SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Esquerda Unida

Eva Solla asiste á mobilización por unhas “Urxencias Dignas”, en Compostela

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento, participará mañá mércores na manifestación “Urxencias Dignas”, na Praza Roxa de Santiago de Compostela, ás 19 horas.

Dende Esquerda Unida denunciamos en reiteradas ocasións que a Xunta de Galicia siga impasible ante a situación de colapso das Urxencias do CHUS e da falta do persoal e esiximos que se tomen medidas e se atendan as demandas do persoal para dar un servizo axeitado e de calidade“, indican desde a formación.

Lembramos que o problema do CHUS é tan só un exemplo da grave situación que atravesa o conxunto da sanidade galega polos recortes do PP, por iso, sumámonos e animamos a acudir á manifestación“, sentenzan desde Esquerda Unida.

Mobilización por unhas Urxencias Dignas 

Hora:19 h.

Lugar: Praza Roxa (Santiago de Compostela).

Data: Mércores, 9 de xaneiro.

Esquerda Unida denuncia o abandono da Fiscalía ás mulleres vítimas de trata co arquivo dunha parte da ‘Operación Carioca’

Esquerda Unida vén de denunciar o abandono da Fiscalía ás mulleres vítimas de trata ao arquivar unha parte da ‘Operación Carioca’, a causa xudicial máis extensa de Galicia e relativa ao prostíbulo Club Liverpool de Lugo, onde mulleres, e incluso unha menor de idade, eran prostituídas mentres os axentes chamados a protexelas, normalizaron a situación de violencia e explotación.

A responsable da Área de Muller de Esquerda Unida, Raquel Bernárdez critica, dunha banda, “o abandono da Fiscalía a mulleres vítimas de trata en situación de vulnerabilidade” e, doutra banda, “a inacción por parte do Concello de Lugo e a Xunta de Galicia, que deciden non presentarse como acusación particular”, unha medida contemplada no artigo 125 da Constitución Española. “Estamos a falar de mulleres e tamén de menores de idade que viven en situación de pobreza, é dicir vítimas extremadamente vulnerables, con medo a ser expulsadas do país e que agora tamén son vítimas dunha xustiza patriarcal e machista”.

Dende Esquerda Unida reiteramos que a explotación sexual é unha forma extrema de violencia de xénero e que pon de manifesto como a xustiza e a totalidade do sistema non protexe os dereitos das mulleres, e máxime os daquelas que se atopan en situación de extrema vulnerabilidade, polo que condenamos o arquivo desta peza xudicial e consideramos imprescindible a aplicación de políticas reais e efectivas de cara a combater a explotación e a violencia contra as mulleres en todos os seus ámbitos.

En Marea reclama que a Xunta non ceda a chantaxes e prime o futuro de Povisa e da súa plantilla

En Marea reclama solucións que garantan o futuro de Povisa e da súa plantilla, e insta á Xunta a actuar de xeito transparente e a non ceder ás chantaxes dun holding empresarial que acumula beneficios millonarios. Tras reunirse coa plantilla do hospital vigués, Eva Solla denunciou a opacidade con que están a desenvolverse as negociacións entre a Consellaría de Sanidade e a empresa, e instou á administración galega a actuar con responsabilidade para garantir a viabilidade futura dun centro hospitalario esencial para a Cidade Olívica.

Eva Solla reuniuse este xoves cunha representación do persoal de Povisa para coñecer de primeira man os detalles da delicada situación que atravesa o centro hospitalario. Unha xuntanza ao remate da cal a deputada de En Marea denunciaba o feito de que Xunta e empresa estean a manter á plantilla absolutamente á marxe das negociacións abertas.

Para En Marea garantir a viabilidade futura deste hospital, así como as axeitadas condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras, debe ser o obxectivo prioritario. E é que, tal e como denuncia a deputada, Povisa forma parte dun holding empresarial que acumula beneficios anuais millonarios, polo que non resulta aceptable que se escude nas supostas perdas do hospital.

A pesar das chantaxes que a empresa está a empregar para tentar sacar máis beneficios económicos da Xunta de Galicia, a deputada de En Marea lembra que no último exercicio este holding empresarial obtivo arredor de 63 millóns de euros de beneficio. Eva Solla explica ademais que, tras poñerse en contacto co Rexistro Mercantil, tense constatado que as contas que Povisa debía ter presentado xa no mes de xullo non teñen sido depositadas aínda no Rexistro Mercantil. Algo que a formación poñerá  en coñecemento do Instituto de Contabilidade para que tome as medidas pertinentes. “Parece unha barbaridade que sen as conta sobre a mesa se estea tentando negociar coa Consellería a costa duns traballadores e traballadoras que levan co convenio conxelado dende 2010”, indica a deputada.

Eva Solla denuncia ademais a situación dalgúns dos traballadores sanitarios de Povisa, contratados por outras empresas do grupo. E reclama o pagamento de todas as nóminas, así como o mantemento  dun “servizo que é esencial, porque a Consellaría de Sanidade se encargou de que o Álvaro Cunqueiro tivese menos camas para seguir mantendo o negocio deste empresario”.

Esquerda Unida esixe que se exclúa da Feira viguesa de Conxemar á empresa marroquí que saquea os recursos saharauís

Esquerda Unida únese ás demandas da Delegación Saharauí en Galicia e Sogaps e esixe aos organizadores e patrocinadores da Feira de Produtos Conxelados de Vigo Conxemar que impida a participación da empresa Atlas Pelagic, con sede na cidade saharauí de Dajla, en dito evento xa que, tal e como explican no comunicado, a empresa se dedica ao saqueo dos recursos naturais do Sáhara Occidental, o que significa “unha violación das sentencias do Tribunal de Xustiza Europeo, que ten expresado a consideración de que o Sáhara Occidental non é un territorio suxeito á soberanía de Marrocos”.

Dende Esquerda Unida sumámonos a esta denuncia, xa que a actividade deste empresa vai en contra das normas do dereito europeo e internacional. E non só iso, as empresas que comercian con produtos do Sáhara Occidental convértense en cómplices da ocupación militar ilexítima ao participar do espolio ao pobo saharauí.

Dende Esquerda Unida denunciamos a actuación antidemocrática de Marrocos, así como a constante violación de dereitos humanos respecto ao trato ao seu veciño Sáhara Occidental. Por iso, reiteramos o noso compromiso a prol dun Sáhara libre.

Irregularidades e opacidade na adquisición de fármacos por parte do SERGAS

Segundo desprende o último Informe do Consello de Contas, o gasto farmacéutico da Xunta vai aumentando de maneira paulatina nestes anos (do 30% en 2014 ao 36% en 2016), con opacidade e incumprimento os procedementos establecidos na Lei de Contratos Públicos.

Mostrámonos moi preocupadas ante o incremento do consumo de fármacos neste contexto de irregularidades denunciadas polo propio Consello de Contas“, indican dende Esquerda Unida

O informe do Consello de Contas sobre farmacia hospitalaria resalta que, á hora de adquirir produtos, “a pesar da existencia de protocolos ou instrucións internas, estas non se cumpren”. É por iso que o sistema de información sobre a adquisicións e consumos de fármacos, (coñecido como a Aplicación SINFHOS), “non proporciona información sobre os prezos ofrecidos por diferentes laboratorios, e non conserva o historial de prezos”, o que imposibilita unha posición vantaxosa de cara a optar por fármacos máis accesibles. Ao non cumprirse o protocolo, “isto xera unha falta de homoxeneidade nos datos rexistrados”, en consecuencia, “non é o suficientemente efectivo e non permite a optimización de recursos”, así como o control do gasto.

Ademais, a documentación relativa ás adquisicións e condicións de subministración dos produtos carece de sistematización, o que xunto co sistema de compras directas que supera o 90% das adquisicións na farmacia hospitalaria, impide un cumprimento efectivo dos trámites establecidos na normativa reguladora dos contratos do sector público.

Aínda que o que máis chama a atención, dentro destas malas prácticas de acordos con laboratorios, é que nalgún caso se rexistran pagos por outros servizos, tales como “becas, cesión de equipos o mantemento dunha páxina web” así como unha “práctica estendida por parte dos laboratorios de ofertar bonificacións consistentes nun abono contable en función do volume de adquisicións, sen que isto se recolla de forma axeitada”, algo totalmente incrible e inaceptable.

Tras ter levado esta cuestión ao Parlamento da man de Eva Solla, voceira de Sanidade de En Marea, dende a Xunta de Galicia seguen sen dar as cifras que solicita a deputada, e non se ten nada claro sobre como funcionan os procedementos de adquisicións de fármacos na farmacia do hospital.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies