SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Mina de Touro

O conselleiro de Cultura pon en grave risco o camiño de Santiago e o Xacobeo 2021 para favorecer a mina de Touro

No pleno deste mércores, o conselleiro de Cultura Román Rodríguez despreciou o informe de ICOMOS, organismo asesor da UNESCO, no que lle advirte á Xunta de Galicia que de ir adiante a mina de Touro, o camiño francés perdería o recoñecemento de patrimonio da humanidade. Este organismo internacional levou a cabo un estudo técnico no que demostra os múltiples impactos deste megaproxecto mineiro no camiño de Santiago. Neste informe fálase de impactos visuais, sonoros, perda dos valores identitarios que lle valeron a súa inclusión na lista de bens patrimonio da humanidade, e mesmo da destrucción material do tramo histórico Arzúa-Quión-Amenal.

O conselleiro envalentonouse alegando que as competencias sobre patrimonio pertencenlle á dirección xeral, e polo tanto é este organismo o que debe informar favorable ou desfavorablemente ó proxecto. O que se lle escapa ó conselleiro é que a administración galega non ten competencia nin poder de decisión algún sobre a posible exclusión do camiño como patrimonio mundial.

A asociación Aldea Viva alerta de que ás portas do Xacobeo 2021 non parece responsable poñer en risco un negocio millonario e que contribúe ó desenvolvemento do rural, para favorecer os intereses dunha multinacional estranxeira.

A mineira de Touro reincide e recibe unha nova multa por vertidos de augas residuais a un aflúente do Ulla

A asociación Aldea Viva desvela unha nova multa de Augas de Galicia á empresa da mina de Touro (Explotaciones Gallegas S.L) por unha cantidade de 20.000 euros, apenas unha semana despois de que coñecésemos a sanción de 30.000 euros á mineira polo vertido de augas residuais, que supuxeron segundo a administración “a alteración da calidade das augas por concentración de contaminantes superiores ós límites autorizables”.

No pasado mes de febreiro a asociación medioambientalista anunciaba a comunicación a Augas de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente do desbordamento da balsa mineira situada en Bama (Touro) con resultado de contaminación do río Brandelos (aflúente do Ulla), ó mesmo tempo que censuraba o descontrol e irresponsabilidade da empresa propietaria dos terreos, e que ahora pretende poñer en marcha o proxecto de megaminería. Un mes despois do suceso o conselleiro de Industria, Francisco Conde, informaba da tramitación dun expediente sancionador en resposta a unha pregunta do grupo parlamentar En Marea, xustificando en parte o acontecido polas condicións climatolóxicas, e recoñecendo o desleixo da administración durante todos estes anos.

Agora Augas de Galicia depura as responsabilidades e deixa sen xustificación tanto ó conselleiro Francisco Conde como á mineira de Touro, e asegura que “os episodios de choiva como os acontecidos no pasado mes de Febreiro non son infrecuentes na zona, e constátase que a empresa non tomou ningunha medida preventiva para evitar o vertido polo que se lle incoa este procedemento”.

O organismo público tamén rexeita a argumentación da empresa que intenta eludir as reponsabilidades negando que o vertido ilegal altere a calidade da auga. Neste senso Augas de Galicia afirma que as diferentes analíticas demostran o contrario “logo do desbordamento constátase un incremento notable na concentración de sulfatos no río Brandelos entre augas arriba e augas abaixo do vertido e tamén un incremento moi considerable dos parámetros de Cobre e Manganeso”.

Aldea Viva considera que a resolución destes dous expedientes sancionadores con resultado de culpabilidade a Explotaciones Gallegas S.L deberían ser motivo abondo para que a administración galega rexeite o proxecto mineiro xa que queda constatada a incompetencia e ausencia de responsabilidade da empresa dende que chegou ó municipio, a comezos dos anos 90.

Multan con 30.000 euros á mineira de Touro por vertidos contaminantes a un aflúente do Ulla

A asociación xa viña advertindo que a empresa propietaria dos terreos mineiros, Explotaciones Gallegas S.L, e as autodenominadas “empresas de valorización” que operan nestes terreos, estaba a depositar toneladas de residuos  contaminantes que chegaban ós cursos fluviais.  Alertaban de que a antiga mina estaba a ser usada como un macrovertedoiro co risco que iso supón para o medio ambiente e a saúde pública.

Aldea Viva recibiu esta semana a resolución do expediente sancionador, que finalmente ditou a culpabilidade de Explotaciones Gallegas e imposición dunha multa de 30.000 euros por vertido de augas residuais con alteración da calidade das augas do afluente do Ulla.

Augas de Galicia desmonta as alegacións de Explotaciones Gallegas.

Na resolución do expediente sancionador, o organismo público deixa claro que a excusa da recuperación paisaxística que alega a empresa non lle permite “realizar vertidos contaminantes ó dominio público”. Augas de Galicia concluíu, contrariamente ó que alegaba a mineira, que “as certidumes de Aldea Viva coinciden cos informes dos técnicos de Augas de Galicia”.
Así e todo, Aldea Viva bota en falta que non se impuxeran ao propietario medidas para evitación de novos vertidos.
A pesares de demostrarse os repetidos episodios de contaminación que está provocando esta compañía, os seus responsables optan por tirar balóns fora  a través do principio de autoridade, o cal consiste en non asumir a culpabilidade e tentar desmentir as evidencias científicas con informes partidarios do profesor Felipe Macías, quen presuntamente tería intereses económicos e familiares nas empresas denunciadas.

REVÉS AO PROXECTO DE REAPERTURA DA MINA

A mineira sancionada é a socia principal de Cobre San Rafael, a sociedade que pretende reabrir a explotación de cobre nestes terreos.
Os vertidos ao dominio público hidráulico son un dos principais riscos do proxecto de reapertura da mina, con danos causados que xa se padeceron no anterior período de explotación entre os anos 1973 e 1986, e dende o peche a actividade até a actualidade. A presente resolución, desenmascara en parte as xa cuestionadas actuacións nestes terreos durante os últimos trinta anos por parte da mineira.
Esta resolución é un revés á mineira na súa pretensión de reiniciar a extracción de cobre, que leva meses afanada en campañas de marketing e lavado de imaxe, segundo Aldea Viva.

Aldea Viva denuncia que a administración intentou tapar a desfeita dos propietarios da mina de Touro cunha inversión de diñeiro público no Portapego

Aldea Viva denuncia que a administración intentou tapar a desfeita dos propietarios da mina de Touro cunha inversión de diñeiro público no Portapego A contaminación do río Portapego non pasa desapercibida para calquera que pase polas rúas de Fonte Díaz (Touro).

A escasos 50 metros da coñecida discoteca Dona Dana discorre este regato que leva as súas augas ó río Lañas, afluente do Ulla. Chama fortemente a atención a cor roxiza que presenta, orixinada pola oxidación dos sulfuros procedentes da mina, e a falta de vida reflexada nas herbas queimadas polas augas ácedas nas beiras do río. Isto non ten nada de novo dada a xa coñecida situación medioambiental do municipio provocada polas labores extractivas e a falta de control da administración. O que resulta escandaloso é a cantidade de diñeiro público que se gastou en supostamente solucionar esta situación sen resultado ningún.

Foron diversos os estudos e proxectos que se deseñaron, coa execución de varias obras todas tan infrutuosas como custosas, e sempre pagadas con diñeiro público: dende un proxecto da Deputación Provincial para suposto “saneamento e recuperación do río”, fondos europeos a través de GDR-Ulla-Tambre para suposta “recuperación ambiental, e eliminación de depósitos de metais pesados” até investimentos da Consellería de Medio Rural. En total máis de 300.000 euros gastados nun ridículo treito de trescentos metros de río no núcleo urbano de Fonte Diaz; isto é mil euros de diñeiro público por cada metro, sen mellora algunha.

O CONCELLO DE TOURO GASTA MÁIS DE 20000 EUROS ANUAIS EN RETIRAR OS LODOS PROCEDENTES DA MINA

A herdanza envelenada da antiga mina de cobre de Touro non só deixou importantes danos medioambientais senón tamén económicos. O goberno popular de Ignacio Codesido gastou o ano pasado 24.500 euros na limpeza da rede de saneamento por mor dos continuos colapsos que xeran os lodos e outros materiais procedentes da mina, tal e como anuncia o alcalde na revista municipal.

Estes gastos deberían ser asumidos pola empresa propietaria dos terreos, Explotaciones Gallegas S.L, e non con cargo ó erario público, algo que só se entende dende a suposta connivencia que existe entre a promotora da mina e o alcalde de Touro. Finalmente a asociación medioambiental Aldea Viva considera que o emprego de diñeiro público para tentar paliar os estragos ambientais deixados polas actividades extractivas privadas acaba sendo a norma no noso país; onde, quen contamina NON paga.

As actuacións da promotora da mina de Touro deixan sen auga a aldea de A Santaia

A veciñanza empregaba as augas do río Ameneiro-Lamas para regadío de cultivos e hortas e abastecemento do gando e dun lavadoiro público. Na actualidade este río está gravemente contaminado polo depósito de residuos da mina que desbordan á ribeira.

Read more ...

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies