SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Galiza

Esquerda Unida denuncia o abuso e a situación de acoso inmobiliario por parte da Xunta de Galicia a unha anciá de Ourense

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, e Rubén Pérez, secretario de Organización de Esquerda Unida, veñen de presentar esta mañá na Fiscalía unha denuncia á Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF) pola negación de delitos de lesa humanidade cometidos polo réxime franquista e enaltecemento da figura do ditador.

“Tal e como anunciamos o 11 de setembro en rolda de prensa, e despois de telo consultado cos nosos servizos xurídicos, vimos de denunciar na Fiscalía á Fundación Francisco Franco por delitos de odio e pola negación de crimes de lesa humanidade do franquismo, todo nun marco actual onde o goberno central está a permitir que se sigan a organizar actos de exaltación do fascismo”, explica Solla.

Respecto a isto, “seguimos a pasar por riba da Lei de Memoria Histórica” que, aínda de ser exigua, “o noso goberno central non está a cumprir”. Ademais, a día de hoxe, “vimos de coñecer o anuncio da Fiscalía Anticorrupción que pide a condena do PP por financiación ilegal”, polo tanto, “os mesmos que se lucran do que é de todas e de todos non protexen á cidadanía, inciden na polarización do conflito e permiten a creación dun clima perigoso”. Dende Esquerda Unida consideramos que isto non debe ser tolerado, por iso presentamos esta denuncia na Fiscalía.

Respecto á denuncia, Rubén Pérez explicou que “pedimos que a Fiscalía investigue estes feitos e, para iso, nós presentamos unha serie de probas, tales como algunhas entrevistas a cargos da Fundación FNFF”.

“Afortunadamente hai precedentes en Europa, polo que nós tamén pensamos que unha das instancias a apelar debe ser á Unión Europea (UE). As declaracións dos cargos desta Fundación, en calquera outro país da UE, e dentro da xurisprudencia de delitos humanos, non sairían impunes, por iso pedimos que aquí tamén se estudien”. Neste senso, o secretario de Organización de Esquerda Unida incidiu na importancia de “evitar actos de exaltación do fascismo, tales como a exhibición de bandeiras fascistas ondeando como se foran bandeiras normais, e estamos a falar de algo moi grave”, remata.

A denuncia na Fiscalía á Fundación Franco que vimos presentar está sustentada en novas e declaracións de cargos da Fundación constitutivas de presuntos delitos de aldraxe ás vítimas do franquismo e negación de crimes de lesa humanidade que non teñen cabida, corenta anos despois, neste país.

Ampliación: 

Tras recibir a denuncia da formación política este luns 9, o día 11 (mércores) abríronse dilixencias de investigación para determinar se nos feitos denunciados hai indicios de delito. En caso de localizar estes indicios durante a investigación, a Fiscalía presentará unha querela ante o xulgado de garda e, de non ser así, decretaría o seu arquivo.

É inconcibíbel que nunha Galiza que produce electricidade a esgalla estean en risco 400 empregos en Alcoa

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, trasladaron ao comité de empresa de ALCOA que teñen ao BNG detrás para loitar pola continuidade da factoría da Coruña. Ademais de instar a unha participación masiva na manifestación deste sábado, o Bloque pide a comparecencia urxente do Goberno no Parlamento para acordar unha posición de país.

“Nin A Coruña, nin Galiza poden permitirse unha nova sangría no sector industrial, porque estamos falando de 400 postos de traballo e tamén dun sector estratéxico para a economía do país, e non imos permitir que unha multinacional ou os intereses das eléctricas poñan en risco centos de empregos e o futuro do país”, salientou Pontón, tras cualificar de “disparatado” o marco normativo enerxético no Estado.

Pontón tamén deixo claro que este asunto ten solución se hai vontade política. “A solución é política, depende da política que a factoría siga producindo e xerando emprego no país”, indicou a líder do Bloque, “por iso urxe que o Goberno da Xunta compareza no Parlamento para ter unha posición de país e mandarlle a mensaxe a ALCOA de que usaremos todos os mecanismos institucionais para evitar que peche alegremente despois de espremer os nosos recursos”.

Ana Pontón e Jorquera en ALCOA

“É indignante que vivindo nunha Galiza que produce electricidade a esgalla teñamos a empresas en risco polo prezo da factura eléctrica e que iso se produza mentres vemos como Euskadi acaba de blindar a tarifa eléctrica vasca, -euskopeaxe-, que lle permite as súas empresas aforrar 120 M€ anuais e ser máis competitivas. Por iso é inconcibible que se siga vetando unha tarifa eléctrica galega que dea estabilidade a sectores estratéxicos”, argumentou.

Con todo, o urxente, -indicou-, é conseguir que a multinacional retire o ERE de extinción que ten enriba da mesa e elimine a ameaza real de peche, “por iso facemos un chamamento a participar masivamente na manifestación porque é importante que ALCOA e os diferentes gobernos sintan que hai un sociedade implicada en evitar o peche da fábrica e salvagardar os postos de traballos”.

A Coruña, máximo consenso político e social

Pola súa parte o candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, salientou que para a cidade “é básico non renunciar ao seu sector industrial porque é estratéxico para a cidade e a súa comarca”.

Un sector minguado despois de que empresas que foron emblemáticas na cidade pechasen ou acabaran en mans foráneas, -Fenosa, R, Banco Pastor, Caixa Galicia-, “e agora non pode pecharse Alcoa que foi motor dese desenvolvemento industrial e que foi unha empresa pública durante décadas”.

“A nivel local, desde o BNG procuraremos o máximo consenso entre todas as forzas políticas e axentes sociais para evitar o peche desta factoría, porque nos xogamos o futuro dunha comarca que debe aspirar a ser motor económico de Galiza e ten no sector industrial un sector estratéxico ao que non pode renunciar”, concluíu Jorquera, tras unha reunión co comité de empresa da factoría ao que tamén asistiu o deputada pola Coruña, Xosé Luís Rivas, e o responsable local, Manuel Méndez.

O BNG pide que os traballadores e traballadoras de Meirama teñan voz nas negociacións co Goberno central

A deputada do BNG, Noa Presas reclamou “unha postura de país” cara un modelo de transición enerxética. Advirte do risco do peche da central de Meirama no 2020 se incumpre os requisitos da norma de transición enerxética e pide a participación dos traballadores e traballadoras na negociación co Goberno central.

A nacionalista explicou que a proposición non de lei do BNG debatida hoxe, na comisión de Industria, céntrase en Meirama porque encontrámonos, dixo, “en tempo de desconto” pola proximidade do ano 2020 e as informacións aparecidas en diversos medios de comunicación confirman a nosa alarma: “Gas Natural non aclara o futuro da Central de Meirama e se non acomete con urxencia as obras de transformación para adaptase á Directiva de Emisión Enerxética, terá que pechar”.

A transición enerxética é unha obriga de futuro e esta medida “nin é nova nin sorpresiva”.O BNG xa denunciou a “limitada capacidade de decisión e intervención de Galiza, pola falta de soberanía e incapacidade dun goberno que non actuou de maneira anticipada para abordar as esixencias do marco comunitario”.

Neste ámbito, afirmou “o Goberno galego mirou para outro lado” e non se esforzou en facer cumprir a lei no que atinxe a: impacto negativo no medio ambiente pola emisión de CO2 e gases acidificantes e a pesar de respirar ese aire “pagamos máis pola factura da luz que unha persoa madrileña” cando Galiza é produtora de enerxía.

Presas recalcou que as empresas deben cumprir a normativa e facer os investimentos necesarios e o goberno galego debe negociar para que Meirama non quede atrás e peche no 2020.

Por outra parte, lembrou que Meirama aproximase a datas criticas coa Directiva de Emisións Enerxéticas (DEI) e os cumprimento dos límites de emisión a partir do 1/07/2020, é dicir, nesa data “a Central ten que estar xa transformada e estímase que as obras podan durar, como mínimo, ano e medio”. De non de non facelo acóllese á Exención Vida Útil Limitada, que lle permite un funcionamento de 17.500 horas ou, como máximo, até o 31/12/2023.

“O tempo pasa e os obxectivos fixados e comprometidos, a nivel europeo polo Estado español para o 2020 están cada vez máis cerca”, advertiu a nacionalista.

A portavoz de industria do BNG concluíu a súa intervención reclamando constituír un Grupo de Traballo para a Transición Enerxética de ámbito galego no que se impliquen as administracións, centros de investigación e desenvolvemento económico e enerxético, e colectivos sociais para definir e deseñar a planificación dun modelo galego de transición enerxético a aplicar na próxima década.

Os votos do Partido popular impediron que a proposta defendida pola deputada Noa Presas prosperara.

Respaldo da esquerda da Eurocámara a Ana Miranda como relatora dunha resolución de condena do franquismo

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acadou o respaldo de tres grupos de esquerda da Eurocámara –Verdes-ALE, GUE-NGL e S& D Socialistas– como relatora dunha “Resolución sobre o avance do neofascismo en Europa”, xunto a eurodeputada italiana Eleonora Forenza e a sueca Soraya Post. Esta Resolución, consensuada onte polos tres grupos, votarase na sesión plenaria do Parlamento Europeo do vindeiro 24 de outubro en Estrasburgo. “Ese día o Parlamento Europeo terá a oportunidade de retratarse e dicir alto e claro de que lado está: do lado da democracia ou do fascismo”, subliña Ana Miranda.

A Resolución, que partiu da iniciativa da eurodeputada Eleonora Forenza tras o ataque que sufriu por parte dun grupo de neofascistas o pasado mes de setembro, inclúe diversos casos que afectan ao Estado español, considerados como “liñas vermellas” pola eurodeputada do Bloque. Neste sentido, para Ana Miranda, resulta “imprescindible” que o documento recolla como caso condenable a denuncia que a familia Franco presentou contra os activistas que ocuparon pacíficamente o Pazo de Meirás en agosto do 2017 para reclamar a devolución deste inmoble. Ao respecto, o grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo do que Ana Miranda forma parte xa condenou expresamente esta actuación da familia do ditador.

A proposta da eurodeputada do BNG -que forma parte do grupo Verdes-ALE- o documento tamén recolle a solicitude de ilegalización de asociacións, fundacións e grupos que exaltan o fascismo e o nazismo –entre as que se atoparía a Fundación Francisco Franco-, en cumprimento coa Directiva Marco para combater certas formas e expresións do racismo e a xenofobia. Neste sentido cita os 309 casos de violencia xenófoba que recolleu SOS Racismo no seu informe de 2016 ou o ataque ao Centro Cultural Blanquerna.

Val dos Caídos

Asemade, a decisión do Congreso de retirar os restos de Franco do Val dos Caídos é outro dos elementos defendidos no texto, no que se pide ás autoridades que “eliminen efectivamente todos os símbolos ou monumentos restantes que exaltan o levantamento militar, a Guerra Civil e a ditadura de Franco e pide que aqueles que non poidan ser eliminados, estean suxeitos á necesaria contextualización e reinterpretación”.

Ana Miranda afirma que esta resolución “é froito da preocupación pola normalización dos discursos fascistas e racistas en Europa e polo aumento das medidas antidemocráticas que limitan os dereitos. Fronte a esta situación non podemos quedar de brazos cruzados. Temos que actuar e impulsar que os Estados Membros tomen medidas que poñan freo a esta violencia, pois contra o fascismo, tolerancia cero”.

En Marea consegue que o Parlamento inste á Xunta a incluír no seu orzamento unha partida para vixilancia de praias

O Parlamento instará á Xunta de Galicia a incluír no seu orzamento para o ano que ven unha partida destinada á vixilancia de praias. Deste xeito, o goberno galego deberá tomar parte activa, por vez primeira, no control do furtivismo que ata este momento asume de xeito unilateral o sector marisqueiro.

En Marea conseguiu este xoves que os grupos da Cámara galega apoiasen de xeito unánime a súa proposta para que a Xunta de Galicia dote de medios públicos propios á loita contra o furtivismo. O executivo autonómico deberá así incluír no seu orzamento para o ano que ven unha partida destinada á vixilancia e control dos areais. Unha tarefa para a que os colectivos de mariscadoras da Comunidade levan tempo reclamando apoio.

En Marea consegue así avanzar cara un obxectivo importante para as Confrarías e o sector marisqueiro, como é liberar da impropia carga que supoñen as tarefas de vixilancia das praias para o colectivo de mariscadoras; e conseguir que éstas pasen a ser efectuadas por traballadores públicos.

“A substracción de recursos nas praias en período estival é importante, pero en termos cuantitativos trátase dun problema menor”, explica a deputada Paula Quinteiro; que conseguiu que a emenda para forzar ao goberno galego a dotar de medios económicos á loita contra o furtivismo se incluíse nunha proposta do Partido Popular para controlar o coñecido como furtivismo de bañador.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies