SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Europa

O BNG leva a denuncia da contaminación dos ríos de Ourense ante a Comisión Europea

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a deputada por Ourense, Noa Presas, realizaron unha visita aos ríos Barbaña, Támega e Encoro das Conchas e  anunciaron que o BNG levará “ a contaminación dos ríos da provincia de Ourense ante a Comisión de peticións do Parlamento europeo”.

Tras diversos encontros con asociacións ecoloxistas e de loita contra a contaminación,  a eurodeputada salientou que para o BNG, a provincia de Ourense é unha das provincias galegas con maior riqueza ecolóxica e denunciou que “a mala xestión e a non aplicación das normativas europeas” están a provocar un grave deterioro pola existencia de vertidos, excesos de nitratos, falta de depuración e saneamento.

Ana Miranda comprometeuse a trasladar ao Parlamento europeo a situación das tres áreas visitadas hoxe polo BNG para que a comisión europea de peticións analice o informe dos ríos de Ourense como xa fixo co das rías galegas, lembrou.

A portavoz do BNG en Europa reiterou que Ourense precisa “ríos limpos” polo que, na súa opinión, o Estado e a Xunta teñen a responsabilidade de  iniciar unha auditoría e cumprir coas normativas europeas nesta materia.

A eurodeputada do BNG convidou  á Asociación “Ríos limpos” no mes de decembro para tratar directamente coa Comisión europea a actual situación dos ríos de Ourense. En Bruxelas, dixo, “a asociación poderá expoñer todos os motivos da denuncia de delito medioambiental e esixir unha auditoría para que a normativa se cumpra”.

NEGLIXENCIA DA XUNTA ANTE A CONTAMINACIÓN

Pola súa parte, a deputada por Ourense denunciou a “neglixencia” da Xunta de Galiza por non reclamar do Estado o cumprimento de responsabilidade en materia ambiental  e a arbitraxe de mecanismos propios de “vixilancia, rexeneración e fiscalización” ante a situación de degradación dos  ríos na provincia de Ourense.

Ademais, Presas lamentou que o novo goberno do Estado non amose vontade por cambio de rumbo na xestión  das  confederacións alleas á xestión galega. Ana Miranda tamén se comprometeu a realizar unha nova visita a zona no mes de novembro co fin de recadar máis datos e constatar que foron tomadas as medidas que o BNG demanda contra a contaminación dos ríos en Ourense.

Ana Miranda acusa ao PP de pechar a denuncia contra SOGAMA para tapar a ineficacia do goberno galego

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, criticou a decisión do PP de forzar o peche da denuncia presentada pola Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe na Comisión de Peticións contra a xestión dos residuos que leva a cabo SOGAMA. Asemade denunciou o atraso na súa tramitación, xa que foi presentada por este colectivo en 2014 e foi tratada hoxe no Parlamento Europeo grazas ao traballo constante do Bloque, quen foi o mediador para que esta denuncia colectiva chegara, hai catro anos, á Eurocámara.

É unha vergonza que o Partido Popular veña ao Parlamento Europeo a dicir que SOGAMA cumpre coa normativa europea”, manifestou Ana Miranda ao tempo que anunciou que o Bloque xa se dirixiu hoxe á Presidenta da comisión competente, para que esta petición sexa reaberta tras a aportación de novos datos que demostren os incumprimentos de SOGAMA.

A eurodeputada do BNG considera que os eurodeputados populares só foron á Comisión de Peticións “para evitar que a denuncia continúe pero sen ter en conta que SOGAMA está reciclando debidamente e que se está transportando o lixo ineficazmente e que están cobrando aos concellos por non reciclar”.

Segundo a denuncia presentada pola Plataforma, integrada por máis de 35 asociacións, o modelo SOGAMA non cumpre a Directiva Marco de Residuos porque non respecta a xerarquía de residuos en tanto que está baseado na non separación na orixe dos materiais, o enterramento e a incineración ineficiente.

Incumprimento na reciclaxe

Precisamente no ano 2016 Sogama fixo pública a súa memoria de 2015, na que explica que o índice total de reciclaxe (toneladas recicladas/toneladas xestionadas) é de 3,32 toneladas de cada 100 tm que recibe, un dos índices máis baixos de Europa e en niveis similares a 2013 e 2014. “Pensamos que hai que reabrir esta denuncia porque é inadmisible que baixe o volume de reciclaxe en lugar de aumentalo”, sinala Ana Miranda ao respecto, quen lembra que os obxectivos mínimos de reciclaxe que fixa a UE para 2020 é do 50%.

Por outro lado o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza, aprobado en 2011 e cofinanciado pola Comisión Europea con 72 millóns de euros, tampouco cumpre os requisitos de eficiencia enerxética, xa que SOGAMA non acada a eficiencia enerxética mínima do 0,6% que marca a UE para que a súa incineración poida ser considerada valorización enerxética.

A capacidade incineradora de SOGAMA queda en entredito posto que non é suficiente para desfacerse das máis de 800.000 tm de lixo que chegan anualmente e que boa parte van ao vertedoiro con ou sen tratamento. Ademais de ser esta unha das razóns para promover vertedoiros en B, non se pode esquecer que moitos dos residuos sen tratar son perigosos e incumpren os límites máximos de contaminantes fixados por la normativa galega, o Estado Membro e normativa europea.

Neste sentido, a eurodeputada denuncia que SOGAMA queima o lixo e enterra os residuos, transformándoos en gases de efecto invernadoiro, polo que se converte nunha das “máximas fábricas de cambio climático de Galiza”. O modelo Sogama incumpre asemade o principio de proximidade, debido aos quilómetros que viaxa o lixo até o norte de Galiza.

É impresentable a actitude do PP. Prefiren tapar as miserias do goberno galego con Sogama que defender os argumentos Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe”, concluíu a eurodeputada do BNG.

O BNG reclama á UE a sinatura dun convenio con Noruega que garanta os dereitos dos galegos retornados

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reclama que a Unión Europea inste aos gobernos de España e Noruega a asinar con urxencia un convenio bilateral que teña por obxectivo garantir os dereitos dos traballadores afectados. Así o demandou tras presentar unha pregunta por escrito á Comisión Europea sobre a situación do persoal que desenvolveu parte da súa vida laboral en Noruega, máis de 12.000 galegos, pero aos que este Estado non lles recoñece os seus dereitos.

“Pese aos anos de vida profesional desenvolvidos, Noruega non lles recoñece os seus anos de cotización”, denunciou Ana Miranda, quen asemade criticou que a Unión Europea desenvolva convenios bilaterais en materia de pesca ou libre circulación de mercadorías pero non en política social.

Neste sentido, o BNG quere que a Unión Europea inste ao Estado Español e a Noruega a asinar de xeito urxente un convenio bilateral de carácter retroactivo que garanta o recoñecemento dos dereitos dos traballadores retornados. Ana Miranda lembra que a situación de discriminación deste colectivo, agrupado na asociación Long Hope, xa foi tratada na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo en 2011 con ese compromiso. “Aínda así segue sen solución”, denuncia a eurodeputada nacionalista.

A eurodeputada do Bloque lembra que esta situación xa foi tratada na Comisión de Peticións pero segue sen solución

Segundo Long Hope, Noruega non recoñece pensións de xubilación aos traballadores do mar embarcados nos seus buques até o ano 1994, por carecer da condición de residentes mentres traballaban alí, pese a que alí pagasen os seus impostos. Esta desprotección acentúase en tanto que o Estado español non computou o tempo de embarque nestes buques para o cálculo de prestacións de seguridade social.

Corrixir a discriminación

O Bloque considera que se debe corrixir a desigualdade de trato en materia de seguridade social que supón a vulneración do artigo 14 do Convenio Europeo de Dereitos humanos relativo á “prohibición de discriminación”. É o caso que, segundo a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, hai diferenza de trato discriminatorio por razón de nacionalidade, ao non esixirse a residencia, polo contrario, os nacionais noruegueses empregados nos mesmos barcos, sen que exista xustificación obxectiva e razoábel para iso.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies