SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Olalla Rodil

Feixóo terá que explicar a alianza do PP coa extrema dereita antigalega, racista, machista e homófoba

Desde a Lei mordaza ao “a por eles”, responsabiliza ás forzas estatais da involución democrática e urxe a recuperar dereitos e liberdades. “Daqueles polvos estes lodos”, subliñou a viceportavoz Olalla Rodil

O BNG valorou o “cataclismo” política das eleccións andaluzas tras a eclosión de Vox que, ademais, ten a chave para formar goberno nun territorio con 8,5 millóns de habitantes. Neste sentido, a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, reclamou ao presidente da Xunta que explique canto antes a disposición do PP de aliarse coa extrema dereita antigalega.

“Que lle parece que o PP queira gobernar collido da man da extrema dereita, que lle parece gobernar cunha forza política machista, racista, homófoba, que quere cargarse dereitos fundamentais, unha forza política que nega os dereitos dos galegos e das galegas?”, interpelou Rodil.

O BNG responsabiliza ás forzas estatais do clima de involución democrática que fixo medrar un discurso falso e demagóxico que está detrás destes resultados electorais. “Daqueles polvos estes lodos, enlamaron o debate político e converteron o terreo nunha lameira, iso é o que fixeron os partidos estatais, -e tamén unha parte de medios de comunicación-, empeñados en facerlle a campaña a extrema dereita. Os resultados están aí”, argumentou a viceportavoz.

“Desde a Lei mordaza até o a por eles”, recalcou Rodil, “propiciando unha situación de franquismo sen Franco, na que hai persoas encadeadas por defender ideas políticas, na que cómicos, cantantes ou activistas das redes son perseguidos e xulgados, unha situación na que a Xustiza toca a rebato para defender ao poder económico en detrimento das persoas. Todo isto crea un clima de involución democrática e alimenta o auxe da extrema dereita”.

O BNG está disposto a contrarrestar e a plantar cara a ese discurso antidemocrático e involutivo, “que nos traslada a tempos pasado”. “En Galiza a mellor maneira de facelo é gobernando para as maiorías sociais en lugar de para o poder económico, é construíndo unha sociedade plural, con igualdade de oportunidades para todos e todas, unha sociedade en favor dos valores democráticos, dos dereitos e das liberdades fronte á represión ao autoritarismo e á persecución do que pensa diferente”, explicou.

Rodil tamén chamou a atención sobre o desapego dunha parte moi importante do electorado que decidiu non participar, un 42% dos votantes optaron pola abstención, “evidenciando que ningunha forza política logrou darlle unha alternativa, un dato que debería motivar unha reflexión”. Igualmente, o BNG considera que os resultados electorais ademais da eclosión da extrema dereita, da división da dereita tradicional constata tamén o fracaso das forzas progresistas e de esquerda.

Olalla Rodil esixe dimisións políticas por enchufar nun cargo público á unha familiar de López Abella

O TSXG sentenciou abuso de poder creando unha praza ad hoc en contra do criterio do centro educativo, a Escola de Restauración de Pontevedra

O BNG reclamou á Xunta na Comisión parlamentaria de Educación que dirima responsabilidades políticas e aplique os ceses que correspondan despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ditaminase que houbo abuso de poder por parte da Administración pública creando unha praza ad hoc para enchufar a unha familiar da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, na Escola de Restauración de Pontevedra.

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, explicou que a sentenza do alto tribunal anula a adxudicación dunha praza no concurso xeral de traslados de 2016, “praza concedida a unha familiar da secretaria xeral de Igualdade, que actuou de maneira torcida para colocala”.

Rodil relatou o modus operandi da Xunta para materializar este caso de enchufismo. “Creou unha praza a medida desa persoa que nin sequera fora reclamada pola propia escola, porque o obxectivo da Xunta non era atender as demandas do centro senón garantir un posto de traballo na función pública á cuñada da señora Abella. Para entendernos, unha cacicada”, recalcou.

Segundo recolle a sentenza, “a praza foi ofertada para que fose adxudicada á mencionada persoa cando non existe en Galiza esa especialidade, non é necesaria a mesma, nunca se impartiu na Escola correspondente e a súa incorporación causa graves trastornos á calidade da docencia e ao reparto de materias nos departamentos”.

Afondando neste argumento, o TSXG vai máis aló e sinala que a cuñada da secretaria xeral de Igualdade “integrouse de maneira anómala na función pública galega e con anterioridade xa fora incluída de maneira irregular na listaxe de persoal temporal da Consellaría de Educación da que foi excluída pola reclamación das persoas prexudicadas”.

“Un escándalo, unha cacicada absolutamente inadmisíbel sobre a que xa advertira a Valedora do Pobo, unha actuación ilegal, exemplo claro e flagrante de nepotismo, polo que desde o BNG exiximos a dimisión das persoas responsábeis”, concluíu Rodil sen obter compromiso algún por parte do secretario de Educación, Jesús Oitavén.

La entrada Olalla Rodil esixe dimisións políticas por enchufar nun cargo público á unha familiar de López Abella aparece primero en Contrainformación.

Olalla Rodil critica o veto do PP ás medidas “ambiciosas e inconformistas” do BNG para transformar Galiza

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, non se mostrou moi sorprendida porque o PP, a piñón fixo, aplicase un ano máis o rodillo para vetar 38 das 40 propostas de resolución presentadas polo BNG no debate do estado da nación, pese a ser medidas pensadas para mellorar a calidade de vida dos e das galegas.

“Son propostas ambiciosas e inconformistas, que respiran confianza no país”, salientou Rodil, medidas que reclaman máis poder económico e político, “e só un Goberno acomplexado renunciaría a ter as ferramentas que aportarían un concerto económico para xestionar o 100% dos recursos e un novo marco que recoñeza a Galiza como nación”.

“Díganme señorías do PP, beneficia ou non aos galegos e as galegas incrementar en 100 € as pensións máis baixas? Beneficia ou non crear 8 mil prazas en escolas infantís para que as familias concilien? Que reclamemos os 186 M€ que o Estado nos debe en dependencia? Beneficia ou non destinar 90 M€ á loita contra a violencia machista ou unha tarifa eléctrica propia para abaratar o recibo da luz?”, interpelou Rodil.

Especialmente crítica foi a viceportavoz parlamentaria polo veto do PP ás medidas destinadas a combater as violencias contra as mulleres.

“Non se pode abordar esta loita sen recursos, con propostas sen financiamento, con meros acordos de cara a galería simplemente para quedar ben. As mulleres están fartas de brindes ao sol, queremos compromisos reais que se demostran poñendo recurso enriba da mesa”, argumentou, tras criticar que “once anos despois de aprobar a lei galega contra a violencia de xénero as vítimas aínda non teñan espazos separados dos seu agresores cando comparecen nun xulgado”.

Outra Galiza é posible, salientou Rodil, pero da man doutro modelo produtivo que implica apostar pola I+D+i, -pasando do 1% do PIB actual ao 2,5% en tres anos-, e por pechar os ciclos para xerar valor engadido. Ademais, propuxo multiplicar por tres as bolsas e 30 M€ adicionais para as universidades. O Bloque tamén levou como proposta de resolución a defensa dunha axenda galega ante o Estado, “goberne quen goberne”, que inclúa  a transferencia da AP-9ENCE fora da Ría, devolución do Pazo de Meirás e investimentos para conseguir un tren de proximidade do século XXI.

Reverter os recortes que matan

O BNG tildou de “ofensivo” que o PP proclame que a sanidade e a educación públicas están mellor ca nunca, e considera urxente dar pasos para reverter os efectos dos recortes “que matan”. Así, trouxo á Camara un Plan de mellora da atención primaria e pide unha auditoría do Hospital Povisa “para esclarecer as contas co SERGAS, garantir a asistencia dos doentes e a estabilidade laboral do cadro de persoal sen ceder ningún tipo de chantaxe”, explicou a viceportavoz.

“O benestar dun país tamén se mide pola calidade da súa democracia e polo respecto aos dereitos da súa cidadanía”, indicou Rodil, para explicar as propostas do BNG contra “os ventos de involución que sopran desde as dereitas e desde réxime corrupto”. Reclamou que se investigue o patrimonio da Casa Real e as denuncias por corrupción do Rei emérito, parte dunha institución “anacrónica e antidemocrática”.

A derradeira lección do mestre

Para protexer o dereito a vivir en galego, demanda derrogación da normativa antigalega aprobada polo PP para recuperar o consenso do Plan de normalización lingüística de 2004 e, en aras da mellora da calidade democrática, acabar coa “dedocracia” nuns medios públicos “postos ao servizo de Feixóo” elixindo á dirección da RTVG vía concurso de méritos.

Finalmente, o BNG reivindicou “o dereito do pobo galego a coñecer e valorar a súa historia e a sentirse orgullo dos seus referentes, como Castelao”, en cuxa memoria pide á Xunta facer as necesarias xestións para  adquirir A derradeira lección do mestre. “É unha obriga con Castelao, con Alexandre Bóveda retratado nesa obra, e sería un primeiro paso para a divulgación da súa obra sen manipulacións, nin censuras”, concluíu.

Aprobadas 2, vetadas 38

Das 40 propostas presentadas polo Bloque só dúas superaron o veto do PP. En concreto escaparon ao rolo do PP a iniciativa nº 22 para desenvolver a Lei Paz Andrade e aproveitar os lazos coa lingua e cultura portuguesas, e a nº 25 en defensa dos intereses dos gandeiros e gandeiras galegas diante da reformada PAC.

O BNG presenta corenta propostas para que Galiza conte con máis poder político e benestar social

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e a viceportavoz do grupo parlamentar, Olalla Rodil presentaron as propostas as corenta propostas de resolución ao Debate do Estado da Nación,  distribuídas en seis grandes bloques para que Galiza conte con “máis poder político e benestar social”.

Pontón afirmou que as propostas condensan as ideas para mudar o rumbo e construír unha Galiza máis igualitaria. Neste sentido, avanzou que o BNG agarda que o Debate do Estado da Nación sexa “útil” e  prosperen  unhas propostas de resolución para cambiar, de maneira real, “as condicións de vida das persoas”.

O PARTIDO POPULAR DEBE CAMBIAR O GUIÓN

Para a portavoz nacional do BNG, o PP non debe repetir a posición de anos anteriores aprobando exclusivamente as súas propostas polo que pediu “diálogo” e poñer en marcha as propostas do BNG porque parten, afirmou,  da defensa “doutra Galiza posible” cunha grande capacidade e potencialidade desaproveitada polo goberno de Feixóo. Temos que conquistar “máis poder político e económico para mellorar as condicións da xente”, insistiu a nacionalista.

PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN DO BNG

O BNG proporá ao resto dos grupos unha  “ponencia” para un “novo marco político”, porque Galiza, explicou a portavoz,   é unha nación e ten dereito a decidir o seu futuro no redeseño do Estado.

A transferencia e rescate da autoestrada AP-9, unha tarifa eléctrica galega, un sistema de financiamento xusto cun concerto económico para recadar “nunha facenda galega todos os impostos” e  reivindicou “unha axenda galega ante o Estado” que implique  un cambio na estratexia de Feixóo, unha estratexia, dixo,  que conduciu a Galiza á “irrelevancia política”.

Ademais o BNG aborda un bloque social que priorice a loita contra a violencia de xénero destinando “o 1% dos recursos da Xunta”. No ámbito dos servizos públicos salientou o Plan de mellora na Atención primaria, “unha auditoría” no centro sanitario vigués Povisa e introducir melloras na dependencia e na prestación da RISGA.

Resulta básico, recalcou Pontón, “frear os recortes” polo que reclamou 186 M€ que debe o Estado a Galiza en materia de dependencia, mellorar as situacións do PACs, e incrementar o número de pediatras, médicos e médicas.

NOVO MODELO PRODUCTIVO

As propostas de resolución do BNG neste ámbito buscan frear a emigración baixo dous  eixos: destinar o 2,5% do PIB ata o ano 2020 para poñer a Galiza na senda da innovación e unha  política industrial contra as deslocalizacións de empresas. Non aceptamos, que Feixóo defenda o Xacobeo 21  como  “milagre económico” porque estamos no ano 2018 e Galiza precisa unha aposta sería pola industria, “o apóstolo Santiago non vai solucionar os problemas do noso país”, ironizou a portavoz

CALIDADE DEMOCRÁTICA

A CRTVG, asegurou Pontón  non pode seguir exercendo de “gabinete de  prensa do Partido popular” polo que propuxo “un pacto de país” para rematar cos nomeamentos a dedo da RTVG creando os consellos de redacción e estatuto profesional. Queremos uns medios públicos “veraces, independentes e que falen da Galiza real”.

 Por outra parte, o BNG tamén propón que a Xunta inicie un dialogo para adquirir a  Derradeira lección do Mestre para formar parte do patrimonio galego. Esta proposta, dixo Pontón “repararía a memoria de Castelao e o recoñecemento a Bóveda que entregou a súa vida por este país”.

A nacionalista  rexeitou a “involución democrática” baseada na lei mordaza, persecución da liberdade de expresión e “ privilexios da monarquía”. Pontón anunciou que o BNG defenderá  “investigar á Casa Real” e concretamente as declaracións sobre o Rei emérito, o seu patrimonio e  posibles mordidas  como a do AVE a MECA. A Casa Real, “non pode estar por riba da lei”, concluíu.

Pola súa parte, a viceportavoz do grupo parlamentar, Olalla Rodil  salientou que o Debate do Estado da Nación debe ser “útil” e nesa liña van as propostas do BNG, entre as que destacou: unha fiscalizade máis xusta para dotarnos de máis recursos, gravando ás rendas máis altas e creando un imposto para as grandes superficies comerciais,  bebidas azucaradas e  vivendas baleiras.

Asemade, engadiu que é necesario sacar a Ence da Ría de Pontevedra e intervir no tren de proximidade e xa no aspecto máis  social, incrementar en cen euros as pensións non contributivas, con “40 millóns de euros nun orzamento de 9.000”, reformular a RISGA cun salario de inclusión social, 8.000 prazas en escolas infantís en tres anos, restituír o cadro docente recortado durante estes anos,   incrementar en 30 M€ o plan  de financiamento do sistema universitario galego e triplicar as contías das bolsas universitarias.

Rodil concluíu reclamando a reformulación da Axencia galega de Investigación como recolle unha das propostas de resolución do BNG.

O BNG levará ao debate do estado da nación a “Galiza real” que Feixóo tapa con propaganda

O BNG utilizará o debate do estado da nación para falar da “Galiza real” e analizar cal é a situación do país e dos galegos e galegas tras unha década de Goberno de Feixóo na Xunta.

“Levaremos ao debate a Galiza Real, esa que Feixóo se empeña en sepultar baixo  propaganda e publicidade, abordaremos os problemas reais, da Galiza real”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, “das persoas desempregadas, das traballadoras e traballadores en precario que ven como todo sube menos os seus salarios; das persoas xubiladas, que cobran as segundas pensións máis baixas do Estado; dos dependentes que non reciben a prestación que lles corresponde e do conxunto da cidadanía tras dez anos de desgoberno de Feixóo”.

“Queremos que Feijóo se mire no seu propio espello e vexa as consecuencias reais das súas políticas porque teñen nomes e apelidos”, salientou Rodil, quen espera que o presidente da Xunta “non se intente esconder detrás de Catalunya, nin veña ao Parlamento a para colocarnos a súa versión do discurso de Pablo Casado, ni a sacar coellos da chistera para conseguir un titular de prensa”.

A viceportavoz parlamentaria do Bloque instou ao xefe do Executivo a que demostre a súa preocupación pola subida de impostos empezando por baixar os que el subiu en bens básicos. “Que suprima as subidas que impuxo nos carburantes, que fan que Galiza, tendo unha refinería na Coruña, pague o gasóleo e a gasolina máis caras do Estado”, declarou. E se tanto lle preocupa o incremento de servizos básicos, “que se sume á proposta do BNG da tarifa eléctrica galega e a pedir un IVE superreducido do 4%”.

“Esas si son medidas concretas que permitirían contrarrestar a carga que supón para as familias pagar a factura de servizos básicos como luz ou carburantes, que non deixa de medrar”, alegou.

Rodil destacou que o Bloque vai ao debate do estado da nación “con vontade construtiva, poñendo alternativas aos problemas deste país e da maioría social”. Neste sentido, avanzou que presentará 40 propostas de resolución que, en trazos xerais, xiran arredor de tres grandes bloques: Benestar social, avanzar nun novo marco que dote de poder económico e poder político a Galiza e calidade democrática.

Entre as propostas en materia de benestar social, reclamar os 186 M€ que debe o Estado en dependencia, incrementar as pensións máis baixas en 100 euros mensuais e un salario de inserción laboral equivalente o SMI. Na segunda cuestión, avanzar nun novo marco institucional, con dúas propostas concretas: novo modelo de financiamento, -concerto económico-,  e abrir unha ponencia parlamentaria para avanzar no autogoberno real.

En  relación á calidade democrática, avanzar na recuperación dos dereitos laborais, conseguir unha radio e televisión públicas de todos e todas, “para que deixe de ser o aparello de propaganda do PP”, e traballar na aplicación da memoria histórica, incluída a recuperación do Pazo de Meirás.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies