SUNDAY 24 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: madrid

Luís Bará: “O PP recibiu un toque de Madrid e deu marcha atrás na reclamación de competencias”

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno galego, formulada polo  deputado do BNG, Luís Bará sobre o desenvolvemento da lei de política galega e a demanda ao Goberno central das competencias de Tráfico, circulación de vehículos e seguridade cidadá, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva respondeu que a Xunta non renuncia a novas competencias pero sempre que sexan útiles e financiadas.

Para o nacionalista, a resposta de Villanueva, evidencia o “xesto cara a galería” do Partido popular e do propio  Núñez Feixóo sobre o tope competencial en ámbitos como os xa transferidos a Euskadi e Catalunya. Agora, dixo, “déronlle o toque desde Madrid” e hai que “repregar velas e dar marcha atrás”.

Bará criticou que o Parido popular galego, no goberno dende o ano 2009, non conseguira ningunha transferencia, o balance é “cero patatero” a pesar do goberno amigo de Raxoi e co que sería máis fácil, supostamente, negociar as transferencias. A súa vontade política para conseguir algunha competencia para Galiza, recalcou é “cero”  e os seus anuncios agora chocan cos feitos.

O PP utiliza a escusa dos orzamentos para xustificar a falta de transferencias e insistiu en que o BNG xa denunciou publicamente “o agravio” dos orzamentos do Estado con Galiza. No vindeiro pleno, explicou Bará, teremos oportunidade de debater sobre esta cuestión porque os investimentos e a reclamación de transferencias “non son incompatibles, son complementarias”. Transferencias si, repetiu Bará pero tamén orzamentos “xustos e non discriminatorios para Galiza.”

O deputado recriminou ao director xeral de emerxencias  que tentara xustificar que   as competencias en Tráfico  non son necesarias nin o desenvolvemento da Lei de policía. Os datos de seguridade viaria e accidentes son en Galiza “extraordinariamente preocupantes” e a Xunta ten neste ámbito moita responsabilidade.

Despois da súa intervención, dixo Bará, queda claro que  o goberno non ten intención de avanzar. Vostedes están actuando como un “goberno paria” e aceptando a doutrina “da marcha atrás e da recentralización”. Non escoitei ningunha voz en contra das palabras de Casado cando propón recentralizar competencias, vostedes, sentenciou,  “apoian ese discurso, o discurso da recentralización de competencias”.

Lugonovo alerta do abandono que presenta a zona dotacional de San Fiz

Lugonovo denuncia a calamitosa situación na que se atopa a área urbanizada de San Fiz, especialmente o tramo comprendido entre a Avenida de Madrid e a Escola de Artes.

“As imaxes falan por si mesmas. No canto de céspede, só hai toxos e malas herbas. A maleza domina a maior parte das parcelas nas que se dividiron os terreos e nin sequera se libran deste abandono as escaleiras que dan acceso ao parque infantil, onde a vexetación invade a metade do espazo reservado aos peóns”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación lamenta que o Concello manteña as instalacións neste estado de descoido que tamén é notorio na illa de colectores soterrados ubicada preto do centro de formación. “Hai moitos residuos espallados polo chan o que denota que toda a contorna precisa de maiores coidados e, tamén, que o executivo non ten reparo ningún por dilapidar con esta falta de atención o investimento público que, no seu día, se fixo na zona”.

Pérez Herráiz insiste na necesidade de corrixir a mala imaxe que reflicte unha das principais entradas da cidade polo que insta ao equipo de goberno a limpar e adecentar o lugar debidamente “antes de que as dotacións se boten a perder de forma definitiva”, conclúe a voceira de Lugonovo.

Pontón propón unha axenda galega social, de infraestruturas e de autogoberno ante Madrid

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo balance do período de sesións que confirma un Goberno “sen iniciativa e sen proxecto”, ausente nas propostas lexislativas, -fronte as 7 proposicións de lei que presentou o BNG-, e entre cuxos “logros” figura o incremento exponencial da débeda pública e máis paro. Dez anos de Executivo de Feixóo marcados pola submisión ao Goberno de Raxoi, cun enorme custe para Galiza.

“En materia de infraestruturas  só conseguiu incrementar a estafa das peaxes e o veto á transferencia da AP9, mentres Madrid recibía 4.000 M€ para rescatar as radiais; o veto á tarifa eléctrica, mentres Euskadi ten tarifa propia cun aforro de 50M€ anuais, recortazo de 442 M€ nos investimentos do Estado, cando outros territorios recibían unha choiva de millóns;  e por riba deixaron sen executar 1.000M€ na alta velocidade só entre 2015-2017”, enumerou Pontón.

A dirixente do Bloque tamén citou os 182 M€ que o Estado debe en materia de Dependencia, un sistema de financiamento que fai perder ao país 3.500 millóns de euros anuais e a falta de avances en autogoberno, posto que non houbo nin unha soa transferencia desde 2009. “E  todo sen que Feixóo movera un dedo”.

“Está é a carta de presentación coa que o presidenta da Xunta acode á reunión co presidente do Goberno central”,  explicou Pontón, quen fixo unha dobre reflexión á respecto dese encontro.

“No BNG temos claras dúas cuestións. En primeiro lugar, que Feixóo non pode ir a ese encontro máis preocupado en criticar a Euskadi e a Catalunya que en defender os intereses de Galiza, “porque o problema non é que outros dean pasos adiante senón que levamos dez anos cun Goberno que nos fixo dar pasos atrás”, denunciou, “é como se quen está ao noso lado saca mellores notas e empezamos a darlle cos cóbados en lugar de facer os deberes que nos tocan”.

A segunda cuestión, “que no BNG non queremos pasar de dez anos de submisión a Raxoi a unha escena de sofá Feixóo-Sánchez, na que Galiza é utilizada como arma partidista para o desgaste PP-PSOE”, advertiu Pontón, “porque iso, na práctica, tradúcese en seguir coa discriminación e co agravio aos galegos e ás galegas”.

Para conxurar o risco de pasar da subordinación á utilización de Galiza, o BNG insiste na axenda galega con temas claves de país para defender ante o Goberno do Estado. Unha axenda que Pontón estrutura en tres áreas: Infraestruturas, política social e capacidade de decidir.

A dirixente nacionalista enumerou as principais propostas que deben conformar esa axenda de país. A transferencia da AP9 como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes e un plan de investimentos extraordinario para recuperar os 1.000M€ que o Estado deixou de gastar no AVE e no tren de proximidade entre 2015-2017. Abono inmediato dos 180 M€ que o Estado debe en dependencia, subida das pensións nun país coas segundas prestacións de xubilación máis baixas do Estado e xulgados de violencia de xénero en todas as cidades.

Forzas políticas propias

Igualmente, supresión da prórroga de ENCE, tarifa eléctrica galega e devolución do Pazo de Meirás, de gran simbolismo democrático. No relativo a avanzar no autogoberno, un sistema de financiamento que permita a Galiza decidir sobre como xestionar o 100% dos seus recursos, – a través dun concerto económico-, supresión de normativas como o teito de gasto que limita aos gobernos dos territorios e calendario transferencias como a de portos e aeroportos e policía galega.

En definitiva, “é importante que neste encontro se marque unha axenda ambiciosa de país que nos permita situar Galiza no debate do Estado, porque levamos moito tempo vendo como outros territorios avanzan grazas a que teñen forzas políticas propias que marcan axenda para o seu país, e Galiza non pode seguir perdendo oportunidades. Tras dez anos de submisión, é hora de que Feixóo poña os intereses do país por diante dos intereses do PP”, concluíu.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies