SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Ourense

Este mércores celébrase na Universidade de Ourense un referendo sobre a monarquía ou a República

Javier F. Ferrero

Estudantes universitarios de Ourense convocaron o mércores a partir das 9 da maña no campus de Ourense un referendo sobre a continuidade da monarquía ou o establecemento da terceira República.

Dende o estudantado de Ourense cremos que chegou a hora de decidilo todo“, explican a este medio dende a organización. “Nun momento de repregamento autoritario do réxime do 78, fundamentado en parte nunha monarquía herdada da ditadura, a reivindicación da democracia no seu máis amplo sentido é unha cuestión de suma importancia para as clases populares“, sinalan.

A organización en Ourense reivindica a Democracia en forma de República para poder “decidir sobre o noso tempo e vida, na que a economía estea ao servizo das máis e no que o seu carácter social sexa un eixo fundamental“.

A tenor da realización de este tipo de referéndum sobre a monarquía nos centros de ensino galego, sinalan dende Ourense a idea de que “chegou o momento de devolverlle aos centros de ensino o seu espírito de espazo de debates e de coñecemento crítico, fronte a quen quere convertelos nun lugar de estudio memorístico e cara os intereses do mercado”.

Dende este medio animamos a participación no referendo o día 12 de decembro, de 9:00 da maña as 20:00 da noite, no Edificio de Ferro da Universidade de Ourense.

 

En Marea denuncia o escaso investimento que a Xunta dedica a Ourense e reclama un orzamento que priorice a cobertura de servizos e necesidades sociais

En Marea critica o escaso investimento que, un ano máis, a Xunta de Galicia destinará á provincia de Ourense. A deputada Ánxeles Cuña denuncia xunto ao voceiro de Ourense en Común, Martiño Vázquez, a nula atención que os orzamentos do goberno Feijóo prestan ás necesidades dunha provincia caracterizada polo dispersión xeográfica e o elevado grao de avellentamento da súa poboación. E insta á administración autonómica a optar por unha discriminación positiva que permita reverter a discriminación á que ven sendo sometida a provincia.

Para En Marea resulta evidente que, habida conta do seu elevado grao de avellentamento e a dispersión da súa poboación, os orzamentos da Xunta deberan caracterizarse por unha maior atención á cobertura de servizos, sobre todo en áreas como a educación e o ensino. “As necesidades son maiores, pero o que se fai dende o PP non é para nada ter en conta esa necesaria discriminación positiva”, indica Cuña.

“Tendo en conta o enorme impacto social que tivo a crise nas clases máis desfavorecidas, toda a pobiación en risco de exclusión ou en situación de pobreza enerxética, así como a enorme cantidad xente que chega con dificultades a fin de mes; parece evidente que os orzamentos deberan priorizar estas cuestións, pero non é así”, lamenta a deputada de En Marea, que lembra que “o 70% da poboación de Ourense vive no 17,6% do territorio. O que supón que o outro 30% se atopa disperso. Sen embargo, a Xunta non resolve problemas de transporte ou servizos, básicos para atender esa realidade e contribuír a fixar poboación”.

Para a deputada os orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano non son senón a constatación de que “Ourense continúa sendo a última da fila”, pois é a que menos recibe tanto das distintas consellerías do goberno galego como das axencias dependentes del.

“Ourense é a última con respecto á Axencia Forestal. A pesar de que estamos nunha provincia que arde, é a que conta con menos orzamento, e cunha diferencia ben grande respecto ás demais provincias. Tamén é a última en desenvolvemento rural, así como no que respecta á Axencia de Industrias Culturais”, explica a deputada de En Marea, que tamén criticou as repercusións negativas que o redeseño das áreas de Cultura e Turismo terá para o tecido cultural, “que nos últimos anos xa vivir un recorte de máis de 65%”.

“Con respecto ás Consellerías, Ourense sitúase á cola no que atine a Sanidade, SERGAS, Educación, Economía e Industria e Territorio e Vivenda. Curiosamente, o goberno galego si lle dá a mesma consideración que ás demais provincias no orzamento correspondente á Consellaría do Mar”.

Para Ánxeles Cuña resulta incomprensible que o Partido Popular non teña en conta que se trata “da provincia na que temos as pensións máis baixas do estado, os salarios máis baixos e as mulleres máis castigadas debido á tremenda fenda de xénero existente. Temos altísimos niveis de dependencia e pouquísimas coberturas”, explica a deputada de En Marea, lamenta que a pesar de todo isto Ourense sexa a terceira provincia no que respecta ao gasto provisto en Política Social.

Outro exemplo da discriminación á que o goberno do Partido Popular somete á provincia de Ourense é a escasa porcentaxe de investimento que recibirá a Estación Intermodal ourensá: unicamente 3 millóns de euros, dos 26,16 contemplados para a creación destas infraestruturas na Comunidade. “Para xestión económica, ordenación administrativa, eficiencia enerxética ou equipamentos, cero. Atención primaria: cero, e loita contra as drogas o mesmo”, lamenta Ánxeles Cuña.

A deputada de En Marea desta tamén a falta de profesorado e as carencias con que comezou o curso escolar. Ao igual que as que padece a sanidade. Nese eido, Cuña puxo o foco sobre as modificacións que o PP introducirá a través da Lei de Acompañamento, e que entre outras cousas suporá unha “repercusión enormemente negativa” coa nova modalidade de pediatra de área. ” Resulta inaceptable que se decida algo así sin que existise interlocución directa cos profesionais neste ámbito, que se enteraron polos medios desta modificación”, denuncia a deputada.

Ánxeles Cuña tamén amosou a súa preocupación pola privatización do urbanismo e das explotacións ao introducir unha modificación na Lei de Solo “que abre a porta a que unha empresa ou persoa física poida tramitar e executar expropiacións. Cousa que ata o de agora era competencia da administración”.

Bescansa propón unha “estratexia global” contra a corrupción, que “impide o desenvolvemento económico” de Galicia

A candidata á Secretaría Xeral de Podemos Galicia, Carolina Bescansa, propón unha “estratexia global” que loita contra o caciquismo e a corrupción, que “impiden o desenvolvemento económico” da Comunidade.

Todo iso, dixo este domingo en Ourense, durante un coloquio de conversas celebrado pola deputada tamén no Congreso con inscritos e militantes, segundo informou a súa candidatura “Eu quero futuro para Galicia”, nun comunicado.

Neste contexto, Bescansa expresou que o caciquismo ea corrupción “son sempre inmóbiles” e “non permiten a transformación do modelo produtivo ou a transición enerxética necesaria” Galicia.

Ademais, a candidata a dirixir a Podemos na Comunidade propón un “marco regulatorio que protexe aos denunciantes” e “exclúe da contratación pública aquelas empresas que foron corruptoras de políticos”.

Así, Bescansa subliñou o papel que debe desempeñar a formación nesta loita: “Se hai un acordo entre os caciques, os corruptos e os corruptores, a forza política que mellor representa a loita contra a corrupción é Podemos”.

“Un Podemos forte en Galicia significa un Podemos e unha Galicia forte contra a corrupción”, finalizou Bescansa.

Ourense en Común pide facilitar ao turismo o uso das bicicletas municipais

Ourense en Común defenderá en setembro unha moción coa que solicitará ao goberno unha “maior atención ás necesidades do turista que chega a Ourense, especialmente no tocante á mobilidade  e aos desprazamentos aos puntos de interese para o visitante”.

    En palabras do voceiro do grupo, Martiño Xosé Vázquez, “se de verdade se quere fomentar unha mobilidade máis sostible en detrimento do vehículo privado, no verán sería axeitado ampliar a cobertura do transporte público facilitar o acceso a espazos de atracción turística”.

    Ás críticas ao transporte público, engaden tamén o periplo que supón para o turista optar a facer uso do servizo de bicicletas municipais. “Só poden tramitalo en horario de oficina e perdendo media mañá en diferentes dependencias do Concello”, xa que “nin as propias estacións de bicis nin a Oficina de Turismo facilitan o trámite”.

    Que o turista que chega a Ourense poida “desprenderse do coche e coñecer unha cidade pequena como a nosa de perto e dun xeito sustentable, é unha quimera a día de hoxe”, apuntan desde o grupo.

    Con estas valoracións, o grupo pedirá no pleno de setembro un maior compromiso e mimo“ co turismo, algo que dín é “outra das áreas abandonadas” por este goberno, que perpetúa a parálise con “servizos totalmente paralizados”, poñendo como exemplo que “un verán máis o camping de Untes está pechado, seguimos sen área de autocaravanas, as concesións das cafeterías de Outariz ou o Parque Miño sen sacar a concurso, e un longo etcetera de desinterese e desleixo ao que Jesús Vázquez e o seu equipo nos teñen acostumadas”.

O BNG leva a denuncia da contaminación dos ríos de Ourense ante a Comisión Europea

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a deputada por Ourense, Noa Presas, realizaron unha visita aos ríos Barbaña, Támega e Encoro das Conchas e  anunciaron que o BNG levará “ a contaminación dos ríos da provincia de Ourense ante a Comisión de peticións do Parlamento europeo”.

Tras diversos encontros con asociacións ecoloxistas e de loita contra a contaminación,  a eurodeputada salientou que para o BNG, a provincia de Ourense é unha das provincias galegas con maior riqueza ecolóxica e denunciou que “a mala xestión e a non aplicación das normativas europeas” están a provocar un grave deterioro pola existencia de vertidos, excesos de nitratos, falta de depuración e saneamento.

Ana Miranda comprometeuse a trasladar ao Parlamento europeo a situación das tres áreas visitadas hoxe polo BNG para que a comisión europea de peticións analice o informe dos ríos de Ourense como xa fixo co das rías galegas, lembrou.

A portavoz do BNG en Europa reiterou que Ourense precisa “ríos limpos” polo que, na súa opinión, o Estado e a Xunta teñen a responsabilidade de  iniciar unha auditoría e cumprir coas normativas europeas nesta materia.

A eurodeputada do BNG convidou  á Asociación “Ríos limpos” no mes de decembro para tratar directamente coa Comisión europea a actual situación dos ríos de Ourense. En Bruxelas, dixo, “a asociación poderá expoñer todos os motivos da denuncia de delito medioambiental e esixir unha auditoría para que a normativa se cumpra”.

NEGLIXENCIA DA XUNTA ANTE A CONTAMINACIÓN

Pola súa parte, a deputada por Ourense denunciou a “neglixencia” da Xunta de Galiza por non reclamar do Estado o cumprimento de responsabilidade en materia ambiental  e a arbitraxe de mecanismos propios de “vixilancia, rexeneración e fiscalización” ante a situación de degradación dos  ríos na provincia de Ourense.

Ademais, Presas lamentou que o novo goberno do Estado non amose vontade por cambio de rumbo na xestión  das  confederacións alleas á xestión galega. Ana Miranda tamén se comprometeu a realizar unha nova visita a zona no mes de novembro co fin de recadar máis datos e constatar que foron tomadas as medidas que o BNG demanda contra a contaminación dos ríos en Ourense.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies