SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Galiza

En Marea pide unha actuación inmediata da Xunta ante o anuncio dun ERE temporal de dous anos nas factorías de Ferroatlántica

 Ferroatlántica vén de comunicar aos seus traballadores a posta en marcha dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego por dous anos nas suas factorías. Para En Marea este anuncio supón un incumprimento das condicións das concesións das centrais, que especifica que se concede a mencionada concesión para garantir a viabilidade das factorías de Cee e Dumbría e require unha actuación inmediata por parte da Xunta.

“Ante esta situación, a Xunta de Galicia ten que intervir para exixir a Ferroatlántica que cumpra coas condicións da concesión e garantice a viabilidade das tres factorías en Cee, Dumbría e Sabón”, reivindica o deputado Francisco Casal, que considera imprescindible unha auditoría dos beneficios extraídos da explotación das centrais hidroeléctricas e a exixencia de que se invistan prioritariamente no desenvolvemento e mellora da competitividade das factorías galegas de Ferroatlántica en vez de dedicarllos a outros negócios da empresa”. 

Aínda non se coñece a cantos traballadores da plantilla fixa afectará, pero de maneira inmediata xa suporá a perda duns cen postos de traballo pola non renovación dos contratos eventuais e a rescisión de contratos das empresas auxiliares. “As excusas da empresa, xustificadas na baixada das axudas de interrumpibilidade e os baixos prezos do ferromanganeso e silicomanganeso nos mercados, son totalmente inadmisibles tendo en conta as características de autoproductor que ten a compañía, o que lle permitiría abastecerse de electricidade a custos moi inferiores as do mercado”, sinala Casal.

Para En Marea detrás deste anuncio está o “negocio fabuloso que fai Ferroatlántica vendendo a enerxía no mercado no canto de abastecer as suas propias factorías, condición que sustenta a concesión das centrais, que se abastecen dun ben público como as augas dos ríos Xallas e Grande que os galegos lles cedemos en concesión precisamente para garantir a viabilidade das factorías”.

Segundo o deputado Francisco Casal,o complexo Cee-Dumbría-Centrais Hidráulicas xerou en 2018 uns ingresos de entre 35 e 40 Millóns de euros. “A baixada de prezos do Ferromanganeso e silicomanganeso, tampouco é unha causa suficiente, xa que a empresa o segue a producir trasladando esta producción as suas factorías en Francia e en Noruega adquiridas cos beneficios obtidos cos rendimentos das centrais hidráulicas da Costa da Morte”, denuncia e engade que “é intolerable que os rendementos das centrais no canto de garantir a viabilidade das factorías de Cee e Dumbría fagan xusto o contrario coa permisividade da Xunta de Galicia”.

Por outra parte,  as condicións da concesión obrigan a empresa a investir en Galicia nun plan industrial que debería garantir tamén a viabilidade e incluso a potenciación da factoría de Sabón que produce o demandado silicio metal base da fabricación de paneis solares fotovoltáicos.

Luís Bará: “O PP recibiu un toque de Madrid e deu marcha atrás na reclamación de competencias”

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno galego, formulada polo  deputado do BNG, Luís Bará sobre o desenvolvemento da lei de política galega e a demanda ao Goberno central das competencias de Tráfico, circulación de vehículos e seguridade cidadá, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva respondeu que a Xunta non renuncia a novas competencias pero sempre que sexan útiles e financiadas.

Para o nacionalista, a resposta de Villanueva, evidencia o “xesto cara a galería” do Partido popular e do propio  Núñez Feixóo sobre o tope competencial en ámbitos como os xa transferidos a Euskadi e Catalunya. Agora, dixo, “déronlle o toque desde Madrid” e hai que “repregar velas e dar marcha atrás”.

Bará criticou que o Parido popular galego, no goberno dende o ano 2009, non conseguira ningunha transferencia, o balance é “cero patatero” a pesar do goberno amigo de Raxoi e co que sería máis fácil, supostamente, negociar as transferencias. A súa vontade política para conseguir algunha competencia para Galiza, recalcou é “cero”  e os seus anuncios agora chocan cos feitos.

O PP utiliza a escusa dos orzamentos para xustificar a falta de transferencias e insistiu en que o BNG xa denunciou publicamente “o agravio” dos orzamentos do Estado con Galiza. No vindeiro pleno, explicou Bará, teremos oportunidade de debater sobre esta cuestión porque os investimentos e a reclamación de transferencias “non son incompatibles, son complementarias”. Transferencias si, repetiu Bará pero tamén orzamentos “xustos e non discriminatorios para Galiza.”

O deputado recriminou ao director xeral de emerxencias  que tentara xustificar que   as competencias en Tráfico  non son necesarias nin o desenvolvemento da Lei de policía. Os datos de seguridade viaria e accidentes son en Galiza “extraordinariamente preocupantes” e a Xunta ten neste ámbito moita responsabilidade.

Despois da súa intervención, dixo Bará, queda claro que  o goberno non ten intención de avanzar. Vostedes están actuando como un “goberno paria” e aceptando a doutrina “da marcha atrás e da recentralización”. Non escoitei ningunha voz en contra das palabras de Casado cando propón recentralizar competencias, vostedes, sentenciou,  “apoian ese discurso, o discurso da recentralización de competencias”.

ABELEDO APOIA AS PROPOSTAS SOBRE O EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE RECOLLIDA DE RESIDUOS SÓLIDOS DO CONCELLO DE NARÓN FEITAS POLO COMITÉ DE EMPRESA

André Abeledo apoia todas as achegas que o presidente do Comité de Empresa de Urbaser S.A. na súa actividade de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos e limpeza pública viaria do concello de Narón ( actual concesionaria do servizo ),  fixo chegar ao Equipo de Goberno mediante un escrito rexistrado o 8   de xaneiro de 2019. Escrito onde os representantes dos traballadores fan unha serie de propostas relativas ao expedinte de contratación do servizo.

Abeledo tamén esixe que o Concello de resposta por escrito aos representantes dos traballadores, posto que a día de hoxe aínda non o fixo. Xa que son as traballadoras e traballadores e os seus representantes sindicais os que mellor coñecen o seu traballo e as súas necesidades.

Parte das achegas do Comité de empresa son as seguintes:

No artigo 9  do prego de cláusulas administrativas particulares que han de rexer a contratación da prestación dos servizos de recolleita de residuos urbanos e limpeza viaria no concello de Narón ( revisión de prezos ), establecese o seguinte :

 variación de los costes salariales pactados en el Convenio Colectivo del sector de saneamiento público, limpieza viaria, riegos, recogida, tratamiento y eliminación de residuos, limpieza y conservación de alcantarillado. Si dicha variación fuera superior al incremento experimentado por la retribución del personal al servicio del sector público conforme a las Leyes de Presupuestos Generales del Estado (PGE), se tomará este último índice como referencia. “.

A actualización de prezos tendo en conta os incrementos salariais do convenio estatal do sector, ou se é menor o incremento das retribucións do persoal ao servizo do sector público, tendo en conta o mesmo, pode supor un problema na negociación colectiva do convenio de centro de traballo vixente na empresa, pois estaría de facto, limitando os incrementos do mesmo, limitando así de xeito indirecto o dereito à negociación colectiva.

Polo tanto neste sentido entendemos sería mais correcto ter en conta os incrementos salariais pactados no convenio colectivo de centro de traballo aos efectos da revisión de prezos.

 

CUSTES DE PERSOAL.

En relación aos custes de persoal, os cálculos feitos para os mesmos deben incluír os custes das axeitacións das xornadas. Así mesmo, deben incluír os gastos derivados da cobertura de Its, vacacións, e calquera cobertura temporal de persoal.

 

CATEGORÍA PEÓN-CONDUTOR

No convenio colectivo non existe a categoría de Peón-Condutor, polo que non ten sentido a inclusión desas prazas nos pregos,  pois colisiona coa potestade da negociación colectiva para definir os grupos profesionais.

 

CATEGORÍA ENCARGADO

No convenio colectivo non figura esta categoría.

Esquerda Unida denuncia que as políticas do PP levan a ter un mercado laboral mermado, precario e en constante destrución de emprego indefinido

Segundo o Ministerio de Emprego, en Galicia o paro sube en 5.505 persoas, aínda que os datos revelan que o número de afiliacións á seguridade social descende ata 13.738 persoas, debido a diferentes factores, tales como o desánimo, a emigración ou unhas condicións laborais que non son atractivas. Dende Esquerda Unida vemos preocupadas como nestes anos, “o mercado laboral galego segue a diminuír e manifesta un serio problema, xa que a destrución de emprego de calidade substitúese pola creación de traballos precarios que, en moitos casos, non chegan para cubrir as necesidades básicas das familias”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla.

Segundo o último informe da EAPN, sobre o Estado da Pobreza en Galicia, o índice Arope cifra que case o 23% da poboación, unhas 612.000 persoas, están na pobreza o en risco de caer nela. “As políticas do PP seguen a destruír o emprego indefinido en Galicia onde máis do 90% dos contratos son temporais e a creación de novos empregos é moi irregular, polo que hai que facer unha seria reflexión sobre o nefasto modelo produtivo que temos imposto polo dereita e moi afastado do que precisamos para Galicia”, apunta Solla.

“O modelo de perpetuación do emprego temporal e de miseria está asentado tamén nas privatizacións e nos recortes constantes nos servizos públicos. Un exemplo desta pésima xestión é o caso da sanidade galega, onde o persoal sanitario reclama que se atenda as súas demandas para dar unha axeitada calidade de servizo; motivo polo que este sábado acudiremos á mobilización na defensa da sanidade pública coa fin de acabar coa precariedade laboral e recuperar todos os servizos e centros privatizados”, remata a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Ante a incapacidade do goberno de xerar emprego de calidade, defendemos que a inclusión ao mercado laboral das persoas con dificultade para acceder ao mesmo podería solventarse aplicando o modelo de emprego garantido proposto por Esquerda Unida, que pasa pola creación directa dun millón de postos de traballo en todo o Estado.

Veciños de Miramontes acoden á inauguración da variante de Aradas para protestar contra o vertedoiro

Esta maña ás 12:30h tivo lugar a inauguración da nova variante de Aradas. Ao acto acudiron veciños de Miramontes, de Compostela, Cruz Vázquez Veiga, presidenta de FERUSA en representación de todo o rural compostelán, e membros da Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago de Compostela – Miramontes, en sinal de protesta contra o vertedoiro da cidade e ao que tamén chegan residuos doutras zonas de Galicia.

Aproveitando a presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, achegáronse ata alí en actitude pacífica, pero con mascarillas que facían referencia aos cheiros que soportan día si e día tamén e portando unha pancarta que rezaba “Sr. Feijóo, vertedoiro de Miramontes sen control”.

O texto da pancarta tiña todo que ver coas derradeiras declaracións da directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Cruz Ferreira, que hai uns días asegurou que “en Galicia non existen vertedoiros incontrolados”.

“Á marxe da xerga política, nós queremos facer constar que o vertedoiro de Miramontes peca de falla de control. Por moitas inspeccións que proclamen facer, o certo é que no vertedoiro non existe un control rigoroso de entrada de residuos, e así é como se chegou a superar amplamente a cantidade de materia orgánica que se deposita na antiga canteira; cantidade para a cal o vertedoiro non está preparado, e que pode ocasionar moitos problemas futuros”, declaraba un dos afectados.

Outra veciña manifestaba que “a variante é algo moi positivo, xa que reducirá o tráfico de camións polo centro de Compostela, pero moitos deses camións seguirán circulando por Miramontes, por unha vía pola cal non deberan transitar e deixando malos cheiros e vertidos ao seu paso. Coma sempre, os veciños do rural somos os máis desfavorecidos”.

Tras o acto de inauguración da variante, os afectados trasladaron as súas impresións a Feijóo, facendo especial fincapé na súa preocupación pola saúde, xa que é capital facer os estudos pertinentes para averiguar se as partículas que viaxan polo aire en forma de cheiros son prexudiciais para quen as respire e, tamén, levar un control das augas subterráneas, xa que algunhas fontes deixaron de ser potables dende que o Complexo Ambiental de Miramontes opera na antiga canteira.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies