SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Feixóo

Ana Pontón propón unha Galiza con poder económico e político como alternativa ao desgoberno de Feixóo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo sobre a mesa as propostas do BNG para construír “esa outra Galiza posible” á que deixa o des-goberno de Feixóo. Unha proposta que pasa por dotar Galiza de poder económico e poder político real para mellorar a vida dos galegos e das galegas.

Poder económico que pasa por un sistema de financiamento “para que Galiza teña a chave dos seus recursos”, cunha banca e unha facenda propias, unha aposta polos sectores produtivos e unha tarifa galega que acabe co espolio enerxético. E poder político real que supere as “estreiteces do autonomismo” creando unha ponencia parlamentaria na que debater “sen límites nin corsés” para articular un novo marco político “que nos recoñeza como unha nación con dereito a decidir o seu futuro”.

Mentres se traballa para conseguir ese poder económico e político, Pontón instou a non “quedar de brazos cruzados” e a defender unha axenda galega ante o Estado, – “goberne quen goberne”-, rachando coa dinámica das forzas estatais “que din unha cousa cando están no goberno e a contraria cando están na oposición”.

Unha axenda de país que recolla como temas inmediatos o pago dos 186 M€ que o Estado debe a Galiza en dependencia, xulgados contra a violencia de xénero en todas as cidades, que inclúa á transferencia da AP9, un plan de modernización do ferrocarril, o fin da prórroga de ENCE e a devolución inmediata do Pazo de Meirás. Unha axenda galega que inclúa tamén un ambicioso paquete de transferencias.

Pontón explicou estas propostas ante un presidente da Xunta que, -salientou-, “representa o pasado, non o futuro”, a quen atribuíu un discurso “reseso e rancio, coas mesmas promesas de sempre”, un discurso no que ignorou á Galiza real que pretendeu tapar exercendo como profeta da post-verdade.

“É postverdade dicirnos que nunca viviramos mellor, cando hai medio millón de persoas en risco de pobreza e emigraron 267.000, é postverdade que lle indigne o dieselazo cando vostede multiplicou por catro o imposto ó gasóleo; é postverdade que nos diga que lle quita lastre ao país cando incrementou a débeda un 270%; é postverdade que se autoproclame militante de Galiza cando foi cómplice de todas as discriminacións do Estado con Galiza”, denunciou Pontón.

A líder nacionalista instou a Feixóo a non confundir a realidade coa imaxe publicitaria que lle transmiten os medios públicos, “apéndices propagandístico do PP”. “Baixe do coche oficial, camiñe polas rúas deste país e pregúntelle a xente como está. Escoitará e verá cousas que non aparecen nos papeis que lle escriben os seus asesores”, salientou, ao tempo que formulaba as preguntas que o presidente do PP evitara no seu discurso.

Malas herbas

“Está Galiza mellor que cando chegou a Montepio fai case unha década? Viven mellor os galegos e as galegas? Teñen mellores empregos e salarios? Reciben mellores servizos públicos? Os nosos mozos e mozas teñen mellores perspectivas de futuro? Os nosos maiores gozan de mellores pensións?”, interpelou.

Pontón respondeu con datos a estas interrogantes. Galiza ten máis paro e emprego máis precario, emigración masiva de xente moza agudizando o problema demográfico, caída do 40% no emprego xuvenil e incremento da fenda salarial.

Subiron as listas de espera en cirúrxicas e para especialista, hai 1.727 profesionais sanitarios menos e 100.000 persoas non poden pagar os medicamentos que precisan. A morte dun doente por falta de atención médica no PAC da Estrada mostra até que punto os recortes e as privatizacións do PP atentan contra a saúde das persoas. Dependencia, educación pública, política de I+D+i, sectores produtivos acusan tamén a “desfeita” da década de goberno de Feixóo.

“É vostede un Terminator para Galiza, as súas políticas son como as malas herbas que impiden que o país floreza. Está instalado na parálise, é un lastre porque é parte do problema, non da solución e porque é un acomplexado que non confía en Galiza”, criticou Pontón.

Incendios, problema ambiental

En materia de medio ambiente, a dirixente do Bloque citou os lumes como o principal problema ambiental do país, mentres o PP segue cunha política forestal pirómana que pon en risco ás persoas como no último incendio no Concello de Mondariz. As rías galegas están sen sanear, non hai unha aposta pola compostaxe, nin transición enerxética, nin redución de emisións. “Todo o contrario, as súas políticas son unha fábrica de cambio climático”.

Propuxo un plan integral de loita contra o lume, un uso multifuncional do monte e  frear a “bomba” da mina Touro-O Pindo.

Violencia machista

A líder do Bloque foi crítica coa negativa de Feixóo a converter a loita contra a violencia machista en prioridade de goberno e mostrou a súa indignación polo machismo do PP e do propio presidente galego.  “As mulleres estamos fartas de que non se nos respecte. Ningún home ten dereito a dicirlle a unha muller que está necesitada ou que é unha chacha. Pero que o fagan representantes públicos é unha indecencia. Están insultando a tódalas mulleres”.

Legado nacionalista

Tamén fixo balance da situación da lingua galega, en pleno retroceso pola política “galegófoba e supremacista” do PP, mesmo denunciada pola RAG cando afirma que “o galego está excluído de moitos ámbitos e nunha posición de desigualdade”, que salienta que a aplicación da normativa do Goberno de Feixóo “supuxo un retroceso en todos os ámbitos analizados”.

A dirixente do Bloque tamén fixo unha sentida referencia ao legado de Castelao e Bóveda, dos que o BNG se recoñece “herdeiro”. “Son patrimonio colectivo de todos os galegos e de todas as galegas, de todos menos dos fascistas e dos seus herdeiros”. “Entregaron a súa vida a defender este país, e fixérono porque eran nacionalistas”, -recalcou- e cualificou de ofensa a súa memoria, “que haxa un presidente que teña o descaro de intentar manipular, retorcer ou ocultar o seu legado e as ideas que eles defenderon. Queda retratada a catadura moral de quen o fai”.

O BNG comparte a “Galiza libre e digna” que soñaba Castelao, “quen  abriu un camiño novo que latexa no corazón de miles de galegas e galegos”, concluíu.

O BNG levará ao debate do estado da nación a “Galiza real” que Feixóo tapa con propaganda

O BNG utilizará o debate do estado da nación para falar da “Galiza real” e analizar cal é a situación do país e dos galegos e galegas tras unha década de Goberno de Feixóo na Xunta.

“Levaremos ao debate a Galiza Real, esa que Feixóo se empeña en sepultar baixo  propaganda e publicidade, abordaremos os problemas reais, da Galiza real”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, “das persoas desempregadas, das traballadoras e traballadores en precario que ven como todo sube menos os seus salarios; das persoas xubiladas, que cobran as segundas pensións máis baixas do Estado; dos dependentes que non reciben a prestación que lles corresponde e do conxunto da cidadanía tras dez anos de desgoberno de Feixóo”.

“Queremos que Feijóo se mire no seu propio espello e vexa as consecuencias reais das súas políticas porque teñen nomes e apelidos”, salientou Rodil, quen espera que o presidente da Xunta “non se intente esconder detrás de Catalunya, nin veña ao Parlamento a para colocarnos a súa versión do discurso de Pablo Casado, ni a sacar coellos da chistera para conseguir un titular de prensa”.

A viceportavoz parlamentaria do Bloque instou ao xefe do Executivo a que demostre a súa preocupación pola subida de impostos empezando por baixar os que el subiu en bens básicos. “Que suprima as subidas que impuxo nos carburantes, que fan que Galiza, tendo unha refinería na Coruña, pague o gasóleo e a gasolina máis caras do Estado”, declarou. E se tanto lle preocupa o incremento de servizos básicos, “que se sume á proposta do BNG da tarifa eléctrica galega e a pedir un IVE superreducido do 4%”.

“Esas si son medidas concretas que permitirían contrarrestar a carga que supón para as familias pagar a factura de servizos básicos como luz ou carburantes, que non deixa de medrar”, alegou.

Rodil destacou que o Bloque vai ao debate do estado da nación “con vontade construtiva, poñendo alternativas aos problemas deste país e da maioría social”. Neste sentido, avanzou que presentará 40 propostas de resolución que, en trazos xerais, xiran arredor de tres grandes bloques: Benestar social, avanzar nun novo marco que dote de poder económico e poder político a Galiza e calidade democrática.

Entre as propostas en materia de benestar social, reclamar os 186 M€ que debe o Estado en dependencia, incrementar as pensións máis baixas en 100 euros mensuais e un salario de inserción laboral equivalente o SMI. Na segunda cuestión, avanzar nun novo marco institucional, con dúas propostas concretas: novo modelo de financiamento, -concerto económico-,  e abrir unha ponencia parlamentaria para avanzar no autogoberno real.

En  relación á calidade democrática, avanzar na recuperación dos dereitos laborais, conseguir unha radio e televisión públicas de todos e todas, “para que deixe de ser o aparello de propaganda do PP”, e traballar na aplicación da memoria histórica, incluída a recuperación do Pazo de Meirás.

Noa Presas: “Grazas ao PP, os galegos e galegas pagaremos a factura da luz máis cara do Estado”

A portavoz de Industria e enerxía, Noa Presas afirmou hoxe que Galiza, unha vez máis, resulta discriminada pola política enerxética “imposta desde o Estado e polos anteriores gobernos do Partido popular”. Neste sentido, denunciou que “grazas a inacción do goberno de Núñez Feixóo, os galegos e galegas pagaremos a factura da luz máis cara do Estado.”

Durante os últimos anos, explicou a deputada, o BNG  advertiu no Parlamento que Galiza, a pesar de ser produtora de electricidade sairía gravemente prexudicada da reforma da lei do sector eléctrico e trala aprobación do Real decreto do ano 2012, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade  aprobado polo goberno de Rajoy e recorrido polas eléctricas e finalmente acadaron sentenzas favorables.

O GOBERNO GALEGO NON REACCIONOU

En execución das sentenzas, foron aprobadas diferentes ordes que o “goberno galego tardou en recorrer” amosando “unha pésima xestión” e a falta de interese da Xunta por iniciar negociacións co Estado na busca  dunha solución que non prexudicase a Galiza, explicou a nacionalista.

Para a deputada, que Galiza sexa obrigada a pagar 38 M€, 20 euros na factura da luz, demostra que o goberno de Núñez Feijóo “non fixo os deberes a tempo e mentiu cando negou que Galiza non pagaría”, agora constatamos, dixo, Noa Presas, que o “borrador de Orde do Goberno central para executar as sentenzas encarecerá a nosa factura”.

En opinión da deputada do BNG, o borrador da Orde en materia de tributación,  “atenta contra as competencias galegas”, representa “un novo roubo para seguir engordando o negocio do oligopolio eléctrico” e  vulnera “o autogoberno galego”.

Con esta orde “Galiza é que máis perde en todo o Estado”. Somos menos do 6% da poboación do Estado e imos pagar máis que Madrid que triplica esta porcentaxe. “Galiza pagará 38M€ e Madrid, 2,5 M€” volveu a recalcar a parlamentaria nacionalista para quen aínda hai marxe para negociar se o Partido popular ten vontade política e abandona a postura de votar sistematicamente en contra das iniciativas presentadas polo BNG para abaratar o recibo da luz en Galiza.

O BNG PIDE UNHA NEGOCIACIÓN BILATERAL

En Galiza exportamos o 35% de electricidade  e resulta  “un atraco a mano armada” a suba da factura aos consumidores e consumidoras galegas. Presas anunciou que o BNG rexistrará no Parlamento galego diversas iniciativas para que “Feixóo asuma a súa responsabilidade e estude todas as vías de negociación bilateral co Estado” sobre o borrador de orde e esixir  ao Estado que “asuma o custo que lle pretende imputar a todos os galegos e galegas”.

Finalmente, a portavoz de industria e enerxía do BNG negou que no Estado exista “unha tarifa única” e volveu  reivindicar “unha tarifa eléctrica galega” que beneficie á empresas e persoas consumidoras porque Galiza, dixo,  non se beneficia de ser produtora, ao contrario, “vai pagar a factura máis cara do Estado español”, concluíu.

Villares reclama para Galicia unha política libre dos extremismos, a xenofobia e a corrupción que representa o Partido Popular de Feijóo e Casado

O voceiro de En Marea denuncia a decidida aposta do Partido Popular pola liña máis dura, reaccionaria e xenófoba que representa Pablo Casado e reclama para Galicia unha política afastada da corrupción, os recortes e a insolidaridade que veñen caracterizando o facer do partido de Núñez Feijóo. Na víspera do 25 de xullo, Luís Villares fixo balance de dous anos nos que a Xunta estivo dirixida por un “presidente zombie” máis ocupado nos seus propios intereses que nos problemas da cidadanía. “Galicia precisa unha opción política que se ocupe dos problemas reais da xente, que asegure o dereito da xente a chegar con dignidade a fin de mes e que traballe polas oportunidades que o PP leva negado” ata este momento, destaca o voceiro de En Marea.

Galicia merece unha opción política que corte definitivamente coa corrupción e priorice o benestar do conxunto da cidadanía. Algo que o Partido Popular, logo de dous anos de afonía e xordeira, non está en disposición de garantir. Moito menos logo do respaldo aportado á liña máis dura, extremista e insolidaria que representa Pablo Casado.

Villares botou a vista atrás para lembrar momentos dramáticos do recén rematado curso político, nos que a incapacidade do goberno da Xunta para atender as necesidades e reclamacións da cidadanía quedou máis patente que nunca. Momentos como a vaga de lumes do pasado mes de outubro, cando o goberno de Núñez Feijóo amosou a súa cara máis “indolente e cínica” ao deixar en evidencia a súa incapacidade e retratarse como un incompetente mentres a xente se botaba ás rúas e ao monte con baldes.

O voceiro de En Marea lembrou tamén o posterior abandono ao que o goberno de Núñez Feijóo someteu ás vítimas dos lumes e aos Concellos, así como os recortes que caracterizaron a súa xestión “nun momento no que a fase alcista do ciclo económico parecía anunciar o contrario”. Nesa liña, Villares non quixo pasar por alto a reforma da Lei de Sanidade impulsada polo executivo do Partido Popular, que supuxo a supresión de catro áreas sanitarias e trouxo consigo un incremento dos recortes en atención primaria. Unha iniciativa do Partido Popular que trouxo importantes consecuencias e afondou no deterioro do sistema público de saúde galego, con baixas que non se cubren, listas de espera hospitalarias encubertas e a máis recente vaga de denuncias pola carencia de pediatras.

Para o voceiro de En Marea resulta evidente que; logo do novo xiro cara á dereita que o Partido Popular ven de dar coa elección dun Pablo Casado coñecido polas súas posturas xenófobas e insolidarias; Galicia merece cortar definitivamente cunha formación caracterizada pola uso clientelar das institucións e a corrupción. Nesa liña, Villares lembrou o respaldo que Núñez Feijóo e o resto do PP galego deu á Valedora do Pobo despois de que unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza condease á institución “por enchufar á irmá do voceiro do Partido Popular no Parlamento. Feijóo demostrou que para el a administración é o seu cortijo, como se dunha película siciliana se tratase. Un exemplo de corrupción que tamén vimos no Caso Campeón, a primeira condena en firme de membros do goberno do PP de Feijóo.

Para En Marea é tempo de romper cun xeito de facer política afastado da realidade social e xordo a clamores unánimes como o evidenciado tralas mobilizacións do 8 de marzo. “Unha mobilización social que non foi seguida das reformas lexislativas e administrativas necesarias para cumprir co reclamo cidadá a favor da igualdade real entre homes e mulleres”.

Na mesma liña, Villares lembrou non só a xordeira, senón a ocultación que o goberno de Núñez Feijóo tentou facer ante a masiva manifestación contra a mina de Touro “que envelenará a auga da que beben 100.000 persoas, que estragará o Camiño De Santiago no seu tramo final e que contaminará a Ría de Arousa atentando contra a súa riqueza marisqueira”.

O voceiro lembrou a sumisión ante o goberno central que caracterizou a xestión do responsable da Xunta de Galicia, que non foi quen de facer valer os intereses da Comunidade e mantívose sumiso e incapaz de facer valer a súa maioría absoluta para conseguir sacar adiante unha axenda galega que non existiu.

Así as cousas, Villares entende que a elección de Pablo Casado e o respaldo ao novo líder do PP de Galicia e de Núñez Feijóo supoñen “un levantamento de careta. Casado non é un líder calquera. Forma parte dos movementos extremistas e autoritarios europeos, é un líder autoritario, insolidario, xenófobo e reaccionario” cun ideario equiparable ao dos movimientos autoritarios que se abren paso en distintos países de Europa, como Hungría e Polonia, e que ten pedido publicamente a supresión da libre circulación de persoas nos territorios da Unión.

“Con este xiro oficial que dá Casado e que avala Feijóo co respaldo dos seus compromisarios entendemos que o Partido Popular inaugura unha nova liña oficial, xa sen máscaras, e deixa de ser o partido central en Galicia”, indica Villares, que amosa o seu desexo de que un novo ciclo, libre de recortes, corrupción e insolidairedade se inaugure a partir de agora.

Memoria, verdade e xustiza para as vítimas de Angrois
Na véspera do aniversario do accidente ferroviario de Angrois, o voceiro de EnMarea quixo destacar a posta en marcha no Congreso da comisión de investigación “que ata agora negara o Partido Popular”. Luís Villares puxo en valor a oportunidade de “reivindicar a memoria, a verdade e a xustiza” que se abre con ela, e amosou o seu desexo de que se depuren as pertinentes responsabilidades políticas.

Olalla Rodil: “A Xunta desvía fondos de I+D+i para costear outro novo edificio na Cidade da Cultura”

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, denuncia que o Goberno galego transvasou 700.000 € do Plan de financiamento do sistema universitario galego, destinados a I+D+i, para sufragar a construción dun novo edificio na Cidade da Cultura.

“É escandaloso que os recursos públicos en investigación vaian para cemento e para seguir aumentado o número de edificacións nunha Cidade da Cultura que segue a ser un pozo sen fondo porque vampiriza recursos públicos a esgalla sen apenas beneficio para o país”, denunciou a deputada portavoz parlamentaria de Cultura.

Ademais, lembra Rodil, a construción dunha nova edificación “supón o incumprimento do acordo parlamentario que en marzo de 2013 paralizou de maneira definitiva as obras da Cidade da Cultura”, acordo que o PP “se salta con total menosprezo as decisións da Cámara galega”. Neste caso, co agravante de que implica un novo recortazo nunha das partidas máis importantes do Plan de financiamento do SUG, “que vén soportando importantes recortes nos últimos anos”, sinalou.

“De novo, a Xunta de Feixóo aposta polo cemento en lugar de pola investigación e polo desenvolvemento, que son claves para un crecemento económico competitivo que se traduza en emprego de calidade”, argumentou.

A deputada nacionalista lembrou que no último pleno instou á Consellaría de Educación e Cultura a procurar alternativas máis económicas, -que o xa bautizado como Edificio Fontán-, para acoller os organismos universitarios que prevé instalar na Cidade da Cultura. Unha obra na que o Goberno galego, sinalou Rodil, “leva gastados máis de 300 millóns de euros públicos”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies