SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Lugonovo

Lugonovo instao ao goberno a incrementar o control sobre a utilización de glifosatos no concello

As empresas que traballan para outras institucións retirando a maleza que invade as estradas e beiravías seguen empregando cantidades inxentes de glifosato nesta tarefa. Así o denunciaba o edil de Lugonovo, Víctor Álvarez Arias, na Comisión de Desenvolvemento Sostible celebrada esta mañá.

“Nos lindes do Parque do Miño, ao carón do mesmo río e da zona de xogos infantís ou nas vías do tren, próximas á estación e tamén ás vivendas, as concesionarias ás que recorre Fomento sí utilizan este tipo de herbicidas para limpar a vexetación que ocupa ás súas infraestruturas. Nas marxes da A6, nas Nacionais, etc este tipo de substancias seguen a estar moi presentes como tamén o está o perigo de exposición para a poboación”, subliña o concelleiro.

“Hai que ter en conta que se trata dun agrotóxico con moito risco para a saúde humana, animal e ambiental e que existen evidencias médicas que o relacionan con enfermidades como os Linfomas Non – Hogkin, malformacións, enfermidades endocrinas, dexenerativas, do sistema nervioso, etc… Ademais nin sequera as altas medidas de seguridade que esixe a súa manipulación poden garantir a súa inocuidade, polo que demandamos ao executivo que extreme os controis e revise concienciudamente os plans de actuación que estas compañías deben presentar ao Concello antes de iniciar os labores para evitar o seu uso ou substituílo por outro tipo de produtos menos nocivos”, indica Álvarez Arias.

Por outra banda, a formación trasladaba un rogo para instalar colectores de reciclaxe selectiva nas inmediacións dos establecementos de hostalaría que se atopan na periferia da cidade.

“Se dende Lugonovo insistimos na necesidade de que os puntos de recollida de lixo do rural estean debidamente acondicionados, naquelas contornas nas que o volume de refugallos se incrementa pola existencia de cafeterías ou restaurantes, cremos que é de obrigado cumprimento que estes negocios dispoñan nas súas proximidades do número e o tipo de recipientes que lles permitan separar correctamente os residuos que xeran” di Víctor Álvarez, que pon como exemplo o caso de varios locais en Ombreiro que deben compartir un único contedor coa veciñanza da zona.

Lugonovo alerta do abandono que presenta a zona dotacional de San Fiz

Lugonovo denuncia a calamitosa situación na que se atopa a área urbanizada de San Fiz, especialmente o tramo comprendido entre a Avenida de Madrid e a Escola de Artes.

“As imaxes falan por si mesmas. No canto de céspede, só hai toxos e malas herbas. A maleza domina a maior parte das parcelas nas que se dividiron os terreos e nin sequera se libran deste abandono as escaleiras que dan acceso ao parque infantil, onde a vexetación invade a metade do espazo reservado aos peóns”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación lamenta que o Concello manteña as instalacións neste estado de descoido que tamén é notorio na illa de colectores soterrados ubicada preto do centro de formación. “Hai moitos residuos espallados polo chan o que denota que toda a contorna precisa de maiores coidados e, tamén, que o executivo non ten reparo ningún por dilapidar con esta falta de atención o investimento público que, no seu día, se fixo na zona”.

Pérez Herráiz insiste na necesidade de corrixir a mala imaxe que reflicte unha das principais entradas da cidade polo que insta ao equipo de goberno a limpar e adecentar o lugar debidamente “antes de que as dotacións se boten a perder de forma definitiva”, conclúe a voceira de Lugonovo.

Lugonovo pregunta para cándo a posta en marcha dos itinerarios escolares seguros

Lugonovo quere saber cando entrarán en vigor os itinerarios escolares seguros, anunciados polo Concello hai case un ano pero sen que, ata a data, se trasladara ningún avance máis sobre a súa posta en funcionamento.

“En setembro de 2017 o goberno asegurou que estaba xa na fase de recollida de suxestións nos centros de secundaria e infantil do municipio porque, na elaboración destes percorridos, terían en conta a opinión tanto de educadores e mestres como das Anpas, das asociacións veciñais e mesmo dos comerciantes e da políca local. Diso van xa 10 meses e nada transcendeu das conclusións deste estudo”, sinala Victoria Esteban Riesco.

A edil da formación lembra que Lugonovo alertara en marzo do ano pasado das circunstancias especialmente graves ás que, ao respecto, se enfronta diariamente o alumnado do Ceip de Albeiros para acudir ás clases.

“Cada xornada, máis dun cento dos seus estudantes, provintes de zonas como a Avenida da Coruña, Garabolos ou a Medusa, sofren unha odisea para chegar sans e salvos ao colexio. A maioría das estradas que poden empregar para desprazarse non dispoñen de beirarrúas, nin de suficientes pasos de cebra, nin de indicadores que os sinalicen e moito menos de iluminación axeitada. E pese a denuncialo e a acadar o respaldo da Corporación para mudar esta situación, segue sen dárselle solución”, lamenta Esteban Riesco.

A concelleira sinala que, con este, serán xa dous cursos os que pasen sen ter tomada ningunha medida para corrixir estas deficiencias, algo que, a xuízo de Lugonovo, debera ser prioritario. “Se agora que hai vacacións o executivo non aproveita para efectuar todos estes traballos, dá a entender que non ten vontade de acometelos”, sinala Victoria Esteban quen tamén insiste e instaurar o calmado de tráfico na zona de Montirón onde se concentran varias instalacións docentes.

Lugonovo insta ao goberno a reforzar o cadro de persoal de servizos sociais

Os beneficiarios das axudas de emerxencia social pasaron de ser 1357 no ano 2015 a 1465 en 2017, un exercicio no que 12.214 persoas precisaron, ademais, algún tipo de axuda dos Servizos Sociais do Concello, demostrando, a xuízo de Lugonovo, que o percorrido da crise económica dista moito de ter rematado aínda.

Fronte ao importante volume de expedientes e consultas que se xestionaron nas últimas anualidades, o Grupo Municipal subliña que, en cambio, o número de profesionais encargados de tramitalos foi sempre o mesmo “o que, en certa medida, explica a destacada incidencia de baixas que rexistra este departamento e que, hai tan só catro meses, afectaba a un terzo do seu persoal”, refire a voceira.

“Catro traballadoras de baixa médica dun total de 12 indica, salvo que non se queira ver, que a carga laboral que soportan resulta inxente e que o equipo está ao bordo da saturación”, di Perez Herráiz.

Ante esta realidade, Lugonovo solicítalle ao goberno que proceda á contratación de máis efectivos coa fin non só de paliar este déficit que arrastra a área de Benestar senón tamén de mellorar a calidade asistencial que desenvolve a administración.

Por outra banda, a portavoz da formación cre que xa é hora tamén de que se revisen os protocolos e mecanismos cos que opera este servizo para gañar en axilidade e eficacia.

“Agora mesmo, todo o relativo a cada caso só pode ser consultado e xestionado exclusivamente polo traballador que o ten asignado, o que xera importantes transtornos para o usuario e demora a resolución das prestacións que solicita. Atrasos – apunta Cristina Pérez – que se agravan nestas datas debido a que as quendas de vacacións non se cubren”.

Este é só un dos motivos que, para a agrupación, fai imprescindible a implantación da Historia Social Única Electrónica con “absoluta inmediatez”.

“Boa parte dos concellos da provincia contan xa con esta ferramenta dixital que permite, aos distintos organismos públicos, ter acceso á información máis relevante dos historiais dos usuarios. Un sistema que, en Lugo, consideramos  resulta fundamental, en tanto axudaría a reducir prazos e facilitaría os labores burocráticos”, engade a voceira.

O historial electrónico no só permite xerar e asinar dixitalmente os informes normalizados e arquivalos, senón tamén envialos de xeito telemático ás unidades tramitadoras para a súa consulta, posibilitando unha atención máis proactiva pola que Lugonovo cre, cómpre facer unha aposta definitiva.

LUGONOVO ADVIRTE QUE OS PANEIS INFORMATIVOS DOS PARKINGS LEVAN MESES INOPERATIVOS

“Resulta, cando menos, curioso, que só funcione correctamente aquelo que dá beneficio económico pero non así o que é de servizo para a cidadanía”.

Cristina Pérez Herráiz denuncia que os paneis informativos sobre a ocupación dos parkings soterrados levan meses inoperativos mentres que a parte publicitaria destes soportes se segue comercializando.

“A instalación destas estruturas foi unha mellora que se incluíu dentro do contrato dos reloxos e termómetros municipais, sen embargo, parece ser que non quedou ben determinado a quén correspondía o seu mantemento de maneira que o resultado é que non o asuma ninguén sen que, ademais, á administración lle preocupe, o máis mínimo, emendalo”, subliña a voceira de Lugonovo.

Pérez Herráiz insiste en que o estacionamento “segue a ser unha das grandes eivas da cidade e, “por se a falta de prazas non fora inconvinte dabondo, agora hai que engadirlle que os condutores descoñecen a dispoñibilidade real de espazo nestas intalacións o que contribúe a dificultar, áinda máis, a mobilidade urbana”.

A portavoz da formación insta ao executivo a asumir o arranxo coa fin de que recuperen a súa utilidade, especialmente nunhas datas nas que o número de visitas á capital se incrementa, ao tempo que tamén solicita mellorar as advertencias para que os turistas saiban que, pese a manterse as máquinas da Ora na rúa, este sistema xa non está en vigor e non é preciso pagar por aparcar na vía pública.

Do mesmo xeito, dende o Grupo Municipal, suxiren empregar o mobiliario urbano existente como son as marquesiñas do bus, os mupis ou mesmo as traseiras dos postes antes mencionados para divulgar a programación cultural organizada polo Concello, coa fin de aumentar a súa difusión e de ampliala aos barrios da capital, “no canto de permitir que sexa unha empresa a que rendabilice os bens institucionais sen contraprestación algunha para a cidadanía”, conclúe Cristina Pérez.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies