SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Lugo

Protestas pola celebración dunha corrida de touros en Sarria (Lugo)

Decenas de persoas asistiron en Sarria (Lugo) á protesta convocada en contra da celebración dunha corrida de touros, a única este ano que se celebra en Galicia fóra da cidade de Pontevedra, último bastión galego pro-touradas.

Preto de 150 participantes xuntaronse desde as catro a tarde na rúa Castelao, fronte ao lugar no que se instalou a praza de touros nunha leira privada.

A protesta estivo organizada pola asociación ‘Sarria sen Touradas’, que denunciou que xa se produciu un intento de celebrar unha corrida de touros na localidade en San Xoán, pero da que os seus promotores desistiron ante o “movemento veciñal”.

Dende a organización ‘Galicia, Mellor Sen Touradas’ denunciouse que “o circo taurino de Sarria evidenciou que non existe un apoio real ás corridas de touros na localidade, onde o PSOE se puxo de perfil para avalar, de forma implícita, unha actividade cruel“.

En Marea denuncia desabastecemento nos comedores escolares que xestiona Gescor na provincia de Lugo

Paula Vázquez Verao lembra que En Marea propón a xestión directa dos comedores escolares porque a privatización dos mesmos provoca peores menús e numerosas irregularidades.

En Marea preguntará no Parlamento de Galicia pola situación dos comedores escolares na provincia de Lugo, cun inicio de curso no que se rexistraron desabastecementos que afectaron ás comidas dos escolares e que tiveron que ser solventados mercando as traballadoras os alimentos e facendo bocadillos para o alumnado. En Marea reclamará explicacións á Consellería de Educación sobre estes comedores xestionados polo Grupo Gescor, sobre que noticias ten a consellería sobre esta situación e sobre as medidas que tomará para evitar que volvan darse casos nos que os alumnos poidan pasar sen comer.

A deputada de En Marea por Lugo, Paula Vázquez Verao, sinalou que hai numerosos casos de comedores escolares na provincia de Lugo que rexistraron incidencias nos comedores escolares. Entre eles, salientou o sucedido no IES Basanta Silva, de Vilalba, no que o pasado 18 de setembro foi o persoal do servizo o que tivo que improvisar para garantir que os alumnos puidesen comer.  As traballadoras tiveron que mercar os alimentos.  No mesmo centro, o día 19, o alumnado xantou a base de bocadillo por falta de previsión, véndose afectados por esta situación medio cento de alumnos e alumnas.

Vázquez Verao sinalou que dende o Sindicato Labrego Galego se apuntaron incidencias similares no inicio de curso en centros como o  IES Fonmiñá (A Pastoriza), no IES Enrique Muruais (A Pontenova) ou no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, en Lugo, co comedor desabastecido o que provocou problemas nestes centros para que o alumnado puidese comer con normalidade. Fóra da provincia,  o mesmo martes día 18 de setembro viviuse unha situación similar de desabastecemento no colexio Bergantiños en Carballo.

O Grupo GESCOR xa foi obxecto de outras denuncias similares no resto de Galiza, entre as que rexistran a falta de pago de nóminas ao persoal do comedor, débedas a provedores e deficiencias na xestión do comedor, tanto no cobro a persoas usuarias como a falta de menús adaptados ou falta de material para prestar o servizo. A empresa foi sancionado con 17.000 € por parte da Xunta.

Ademais de preguntar no Parlamento de Galicia sobre esta situación concreta, En Marea propón que a consellería debe recuperar a xestión directa dos servizos de comedor posto que é un servizo esencial na Educación e a privatización do mesmo non deixa de acarrear peores menús, incidencias e irregularidades e falta de control por parte da Xunta.

Preguntas dirixidas á Consellería de Educación

– Non considera a Xunta que o Grupo GESCOR está a incumprir as condicións de prestación do servizo de comedor?

– No caso do IES Basanta Silva de Vilalba, ten constancia a Xunta de falta de funcionamento das neveiras?

– Ten constancia a Xunta das irregularidades na prestación do servizo de comedor escolar por parte do Grupo GESCOR na provincia de Lugo, con motivo do inicio de curso 2018-2019?

– Que actuacións ten previsto a Xunta adoptar ante esta situación?

– Vai a Xunta recuperar a xestión directa do servizo de comedor escolar?

En Marea denuncia o deterioro da atención sanitaria que os recortes do goberno de Núñez Feijóo están a provocar nas zonas rurais

O voceiro de En Marea, Luís Villares, visitou os centros de saúde de Pontenova e Meira en Lugo onde puido comprobar como a Xunta de Galicia está a impor unha continuada redución de servizos na sanidade no ámbito rural. No caso concreto de Pontenova non se vai cubrir unha das prazas de médico alegando que a ratio é suficiente pero a dispersión demográfica e o avellentamento da veciñanza require duns coidados médicos que non se están a cubrir. Existe tamén unha praza de celador que tampouco se está a cubrir e provoca que moita xente maior teña que se trasladar ao centro para pedir cita e facer determinadas xestións que podería facer doutro xeito se esa praza estivese cuberta.

No centro de saúde de Meira, que funciona de forma continuada para atender a toda a comarca, vive unha situación similar. O voceiro de En Marea sinalou a necesidade de contar cun segundo equipo médico completo para dar servizo a toda a poboación. Pero tamén é preciso cubrir unha praza de enfermeiro que está vacante neste momento.

“Non se lle pode pedir á xente que viva no rural cando despois non se lles ofrece servizos básicos como é o dereito á atención sanitaria proxima, vital para salvar vidas e que agora mesmo non se está a producir” denunciou Luís Villares.

Unha situación que non é exclusiva na montaña de Lugo senón que se está a repetir por todo Galicia e que se está a agravar no verán co peche de camas nos hospitais, peche de servizos de pediatría en distintos lugares do noso país que está a provocar unha perda de dereitos e deterioro da calidade de vida das persoas que viven no rural. Ante isto que fai o goberno de Núñez Feijóo? absolutamente nada” remarcou Luís Villares polo que anunciou a intención do seu grupo de continuar a loitar ata lograr que a toda a poboación galega teña os mesmos dereitos e calidade de vida independentemente da zona na que viva.

Lugonovo instao ao goberno a incrementar o control sobre a utilización de glifosatos no concello

As empresas que traballan para outras institucións retirando a maleza que invade as estradas e beiravías seguen empregando cantidades inxentes de glifosato nesta tarefa. Así o denunciaba o edil de Lugonovo, Víctor Álvarez Arias, na Comisión de Desenvolvemento Sostible celebrada esta mañá.

“Nos lindes do Parque do Miño, ao carón do mesmo río e da zona de xogos infantís ou nas vías do tren, próximas á estación e tamén ás vivendas, as concesionarias ás que recorre Fomento sí utilizan este tipo de herbicidas para limpar a vexetación que ocupa ás súas infraestruturas. Nas marxes da A6, nas Nacionais, etc este tipo de substancias seguen a estar moi presentes como tamén o está o perigo de exposición para a poboación”, subliña o concelleiro.

“Hai que ter en conta que se trata dun agrotóxico con moito risco para a saúde humana, animal e ambiental e que existen evidencias médicas que o relacionan con enfermidades como os Linfomas Non – Hogkin, malformacións, enfermidades endocrinas, dexenerativas, do sistema nervioso, etc… Ademais nin sequera as altas medidas de seguridade que esixe a súa manipulación poden garantir a súa inocuidade, polo que demandamos ao executivo que extreme os controis e revise concienciudamente os plans de actuación que estas compañías deben presentar ao Concello antes de iniciar os labores para evitar o seu uso ou substituílo por outro tipo de produtos menos nocivos”, indica Álvarez Arias.

Por outra banda, a formación trasladaba un rogo para instalar colectores de reciclaxe selectiva nas inmediacións dos establecementos de hostalaría que se atopan na periferia da cidade.

“Se dende Lugonovo insistimos na necesidade de que os puntos de recollida de lixo do rural estean debidamente acondicionados, naquelas contornas nas que o volume de refugallos se incrementa pola existencia de cafeterías ou restaurantes, cremos que é de obrigado cumprimento que estes negocios dispoñan nas súas proximidades do número e o tipo de recipientes que lles permitan separar correctamente os residuos que xeran” di Víctor Álvarez, que pon como exemplo o caso de varios locais en Ombreiro que deben compartir un único contedor coa veciñanza da zona.

Lugonovo alerta do abandono que presenta a zona dotacional de San Fiz

Lugonovo denuncia a calamitosa situación na que se atopa a área urbanizada de San Fiz, especialmente o tramo comprendido entre a Avenida de Madrid e a Escola de Artes.

“As imaxes falan por si mesmas. No canto de céspede, só hai toxos e malas herbas. A maleza domina a maior parte das parcelas nas que se dividiron os terreos e nin sequera se libran deste abandono as escaleiras que dan acceso ao parque infantil, onde a vexetación invade a metade do espazo reservado aos peóns”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación lamenta que o Concello manteña as instalacións neste estado de descoido que tamén é notorio na illa de colectores soterrados ubicada preto do centro de formación. “Hai moitos residuos espallados polo chan o que denota que toda a contorna precisa de maiores coidados e, tamén, que o executivo non ten reparo ningún por dilapidar con esta falta de atención o investimento público que, no seu día, se fixo na zona”.

Pérez Herráiz insiste na necesidade de corrixir a mala imaxe que reflicte unha das principais entradas da cidade polo que insta ao equipo de goberno a limpar e adecentar o lugar debidamente “antes de que as dotacións se boten a perder de forma definitiva”, conclúe a voceira de Lugonovo.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies