a mellora integral do Porto de Tupide, as condicións de calado, abrigo e seguridade

O pasado mes de maio aprobábase por unanimidade no Parlamento de Galicia a iniciativa de En Marea na que se instaba á Xunta de Galicia a acometer de inmediato a dragaxe do porto de Tupide. Así mesmo, o grupo de En Marea consideraba necesario que a Consellería do Mar presentase un proxecto, acompañado de cronogroma e partidas orzamentarias, para acometer melloras integrais de calado e abrigo en dito peirado xa que o chamado “Porto Chico”, ademais da dragaxe, precisa un cambio na súa configuración, para mellorar as condicións de abrigo e de seguridade.

A realidade do Porto Chico, ou peirao de Tupide, en Foz, que sirve de porto deportivo, orixina múltiples prexuízos, pois as embarcacións instaladas no mesmo, que pagan as correspondentes taxas polo atraque, sofren estragos durante os temporais, optando mesmo por subir a terra as lanchas ou trasladalas ao porto pesqueiro como lembrou a deputada Paula Vázquez Verao.

Cómpre lembrar que a Asociación A Ribeira de Foz ten presentado ante a Consellería do Mar unha proposta de actuacións de mellora do Porto Chico, consistente en modificar o espigón, de xeito que, ademais, melloraría a seguridade da praia de Tupide, pois actualmente as embarcacións acceden ao porto por diante da praia, con situacións de perigo para bañistas.

O dragado dos fondos mariños foi realizado en conxunto e aumentáronse 40 prazas de amarre en Tupide, pero falta cumprir o compromiso da Consellería do Mar con respecto a facer os estudos necesarios para acometer melloras integrais no porto de Tupide: dragado do propio porto e melloras de abrigo, modificando o espigón. Ademais, nunha resposta a unha pregunta rexistrada por En Marea no Parlamento de Galicia, a Consellería asegurou que estas 40 prazas son suficientes, cando a falta de prazas de amarre continúa sendo un problema en toda a Mariña.

Dende En Marea amosaron a súa preocupación por que a Consellería non teña en conta a proposta integral de mellora do porto de Tupide, pois nas respostas que nos ten trasladado a preguntas realizadas no Parlamento (a última delas respondida neste mes de outubro) non se pronuncia especificamente sobre a proposta que a Asociación A Ribeira de Foz lle ten remitido con melloras para dito peirao.

Por este motivo, o grupo de En Marea ven de rexistrar unha petición á Xunta para que traslade un cronograma de actuacións para a mellora integral do Porto de Tupide, das súas condicións de calado, abrigo e seguridade.

En Marea presenta o seu proxecto de Lei para configurar un verdadeiro sistema de rendas mínimas no noso país

A deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, presentou o proxecto de Lei que o seu grupo defenderá no vindeiro período de sesións no Parlamento de Galicia para configurar un verdadeiro sistema de rendas mínimas no noso país, “porque precisamos un novo sistema galego de protección social, que sexa verdadeiramente eficaz e inclusivo”. A deputada de En Marea denunciou que actualmente “a RISGA non é máis que un parche”. “Catro anos e medio despois da súa entrada en vigor, a RISGA maniféstase totalmente insuficiente e ineficaz, pola súa escasa cobertura e ínfima contía, a descoordinación interadministrativa, a falta de coordinación efectiva entre servizos sociais e de emprego, a excesiva burocracia, arbitrariedade e opacidade na xestión, a incompatibilidade con outras prestacións de baixa contía ou os duros requisitos para o acceso á mesma” afirmou Vázquez Verao. De feito en 2017, a RISGA só cubriu ao 2 por cento da poboación en risco de pobreza(o 0,38 por cento da poboación galega) e esta prestación deixaba fóra ao colectivo de persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa. Ademais, Galicia ten ante unha das rendas mínimas de inserción de menor contía e cobertura do Estado.

Os obxectivos principais polos cales se aprobaba a Lei 10/2013 – favorecer a inserción laboral – tampouco non foron acadados na medida en que non se desenvolveron os tramos de inserción e transición ao emprego, á espera dun Decreto regulador que, debendo ter sido publicado nos seis meses posteriores á entrada en vigor da lei, a data de agosto de 2018 aínda está en tramitación. “Máis de catro anos despois, a Xunta saca en agosto o proxecto de Decreto, con 15 días hábiles de alegacións, para evitar a contestación social. O Decreto non resolve as principais eivas da RISGA” denunciou. Isto nun contexto de aumento da pobreza e a desigualdade, que se consolida en Galicia, tal como amosa a última Memoria do Consello Económico e Social de Galicia.

En 2017, segundo datos do Consello Económico e Social, os efectos do crecemento da economía a nivel macro, dende 2014, aínda non se fan notar na gran bolsa de persoas en risco de pobreza e exclusión do noso país, especialmente entre as mulleres, os fogares con menores a cargo, a infancia e a mocidade. Así, Galicia configúrase como unha “anomalía do norte” peninsular, cun nivel de risco de pobreza inferior á media estatal pero superior ao entorno no que nos emprazamos. A taxa de risco de pobreza, seguindo o indicador AROPE, en 2017, situábase no 22,6 por cento, o que supón unhas 612.085 persoas.

Coa crise, aumentou o número de fogares sen ningunha persoa perceptora de ingresos, non tendo diminuído o suficiente dende 2015, sendo aínda 34.700 os fogares nesta situación en 2017, ou cunha soa persoa perceptora de ingresos (464.700 vivendas en 2017). O contexto é a caída da poboación activa, de xeito que no 31,7 por cento dos fogares galegos ningunha persoa ten a condición de activa. Ademais, entre os fogares con poboación activa, o 9 por cento dos mesmos ten a todas as persoas en paro. Detrás desta realidade atópase, como salientou Paula Vázquez Verao, a elevada precariedade laboral no País, que fan que o salario medio e as pensións sexan dos máis baixos do Estado.

Así, a crise consolidou novos perfís de pobreza, ter emprego non garante a inclusión social (hai un 15 por cento de pobreza laboral) e os sistemas de protección social tradicionais, vinculados ao emprego, non funcionan. “Os sistemas de protección social do Estado español non son suficientes, hai un debilitamento dos dispositivos tradicionais de protección social e as rendas mínimas non chegan á poboación que as precisa” alertou Verao. A nova realidade da pobreza, marcada pola altísima precariedade laboral e o afondamento das desigualdades sociais,impón a necesidade dun novo modelo de renda que permita verdadeiramente a inclusión social de todas as persoas que o precisan, tamén a aquelas persoas e familias empobrecidas que non se atopen nunha situación de exclusión.

PROPOSTA DE EN MAREA: Unha prestación garantida de dereito subxectivo

A proposta de Renda Social Galega que fai En Marea pretende dar resposta a esta nova realidade da pobreza. O obxectivo é concretar o dereito a unha prestación social de natureza económica e percepción periódica que se configura como unha prestación garantida de dereito subxectivo, vinculada á carencia de rendas, para acadar a promoción da persoa e o seu empoderamento, superando as condicións que a levaron a precisar a prestación. Este dereito será estendido non só ás persoas en inclusión social, senón tamén para persoas e unidades de convivencia empobrecidas, considerando como tal aquelas cuxo nivel de ingresos non acade o 60 por cento da renda media dispoñible familiar.

A proposta de En Marea establece un sistema de renda mínima garantida, en dúas grandes modalidades, compatibles con outras prestacións e rendas. Por unha parte, unha prestación garantida, non condicionada, sen requisito de cumprimento do plan de inclusión social/laboral, destinada a persoas en situación de necesidade; doutra banda, unha prestación complementaria de activación e inserción social, condicionada ao compromiso de seguimento dun plan de inclusión social ou de inserción laboral.

Constátase a insuficiencia dos fondos de inclusión social en Galiza no contexto de gran precariedade laboral e altos índices de pobreza: 0,1 por cento do PIB fronte o 0,4 por cento do PIB e fronte o ideal 2 por cento do PIB. “Falamos dunha cantidade de recursos inxente, si, máis de 1.200 millóns de euros (o Orzamento da Xunta é de 9.371 millóns de euros en 2018). Contrastan os 180 millóns que, en conxunto, a Xunta di dedicar ás funcións de Inclusión Social moi por debaixo da media europea, cos xuros da débeda que ocupan uns 1.200 millóns de euros en 2018.

Ademais, a caída do Orzamento da Xunta de 2009, dende o 18,4 por cento do PIB, ata o 14.8 por cento do PIB en 2018 supón que “a Xunta renuncia a exercer a súa capacidade de redistribución da riqueza, un recorte acumulado que se pode cuantificar en 2.275 millóns de euros”.

“Un sistema ben deseñado de rendas mínimas, que debe ocupar en torno a  un 2 por cento do PIB no investimento público, ten efectos positivos na elevación dos salarios, pola fixación dun solo mínimo de ingresos, e na activación da demanda interna, así como, especificamente, na promoción das economías locais” explicou a deputada de En Marea.

A lei presentada por En Marea conta con disposicións finais que prevén a elaboración, en seis meses, dun mapa social galego, un cronograma de implantación da lei por fases, unha memoria económica e proxecto de elevación das contías a medio prazo e o desenvolvemento dun Decreto regulador da Renda Social Galega, en colaboración coas entidades de iniciativa social e colectivos interesados.

“Precisamos ter un mapa social, pois o Goberno non coñece a situación da exclusión social e do risco de pobreza” remarcou. Hai un estudo de 2014 sobre a pobreza infantil, encargado pola Xunta, que non publicado na súa totalidade nin actualizado, e polo que o grupo parlamentario ten preguntado obtendo da Xunta a resposta de que non existía. “Así é como frivoliza a Xunta coa dramática realidade da desigualdade e a pobreza no noso país” lamentou a deputada de En marea.

“En lugar de tentar agochar a realidade, a Xunta debe explicar como vai dotar á poboación que o precisa dunha renda mínima decente, pois falamos dun dereito a nivel europeo” concluíu Paula Vázquez Verao.

A insostible situación do GES de Guitiriz está a provocar que non podan atender a poboación civil dunha emerxencia

O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a deputada Paula Vázquez Verao, visitaron o Concello de Guitiriz para comprobar de primeira man as condicións das instalacións do GES de Guitiriz que consideraron “insostibles” tanto a nivel de medios humanos como materiais e que lles está a impedir ofrecer unha protección adecuada á poboación. Unha das primeiras denuncias realizadas pola deputada Paula Vázquez Verao é o feito que este grupo está sendo obrigado a realizar tarefas que non lle corresponden como recollida de lixo, limpeza da piscina ou do campo da festa o que ten provocado que en ocasións non puideran atender unha emerxencia. O propio lugar onde están situadas as instalacións do GES é impropio xa que se trata dun lugar de complicada accesibilidade e que non conta con algo tan fundamental como internet, limitándose así a comunicación co 112 a chamadas telefónicas.

A falla de persoal é sen dúbida unha das circunstancias máis graves. Na actualidade o grupo que debería estar composto por 12 efectivos, conta unicamente con 5 na práctica. A isto súmase a mala situación laboral con despedimentos nulos e salarios precarios que a penas chegan ós 800 euros.

A falla de material é outra das grandes deficiencias do GES de Guitiriz que provocou que os propios traballadores tiveran que comprar cos seus propios cartos unha táboa espinal para poder atender ás vítimas de accidentes de tráfico. “Estamos ante unha situación totalmente intolerable” salientou Paula Vázquez Verao.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, considerou inaceptable que se manteña o GES de Guitiriz nunhas condicións que impiden protexer adecuadamente a poboación ao tempo que incrementa de xeito importante o risco tanto para ás persoas que teñen que atender como para os propios traballadores. Por este motivo, o grupo parlamentario de En Marea levará ao Parlamento de Galicia diversas propostas nas que en primeiro lugar pedirá á Xunta de Galicia e a Deputación provincial que exerzan as súas competencias de inspección e verificación de que o GES de Guitiriz está a cumprir as súas funcións.

En segundo lugar instarán a que os medios materiais e as instalacións sexan melloradas ou substituídas para que podan atender de xeito efectivo e adecuado as tarefas que lles están encomendadas. E en terceiro lugar, que se cubran de xeito inmediato as prazas vacantes sobre todo tendo en conta que estamos no período de maior risco de emerxencias.

Finalmente, En Marea fará unha chamada para que as condicións laborais dos integrantes do GES sexan dignas e acabar coa precariedade que sofren na actualidade.

A Comisión de Discapacidade debe convertirse en permanente e lexislativa

A cidadanía con diversidade funcional teñan un maior protagonismo no Parlamento de Galicia. En Marea levará á Cámara unha serie de medidas resultado dunha intensa xornada de traballo na que os distintos colectivos integrados nesa plataforma espuxeron os seus puntos de vista e experiencias aos deputados da formación. Entre estas medidas destaca a creación dunha Comisión Permanente centrada nesta temática para conseguir unha representación mellor dos intereses e da representación das persoas con discapacidades.

ONCE Galicia, FADEMGA Plena Inclusión, COGAMI, FAXPG, FEAFES Galicia, Down Galicia, Autismo Galicia, FEGADACE, FAGAL e ASPACE Galicia foron os colectivos que participaron na xornada de traballo impulsada por CERMI. Entre as tarefas necesidades e reclamacións expostas destacan os incumprimentos no que se refire ás emisións acompañadas de intérprete de signos na CRTVG. E é que, tal e como destacou o presidente de CERMI, Iker Sertucha, “a pesar de que a lei obriga a que o 90% dos espazos das canles públicas dispoñan dos medios necesarios para facelos comprensibles ao conxunto do público, o ano pasado unicamente se ofertaron 284 horas de programación en lingua de signos”.

Desde os colectivos reclamase a posta en marcha dun Plan integral de atención extratéxico de saúde mental. É necesaria unha atención sociosanitaria accesible para todas as persoas con discapacidades para evitar as dificultades das persoas xordas cando teñen que ser atendidas en servizos sanitario pola falta de intérpretes e de coñecemento da lingua de signos.

A deputada por En Marea Paula Vázquez Verao sinalou que se estaban padecendo situacións “intolerables” en casos como a atención de saúde mental que “precisa máis recursos e que non se produzan casos como os rexistrados no hospital de Conxo”.

Para Vázquez Verao “é necesario un concerto social que favoreza a atención e o acceso á mesma e tamén é necesaria a eliminación do copago, que supón unha barreira económica”. Isto está encamiñado a conseguir unha accesibilidade universal en Galicia. Deste xeito, “é necesario que os servizos se presten de maneira integeral universal en todo o país, especialmente nos zonas rurais que padecen un déficit aínda maior destes servizos”, sinalou a deputada.

Nesta liña, e importante mellorar tamén a atención temperá de maneira que está se estenda a todo o país. O primeiro paso sería acabar coa falta de personal das equipas de valoración que ten provocado un retraso estrutural na avaliación que “non se vai solucionar, como pretende a Xunta, coa contratación de equipos para seis meses“, sinalan dende En Marea.

Sobre a mesa quedou tamén a necesidade de melloras no ámbito da atención sanitaria; outro dos aspectos que En Marea levará á Cámara galega por petición de CERMI. Que tamén destacou a necesidade de introducir no ensino profesionais capaces de comunicarse en linguaxe de signos. “Para que a educación sexa inclusiva é necesario que a lingua de signos estea presente nas aulas, titorías e actividades de apoio. É necesario un reforzo para que existan profesionais na aula que a empreguen, de xeito que os rapaces os perciban como referentes” e sexa posible avanzar na integración das persoas xordas e mudas e na normalización da súa realidade.

Os representantes de CERMI tamén destacaron a necesidade de acadar melloras no eido da formación e o emprego. “Hai que continuar traballando para eliminar as barreiras mentais que aínda existen por descoñecemento, reticencias, rexeitamento”. explicou o presidente do comité, que pediu a colaboración de En Marea para facilitar dende o Parlamento de Galicia o acceso e a promoción  laboral das persoas con diversidade funcional. En Marea sinala a necesidade de que se remate coa fenda salarial das persoas discapacitadas. En Galicia, unha persoa traballadora con discapacidade gana 3.500 euros anuais menos que o salario bruto anual medio no país. Paula Vázquez Verao considera que é unha situación que “non pode seguir sucedendo. Pon o énfase En Marea en que deben cumprirse os convenios laborais no sector e non se “pode permitir que se faga negocio a partir do traballo de persoas con discapacidade”.

En Marea tamén pedirá que a CRTVG cumpra dunha vez coas leis de accesibilidade e que se garanta a subtitulación e linguaxe de signos na súa programación.

Aprobada por unanimidade a proposta de En Marea para acometer de xeito urxente as obras de dragado do Porto Chico en Foz

  • Na súa intervención Paula Vázquez Verao salientou que o Porto Chico, ademais da dragaxe, precisa un cambio na súa configuración.

A deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, presentou en comisión unha iniciativa na que se pedía á Xunta de Galicia acometer de xeito urxente as obras de dragado do Porto Chico en Foz, petición que foi aprobada por unanimidade por todos os grupos da Cámara galega. Na iniciativa sinalábase ademais a necesidade de presentar un proxecto, acompañado de datas concretas e partidas orzamentarias, para acometer melloras integrais de calado e abrigo nesta infraestrutura portuaria.

Na súa intervención Paula Vázquez Verao salientou que o Porto Chico, ademais da dragaxe, precisa un cambio na súa configuración, para mellorar as condicións de abrigo e de seguridade. A realidade do Porto Chico, ou peirao de Tupide, en Foz, que sirve de porto deportivo, orixina múltiples prexuízos, pois as embarcacións instaladas no mesmo, que pagan as correspondentes taxas polo atraque, sofren estragos durante os temporais, optando mesmo por subir a terra as lanchas ou trasladalas ao porto pesqueiro como denunciou a deputada de En Marea.

En 2016, a Xunta foi interpelada polas previsións para dragar o peirao de Tupide e a resposta foi que non tiñan intención de facelo porque ningún colectivo o solicitara. Pois ben, a Asociación A Ribeira de Foz si solicitou estas melloras e mesmo ten presentado ante a Consellería do Mar unha proposta de actuacións de mellora do Porto Chico, consistente en modificar o espigón, de xeito que, ademais, melloraría a seguridade da praia de Tupide, pois actualmente as embarcacións acceden ao porto por diante da praia, con situacións de perigo para bañistas.

O dragado está en marcha como explicou Paula Vázquez Verao pero falta cumprir o compromiso da Consellería do Mar con respecto a facer os estudos necesarios para acometer melloras integrais como pedía o grupo de En Marea a través desta iniciativa. Ademais, o grupo interesouse por se a Xunta ten prevista a dotación dalgunha praza de amarre máis nos portos de Foz neste ano 2018, a maiores das 40 previstas.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies