SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Goberno

Noa Presas: “Grazas ao PP, os galegos e galegas pagaremos a factura da luz máis cara do Estado”

A portavoz de Industria e enerxía, Noa Presas afirmou hoxe que Galiza, unha vez máis, resulta discriminada pola política enerxética “imposta desde o Estado e polos anteriores gobernos do Partido popular”. Neste sentido, denunciou que “grazas a inacción do goberno de Núñez Feixóo, os galegos e galegas pagaremos a factura da luz máis cara do Estado.”

Durante os últimos anos, explicou a deputada, o BNG  advertiu no Parlamento que Galiza, a pesar de ser produtora de electricidade sairía gravemente prexudicada da reforma da lei do sector eléctrico e trala aprobación do Real decreto do ano 2012, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade  aprobado polo goberno de Rajoy e recorrido polas eléctricas e finalmente acadaron sentenzas favorables.

O GOBERNO GALEGO NON REACCIONOU

En execución das sentenzas, foron aprobadas diferentes ordes que o “goberno galego tardou en recorrer” amosando “unha pésima xestión” e a falta de interese da Xunta por iniciar negociacións co Estado na busca  dunha solución que non prexudicase a Galiza, explicou a nacionalista.

Para a deputada, que Galiza sexa obrigada a pagar 38 M€, 20 euros na factura da luz, demostra que o goberno de Núñez Feijóo “non fixo os deberes a tempo e mentiu cando negou que Galiza non pagaría”, agora constatamos, dixo, Noa Presas, que o “borrador de Orde do Goberno central para executar as sentenzas encarecerá a nosa factura”.

En opinión da deputada do BNG, o borrador da Orde en materia de tributación,  “atenta contra as competencias galegas”, representa “un novo roubo para seguir engordando o negocio do oligopolio eléctrico” e  vulnera “o autogoberno galego”.

Con esta orde “Galiza é que máis perde en todo o Estado”. Somos menos do 6% da poboación do Estado e imos pagar máis que Madrid que triplica esta porcentaxe. “Galiza pagará 38M€ e Madrid, 2,5 M€” volveu a recalcar a parlamentaria nacionalista para quen aínda hai marxe para negociar se o Partido popular ten vontade política e abandona a postura de votar sistematicamente en contra das iniciativas presentadas polo BNG para abaratar o recibo da luz en Galiza.

O BNG PIDE UNHA NEGOCIACIÓN BILATERAL

En Galiza exportamos o 35% de electricidade  e resulta  “un atraco a mano armada” a suba da factura aos consumidores e consumidoras galegas. Presas anunciou que o BNG rexistrará no Parlamento galego diversas iniciativas para que “Feixóo asuma a súa responsabilidade e estude todas as vías de negociación bilateral co Estado” sobre o borrador de orde e esixir  ao Estado que “asuma o custo que lle pretende imputar a todos os galegos e galegas”.

Finalmente, a portavoz de industria e enerxía do BNG negou que no Estado exista “unha tarifa única” e volveu  reivindicar “unha tarifa eléctrica galega” que beneficie á empresas e persoas consumidoras porque Galiza, dixo,  non se beneficia de ser produtora, ao contrario, “vai pagar a factura máis cara do Estado español”, concluíu.

ACE presentou un documento na Audiencia Nacional que acredita implicación de Sotelo e Gómez Millán na trama Massó

Dende a Alternativa Canguesa de Esquerdas, a sistemática, provocadora, falsa e difamatoria do PP contra o concelleiro do urbanismo son unha constante que ten como único obxectivo conseguir a máxima da propaganda nazi: unha mentira mil veces repetida convértese en verdade; por iso é necesario deixar claro quen é Sotelo e a que xoga o PP.

A gran verdade de Massó

A única verdade que non se vai tapar por moito que o PP o intente difamando ao concelleiro de urbanismo do goberno actual, é que foron eles, o PP de Sotelo quen asinaron un convenio urbanístico en 2004 que rematou na Audiencia Nacional por evidentes indicios -por non dicir probas de delito-, proceso que aínda hoxe segue en marcha e por riba o Concello de Cangas ten unha débeda de case dous millóns de euros con Residencial Marina Atlántica, que por desgraza non os vai pagar Sotelo e os seus bos xestores senón o pobo de Cangas.

Unha modificación puntual

Con moito esforzo e loita, o pobo de Cangas conseguir tombar o PXOM; foi no 2006 cando Sotelo e os seus colegas do PP levaron adiante unha modificación puntual para salvar o pelotazo urbanístico en Massó. Afortunadamente o escándalo estaba tan destapado que morreron no intento.

Todo isto non é unha invención nin da Alternativa Canguesa de Esquerdas nin da concellería de urbanismo, pois está todo documentalmente acreditado, constando nas actas municipais. Casualmente non hai absolutamente nada que acredite as barbaridades do PP que acusa á actual concellería de urbanismo. Ao contrario, a Alternativa Canguesa de Esquerdas se incorporou diante da Audiencia Nacional para acreditar información destas artimañas do PP; onde tamén presentamos un documento que acredita a implicación de Sotelo e de Gómez Millán -exconcelleiro de urbanismo-  na trama de Massó, e nos reservamos a opción de facer este documento público se a asesoría xurídica así nolo aconsella.

Dende a Alternativa Canguesa de Esquerdas temos claro que a ningunha persoa decente de Cangas se lle pode ocorrer que a xestión da UA-27 se vaia dar sen o consenso do grupo de goberno, e moito menos considerar calquera proposta que non vaia na dirección de salvagardar o interese público como prioridade absoluta. Polo demais, a equipa de goberno, xa ten decidida que Massó vaise ordenar de acordo co PXOM, independentemente do modelo de xestión urbanístico que se considere máis conveniente para Cangas.

Para rematar, dende Alternativa Canguesa de Esquerdas, que nada temos que esconder, para que esta ou calquera outra polémica, xa se trate de núcleos costeiros, centros comerciais -lembrámoslle ao PP o caso Mercadona-, infraestruturas sanitarias ou calquera outro tema como o de Massó ou Aldán, retámolos a un debate público, aínda que xa sabemos que a súa covardía e desvergoña llo impiden, que dean a cara e non se escondan e notas falsas e acusacións desesperadas polo medo que teñen a non poder vivir e corromperse coa política.

En Marea denuncia o deterioro da atención sanitaria que os recortes do goberno de Núñez Feijóo están a provocar nas zonas rurais

O voceiro de En Marea, Luís Villares, visitou os centros de saúde de Pontenova e Meira en Lugo onde puido comprobar como a Xunta de Galicia está a impor unha continuada redución de servizos na sanidade no ámbito rural. No caso concreto de Pontenova non se vai cubrir unha das prazas de médico alegando que a ratio é suficiente pero a dispersión demográfica e o avellentamento da veciñanza require duns coidados médicos que non se están a cubrir. Existe tamén unha praza de celador que tampouco se está a cubrir e provoca que moita xente maior teña que se trasladar ao centro para pedir cita e facer determinadas xestións que podería facer doutro xeito se esa praza estivese cuberta.

No centro de saúde de Meira, que funciona de forma continuada para atender a toda a comarca, vive unha situación similar. O voceiro de En Marea sinalou a necesidade de contar cun segundo equipo médico completo para dar servizo a toda a poboación. Pero tamén é preciso cubrir unha praza de enfermeiro que está vacante neste momento.

“Non se lle pode pedir á xente que viva no rural cando despois non se lles ofrece servizos básicos como é o dereito á atención sanitaria proxima, vital para salvar vidas e que agora mesmo non se está a producir” denunciou Luís Villares.

Unha situación que non é exclusiva na montaña de Lugo senón que se está a repetir por todo Galicia e que se está a agravar no verán co peche de camas nos hospitais, peche de servizos de pediatría en distintos lugares do noso país que está a provocar unha perda de dereitos e deterioro da calidade de vida das persoas que viven no rural. Ante isto que fai o goberno de Núñez Feijóo? absolutamente nada” remarcou Luís Villares polo que anunciou a intención do seu grupo de continuar a loitar ata lograr que a toda a poboación galega teña os mesmos dereitos e calidade de vida independentemente da zona na que viva.

Lugonovo instao ao goberno a incrementar o control sobre a utilización de glifosatos no concello

As empresas que traballan para outras institucións retirando a maleza que invade as estradas e beiravías seguen empregando cantidades inxentes de glifosato nesta tarefa. Así o denunciaba o edil de Lugonovo, Víctor Álvarez Arias, na Comisión de Desenvolvemento Sostible celebrada esta mañá.

“Nos lindes do Parque do Miño, ao carón do mesmo río e da zona de xogos infantís ou nas vías do tren, próximas á estación e tamén ás vivendas, as concesionarias ás que recorre Fomento sí utilizan este tipo de herbicidas para limpar a vexetación que ocupa ás súas infraestruturas. Nas marxes da A6, nas Nacionais, etc este tipo de substancias seguen a estar moi presentes como tamén o está o perigo de exposición para a poboación”, subliña o concelleiro.

“Hai que ter en conta que se trata dun agrotóxico con moito risco para a saúde humana, animal e ambiental e que existen evidencias médicas que o relacionan con enfermidades como os Linfomas Non – Hogkin, malformacións, enfermidades endocrinas, dexenerativas, do sistema nervioso, etc… Ademais nin sequera as altas medidas de seguridade que esixe a súa manipulación poden garantir a súa inocuidade, polo que demandamos ao executivo que extreme os controis e revise concienciudamente os plans de actuación que estas compañías deben presentar ao Concello antes de iniciar os labores para evitar o seu uso ou substituílo por outro tipo de produtos menos nocivos”, indica Álvarez Arias.

Por outra banda, a formación trasladaba un rogo para instalar colectores de reciclaxe selectiva nas inmediacións dos establecementos de hostalaría que se atopan na periferia da cidade.

“Se dende Lugonovo insistimos na necesidade de que os puntos de recollida de lixo do rural estean debidamente acondicionados, naquelas contornas nas que o volume de refugallos se incrementa pola existencia de cafeterías ou restaurantes, cremos que é de obrigado cumprimento que estes negocios dispoñan nas súas proximidades do número e o tipo de recipientes que lles permitan separar correctamente os residuos que xeran” di Víctor Álvarez, que pon como exemplo o caso de varios locais en Ombreiro que deben compartir un único contedor coa veciñanza da zona.

O BNG apoia a frota do xeito e pide a reapertura inmediata da pesquería da sardiña

O sector do xeito pide a reapertura inmediata da pesquería da sardiña pechada sen ningún tipo de xustificación porque se trata dunha arte de pesca artesanal que non ten impacto ambiental, alega a frota, e denuncian que o peche decretado polo Goberno central coincide no peor momento posible da campaña de captura de xouba e sardiña.

Así o explicou o alcalde de Rianxo, Adolfo Muiños, -un dos concellos de maior frota do xeito-, tras o encontro celebrado hoxe no Parlamento con BNG e co resto dos grupos da oposición.

“É un momento clave porque se pesca en fresco e se da o tamaño axeitado da xouba para abastecer ás conserveiras, senón a campaña queda arruinada”, declarou, tras pedir “que se anule a prohibición”. “Pedimos a reapertura inmediata para salvar esta campaña, porque imaxinen xogueterías ás que se lles prohibe vender xoguetes en pleno Nadal, pois aquí pásanos algo semellante, é o momento clave para o xeito, para a xouba e para a sardiña”, indicou Muíños.

Pero ademais desta petición unánime e inmediata o sector, indicou o alcalde de Rianxo, reclama unha solución de futuro e permanente, que pasa por excluír á frota do xeito do sistema de cotas, dado o carácter sustentable desta pesca artesanal.

“Precisamos dunha vez por todas que este o sector quede excluído do sistema de cotas porque é insignificante o que pescan os 400 barcos do xeito en comparación co que pesca un só barco de calquera outra arte. Nun só día unha embarcación con outra arte pode pescar o que toda a frota do xeito nun ano”, recalca.

Igualmente, axudas para o sector mentres a pesquería estea pechada e que a Xunta exerza as competencias previstas no Estatuto en materia de augas internas, “que as goberne a Xunta  e que as decisións se tomen desde aquí e desde o consenso”.

A situación é especialmente grave na Ría de Vigo porque ao peche da pesquería súmase a cuestión da toxina que deixa a moitos barcos sen alternativa. “Por iso pedimos unha liña de axudas para compensar polo prexuízo do peche e mentres o xeito non poda volver pescar. Son reivindicacións moi xustas que deben chegar aos ouvidos de quen ten que tomar as decisións, porque non hai nada que xustifique este peche”, concluíu.

Pola súa parte, a portavoz de Pesca do BNG, Montse Prado, trasladou todo o apoio da formación nacionalista ao sector e lembrou que o Bloque vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias, nas que subliña tamén o carácter artesanal da frota de 427 embarcacións do xeito e dunha ducia de racús, cuxas artes minimizan o impacto ambiental e se caracterizan polo seu carácter de pesca sustentable.

Prado criticou a inacción política da Xunta pese a ter competencias exclusivas sobre a pesca nas rías e nas demais augas interiores, tal e como establece o artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e, en consecuencia, pode regular sen inxerencias a pesca artesanal como é o caso do xeito. E sumouse á petición de abrir unha liña de axudas para garantir as rendas dos tripulantes afectados.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies