SUNDAY 24 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Encontro | Actualidade galega

Ana Miranda participa na delegación oficial do Parlamento Europeo para Mercosur

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa na delegación de Mercosur do Parlamento Europeo, feito que a leva a desenvolver unha intensa axenda en Paraguai e Uruguai para discutir o estado actual das negociacións do tratado entre Mercosur e a Unión Europea.

“Estas negociacións coa Unión Europea levan estancadas desde hai 24 anos, polo que é importante afondar no diálogo sobre as posibilidades da futura cooperación”, destaca a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, quen forma parte da delegación xunto a outros eurodeputados e eurodeputadas de distintas forzas políticas do Parlamento Europeo.

Durante a estancia en Uruguai Ana Miranda mantivo diferentes encontros, entre os que destaca o que desenvolveu coa vicepresidenta Lucía Topolansky, muller de gran traxectoria na loita antifascista, así como cos ministros de Pesca, Agricultura e Gandería, o de Exteriores e o de Economía.

Ana Miranda Lucía TopolanskyAsemade a delegación foi recibida no Parlasur polos seus homólogos, e na que a eurodeputada do BNG participou nos debates sobre o acordo coa Unión Europea, os dereitos humanos e a migración.

As estreitas relacións que o BNG mantén co Frente Amplio de Uruguai van ter continuidade nunha vindeira visita dunha delegación do Bloque, que se fará efectiva nos próximos meses.

A partir de hoxe, a delegación para Mercosur, -que se define como un proceso de integración rexional constituído inicialmente por Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai- desenvolverá a súa axenda de traballo en Uruguai, onde están previstas xuntanzas con representantes de organizacións de defensa dos dereitos humanos e en especial na defensa dos dereitos das mulleres.

O BNG abandona a comisión de investigación de sanidade porque o PP impón en solitario o seu plan de traballo

O BNG abandonou hoxe, de maneira permanente, a Comisión de investigación sobre os recortes no sistema sanitario solicitada pola oposición e ante a decisión do Partido popular de impoñer e aprobar en solitario o plan de traballo impedindo as comparecencias do persoal do PAC da Estrada trala morte dunha persoa nos corredores de urxencias por falta de un médico no centro, traballadores da sanidade contratados e precarios, persoal do centro sanitario POVISA, persoas investigadoras, doentes, responsables do colexio de psicólogos e do mantemento de electromedicina.

Para a portavoz de sanidade do BNG e membro da comisión de investigación, Montse Prado, hoxe o Partido popular tentou trasladar á cidadanía que existe un regulamento na Cámara galega democrático que permite á oposición crear unha comisión de investigación pero en realidade, “o PP non acredita neste sistema” e acabamos de comprobar como na primeira reunión da comisión para investigar os recortes en sanidade, o grupo maioritario convértea “nun fraude e nunha burla” impoñendo o seu plan de traballo e “escollendo só as comparecencias que lle interesan” das presentadas pola oposición.

Dende o BNG, dixo a deputada, “non imos introducir as propostas que lle gustan ao Partido popular” porque nós xa propuxemos as persoas e entidades afectadas polos recortes e son eles os que deben falar nesta comisión, non as persoas elixidas exclusivamente polo PP. Prado cualificou de “gravísimo, antidemocrático e humillante ” o acontecido na comisión de investigación no só para as forzas da oposición senón tamén para un gran número de persoas que confiaban e mantiñan a esperanza na comisión para “deitar luz sobre a sanidade pública”.

A parlamentaria do BNG lamentou que o Grupo popular vetara a comparecencia de moitas das persoas escollidas pola oposición afirmando que non aportarían nada ao que Prado replicou que precisamente “son esas persoas as que deben ser escoitadas e tomar nota das súas propostas”.

O BNG, explicou considerou dende o primeiro momento que esta comisión era necesaria para analizar a actual situación da sanidade pública galega, e hoxe constatamos como “ o Partido popular, novamente impide que as persoas que padecen os recortes sanitarios poidan aportar a súa experiencia no Parlamento galego. O Partido popular impide que compareza algunha persoa do PAC da Estrada, obxecto de investigación trala morte dunha persoa, ninguén dos PACs que permanecen en folga pola falta de medios materiais e humanos, tampouco ningún representante das urxencias extra hospitalarias, do 061, ambulancias, central e coordinación nin celadores e celadoras nin persoal de enfermería, colectivos que o Partido popular non considera necesario que comparezan”.

Prado afirmou que o interese do PP non é outro máis que “agochar a súa folla de ruta” na externalización e privatización do servizo sanitario galego e por iso “amordazan ao Parlamento e as forzas da oposición” impoñendo un plan de traballo sesgado coa pretensión de vender “transparencia” que en realidade é “un fraude democrático e un lavado de cara”.

A deputada anunciou que o BNG nas condicións impostas polo Partido popular abandona a comisión de investigación para non participar “nun trágala” que só interesa ao PP. O BNG, reiterou non vai ser “cómplice” dos vetos e imposicións do Partido popular, concluíu.

Ana Pontón: “Luís Seara é garante do cambio político que necesita a cidade Ourense paralizada polo PP”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou hoxe no acto público de presentación do candidato do BNG á Alcaldía de Ourense, Luís Seara do que destacou o seu compromiso para impulsar o cambio de rumbo político nunha cidade que o Partido popular conduciu á “parálise”.

Acompañados de máis de trinta cargos institucionais, militantes e simpatizantes, a portavoz nacionalista e ao candidato compareceron antes os medios de comunicación manifestando que o BNG presentase á cita electoral cun grande reto: “Deixar atrás tres anos perdidos na única cidade de Galiza sen orzamentos e cun goberno incompetente que é parte do problema e polo tanto, non pode ser parte da solución”.

Pontón recalcou que o cabeza de lista do BNG, Luís Seara e as persoas que o acompañarán na candidatura darán o impulso necesario ao concello para convertelo nun concello “vivo e dinámico”.

Estamos vivindo tempos complexos e, hoxe máis que nunca, fronte á política líquida son necesarias “organizacións cohesionadas, unidas e solventes” con principios para recuperar o verdadeiro sentido da política polo que agradeceu ao candidato “o seu grande compromiso co interese xeral”.

Tras presentar ao candidato como un político que leva a Ourense no corazón e coñece a cidade, os seus problemas e necesidades, afirmou que Seara é unha persoa “integra, traballadora e dialógante”, e que levará ao concello o dialogo que faltou durante estes anos en Ourense, caracterizados pola “arrogancia política local”.

O BNG APLICA POLÍTICA DE SERVIZO PÚBLICO NOS CONCELLOS

Para a portavoz do BNG, o Partido popular levou á parálise a Ourense durante tres anos que se converteron en “tres anos en branco”. A situación social, demográfica e anímica de Ourense, afirmou, é o mellor retrato das políticas do Partido popular así como o despoboamento, a crise económica, a falta de emprego e iniciativas para unha cidade e provincia na que o Partido popular representa “un partido corrupto, con dinastías familiares e ao que só lle interesa ter o poder”.

O PP REPRESENTA PASADO E DINASTIAS

Fronte este Partido popular que representa o pasado, “o BNG é a alternativa que entende a política como servizo público, cun proxecto para o país, e para Ourense” como xa levamos demostrado en Allariz, en Castrelo, na Mezquita, en Barbadás, Verín, Viana ou Baños de Molgas. “Un proxecto que mellora a vida dos concellos e para construír un país mellor”. Conseguímolo noutros lugares e tamén queremos facelo en Ourense porque queremos ser “o motor dese cambio”. No BNG aprendimos “dos acertos e dos erros” e queremos un Ourense que reforce a nosa autoestima como galegos e galegas, “un Ourense comprometido coa xestión pública, no que sexa erradicado calquera tipo de favoritismo, un Ourense feminista, que mellore a calidade de vida dos veciños e veciñas apostando pola calidade urbana superando a vella concepción das cidades como almacéns de coches e un Ourense que defenda os dereitos individuais e colectivos, con participación social e laicismo”.

O BNG leva máis de 30 anos aportando en positivo para Galiza e aportando en positivo para Ourense, concluíu Ana Pontón.

O BNG QUERE SITUAR OURENSE NA SENDA DA MODERNIDADE

Na súa intervención, o candidato do BNG á Alcaldía de Ourense, Luís Seara afirmou que o interese do BNG pasa por converter Ourense “nun concello, vivo, dinámico e de referencia” e por iso eliximos “unha equipa cohesionada e solvente”.

Seara asegurou que a sociedade ourensá é unánime á hora de cualificar de “paralizado e improdutivo” o actual goberno local. Neste contexto, que o PP presente ao mesmo candidato á alcaldía, asegurou, é indicativo de que no PP confunden o verbo ser co verbo estar e para nós, non é o mesmo estar no goberno que ser goberno porque no primeiro caso ocupas unha institución pero no segundo exerces unha responsabilidade, explicou.

Para o candidato nacionalista, o actual goberno foi “irresponsable, arbitrario, insolvente para xestionar e en conxunto deixa peor a cidade do que a atopou”. O BNG non se asusta ante os retos, e hoxe máis que nunca, recalcou “estamos ante un tempo novo e coa convicción de iniciar un novo punto de partida para Ourense”.

Seará insistiu na necesidade dun cambio de rumbo político para “rachar a inercia actual” e ese cambio o dará o BNG con anos de experiencia na oposición e no goberno municipal cun balance de ideas e proxectos que significaron unha verdadeira transformación para o concello. “Temos o aval do noso traballo político noutros concellos convertidos en referentes en Galiza e mesmo fora das nosas fronteiras”. “Nós somos goberno, non só estamos nel” e representamos iniciativa. Ourense non pode permitirse outro mandato como o actual. A candidatura do BNG será “o motor do cambio” que definimos como proxecto das catro ies, “integral, integro, integrador e integrado”. Integral para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños, integro na transparencia e relación coa cidadanía, integrador porque se constrúe dende as persoas como centro e para elas, e integrado cun proxecto de país.

“No BNG somos unha alternativa preparada e con solvencia para facer avanzar Ourense e queremos situalo na senda da modernidade e da prosperidade”.

Antón Sánchez e Xosé Manuel Beiras visitarán a Oriol Junqueras e Raúl Romeva

O encontro terá lugar o vindeiro 10 de decembro na prisión de Lledoners onde os dous dirixentes políticos permanecen en prisión preventiva á espera de xuízo. Un procedemento cuestionado por diferentes entidades defensoras dos dereitos humanos, nun tempo no que vimos como tribunais de Estados da Unión Europea se negaron a executar euro-ordes e a aplicar medidas cautelares polos mesmos actos que xustifican no Estado español medidas de excepción como a prisión preventiva.

Este encontro pretende mostrar a nosa solidariedade esixindo que dirixentes políticos de formacións legais poidan realizar o traballo político nas rúas e nas prazas, e tamén nas institucións nas que foron electos, como é o caso do dirixente de ERC Oriol Junqueras. Entendemos que o feito de que sigan en prisión preventiva é unha mostra máis da deriva autoritaria que atravesa aos poderes do Estado español diante das demandas democráticas postas enriba da mesa por boa parte da sociedade catalá.

Dende Anova Irmandade Nacionalista defendemos que en democracia todos os proxectos políticos poden ser non só defendidos, se non levados á práctica se acadan as maiorías sociais suficientes para facelo. O Estado español debera recoñecer antes ou despois o que fixeron xa Canadá ou Reino Unido: o de entender que os conflitos políticos no século XXI teñen que dirimirse abrindo as urnas, e non poñendo freos á democracia. Imaxes como a das cargas policiais nos colexios electorais nese histórico 1-O forman parte da historia máis negra do Réxime do 78 e son impropias de calquera democracia.

Nese sentido vemos con preocupación determinadas afirmacións dos voceiros da dereita española que non descartan a opción de ilegalizar partidos políticos independentistas. Este tipo de afirmacións evidencian unha concepción cativa da democracia, que non acepta a existencia dun marco de respecto dos nosos dereitos sociais e nacionais e que mesmo pon en perigo dereitos e liberdades civís consagrados no propio ordenamento xurídico vixente.

Entendemos que a mudanza de goberno no Estado español debe abrir un tempo novo no que se atendan as demandas sociais das clases subalternas, ao tempo que se amplía e se mellora a democracia. Debemos empurrar nesa dirección para blindar as conquistas sociais e conseguir un marco de benestar para as maiorías sociais, no que se consiga un marco novo que respecte o dereito a decidir dos pobos.

Propostas para a implementación de novas infraestruturas para o abastecemento e almacenamento da auga na cidade de Vigo

En relación a problemática de abastecemento e almacenamento da auga na cidade de Vigo e contorna, Amigos da Terra ven de presentar ante as diferentes administracións implicadas (Concello de Vigo, Xunta de Galicia y Ministerio para la Transición Ecológica) unha serie de propostas de actuación que consideramos deberían aplicarse antes de expor outras medidas máis complexas, custosas e cun considerable impacto ambiental como transvasamentos ou novos encoros.

Desde Amigos da Terra consideramos que a aplicación das mesmas, cunha estimación prudente dos seus resultados, conseguiríase un aumento na capacidade de auga embalsada e no uso eficiente da mesma que moi probablemente faría innecesaria a medio prazo a construción de novas infraestruturas. Estas propostas poderían aplicarse ademais de maneira inmediata. Outro dato que sometemos a considerar é o aforro de custos económicos e ecolóxicos. Estas medidas resultarían considerablemente máis baratas e sen apenas impacto ambiental relevante e, ademais, de aplicación e resultados inmediatos.

Sobre o sistema de tarifas: Pasar do actual pago por tramos ao pago por consumo real.

Segundo o instituto galego de estatística IGE, o instituto nacional de estatística INE e a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) sinalásese que o sistema de tarifas do servizo de auga na cidade de Vigo é a que máis incentiva ao malgasto da mesma. O propio pleno do Concello de Vigo aprobou, por unanimidade, o cambio de devanditas tarifas para establecer o pago por consumo real. Un cambio de sistema de tarifas, aplicando o que se utiliza na práctica totalidade das cidades, implicaría un sensible aforro de auga, unha auténtica concienciación cidadá, e conseiguintemente un sensible aumento das reservas de auga.

Sobre os encoros de abastecemento: Aumentar a súa capacidade actual.

O principal encoro de subministración de auga a Vigo e o resto de Concellos da súa contorna, Eiras, conta cunha capacidade nominal de almacenamento de 22 hectómetros (21 hectómetros útiles). Sobre esta capacidade nominal establécense as previsións e posibles plans de continxencias, pero ese dato oficial non é o dato real. Eiras acumula máis de trinta anos de achegue de lodos e áridos e materiais de arrastre (especialmente marcados tamén polos procesos erosivos dunha conca fluvial na que os incendios son recorrentes). Recuperar a súa capacidade real de almacenamento, e mesmo incrementala de forma sensible poderá facerse cun dobre procedemento de dragado: das súas marxes desde terra e desde embarcación en toda a superficie da súa conca. Este proceso ten dous inconvenientes perfectamente corrixibles. Por unha banda o dragado inevitablemente produce lodos en suspensión durante os traballos que aumentan a turbidez da auga e dificultan a súa potabilización Afortunadamente a comarca de Vigo conta cunha segunda presa de abastecemento (Zamáns) que, aínda que de menor capacidade, permitiría garantir a subministración ata que os lodos en suspensión de Eiras volvesen sedimentarse. Unha vez completada esta actuación en Eiras podería facerse a mesma neste segundo encoro de Zamáns. O segundo problema consiste en dar un tratamento adecuado e ecoloxicamente responsable aos lodos que se extraerían de ambas as presas. Lamentablemente non se necesita afastarse moito da zona de extracción pois, como sinalabamos, atopámonos en zonas de incendios recorrentes. O curso alto dos ríos Oitavén e Zamáns, e consecuentemente os seus lodos de achegue ás presas, carecen de contaminación química nin compostos orgánicos persistentes en cantidades relevantes. Estes lodos poderían utilizarse como substrato e fertilizante para a rexeneración dos chans incendiados. Con este procedemento obteriamos por tanto o dobre beneficio do aumento de capacidade de auga embalsada e a rexeneración de áreas incendiadas. Un cálculo prudente indicaría que as reservas de auga, con este sinxelo e económico procedemento, poderían aumentar nun 10%, o equivalente a garantir máis dun ano de subministración nas peores condicións de ausencia de precipitacións. Como medida complementaria nun futuro debería priorizarse a posibilidade, de ser necesario, do recrecemento dos encoros existentes.

Sobre a rede de distribución: Programa intensivo de renovación e control de perdas.

O último dato oficial dispoñible cifra nun punto semanal o descenso na cantidade de auga embalsada na presa de Eiras pero desde o Concello de Vigo triplican ese dato oficial asegurando un descenso de entre tres e catro puntos semanais. Si realmente estase conseguindo un aforro significativo no consumo (o Concello cífrao nun 4´5% ) a baixa pluviosidade, aínda que con maiores precipitacións que no mesmo período do ano pasado cando se decretou a prealerta por seca, non explica por si soa este vertixinoso descenso nas reservas. O INE cifra nun 30% a media das perdas de auga derivadas das deficiencias nas redes de distribución. A hemeroteca dispoñible abunda en exemplos recentes de inundacións frecuentes nas rúas da cidade por rotura de tubaxes. Moitas obras de reparación en devanditas redes. Descoñecemos o efecto concreto na porcentaxe de minimización de perda de auga nas redes de distribución, aínda que a maioría porcentual dos fondos destinados a esta renovación das redes destínanse a actuacións complementarias de renovación de beirarrúas, firmes de estradas e sobre todo ornamentación e mobiliario urbano. Consideramos que a prioridade debería ser fundamentalmente a renovación das redes de saneamento (aínda con moitos quilómetros de tubaxes de fibrocemento) e a esa prioridade deberían destinarse os fondos da concesionaria correspondendo o resto de gasto ornamental das actuacións ao Concello.

Sobre as medidas concretas de aforro por parte do Concello: eliminar os baldeos e as fontes ornamentais de ciclo aberto e adoptar outras medidas.

Os propios traballadores da concesionaria da auga de Vigo pedían tomar medidas (xa en plena alerta por seca o pasado outono) para reducir o malgaste que significaba arroxar diariamente 1.500.000 litros de auga. Xa no ano 2009, cun consumo de 1.000.000 de litros diarios entón (en menos dunha década os baldeos incrementaron en 500.000 litros de auga o seu consumo) solicitaban polo menos evitalos en caso de choivas torrenciais. Consideramos que os baldeos nas rúas son incompatibles cun consumo responsable da auga. Non se trata só de reducilos en situación de prealerta por seca ou suspendelos en situación de alerta, máxime cando os mesmos realízanse con auga potabilizada e clorada da rede de abastecemento para o consumo humano. Existen alternativas suficientes (auga procedente da estación depuradora, tanques de tormenta de almacenamento etc) que se podería destinar a esa finalidade. As billas de auga para baldeo deberían substituírse polos modelos que incrementan a presión de saída reducindo o consumo. Os sistemas de rega manual e automatizado dos xardíns urbanos debe programarse de forma eficiente, evitando a rega de xardíns nas horas centrais do día (especialmente nas xornadas de máis calor) que implica un desperdicio do 40% da auga utilizada. A instalación por parte do Concello de Vigo de fontes ornamentais na cidade aumentou considerablemente estes últimos anos sexan de ciclo aberto ou pechado (e moi especialmente no primeiro caso) consideramos incompatible cun consumo responsable da auga seguir engadindo estes elementos ornamentais á decoración urbana. Como mínimo as fontes ornamentais de ciclo aberto deberían ser desconectadas da rede de subministración. Paralelamente todas as instalacións públicas deberían contar con sistemas eficientes de aforro de auga (perlizadores nas billas e todos eles con temporizador, cisternas de dobre descarga).

Sobre actuar contra as causas e non só nos efectos: Medidas exemplares contra o cambio climático

O Concello de Vigo e o seu alcalde, que presidiu durante anos a Rede Española de Cidades polo Clima e que mesmo acolleu algunhas das reunións da mesma coñece perfectamente que a seca é un dos efectos do cambio climático, e coñece igualmente cales son as súas causas. O Concello de Vigo debería ser exemplar tamén na loita contra as causas. E así chegamos ás luces do Nadal. Afirma o alcalde de Vigo que o consumo da iluminación ornamental será irrelevante aínda que este anuncio coincide coa noticia do prezo da electricidade en máximos históricos. Facer o cálculo do prezo quilowatt/hora multiplicado por ese nove millóns de luces é sinxelo (e a cantidade non é precisamente pequena) pero para o tema que nos ocupa aplicaremos outro indicador: a súa incidencia no cambio climático, porqué este indicador? Porque aquí chegamos á relación que diciamos ao principio: o cambio climático é o argumento de fondo que desde o Concello utilízase para esixir medidas contra a seca. Entre o 40% e 65% da electricidade que consumimos en Vigo, e a porcentaxe aumenta precisamente en función da seca, procede das centrais térmicas de carbón segundo despréndese do informe de oficio realizado pola oficina do valedor do cidadán do Concello de Vigo e a Universidade de Vigo, as maiores responsables a nivel autonómico da emisión de gases de invernadoiro que provocan ese cambio climático do que uno dos seus efectos, é xustamente a seca. O malgasto enerxético derivado deste tipo de actuacións (sumadas ao resto de contribucións de Vigo á emisión directa e indirecta de gases de invernadoiro) contribuirá sensiblemente a incrementar as causas do problema que simultaneamente pretendemos mitigar, nos seus efectos con medidas de urxencia.

Caudal ecolóxico do río Oitavén: Revisión á alza.

O río Oitavén, que abastece a presa de Eiras, conserva aínda, a pesar da construción no seu día de dita presa, uns valores ecolóxicos relevantes e en moitos casos únicos no contexto fluvial da Provincia. O seu caudal ecolóxico efectivamente debería ser analizado para a súa actualización engadindo o factor climático e a súa incidencia na menor pluviosidade. Concretamente, ao contrario do que propón o Concello de Vigo, desde Amigos da Terra consideramos que devandito caudal ecolóxico debería revisarse á alza, nunca diminuírse.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies