SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: España

A Marea Feminista lamenta os feminicidios desta fin de semana e critica o tratamento mediático dos casos de violencia machista

Unha vez mais, a violencia machista ensombreceu esta fin de semana do mes de agosto: o sábado, en Moaña, unha moza de 18 anos era agredida na rúa polo seu compañeiro, que chegou a perseguila e agarrala polo pescozo. O domingo coñeciamos o asasinato doutra muller en Cabana de Bergantiños: o home disparoulle dous tiros, en presenza dos seus fillos. O matrimonio estaba en trámites de separación.

Estes dous casos, salvando as diferenzas, dan conta dunha mesma realidade: a violencia machista, dun ou doutro xeito, acéchanos a todas, mais, fronte a isto, non debemos rendernos nin ser indiferentes ante o machismo. A sociedade en xeral debe falar, superar os silencios cómplices, denunciar, arroupar…

A violencia machista non se pode normalizar, non podemos insensibilizarnos vendo cómo se asasina a mulleres polo mero feito de selo, cómo morren a mans de quen se cren os seus donos, de quen, fronte á separación, fai seu o “ou comigo ou con ninguén”, “se non eres miña, non serás de ninguén”, de quen se cre inmune para poder arrebatarlle a vida a unha muller…

Toda a sociedade, no seu conxunto, somos tanto protagonistas como responsables no ámbito da violencia machista e os feminicidios: en cada unha de nos está manter ou rachar o sistema patriarcal, en cada unha de nos está educar e previr as violencias machistas, sensibilizar no noso entorno, corresponsabilizar, etc. Cada muller asasinada é un símbolo do noso fracaso individual e colectivo como sociedade. Non nos resignemos, sigamos facéndolle fronte ao machismo e ao patriarcado.

Os gobernos, as administracións públicas, pola súa banda, non poden escudarse en mandar mensaxes fomentando que se denuncie, pois facelo e despois non tomar tódalas medidas ao seu alcance para protexer ás mulleres é unha irresponsabilidade. Débense poñer recursos, persoal, investir en formación, etc. para previr e intervir en situacións de violencia machista, dun xeito transversal, en tódolos ámbitos, en tódalas idades… Pois neste contexto, os recortes tamén matan.

Os medios de comunicación xogan un papel esencial no tratamento dos casos de violencia machista, e lamentablemente, a pesares das guías de boas prácticas, as sesións formativas…, a día de hoxe, a realidade é que moitos medios reproducen un enfoque patriarcal, centrando as novas en victimizar aos asasinos (con aspectos como que estaban deprimidos, non tomaban a medicación, etc.) ou desviando o foco de atención a elementos alleos á propia incidencia (o estado dun can, azuzado polo dono fronte á policía, como aconteceu no caso de Moaña).

Os medios de comunicación informan, fan ideario colectivo, deben ser rigorosos. É inaceptable que se cuestione nos medios sistematicamente ás vítimas mentres se xustifica aos agresores. É inaceptable que se cuestione ás mulleres por tentar librar ás crianzas de agresores, pois os maltratadores non son bos pais.

Non caben escusas para os crimes machistas. Non é de recibo buscar a compaixón cos asasinos machistas.

Dende a Marea Feminista seguiremos arroupando a tódalas mulleres, denunciando as violencias machistas e o tratamento inapropiado que se fai das novas nos medios de comunicación, seguiremos esixindo ás administracións a implementación de medidas reais e eficaces para erradicar calquera tipo de violencia machista, por nos, polas que xa non están, e polas que virán, por iso, emprazamos a toda a cidadanía a unirse ao movemento feminista nas concentracións que terán lugar, como noutras ocasións, en repulsa por este novo feminicidio.

#QuerémonosVivas #QuerémonosLibres

Avante LGTB denuncia unha agresión homófoba en Redondela

A organización Avante LGTB informou que onte, xoves 9 de agosto, recibiu unha denuncia anónima dun usuario de Grindr, unha aplicación mobil de ligue para homes, por un caso de homofobia en Redondela.

A vítima quedou cun mozo por Grindr nun portal da vila, á que se tivo que desprazar no coche. Ao chegar alí atopouse cun grupo de mozos que lle comezaron a tirar cousas e a berrar insultos homófobos.

Dende Avante LGTB consideran que “este tipo de accións non poden quedar sen resposta e debemos deixar de ver normal unha agresión homófoba coma esta“. “É preciso deixar claro que aínda que non chegue a haber violencia física, este acto é igualmente denunciabel e completamente inaceptabel“, subliñan dende a organización.

A estratexia de suplantación en aplicativos de ligue é empregada en varios paises para ‘cazar’ a persoas LGTB, tanto por parte de grupos neonazis como polo goberno en países nos que a homosexualidade é ilegal. Esta situación converte o que era un espazo de seguranza nun espazo no que as persoas LGTB xa non poden sentirse a salvo de agresións“, sentenzan dende Avante LGTB.

O BNG pide á RAE que cumpra coa lei, respecte a lingua galega e unha desculpa pública pola deturpación da toponimia de Galiza

Lei de Normalización Lingüística, aprobada fai 35 anos por unanimidade do Parlamento, sinala no artigo 10 que a única forma legal e oficial da toponimia do país é en galego, “porque é a súa lingua orixinal e xenuína”, recalca a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil.

Pese a este marco legal, o Bloque denuncia a pertinaz actitude de “desleixo” e de “falta de respecto” da Real Academia Española (RAE) tanto cara ao texto legal como ao idioma do país, o que motivou un escrito de protesta e reivindicativo dirixido ao Pleno da RAE que a formación nacionalista presentou hoxe no rexistrou da sede desta institución en Madrid.

“A Academia española leva vulnerando esa lei desde hai moito tempo, -a mostra máis recente nas redes sociais da institución-, e o BNG non está disposto a deixar pasar por alto nin unha soa falta de respecto máis ao país e ao noso idioma”, salientou Rodil, tras rexistrar o  escrito acompañada por responsables políticos e militancia.

“Pedimos que cumpra a lei pero tamén que cese nese desleixo contra o país, que respecte os dereitos lingüísticos deste pobo e que, como institución, dea unha desculpa pública a todos os galegos e galegas”, reclamou a viceportavoz parlamentaria.

O BNG tomou a decisión de facer esta denuncia “ante a pasividade absoluta por parte de quenes deberan ser os primeiros valedores da lingua”, explicou, tanto da Xunta como da propia Real Academia Galega. “Por iso esta iniciativa, para deixar claro que non imos permitir nin unha soa falta de respecto máis”.

Rodil, que lembra que na actualidade esta academia está dirixida polo galego Darío Villanueva, salientou que o argumento da RAE de que se trata dunha tradución non se sostén, “non é máis que un despropósito que vulnera a lei de normalización lingüística”. “Son sabedores das normas que rexen para a toponimia e queremos que se cumpra o que fai 35 anos aprobou por unanimidade Galiza no seu Parlamento: Que a toponimia só ten unha forma orixinal e xenuína que é en galego”, alega.

Rodil foi rotunda ao rexeitar o argumento co que pretende xustificarse a RAE

“Non hai ningunha tradución posible da nosa toponimia con usos como Mugia ou Sangenjo, porque non é unha tradución senón unha deturpación que non se corresponde cos termos orixinais”. Por non citar casos que poden rozar o absurdo  de aplicar ese argumento da tradución á grafía en castelán, onde poderíamos topar con dislates como El Roblecillo en substitución de O Carballiño, que mesmo farían irrecoñecibles os topónimos.

“Cesar nesa actitude de desprezo reiterado cara a Lei de Normalización Lingüística e cara os dereitos lingüísticos dos galegos e das galegas. Rectificación e desculpas públicas porque estamos ante un falta de respecto”, concluíu Rodil, sintetizando o obxectivo do escrito presentado polo Bloque.

Meses de demora nas probas diagnósticas de pacientes con cancro no CHUO


As demoras intolerables na realización dos TACs de control que requiren os pacientes con cancro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense estanse levando a cabo con dous ou tres meses de retraso con respecto ao que prescriben os oncólogos.

A deputada socialista ourensana Noela Blanco explicou nun almorzo informativo, “os TACs permiten medir a evolución da enfermidade”, polo que constitúen “a base dos tratamentos”. Neste contexto, apuntou que o ano pasado os pacientes con cancro do CHUO rexistraron “máis de 150 reclamacións” a causa dos retrasos, e que xa van máis de medio centenar no que vai de 2018.

Dado que no centro hospitalario atribúen esta situación á falta de especialistas e derivan a moitos pacientes á privada, Noela Blanco urxiu á Xunta que dispoña “máis medios”. E é que, sumadas ás dificultades para o seguimento da patoloxía, as demoras “supoñen un estrés e un sufrimento adicional para os doentes”.

Só un goberno sen alma pode permitir unha situación que carrexa consecuencias tan graves coma estas“, alertou a deputada do PSdeG, ao tempo que anunciou iniciativas parlamentarias coas que reclamará que “non se excedan os tempos de espera recomendados” para estas probas e que “se publiquen os datos das agardas”.

Ana Pontón culpa a Feixóo de converter CRTVG nun aparato de propaganda persoal

A manipulación dos medios públicos non afecta só a RTVE, -en pleno debate-, senón que é igual de grave ou peor na RTVG convertida en aparato de propaganda do PP e de difusión apoloxética da figura do presidente da Xunta. Un nivel de manipulación que levou á dimisión dunha presentadora e dun presentador dos informativos e a protesta sistemática dos e das profesionais todos os martes, xoves e venres.

Neste contexto, a portavoz nacional, Ana Pontón, vai utilizar a sesión de control para pedir explicacións ao xefe do Executivo: “Que explique se considera razoable converter a radio e a televisión públicas, polas que pagamos 107 M€, no aparato de propaganda do PP. Se o presidente da Xunta quere ter unha teleFeixóo que a pague do seu peto, pero que non use os medios públicos como aparato de propaganda e manipulación a súa maior gloria persoal”.

Pontón subliñou que unha sociedade “libre e democrática” é a que está ben informada e para iso son imprescindibles medios públicos rigorosos, plurais e centrados no país, unha RTVG “nas que a escaleta dos informativos a fagan os e as profesionais e non a secretaria de comunicación de Feixóo”.

As denuncias dos e das xornalistas, o apagón informativo coa supresión primeiro das desconexións locais da TVG e agora da radio galega, a ocultación ou redución á mínima expresión de calquera voz discrepante “coa verdade oficial do réxime feixoniano”, -sexa das forzas da oposición, colectivos económicos, sociais ou sindicais-, e a situación da dirección do ente, cuxo director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, leva nove anos ocupando o cargo de xeito ilegal mostran ata que punto a radio e televisión públicas están ao servizo do PP e do Goberno de Feixóo e merece ser levado ao Parlamento para que o xefe do Executivo dea explicacións.

A situación da valedora do Pobo é outra cuestión que centrará o pleno, despois de que o BNG presentase a proposta de debater na Cámara o cese de Milagros Otero, tras a sentenza do TSXG que anula unha contratación por enchufismo que afecta á irmá do portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy Fraga. O BNG insta a Otero a presentar a súa dimisión antes do Pleno porque considera que non pode seguir nin un minuto máis a fronte da institución.

“Está inhabilitada para seguir porque cometeu abuso de poder e actuou con arbitrariedade precisamente a persoa que preside a institución encargada de velar pola transparencia e polo cumprimento da legalidade nas administracións públicas”, alegou Pontón, quen ve neste caso de enchufismo “un exemplo máis de vellas prácticas caciquís do PP” que hoxe mesmo teñen un novo caso na sentenza tamén do TSXG anulando o concurso para o cubrir 69 postos de traballo na Deputación de Ourense.

“Repítese o modus operandi do PP de copar as institucións incumprindo os principios básicos de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público”, recalcou, por iso Otero debe dimitir antes do martes ou debe ser o Parlamento quen a cese, ao tempo que lembraba que foi elixida cos votos dos populares “incluído o de Feixóo que agora non pode escorrer o vulto”.

Pazo de Meirás versus Val dos Caídos

O BNG tamén leva a última sesión a devolución do Pazo de Meirás sen custe algún para Galiza “porque sería unha labazada á dignidade deste pobo e das vítimas do Franquismo”, salientou Pontón. A proposta nacionalista tamén pedirá o apoio do Parlamento ás 19 persoas, -moitas militantes do Bloque-, denunciadas pola familia e pola Fundación Franco por un acto cívico de reivindicación da devolución do pazo, para as que piden 300 anos de cadea.

Pontón esixiu ao Goberno de Estado “a mesma dilixencia e determinación” para a devolución do Pazo de Meirás e dos outros bens roubados que a que demostra no traslado do restos do ditador do Val dos Caídos. “Xa non valen máis escusas porque levamos 40 anos esperando”, recalcou, “e se o Goberno do Estado non o fai que actúe a Xunta dando un paso adiante con firmeza, porque non é un tema para marear senón para solucionar”.

AP-9 e axenda galega

O período ordinario de sesións concluirá coa votación final da proposición de lei de transferencia da AP9 presentada polo BNG e tomada en consideración pola Cámara, que a portavoz nacionalista confía sexa a definitiva para conseguir a transferencia desta autoestrada “libre xa de vetos” como primeiro paso para finiquitar a estafa da peaxes.

Igualmente, o Bloque presenta unha proposta para conformar unha axenda galega con temas de país para defender ante o Goberno do Estado que, avanzou, debe incluír cuestións como a transferencia da AP9, supresión da prórroga de ENCE, devolución do Pazo de Meirás, tarifa eléctrica propia, 180 M€ en dependencia que adebeda o Estado e a modernización do ferrocarril, que vai máis aló da esperadísima e sempre retrasada chegada do AVE.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies