SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Encontro | Actualidade galega

Eu tamén podo facer Galiza

Iria Bouzas

Chámome Iria Bouzas, son de Vigo pero obrigada pola necesidade, fai 14 anos que vivo en Madrid.

Levo toda a vida tentando defender o galego e con él, defender Galiza que é unha das cousas que máis quero na vida. Desgraciadamente levo toda a vida a facer esa defensa en perfecto español.

Teño a inmensa sorte de estar rodeada de xente que, inda que as veces teñan que ter moitísima paciencia coa vea terca que herdei do meu avó, adican parte do seu tempo a facerme pensar.

Dándolle voltas á cabeza cheguei a unha conclusión que non me deixou nada contenta con min mesma: ¡Son unha hipócrita!

Levo anos poñendo a escusa da distancia para non facer nación da única forma que eu podo facela, escribindo en galego.

Galiza leva séculos agonizante. A nosa Terra, o noso país está a morrer, e moitos de nós miramos para ela pedíndolle que resista sen facer nada por darlle osíxeno.

Vivir fora da Galiza nunca foi impedimento para ningún galego para poder seguir facendo país. Os emigrantes mantiveron os nosos costumes, a nosa lingua e a nosa cultura vivos, simplemente vivindo aferrados a eles.

O pai do galeguismo, Castelao, transformou a súa dor por estar lonxe da súa patria no noso combustible para loitar por ela.

E eu, Iria Bouzas unha galega de Vigo que vive físcamente lonxe pero co corazón posto na nosa casa, non quero seguir sendo unha hipócrita.

Ben sei que non vou escribir obras maestras en galego, terei que loitar en cada palabra que escriba contra o esquecemento e mesmo vou ter que quitarlle o po os meus libros de gramática e darlles un bo repaso.

As editoriais de libros en galego xa me teñen como clienta pero agora van verme casi como a unha amiga. Teño o propósito de ler en galego ate que o erguerme polas mañás o meu primer pensamento sexa na miña lingua nai.

Sei que vou ter que apretar as mans ao decatarme de que publico algunhas cousas con algunhas faltas de ortografía e que terei que tomar un Almax cando lle dea algunha patada a nosa gramática.

Pero vou avisando de que non pensó pedir perdón. Tentarei mellorar con todalas miñas forzas pero vou publicar todo o que me deixen no idioma no que choro, o galego.

Podenme criticar. A partir de agora, cando escriba en galego non estarei a facer periodismo. Tampouco estarei a facer literatura. Estarei ocupada facendo algo moito máis importante,

¡Dende agora, eu Iria Bouzas, estou a facer Galiza!

¿Axudadesme?

Ana Pontón presenta a Adolfo Muíños como un valor seguro para que Rianxo siga avanzando

A portavoz nacional, Ana Pontón, declarouse “honrada” de poder presentar a Adolfo Muíños como candidato do BNG á Alcaldía de Rianxo, a quen definiu como un valor seguro tras destacar a súa cercanía á veciñanza e a súa entrega ao concello, no acto celebrado no auditorio ante un cento de militantes e simpatizantes.

“Adolfo é unha aposta segura”, salientou Pontón, “e sabedes mellor ca min da súa capacidade de entrega, de diálogo, que sempre ten a súa porta aberta para calquera veciño ou veciña e que pon todo o seu empeño para que Rianxo avance, para buscar solucións aos problemas e por iso hoxe este concello está en mellor disposición para enfrontar os retos de futuro”.

A dirixente nacionalista puxo en valor os oito anos de goberno municipal de Muíños, “oito anos que demostraron a capacidade da equipa que lidera Alfonso, a capacidade de transformación do BNG”. Para que ese avance non se deteña, Pontón anima a conseguir un novo impulso nas vindeiras eleccións municipais.

“Rianxo non pode perder o que gañou nestes anos, temos que darlle un impulso ao BNG e facelo con persoas que levan este concello na cabeza e no corazón, que coñecen aos veciños e veciñas, que saben cales son as apostas de futuro, e este é un camiño que non se pode deter”, salientou, convencida de que Muíños recibirá un contundente apoio na cita electoral.

Presentación Adolfo Muíños“Adolfo é unha aposta segura, -recalcou-, a garantía de que este concello vai seguir avanzando e mellorando, a garantía de que as persoas seguirán estando no centro da xestión e da acción de goberno do Bloque no concello, garantía dunha equipa capaz que conta cun proxecto claro para aproveitar todo o pontencial de Rianxo”, en beneficio da súa veciñanza.

Pola súa parte, o candidato e actual alcalde agradeceu a confianza da militancia do BNG local que de novo volve encomendarlle “unha gran responsabilidade” e agradeceu tamén o apoio que lle está a trasladar moita veciñanza tras coñecer que optará a un terceiro mandato “polo que supón de arroupar a miña candidatura”, salientou.

Un apoio ante o que Muíños ofrece “total compromiso para seguir traballando a favor do concello, para abordar as que quedan por diante pero tamén coa satisfacción de ter solucionado moitos problemas o que nos permite enfrontar novos retos con máis ánimo e con máis recursos”, sinalou, en referencia ao saneamento das contas municipais.

“Comprometo traballo, sentido común e un gran desexo de resolver problemas e de ser dignos herdeiros deste pobo no que naceu Castelao, Manuel Antonio”, declarou, “ese compromiso coa lingua, coa cultura, pero tamén co desenvolvemento dos servizos sociais, co medio ambiente e con todas as tarefas que temos abordado ao longo dos anos de goberno do BNG”, reiterou o alcalde nacionalista.

Recta final para o Plan xeral de ordenación municipal, a dotación de novos equipamentos sociais, -como a posta en marcha dun centro de día no Pazo do Rianxiño-, ou activar o parque empresarial, -cun 33% da superficie vendida-, figuran entre as propostas d BNG para o terceiro mandato, así como seguir co saneamento das finanzas do concello tras lograr reducir unha débeda herdada de 4,5 M€ aos 800.000 euros actuais.

“Responsabilidade, ilusión e moito ánimo para encarar esta vindeira campaña de cara as elección municipais de 2019”, recalcou Muíños.

O BNG rexistra unha proposición de lei en materia enerxética para beneficiar a empresas e traballadoras/es

O grupo parlamentario do BNG rexistrou hoxe no Parlamento galego unha Proposición de lei en materia enerxética destinada a abaratamento do recibo da luz para persoas usuarias e empresase consolidar o emprego.

En palabras da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a proposta responde “á estafa colectiva” da factura da luz que debemos pagar todos os galegos e galegas que a pesar de vivir nun país que produce moita electricidade, “non temos ningún tipo de compensación” e mesmo estamos ante a ameaza dun ERE en ALCOA, que de producirse suporá o despido de 400 persoas polos altos prezos da enerxía.

A Proposición de Lei do BNG, anunciou Pontón nace baixo tres obxectivos: “abaratar o recibo da luz porque dous térceos da factura dependen de decisións políticas dos parlamentos e gobernos, un novo marco na produción eléctrica que compense a Galiza polos custes sociais e ambientais na produción enerxética, e unha tarifa industrial para as empresas electrointensivas para garantir emprego”. Para a portavoz do BNG, a proposta tenta ser unha “ferramenta para un prezo xusto da electricidade, acabar coa pobreza enerxética, frear o peche de ALCOA”.

O MERCADO PROPICIA O NEGOCIO REDONDO PARA AS ELECTRICAS

Pontón lembrou que o actual mercado favorece “o negocio redondo das eléctricas” que durante a crise económica “gañaron 50 mil millóns de euros e que só no ano 2017 foron 5.600 M€, pagados por economías familiares cada vez máis asfixiadas” e cos salarios e pensións máis baixas do estado. Ante esta situación, dende o BNG propomos “unha tarifa eléctrica galega coa rebaixa das peaxes como compensación polos custes sociais e ambientais de ser un país produtor de enerxía”. Esta proposta, recalcou, “é constitucional e legal e permitiría un avance para o noso país” e criticou que Partido popular e Feixóo á cabeza, segan facendo unha campaña en contra de ter beneficios en Galiza por producir electricidade.

Por outra banda, preguntou porque Feixóo e o Partido popular son incapaces de explicar porque a tarifa en Euskadi permite aforrar ás empresas 120 Millóns de euros e por tanto, seren máis competitivas. “O PP continua na senda de ir contra os intereses de Galiza e non defender propostas para beneficiala”, manifestou.

O marco deseñado polo Partido popular vai permitir que os galegos e galegos paguemos o prezo da luz “máis alto de todo o estado”. A proposta do BNG vai en dirección contraria, “reclamamos unha compensación por producir.”

O BNG PIDE BAIXAR O IVE

A Proposición de lei contempla a rebaixa do complemento do IVE do 25% ao 4%. A portavoz nacionalista asegurou que é posible, se temos en conta ademais que o goberno baixou o IVE das touradas ao 10% e se ten vontade política pode facelo coa luz. Cunha tarifa eléctrica galega e a rebaixa do IVE “aforrariamos ao ano 330 euros”. Esta, recalcou, é unha proposta “posible e realista”.

ALCOA NON SE PECHA

Na súa intervención, Pontón aludiu ao ERE extintivo anunciado por ALCOA do que dixo, é necesario presionar á empresa para que non sexa efectivo pero ao tempo poñer sobre a mesa propostas para modificar o mercado enerxético para procurar a estabilidade da empresas electrointesivas a través dunha tarifa estable que substitúa o sistema de poxas de interrompibilidade, “esa ruleta rusa” que non permite prezos competitivos e a causa fundamental na ameza do peche de ALCOA na Coruña.

Esta tarifa industrial, engadiu, debe ser “estable con variacións predicibles para a subministración á industria electrointesiva e condicionada a que as empresas invistan periodicamente en viabilidade e modernización dos procesos produtivos, manter o emprego e poder adquisitivo dos cadros de persoal”. Estes requisitos deben ir acompañados dun “plan de desenvolvemento industrial ” cada cinco anos que será supervisado pola administración para o seu cumprimento.

“ALCOA non pode pecharse” e por iso seguiremos presentando propostas para impedilo e advertiu que “detrás deste peche poden producirse outras situacións semellantes”.

Ana Pontón traslada o apoio do BNG a traballadores e traballadoras de Alcoa na marcha da cidade da Coruña

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou hoxe na marcha organizada polos traballadores e traballadoras de ALCOA na cidade da Coruña, acompañada do membro da Executiva Nacional, Xosé Luís Rivas e o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera.

Na marcha contra o peche de ALCOA, dende a fábrica ate a Delegación do Goberno na Coruña, Pontón trasladou aos traballadores e traballadoras o apoio do BNG ante o anunciou do ERE extintivo na empresa e manifestou que tanto a empresa como o goberno da Xunta de Galiza deben ser conscientes de que existe unha multitude en Galiza contraria “ao peche e perda de 400 postos de traballo”.

Pontón reclamou unha solución ao que chamou “un problema de país” para o que, na súa opinión, resulta imprescindible conformar “unha fronte política” que defenda o emprego en ALCOA. Neste momento, explicou a nacionalista, o goberno da Xunta é responsable de presentar unha alternativa contra o desmantelamento da fábrica e para iso, é preciso crear unha mesa con presenza dos sindicatos, Xunta, organizacións políticas e institucións galegas destinada a garantir o emprego e futuro de ALCOA.

Por outra banda, a portavoz do BNG insistiu na necesidade de abordar a modernización e transformación das instalacións de ALCOA e volveu reclamar “a retirada do ERE extintivo” porque sabemos, afirmou, que a fábrica da Coruña é “rendible, competitiva e non permitiremos que esa riqueza sexa estragada polos intereses dunha multinacional”.

O goberno, asegurou, conta con ferramentas para impedir o peche de ALCOA e advertiu que en Galiza, “non permitiremos o seu peche”.

CCOO valora os datos positivos da EPA pero matiza que o crecemento da economía non se traslada ao emprego

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia valora os datos positivos da enquisa de poboación activa (EPA) do terceiro trimestre do ano, pero observa «certa ralentización» respecto doutros anos. Desde Comisións tamén amosan a súa preocupación porque o crecemento da economía non se está trasladando ao mercado de traballo: este ano é do 2,8 %, porén, a creación de emprego é do 2,2 %.

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, alerta dos «grandes desequilibrios» nos sectores produtivos. Mentres aumenta a ocupación na agricultura e no sector dos servizos, pérdese na construción e na industria.

«Galicia non pode seguir perdendo emprego industrial e apostando por servizos de baixa calidade», censura Bouza. Na súa opinión, este modelo está «intimamente ligado á conxuntura» polo que, cando esta cambie, perderase o emprego asociado. «Galicia precisa un modelo produtivo diversificado, no que primen o coñecemento e o valor engadido», puntualiza a sindicalista.

Mellorar as condicións laborais

En opinión da secretaria de Emprego de CCOO, agora «é o momento» de aproveitar a mellora do emprego para progresar nas condicións laborais das 139.000 galegas e galegos que traballan a tempo parcial, situación na que están «porque non lles queda outro remedio, na maioría dos casos». Tamén esixe combater a fraude nos casos en que a xornada parcial non se corresponde co número de horas realizadas, ou na contratación temporal que debera corresponder xa a contratación indefinida.

Ademais, na liña do Acordo de Emprego e Negociación Colectiva (AENC) asinado este ano, Bouza salienta que tamén «é o momento» de subir os salarios de todas as traballadoras e dos traballadores, «que co sacrificio das súas condicións laborais contribuíron á mellora da situación económica».

Por último, Bouza insta a Xunta de Galicia a aproveitar os orzamentos autonómicos para corrixir as eivas sinaladas, porque o proxecto presentado «non vai nesa dirección». Segundo a sindicalista, «esta é a Galicia real á que Feijóo debe dar respostas», especialmente para as 153.000 persoas desempregadas, os 53.000 fogares con todos os membros no paro e os 32.200 nos que non entra ingreso ningún.

Análise da EPA

Segundo a enquisa de poboación activa, a poboación ocupada aumenta en 20.700 persoas no terceiro trimestre de 2018 respecto ao trimestre anterior (un 1,92 % fronte a un incremento do 0,95 % na media estatal). Non obstante, o emprego avanzou menos ca en anos anteriores: no terceiro trimestre de 2017 creábanse 23.600 postos de traballo (un 2,2 %) e no mesmo trimestre de 2016 eran 23.900 (un 2,3 %). Nos últimos doce meses, o emprego medrou en 24.000 persoas e, en proporción, segue aumentando menos ca na media estatal (un 2,23 % e un 2,51 %, respectivamente).

O número de persoas ocupadas subiu ata 1.096.500, co que aínda quedan por recuperar 119.900 empregos para volver aos valores de hai dez anos.

Polo tipo de xornada, no terceiro trimestre de 2018 creouse emprego a xornada completa en detrimento do da xornada parcial (29.900 persoas ocupadas máis a xornada completa fronte a 9.200 menos a xornada parcial) e dos empregos que se crearon no último ano, o 98 % foron a xornada completa. Con todo, o 12,7 % da poboación ocupada en Galicia ten un posto de traballo a xornada parcial e das persoas que traballan a neste tipo de xornada, o 56,6 % fano porque non atoparon un traballo a xornada completa e só o 8,1 % afirmou non querer un traballo de xornada completa.

Por sectores, en comparación co segundo trimestre de 2018, créase emprego no primario (6100 persoas máis ocupadas, un 9,5 %) e nos servizos (18.200 persoas máis ocupadas, un 2,4 % máis), mentres que na construción se perden 1300 empregos (−1,9 %) e na industria 2400 (−1,4 %). En comparación con hai un ano, hai 39.500 persoas máis ocupadas nos servizos (un 5,3 % máis) e 1000 máis na construción (un 1,5 % máis) fronte a 8000 menos no sector primario (−10,2 %) e 8.500 menos na industria (−4,8 %).

No que atangue é evolución do emprego asalariado, hai 14.200 persoas máis traballando por conta allea que no segundo trimestre de 2018 (11.100 indefinidas e 3100 temporais) e 31.600 máis ca hai un ano (34.700 indefinidas fronte a 3100 temporais menos). A taxa de temporalidade estaba no 26,8 % no terceiro trimestre de 2018 (28,1 % no terceiro trimestre de 2017).

Polo tipo de sector, no terceiro trimestre de 2018 aumentou a poboación asalariada no privado en detrimento da do sector público (18.900 persoas asalariadas máis no privado fronte a 4700 menos no público). Nos últimos doce meses creáronse 27.000 empregos asalariados no sector privado e 4600 no público.

A taxa de temporalidade no sector privado era do 27,6 % no terceiro trimestre de 2018 e no público do 23,8 %. Atendendo á idade, o colectivo máis castigado pola alta temporalidade é a xuventude: nas persoas de 25 a 29 anos alcanzaba o 54,8 % e nas menores de 25 anos disparábase ata o 72,4 %.

Malia non figuraren no paro 22.100 persoas en relación co trimestre anterior e 28.700 en relación co terceiro trimestre de 2017, o desemprego segue cebándose cun número avultado de persoas: 153.000. Delas, o 41 % son paradas de longa duración. A taxa de paro está no 12,2 % (11,1 % nos homes e 13,4 % mulleres) e no caso das persoas menores de 30 anos sobe ata o 23,8 %.

A poboación activa segue diminuíndo en Galicia, mentres que na media estatal aumentou. No terceiro trimestre de 2018 había 1400 persoas activas menos ca no trimestre anterior e 4800 menos ca un ano antes.

Malia a baixada do paro, no terceiro trimestre de 2018 están en paro todos os membros activos en 53.000 fogares, e en 32.200 non entran ingresos de ningún tipo.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies