SUNDAY 24 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Galicia

Os datos do paro rexistrado confirman a minoración do mercado laboral galego

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia considera que os datos do paro rexistrado do mes de xaneiro de 2019 confirman a minoración do mercado laboral galego. A secretaria de Emprego, Maica Bouza, lamenta que, unha vez máis, Galicia comece o ano «á cola de España», circunstancia que atribúe á «fraxilidade do noso tecido produtivo», caracterizado pola estacionalidade e a precariedade.

Oficina do Servizo Público de Emprego na Coruña

Segundo a voceira de CCOO, Galicia medra e crea emprego precario, sobre todo en actividades estacionais de baixo valor engadido que dependen do calendario e da conxuntura económica. «En canto varía algún deses factores, o emprego creado desaparece, como aconteceu en xaneiro polo remate da campaña de Nadal».

A secretaria de Emprego de CCOO lamenta que en Galicia se estea consolidando este modelo precario, no que «mes tras mes, os postos de traballo creado teñen data de caducidade». É o que aconteceu en xaneiro, onde nove de cada dez contratos rexistrados foron temporais. «Isto provoca que Galicia non sexa un lugar atractivo nin para desenvolver un proxecto de vida nin para atraer investimentos empresariais. A continuada caída da poboación activa e os datos de captación de investimento así o indican», apunta Bouza.

En opinión da sindicalista, Galicia «precisa un proxecto de país». Neste sentido, considera que unha Estratexia de Dinamización Demográfica non resolve por si soa nin a caída de poboación nin o avellentamento dun territorio.

A secretaria de Emprego de CCOO propón outro modelo de desenvolvemento, que aposte por un tecido produtivo que non sexa obsoleto, que cree emprego de calidade, con servizos públicos para favorecer a conciliación persoal, familiar e laboral e mellorar a calidade de vida da cidadanía e con infraestruturas físicas e tecnolóxicas que o acompañen. «Persistir na actual política do Partido Popular converterá Galicia nun deserto empresarial e nun xeriátrico», conclúe Bouza.

Paro rexistrado

No mes de xaneiro subiu o paro rexistrado tanto en Galicia (5505 persoas paradas máis ca o mes anterior) coma na media estatal (83.464 persoas paradas máis). Non obstante, en proporción, a suba é maior na nosa comunidade (+3,25 %) ca na media do Estado (+2,61 %); tamén é superior á rexistrada un ano antes: un 3,25 % en Galicia fronte ao 2,63 % estatal. Polo tanto, o número de persoas en paro na comunidade sobe ata as 174.800 (75.186 homes e 99.614 mulleres); dese total, 8234 son menores de 25 anos.

Con todo, a caída da poboación activa maquilla as estatísticas do paro, xa que este mes se destruíu máis emprego (13.737 afiliacións menos á seguridade social) do que subiu o paro (5.505 persoas paradas máis). O paro rexistrado sobe máis nas mulleres ca nos homes (3702 paradas máis fronte a 1803 parados máis) e, por grandes grupos de idade, hai 376 persoas paradas máis menores de 25 anos (+4,78 %) e 5129 máis maiores desa idade (+3,18 %).

O paro rexistrado aumenta, sobre todo, nos servizos (5537 persoas paradas máis, un 4,86 %); na agricultura rexístranse 76 persoas paradas máis e na industria, 13 máis. Pola contra, baixa no colectivo sen emprego anterior (118 persoas paradas menos) e permanece case estancado na construción (só 3 persoas paradas menos).

En termos anuais, continua baixando o paro rexistrado: 15.086 persoas paradas menos ca hai un ano, o que supón un descenso do 7,94 % (fronte ao -5,49 % na media estatal). Malia esa evolución positiva, o descenso do paro tamén é inferior ao rexistrado un ano antes: un –7,94 % fronte a un –10,46 %

Contratación

En proporción, medrou máis o número de contratos indefinidos ca o de temporais tanto na comparación mensual como na anual. Con todo, a contratación está marcada pola precariedade: en xaneiro rexistráronse 82.401 contratos, dos que 74.203 foron temporais (o 90 % dos formalizados).

Afiliación á seguridade social

A afiliación media á seguridade social retrocedeu en Galicia e na media estatal, pero na comunidade autónoma diminuíu con máis forza: 1,37 % en Galicia fronte ao 1,08 % na media estatal. En xaneiro había 992.370 afiliacións á seguridade social fronte a 1.071.476 once anos antes. Perdéronse 13.737 afiliacións en relación co mes anterior e, por réximes, 11.518 afiliacións pertencían ao réxime xeral (–1,49 %), 1360 ao de autónomos (–0,64 %) e 860 ao do mar (–4,02 %).

En termos anuais, a ocupación segue avanzando en Galicia menos que na media estatal. Na nosa comunidade hai 18.909 afiliacións máis á seguridade social ca hai un ano, o que equivale a unha suba do 1,94 % fronte ao +2,94 % na media estatal.

Prestacións por desemprego

A protección contra o desemprego mantense en niveis baixos. En decembro de 2018 estaban rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego 155.188 persoas paradas con experiencia laboral, e só o 57,4 % percibían unha prestación por desemprego. Malia que no 2018 mellorou algo a calidade das prestacións por desemprego, as contributivas en decembro de 2018 aínda representan só o 47,5 % do total fronte ao 52,5 % das asistenciais

Así pois, a distribución das prestacións por desemprego segundo o tipo é a seguinte: 42.300 persoas percibían unha prestación contributiva (47,5 % do total), 39.179 un subsidio por desemprego (44,0 %), 7576 a renda activa de inserción (8,5 %) e 28 correspondían ao programa de activación de emprego.

A importancia do subsidio para maiores de 52 anos

Victoria Portas
Portavoz de COESPE

É preciso dar un impulso para que a cobertura na protección por desemprego aumente no curto prazo que permita aos desempregados deste país saír dos altos niveis de pobreza e exclusión social.

Na actualidade, máis do 42% dos desempregados non teñen ningún tipo de subsidio ou subsidio cando están desempregados, esta situación afecta aos mozos que entraron no mercado de traballo por man de precariedade e que recibiron prestacións como o PAE e o Prepara, agora substituído pola SED logo da resolución do Tribunal Constitucional que atribuíu a xestión das axudas ás comunidades autónomas.

Pero, sen esquecer aos mozos e mozas, é imprescindible aprobar a recuperación do subsidio de desemprego para persoas maiores de 52 anos. O chamado “estado de benestar” non pode permitirse deixar atrás un sector da poboación cuxo acceso ao mercado laboral é cada vez máis complicado. A restitución das condicións desta subvención foi un requisito permanente de sindicatos e asociacións en defensa dos xubilados e desempregados, como COESPE ou a Asociación de Vítimas do Paro, xa que afecta a un dos grupos sociais máis afectados pola crise, con maior risco de afundir as súas condicións de vida.

As medidas antisociais levadas a cabo polo goberno do Partido Popular, fixeron subir a subvención a 55 anos. Ademais, ao derrogar as reformas regresivas de 2012 e 2013, logrou unha falta de ingresos para estas persoas, a incapacidade de volver ao emprego, a caída drástica dos dereitos de pensión e, polo tanto, definitivamente as súas condicións de vida.

A través do Real Decreto 5/2013 do 15 de marzo de 2013, o Partido Popular reforzou as condicións de acceso a este tipo de prestacións e, aínda que o TSC 61/2018 declarou nulo o requisito de probar o límite dos ingresos da unidade familiar, é necesario recordemos que o fallo non tivo efectos retroactivos sobre os ficheiros procesados ​​de forma firme antes da publicación do mesmo, producindo así un agravio comparativo entre persoas con condicións iguais. Este feito foi bo nun tema de xénero, pero non o suficiente.

 

Dereito a unha pensión digna

É importante a extensión dos beneficiarios e a ampliación da duración da prestación económica, pero tamén o é a mellora dos dereitos de pensión para os que teñen que beneficiarse da subvención para persoas maiores de 52 anos.

Hai unha necesidade real e apremiante de manter os beneficios dos desempregados máis desfavorecidos e, sobre todo, impedir que sexan condenados a pensións mínimas durante o resto das súas vidas.

O conselleiro de Cultura pon en grave risco o camiño de Santiago e o Xacobeo 2021 para favorecer a mina de Touro

No pleno deste mércores, o conselleiro de Cultura Román Rodríguez despreciou o informe de ICOMOS, organismo asesor da UNESCO, no que lle advirte á Xunta de Galicia que de ir adiante a mina de Touro, o camiño francés perdería o recoñecemento de patrimonio da humanidade. Este organismo internacional levou a cabo un estudo técnico no que demostra os múltiples impactos deste megaproxecto mineiro no camiño de Santiago. Neste informe fálase de impactos visuais, sonoros, perda dos valores identitarios que lle valeron a súa inclusión na lista de bens patrimonio da humanidade, e mesmo da destrucción material do tramo histórico Arzúa-Quión-Amenal.

O conselleiro envalentonouse alegando que as competencias sobre patrimonio pertencenlle á dirección xeral, e polo tanto é este organismo o que debe informar favorable ou desfavorablemente ó proxecto. O que se lle escapa ó conselleiro é que a administración galega non ten competencia nin poder de decisión algún sobre a posible exclusión do camiño como patrimonio mundial.

A asociación Aldea Viva alerta de que ás portas do Xacobeo 2021 non parece responsable poñer en risco un negocio millonario e que contribúe ó desenvolvemento do rural, para favorecer os intereses dunha multinacional estranxeira.

André Abeledo será o candidato a Alcaldía de “NARÓN POR DIANTE” de cara a eleccións Municipais de 2019

O actual Concelleiro de EU Narón, André Abeledo, foi escollido por unanimidade como candidato a Alcaldía pola asemblea de “Narón Por Diante”, un espazo de confluencia onde se atopan EU Narón, ANOVA, e xente de esquerdas a nivel individual para traballar por Narón.

Abeledo explica que “Narón Por Diante” é un espazo de confluencia que vai a permitir que nas próximas eleccións municipais a esquerda naronesa poida presentarse cunha candidatura aberta e de unidade que defenda os intereses e os dereitos das traballadoras e traballadores, das veciñas e veciños de Narón.

André Abeledo explica que as portas continúan abertas para as organizacións de esquerdas e veciñas e veciños que queiran participar no proxecto. A nosa intención é crear un espazo de unidade capaz de xerar ilusión, de traballar por Narón, de construír unha cidade máis humana e un Concello transparente, cercano, e achegado a cidadanía que permita a Narón medrar e mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza. Apostamos por facer o esforzo de construír unidade popular, unha unidade baseada nun programa e nun proxecto de cidade.

O esforzo para recuperar e Municipalizar servizos básicos, a implementación de políticas sociais, a humanización da nosa cidade, políticas para fomentar a creación de postos de traballo en condicións dignas, deben ser o eixo dunha aposta decidida e valente polo futuro de Narón e a súa veciñanza.

Abeledo indica que a unidade é unha necesidade en Narón, na Galiza, e no Estado español.

Sen dubida “NARÓN POR DIANTE” ten que ser un paso adiante, un paso dado coa seguridade de que a nosa obriga é entendernos, ser xenerosos, e traballar por un presente de ilusión e un futuro mellor para todas e todos as naronesas e naroneses.

Abeledo insiste en facer un chamamento a unidade da xente de esquerdas, das traballadoras e traballadores de Narón.

Apostamos pola unidade da xente de esquerdas para mudar Narón.

II Andaina contra o vertedoiro de Miramontes

Este sábado, 15 de decembro, celebrouse a segunda andaina organizada pola Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago de Compostela – Miramontes.

Nesta ocasión tratouse dunha andaina de nadal co mesmo traxecto que a anterior: saída dende Miramontes e percorrido pola Peregrina, Romaño, Vista Alegre e Galeras, finalizando cunha concentración na Praza do Toural.

A actividade de protesta contra o Complexo Ambiental de Miramontes, contou coa presenza de representantes políticos coma Xoán Bascuas (Compromiso por Galicia), Paco Reyes (PSdeG-PSOE), que acompañaron aos veciños e veciñas na marcha; e tamén co alcalde Martiño Noriega quen, xunto co concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, se achegou ata o Toural para amosar o seu apoio á causa dos afectados e afectadas de Miramontes e demáis aldeas próximas.
No Toural entoáronse unhas panxoliñas satíricas creadas para a ocasión, coma por exemplo a seguinte, coa melodía de “El tamborilero”:

O camiño de nome Gandarón

Ten un sinal que prohibe o paso ós camións

 

Máis día a día e sen contemplacións

Suben a centos sen ningunha sanción

 

Ro po pom pom

Ro po pom pom

 

Don Diñeiro é quen move o motor

Son uns lambóns

 

Tamén houbo outras cantinelas que cargaban contra a Consellería de Medio Ambiente pola súa deixadez e mesmo contra o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

A pesar do mal tempo, veciños/as, persoeiros políticos, membros da plataforma de Miramontes e de outras plataformas afíns coma as de Touro, Casalonga e Lesta, plantáronlle cara á chuvia e ao vento para protestar polo que consideran un atentado contra a natureza e a vida dos veciños e veciñas do rural. “Coller unha molladura é o menor dos nosos problemas”, manifestaban.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies