SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: lumes

En Marea lamenta o “ano perdido” pola Xunta de Galicia en materia de loita contra os incendios apostando polo abandono, incompetencia e manipulación durante este ano

O voceiro de En Marea, Luís Villares, trasladouse a Mondariz para facer balance sobre o territorio sobre o problema que continúa a afectar ao noso país como son os lumes, cando se cumpre un ano da vaga de lumes no noso país. “Este foi un ano perdido como demostra o sucedido en Mondariz hai unha semana” afirmou polo que reclamou un plan de territorio para evitar os incendios e lembrando que os lumes non son un problema forestal

“Durante un ano o goberno Feijóo dedicouse a vender fume e non facer nada” denunciou o voceiro de En Marea que salientou tres ideas para definir a actuación da Xunta estes meses: abandono, incompetencia e manipulación. Así, asegurou que no caso dos concellos que máis arderon o pasado ano foron abandonados a súa sorte e non houbo subvencións que chegarán para compensar o dano causado nin a nivel patrimonial nin medio ambiental. Incompetencia ante a imposibilidade de crear un mando único que fose capaz de coordinar os distintos servizos como se acaba de volver en Mondariz.

Por último, manipulación xa que das 30 famosas medidas anunciadas por Feijóo, “non é certo que estean implementadas a día de hoxe senón menos da metade”. Así, Villares denunciou a inexistencia dun mando único operativo, dunha unificación do servizo de extinción de lumes forestais, non se recuperou a superficie agraria útil fundamental para evitar que os lumes cheguen as casas, e algo fundamental, como que non se fixeron nin actuacións encamiñadas a recuperar terreos agrarios nin creación de brigadas de investigación forestal da propia policía xudicial.

Outra das probas da manipulación neste ano foi a creación dunha comisión de investigación no Parlamento que non serviu absolutamente para nada salvo para “branquear a conciencia calcinada dos que o pasado ano non souberon xestionar os recursos de todos e todas”. Manipulación tamén na función de servizo público dos medios de comunicación públicos repetíndose a situación de hai un ano no recente incendio de Mondariz volvendo a ser máis doado manterse informado do que estaba a acontecer por calquera outro medio de ámbito español que nos propios canles públicos de comunicación.

Ante todo isto, En Marea propón unha serie de medidas a impulsar que pasan en primeiro lugar por buscar un verdadeiro pacto polo territorio que teña en conta que é necesario entender o problema no conxunto. “Non é un problema do forestal ou do rural, é un problema de todo o territorio” asegurou Villares. En segundo lugar, investir en prevención e non en extinción xa que non abonda . Así mesmo, destacou a necesidade de garantir a coordinación dos servizos e recursos dispoñibles e por último acabar coa privatización xa que “non pode ser que haxa empresas que se lucren a día de hoxe dos incendios”.

Villares salientou tamén que “vivimos nunha época no que o cambio climático é unha realidade e tamén esixe tomar medidas ao respecto”. “O monte ten que ser una oportunidade multifuncional e sostible e non un monocultivo de eucaliptos, mentres esas políticas sigan sendo preminentes a que vai ser postergada é a cidadanía que vai seguir a sufrir estes incendios” concluíu Villares.

Nas declaracións aos medios de comunicación o voceiro de En Marea estivo acompañado da concelleira de Medio Ambiente de Salceda de Caselas e a tenente de alcalde de Mondariz que ofreceron tamén a súa valoración do acontecido. Así, a concelleira de Medio ambiente de Salceda de Caselas, Carla Pérez, lamentou que tras un ano da vaga de lumes no noso país continúen sen estar en marcha as solucións e demandas dos distintos concellos. Lembra as dificultades e total falla de medios e coordinación vivida hai un ano que rematou co tráxico balance de 910 hectáreas, o 26 por cento do territorio de Salceda de Caselas arderon, afectando especialmente as comunidades de montes. A concelleira referiuse tamén ao período de petición de subvencións que asegurou moitas das peticións foron denegadas. Denunciou a falla de amparo que sufriron ante unha situación catastrófica que asegura a día de hoxe nada se fixo para arranxar.

A tenente de alcalde de Mondariz, Mónica Peralba, referiuse ao gran lume vivido hai unha semana e que era xa o quinto desa semana polo que estaban xa en preaviso desde o Concello. Denunciou que non había ningún hidroavión xa que o que había está na base de Salamanca o que implica unha hora de voo desde alá e outra de volta cuns horarios moi axustados tendo que estar ás 20 horas de volta, cuestións que considerou “moi sorprendentes” xa que este tipo de medios aéreos son moi efectivos na loita contra o lume. Agradeceu de xeito especial a colaboración de todos os veciños e veciñas así como aos distintos profesionais, protección civil e policía local que pese a non estar de servizo acudiron de inmediato ao se decatar da situación.

Mónica Peralba salientou o día despois como un día no que fallou a coordinación por parte do Goberno galego e reclamou un protocolo de actuación que dea solución aos distintos responsables dos concellos. “Hai que activar protocolos que non dependan de ningún conselleiro senón que funcionen por si sos nunha situación de incendio” demandou a tenente de alcalde de Mondariz.

Esquerda Unida denuncia que a Xunta de Galicia segue a suspender na planificación e prevención de lumes

Esquerda Unida demanda un ano máis a implicación da Xunta de Galicia en labores precisas e efectivas de extinción de lumes, así como a prevención dos mesmos, tendo moi presente a vaga de lumes do pasado ano. Se ben o Goberno galego aprobou fai tres meses o Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), este documento deixa ver que “o dispositivo” que prepara o Goberno Galego será moi similar ao de 2017 e o persoal contratado será exactamente o mesmo.

Segundo explica Guillermo Crego, responsable de Estratexias para o Conflito de Esquerda Unida, “os montes arden por múltiples motivos, pero algúns poden evitarse. Entre estes, destaca especialmente a ineficacia da Xunta de Galicia, que inverte o groso de partida orzamentaria, ano tras ano, en medidas de extinción, en vez de gastalo en medidas de prevención”. Neste punto tamén fai fincapé o  informe de Greenpeace “Protexe o bosque, protexe a túa casa”, onde Galicia suspende en “planificación” e “prevención” de lumes, aínda sendo unha comunidade asolagada por incendios forestais.

Outro dos problemas graves é a precariedade que sofre o sector, “este déficit de recursos implica termos medios técnicos limitados e insuficientes das unidades de acción directa contra o lume”, sinala Guillermo Crego. Rematar coa precariedade no sector e establecer un modelo público e único é fundamental na prevención dos lumes. Non entanto, “en vez de aumentar o cadro de persoal brigadista, a Xunta pretende incrementar a carga horaria (ata 12 horas de traballo) e recortar os seus dereitos, cando hai que facer xusto o contrario: mellorar as precarias condicións de traballo e aumentar o persoal”. Precisamente, por esta situación de precariedade laboral que están a vivir os axentes forestais, adscritos á Consellería de Medio Rural, seguen en folga a día de hoxe, aínda que sinalaron que non deixarán de cubrir os servizos mínimos para afrontar a vaga de calor cun 100% de efectivos.

Esquerda Unida ve preciso “transformar as actuais políticas de protección do territorio, de prevención e extinción de lumes, para avanzarmos cara a unha política pública de prevención, protección e conservación do monte galego integral e global, como parte fundamental do noso territorio“.

A formación denuncia de novo “a errática política do PP en materia de lumes e vemos imprescindible traballar nunha Estratexia Integrada da Loita contra o Lume, que abranga nun Plan máis completo e baseado en máis prevención, políticas de xestión que eviten o abandono do monte e dispositivos máis amplos para evitar que se produzan lumes de gran envergadura, así como impulsar medidas de política forestal e progresiva redución de especies pirófitas como os eucaliptos, de protección do noso territorio e conservación do monte galego, en serio perigo por intereses económicos“.

O BNG rexeita o ditame da Comisión Forestal pactado por PP e PSOE por manter a mesma política pirómana

O BNG lamenta que o Goberno da Xunta deixe pasar a oportunidade de dar un xiro de 180 grados na ordenación e na posta en valor do monte para manter no esencial unha política forestal pirómana ao servizo do lobby da industria da madeira moída que, desde fai décadas, impoñen dúas empresas.

Por iso, o Bloque rexeitou o ditame da Comisión de política forestal e loita contra os incendios pactado entre PP e PSOE porque non da a resposta necesaria nin para loitar contra os lumes, -un problema ambiental que mesmo afecta á seguridade das persoas-, nin ofrece unha alternativa para ordenar o territorio apostando por un monte multifuncional e, por tanto, contribuír a frear o devalo do medio rural.

“O cerne do asunto do monte e dos incendios só pode atacarse con medidas que partan do monte coma un ben compartido, coma un patrimonio ecolóxico e social, e non dun concepto produtivista forestal intensivo”, salientou o portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, encargado de defender a posición do Bloque na comisión parlamentaria creada tras a vaga de lume de Outubro. “Deixaron que o mundo rural se esfarelara poñendo o monte ao servizo do lobby da madeira de trituración, cando debe ser tratado como un ben colectivo patrimonio ecolóxico”, denunciou.

A proposta do BNG está estruturada nunha serie de “eixes mestres” que definen o que debe ser  “unha política do monte moderna e acaída ao país que afaste a pantasma do lume e serva á sociedade”, subliñou Rivas.

Como claves desta alternativa os seguintes puntos. En primeiro lugar, ordenación das masas forestais en mosaico con bosques mixtos que avancen cara unha substitución progresiva de especies combustibles por caducifolias, con masas continuas de monte que non superen as 50 hectáreas e as 20 en zonas de alto risco de incendios.

En segundo lugar, potenciar o asociacionismo para superar a extrema atomización da propiedade do monte, pois iso facilita o seu aproveitamento multifuncional facendo que sexa rendible e polo tanto facilitaría tamén que se executasen as imprescindibles franxas de protección. Rivas sinalou que as unidades de xestión forestal, -UXFOR-, son unha ferramenta útil nesa dirección, que xa foron postas en marcha con éxito polo BNG no Goberno bipartito, “e suprimidas despois polo PP por revanchismo”.

Acabar co polvorín

Como terceira proposta, o Bloque demanda unha moratoria na plantación de eucalipto en todo o territorio para delimitar que zonas son aptas e en cales debe quedar prohibido. Igualmente, inclúese a recuperación das 30.000 hectáreas de terras ilegalmente plantadas con esta especie e de todas as terras agrarias reforestadas.

Eixo básico é tamén a remodelación profunda do actual Servizo de prevención e extinción de incendios “que debe estar baixo mando único, ser 100% público, avanzar na profesionalización e formación e dar estabilidade laboral ao persoal”, explicou Rivas, desde a perspectiva de que a ordenación do territorio e a loita contra o lume é un traballo de todo o ano, ano tras ano, se queremos que Galiza deixe de ser un polvorín e poñer o monte ao servizo do país.

O Bloque inclúe nas súa proposta unha defensa clara dos montes veciñais  en man común “por tratarse dunha figura de propiedade comunitaria que debe ser protexida e impulsada”, alegou Rivas, ante o acoso actual a través da imposición de  “falsas débedas, investimentos obrigatorios e incautacións”. “Non aceptamos a estratexia PP-PSOE de converter estes montes en sociedades mercantís produtivistas no mercado forestal ao servizo exclusivo da madeira triturada”, recalcou.

Apagón da RTVG e responsabilidades políticas

Xunto con estas propostas que definen a alternativa do Bloque para ordenar o monte e loitar contra os lumes,  o portavoz nacionalista tamén aportou ao debate dúas cuestións clave pero ausentes no ditame de populares e socialistas: O apagón informativo da RTVG na vaga de lumes de outubro e as responsabilidades políticas por esa catástrofe.

No primeiro, Rivas denunciou que a radio e a televisión de Galiza  incumpriron a súa obriga de servizo público nas horas máis dramáticas e, na segunda cuestión, advertiu que é imposible un cambio de política “co mesmo timonel de fai 17 anos responsable do caos que hoxe hai no monte”.

“O noso Medio Rural ben merece unha oportunidade de vida e a mellor xestión fanna quenes viven en simbiose co medio, coñecedores del, que se senten parte dese medio, útiles nese medio, satisfeitos con ese medio. Fixar poboación nova que imprima dinamismo debe ser a meta. Ese é o reto que desde o BNG nos marcamos”, concluíu.

En Marea presenta 38 emendas ao ditame elaborado polo PP da comisión dos lumes

O grupo de En Marea prenstou un total de 38 emendas con 112 puntos de adición ao ditame elaborado polo grupo do Partido Popular da comisión dos lumes celebrada no Parlamento de Galicia. A deputada Paula Quinteiro e o deputado Davide Rodríguez manifestaron a súa intención de que esta comisión non quede en simple propaganda do PP e poda servir para lograr modificar algunha das cuestións que están a provocar a grave situación que vive o noso país no relativo aos lumes.

Paula Quinteiro asegurou que o ditame presentado polo PP demostrou que a comisión foi “totalmente insuficiente” e quedou en evidencia que “non existe vontade real para levar a cabo transformacións”. “Non é novidoso xa había indicios, exclusión de En Marea e agora, pactando de novo co PSOE sacan adiante as emendas que lles interesan e obviar as voces críticas” declarou Quinteiro. A realidade é que non queren cambiar o modelo pese a estar demostrado que se trata dun modelo fracasado e que está a ser o verdadeiro orixe do problema dos incendios cunha aposta por un modelo forestal cada vez máis privatizado.

A deputada de En Marea referiuse a dúas ausencias relevantes no ditame. A primeira delas que non se contempla aumento de recursos humanos nin económicos para levar a diante estas medidas que propoñen polo que entendese que non se van a levar adiante. E a outra, tampouco existe un mecanismo de control. “O PP non entendeu que o problema das lumes non se pode solucionar sen atallar os problemas estruturais do país” lamentou Quinteiro.

Moitas persoas non foron escoitadas na comisio´n das lumes, significativo tamén que nin Ence nin a Unidade Militar de Emerxencias (UME) aceptarán vir á comisión do Parlamento, “moito terían que calar”.

A deputada de En Marea quixo aproveitar a comparecencia ante os medios para amosar ou seu apoio e solidariedade co pobo grego que estes días sufriu a perda moitas vidas por consecuencia dos incendios. Tamén tivo palabras de alento para os bombeiros e axentes forestais en folga e fixo un chamamento á Xunta a escoitar as súas reivindicacións e ofrecer por fin unhas condicións de traballo dignas.

O deputado Davide Rodríguez pola súa parte lembrou que o ditame foi elaborado en exclusiva polo PP vetando ao resto de grupos e sinalou a obriga na que se veu En Marea de presentar 38 emendas con mais de 112 puntos de adición para tratar de lograr unha mellora da situación. As propostas de En Marea van dirixidas a todos os ámbitos desde á planificación orzamental pedindo máis recursos, pero tamén por exemplo para limitar a simplificación normativa evitando que poda danar ao medio ambiente o feito de outorgar máis facilidades á hora de lograr un permiso. En canto a reordenación de especies forestais, En Marea asegura que chegou a hora xa de parar a plantación de eucaliptos e apostar por reducir a presencia desta especie en zonas de vocación agraria así como en espazos protexidos.

No tema da xestión conxunta do monte, En Marea pide incrementar orzamentos e persoal centros de formación agroforestal e que se inclúa un seguro especifico en caso de perda de pasto a consecuencias dos lumes.

Unha das cuestións irrenunciables para En Marea é que ningún caso se contemple o cultivo enerxético para biomasa. O grupo pide tamén un plan para revitalizar as comunidades de montes en man común fronte ao abandono da Xunta e que se recoñeza como unha titularidade en pe de igualdade.

Un dos puntos máis conflitivos para os deputados de En Marea ten que ver coa intención de crear unha comisión de expertos para dicir como ten que ser o servizo de loita contra incendios xa que para En Marea está máis que claro como debe ser e como debe deixar de ser. Así aseguran que debe quedar fora a operación centinela e o UME e acabar coa privatización de xeito urxente apostando ademais pola formación.

O único xeito para acabar con esta problemática pasa polo desenvolvemento rural e para iso “hai que deixar atrás as políticas que agravan as diferencias entre o rural e o urbano”.

Outras das propostas de En Marea céntranse en se elaboren protocolos específicos de información para á poboación na CRTVG para que manteña informada de xeito constante á poboación no caso dunha emerxencia.

Davide Rodríguez trasladou a disposición do seu grupo aos axentes forestais e medio ambientais en folga que asegura están nunha situación límite cun número de gardas inasumibles e sen medios para desenvolver o seu traballo.

“Non queremos que sexa un documento morto e para iso pedimos que se cree unha comisión de seguimento para vixiar a aplicación efectiva das recomendacións e que debería reunirse como mínimo unha vez ao ano” concluíu o deputado de En Marea.

Mini critica á Xunta pola irresponsábel deixación de funcións nas faixas de protección contra os lumes

O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, criticou a irresponsabilidade da Xunta nunha cuestión de tanta transcendencia como a execución das franxas de protección contra os lumes “nun exercicio de abandono das obrigas propias dun Goberno que se prece, que non é o caso do que preside o señor Feixóo”.

Tras revisar á baixa a normativa sobre as franxas de protección, Rivas denuncia que o Goberno do PP nada fixo para que fosen efectivas salvo botar a responsabilidade nas costas dos concellos e ameazar con multas aos propietarios. “Tiran balóns fóra. Cren que pasando a responsabilidade a propietarios e concellos xa teñen solucionado”, interpelou o deputado na comisión de Agricultura.

Cun monte abandonado e convertido nun polvorín e cun rural cada vez máis despoboado, a actitude da Xunta amosa unha irresponsabilidade temeraria no principal problema ambiental do país, que mesmo afecta á seguridade das persoas, como demostran as recentes e tráxicas vagas de lumes.

“Este é un país con características singulares que necesita un tratamento desde aquí. A supresión das UXFOR, a falta de ordenación do territorio, as franxas de seguridade modificadas á baixa temerariamente. Que foi dos Plans municipais de prevención de incendios nunca esixidos pola administración autonómica?”, denunciou Rivas.

O portavoz nacionalista de Agricultura tamén puxo sobre a mesa o contraste entre as esixencias a particulares e municipios mentres os responsables das grandes infraestruturas do país non compren coas franxas de protección. “A esixencia céntrase sobre concellos e  propietarios, pero que pasa  coas franxas nas liñas do FEVE e do ADIF, están en condicións? E as estradas, autoestradas, autovías? De quen é responsabilidade?”, preguntaba o deputado do Bloque.

O BNG tamén denuncia que a Xunta non pon medios nin orzamentos nin sequera para apoiar aos concellos empeñada nunha estratexia de responsabilizados do cumprimento desta normativa: “Estamos a falar de case 150.000has e as previsións falan dunha xestión inicial de non máis de 20.000”.

Rivas aproveitou a comparecencia en comisión para denunciar que o desbloqueo do Plan Forestal por parte do Goberno e á súa aparición en público antes das conclusións da Comisión dos Lumes “é unha incoherencia e unha cesión aos intereses do lobby da madeira que vén ditando a política forestal do PP, ou mellor dito a falta de política forestal,  desde hai moitos anos”, concluíu.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies