SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Encontro | Actualidade galega

O BNG leva a denuncia da contaminación dos ríos de Ourense ante a Comisión Europea

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a deputada por Ourense, Noa Presas, realizaron unha visita aos ríos Barbaña, Támega e Encoro das Conchas e  anunciaron que o BNG levará “ a contaminación dos ríos da provincia de Ourense ante a Comisión de peticións do Parlamento europeo”.

Tras diversos encontros con asociacións ecoloxistas e de loita contra a contaminación,  a eurodeputada salientou que para o BNG, a provincia de Ourense é unha das provincias galegas con maior riqueza ecolóxica e denunciou que “a mala xestión e a non aplicación das normativas europeas” están a provocar un grave deterioro pola existencia de vertidos, excesos de nitratos, falta de depuración e saneamento.

Ana Miranda comprometeuse a trasladar ao Parlamento europeo a situación das tres áreas visitadas hoxe polo BNG para que a comisión europea de peticións analice o informe dos ríos de Ourense como xa fixo co das rías galegas, lembrou.

A portavoz do BNG en Europa reiterou que Ourense precisa “ríos limpos” polo que, na súa opinión, o Estado e a Xunta teñen a responsabilidade de  iniciar unha auditoría e cumprir coas normativas europeas nesta materia.

A eurodeputada do BNG convidou  á Asociación “Ríos limpos” no mes de decembro para tratar directamente coa Comisión europea a actual situación dos ríos de Ourense. En Bruxelas, dixo, “a asociación poderá expoñer todos os motivos da denuncia de delito medioambiental e esixir unha auditoría para que a normativa se cumpra”.

NEGLIXENCIA DA XUNTA ANTE A CONTAMINACIÓN

Pola súa parte, a deputada por Ourense denunciou a “neglixencia” da Xunta de Galiza por non reclamar do Estado o cumprimento de responsabilidade en materia ambiental  e a arbitraxe de mecanismos propios de “vixilancia, rexeneración e fiscalización” ante a situación de degradación dos  ríos na provincia de Ourense.

Ademais, Presas lamentou que o novo goberno do Estado non amose vontade por cambio de rumbo na xestión  das  confederacións alleas á xestión galega. Ana Miranda tamén se comprometeu a realizar unha nova visita a zona no mes de novembro co fin de recadar máis datos e constatar que foron tomadas as medidas que o BNG demanda contra a contaminación dos ríos en Ourense.

Os datos do paro do mes de xullo confirman o aumento da temporalidade e da precariedade na contratación

Os datos do paro do pasado mes de xullo feitos públicos hoxe confirman a consolidación da temporalidade, da precariedade e da desprotección social instalada no mercado laboral galego e o descenso da contratación indefinida, xa que o 93,21% dos 118.568 contratos asinados neste período foron de carácter temporal. Paralelamente, a desprotección social das persoas desempregadas continúa en niveis insoportábeis: máis da metade non ingresa ningún tipo de prestación.

O mes de xullo rematou con 163.412 persoas desempregadas no noso país, 6653 menos con respecto a xuño, polo que paro descendeu un 3,9% neste período. Esta leve baixada do paro contrasta cos 118.568 contratos asinados (14.898 máis que en xuño, o que supón un incremento do 14,4%). Destes, un total de 110.516 foron de carácter temporal (93,21%).

Deste xeito, á escasa duración dos contratos hai que sumarlle a elevada rotación dos mesmos, algo que vén sendo tónica habitual.

Ao mesmo tempo, a reducida contratación indefinida que se rexistra mes a mes decreceu aínda un 2,8% (231 contratos menos que en xuño) polo que a porcentaxe de contratos rexistrados baixo algunha das modalidades de contratación indefinida descende até o 6,8% (no mes anterior fora do 8,5%).

A reducida contratación indefinida que se rexistra mes a mes descendeu aínda un 2,8%, situándose no 6,8% do total

O descenso do paro en termos absolutos prodúcese maioritariamente no sector servizos, o que explica esta elevada temporalidade, parcialidade e rotación dos contratos.

De xeito paralelo, continúa a desprotección social das persoas desempregadas, xa que máis da metade non percibe ningún tipo de prestación. Dos 163.412 parados/as rexistrados/as, só 80.125 obtén algún tipo de prestación por desemprego (49,0%).

Consolídase o modelo PP

Para o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle, estes datos amosan claramente que “o modelo PP segue a asentarse, cun mercado laboral caracterizado pola temporalidade, o descenso da contratacion indefinida e a escasa cobertura das persoas desempregadas”.

Considera que mentres se sigan a aplicar as mesmas políticas obteranse os mesmos resultados: máis precariedade, máis temporalidade e máis parcialidade no emprego e sostén que “non temos nada do que parabenizarnos, pois de pouco vale que aumenten as as porcentaxes de ocupación se todo o emprego que se crea é precario”.

Finalmente, fai fincapé en que para a CIG é o momento de actuar sobre a calidade do emprego para garantir que ter un traballo signifique poder vivir en condicións dignas, xa que na actualidade a maior parte dos contratos que se rexistran son de escasa duración e con salarios miserábeis. Tanto é así que a día de hoxe en Galiza un 30% de persoas asalariadas perciben ao ano uns ingresos inferiores ao SMI.

Noa Presas acusa á Xunta de neglixente por non ter operativa a base de Vilanova en plena vaga de calor

Noa Presas, deputada do BNG, visitou novamente a base de Vilanova do Barco de Valdeorras para “comprobar con  estupor como a Xunta de Galiza é unha neglixente pois estamos á metade da campaña de lumes e a base non ten nin sequera iniciadas as obras. Denunciamos hai 15 días que a Xunta incumpría o acordo parlamentar para a reapertura e hoxe seguimos sen un só cambio. Minte a Xunta e minten os seus deputados ao tildarnos de alarmistas cando estamos a ter a responsabilidade que a eles lles falta ao demandar algo tan importante para a zona de Valdeorras e o Macizo.

Presas lembrou que “isto obedece a unha política pirómana que non introduce reforzos para Ourense malia as previsións de calor de agosto e malia saber que este mes e setembro son habitualmente negros para Ourense e a Xunta non ten os deberes feitos”.

Base VilanovaFRACASO DA COMISIÓN DOS LUMES, QUE ESQUECE OURENSE E NON INTRODUCE CAMBIOS PROFUNDOS

Presas sinalou a “tremenda decepción do pacto PP PSOE que deixa o ditame da comisión dos lumes sen propostas profundas e que ademais non serán reais neste verán porque non hai vontade nin orzamento e esquece reaponsabilidades políticas”. Neste sentido recordou que “volve marxinar Ourense ao non contemplar medidas específicas para as súas condicións sociais e climáticas nin atallar cuestións fulcrais como a fragmentación do dispositivo, ademais de supoñer un ataque á figura dos montes comunais e a renuncia á aposta por un modelo de monte multifuncional e ordenado”.

En Marea denuncia os novos recortes que o PP imporá ao sistema educativo co peche de aulas e escolas unitarias

En Marea critica os novos recortes que o Partido Popular na Xunta ven de impoñer á educación pública galega. A formación denuncia o peche de escolas unitarias, aulas e unidades educativas en centros de infantil e primaria que o goberno galego ven de anunciar. Unha medida que supón un novo ataque á rede de centros da Comunidade e que o executivo de Núñez Feijóo perpetra pola porta de atrás, aproveitando o verán para tentar eludir calquera oposición.

A Xunta ven de anunciar o peche de dúas novas escolas unitarias; así como dun total de 74 clases ou unidades en colexios galegos. Un recorte que supón un novo atentado contra o sistema educativo de calidade que En Marea quere para Galicia. “A obriga do goberno galego é garantir o acceso á educación en igualdade de condicións con independencia do lugar onde se viva” lembrou a deputada Ánxeles Cuña.

A formación entende que a falla de alumnos en ningún caso debe servir de excusa para xustificar a merma de recursos educativos da rede pública. E solicita o mantemento duns elementos básicos para contribuir á conciliación das familias e fixar poboación no rural.

“A escola rural é un símbolo da nosa identidade e hai que respetala e ter un compromiso real con ela para o que é preciso un plan específico para o rural en Galicia” afirmou Ánxeles Cuña.

En Marea insta á Xunta para modificar a lexislación e incluír a obriga da avaliación ambiental integrada ordinaria para todo tipo de instalación de residuos industriais

O grupo parlamentario de En Marea ben de rexistrar no Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas nas que se pide instar á Xunta de Galicia a promover as modificacións lexislativas e normativas precisas para que no procedemento de avaliación para a implantación de instalacións de residuos industriais sexa obrigatorio o trámite de avaliación ambiental integrada ordinaria.

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, salientou tamén a necesidade de modificar a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia para garantir que só excepcional e motivadamente se poidan implantar este tipo de instalacións en solo rústico de protección ordinaria, fixando a prohibición no solo rústico de especial protección.

Así mesmo desde En Marea fan un chamamento a revisar os Plans de Xestión de Residuos de Galicia incluíndo unha serie de medidas vinculantes para determinar a idoneidade das situacións das plantas de tratamento de residuos industriais incluíndo, cando menos, para a situación en solo rústico de protección ordinaria a xustificación sobre a insuficiencia de capacidade de tratamento na zona, a inexistencia de solo industrial.

Tal e como lembrou o deputado Antón Sánchez “nos últimos tempos sucedéronse conflitos sociais polos proxectos de instalacións de valorización ou vertedoiros de residuos industriais en varios lugares de Galiza como en Santa Icía, Arteixo, Lousame, Teo ou A Laracha, e pola xestión de vertedoiros existentes pola súa afección medioambiental e social”.

No Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galiza indícase unha serie de criterios de selección de emprazamentos que se deben de cumprir, pero que non se están a cumprir, nomeadamente os criterios para a situación das instalacións. Entre os criterios sinalados están a calidade das vías de comunicación, os accesos, e o feito de que “prioritariamente” as instalacións de valorización de residuos se situaran preferentemente en solo industrial.

“Só de non ser posible a implantación nun solo industrial próximo aos centros produtores serán autorizables noutras categorías de solo” asegurou Sánchez.

A realidade tal e como salientou o viceportavoz de En Marea, “é que as empresas están a buscar prioritariamente emprazamentos en terreos clasificados como solo rústico na maioría dos casos, polas vantaxes económicas que iso supón, deixando de lado os criterios ambientais e de afección á vida das persoas”.

O primeiro principio reitor que se sinala no PRIG é a protección da saúde humana e o medio, principio fundamental, que pretende garantir a non xeración de riscos para auga , o aire, ou o solo, nin para a fauna e a flora, non se causarán incomodidades por ruído ou olores e tampouco se atentará contra paisaxes nin lugares de interese legalmente protexidos.
Na diagnose da situación actual do plan xa se sinalaba que en Galiza hai suficiente capacidade de tratamento para a actual produción de residuos, que xunto co obxectivo de reducir a súa produción no futuro debe de facer chegar á conclusión de que a política a desenvolver debe de ser moi restritiva na selección da situación das instalacións de valorización ou eliminación de residuos industriais. “Estase xeneralizando vertedoiros en solos rústicos de protección para maior negocio das empresas” afirmou Antón Sánchez.

“Nunca debe de primar o interese económico da empresa diante da necesidade de conservación dos valores ambientais ou da saúde das persoas” afirmou Antón Sánchez e por este motivo o grupo de En Marea levará ao Parlamento para o seu debate en comisión esta iniciativa coa que se trata de poñer fin ao problema dos vertedoiros de residuos industriais no noso país.

O viceportavoz de En Marea lamentou que a ´concelleira a media xornada`, Beatriz Mato, estea máis preocupada pola súa campaña á alcaldía da Coruña que pola preservación ambiental ao tempo que “serve de parapeto protector das empresas fronte a impotencia dos veciños e veciñas que teñen que ser eles os que fagan que se garanta a lexislación”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies