SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: En Marea

En Marea presenta no Debate do estado da Nación a súa alternativa para garantir unha mínima xustiza social e a igualdade de oportunidades

O voceiro de En Marea, Luís Villares, arrancou a súa intervención no Debate do estado da Nación lembrando a morte dunha persoa no PAC da Estrada o pasado 4 de agosto sen asistencia sanitaria a causa do caos organizativo da Xunta que non foi quen de prover os mínimos sanitarios marcados por lei. “Pero non foi un caos, é unha política planificada da Consellería que precariza as condicións laborais para aforrar custos, como se fose unha empresa e como se os cidadáns fósemos mercadoría. Esa tarde aforraron 300 euros, pero costaron unha vida” denunciou o voceiro de En Marea.

O voceiro de En Marea sinalou dúas teimas de Feijóo “na súa obsesión enfermiza por se posicionar na carreira sucesoria de Rajoy” como foron por unha banda “apertar, non o cinto senón a soga no pescozo, ata afogarnos, figurando como o campión estatal do neoliberalismo e “deixarnos a nosa sorte, sen proxecto de país, renunciando mediante unha sonada afonía a reclamar o que nos corresponde á cidadanía galega con silencios atronadores en materia de financiamento autonómico, ferrocarril, conexións portuarias ou AP 9”. “Nin a súa submisión a Madrid nin o seu neoliberalismo autoritario lle valeron o favor da Corte. Quería vostede facer de Galicia o seu trampolín, pero na piscina non había auga. Toda a auga estaba nas fotos que o relacionaban co narcotraficante Marcial Dorado. Non o querían porque ese pasado era bochornoso mesmo para o Partido Popular” remarcou Luís Villares.

A GALICIA REAL. UN PAÍS Á INTEMPERIE

O voceiro de En Marea referiuse aos problemas da xente que asegurou son sobre todo tres: os recortes públicos, a precariedade laboral e as estafas dos recibos a final de mes” remarcou. No relativo aos recortes públicos lembrou como Feijóo aplicou coa súa chegada ao goberno galego a “máis dura receita neoliberal de austeridade” expulsando do Estado do benestar aos máis vulnerables pero tamén as clases medias. Pero “agora que a riqueza nacional xa é igual que antes da recesión, os recortes continúan o que evidencia que os recortes de vida e de dereitos non son unha necesidade senón pura ideoloxía”.

Na sanidade, Villares denunciou o proceso de mercantilización da saúde imposto polo PP. “As empresas privadas ven nas nosas vidas o seu negocio e non dubidan en mandar aos seus máis selectos saudetraficantes a ocupar postos de conselleiros e conselleiras, que dende o público abran a porta a rapiña de multinacionais que se lucran a costa dos recursos públicos. Non son conselleiros, son comisionistas!” dixo Villares que asegurou “cada euro de beneficio da sanidade privada é un euro roubado á saúde da xente.
E mentres todo isto ocorre as desigualdades sociais, territoriais e de xénero: as mulleres asumen os custes en saúde da distribución desigual da carga dos coidados ou sofren a incomprensión e a desatención en determinadas doenzas como a endometriose.

Tamén son pasto da privatización as centrais de chamadas, as limpezas dos hospitais, os sistemas informáticos, a xestión das historias clínicas, o soporte técnico, o sistema de asesoramento no control de compras de equipos tecnolóxicos… e un longo etcétera.  Doutra banda, as residencias de maiores están sendo empregadas como hospitais de crónicos, facendo deles as empresas privadas un lucrativo negocio.

Despreocupación social da Xunta que se estende á inexistencia dunha verdadeira renda cidadá de inclusión social, ou a súa incapacidade, ou tal vez desleixo, de acatar dunha vez por todas as sentenzas que sobre a RISGA levan emitido os tribunais do noso País. Todo, “seguramente, para aforrar uns poucos euros, a costa dos que máis o necesitan”. “A mesma miseria que supón entorpecer a valoración para evitar atender ás persoas dependentes” declarou.

suspenso en educación tamén ten un nome propio: recortes. 600 millóns de euros menos que en 2009 e 1.200 docentes menos ao tempo que aumentan o diñeiro para a concertada.

No eido universitario os principais problemas como salientou Luís Villares son a precariedade, a desigualdade social e a ausencia de recursos. Así asegurou que Galicia sofre unha dobre precarización: a do mercado laboral para recen titulados e a do profesorado universitario cunha miserable taxa de reposición do 10 por cento. Denunciou así mesmo a falla de bolsas universitarias, a condena aos universitarios a ter que pagar caros master para completar a formación co plan Bolonia, “másters que só os ilustres dirixentes populares se poden sacar sen ir a clase”.

PRECARIEDADE LABORAL E SOCIAL 
“Unha das maiores desgrazas na vida é traballar e non saír de pobre. A outra é non ter traballo e ter que emigrar para gañar o pan. Moitas familias galegas viven estas dúas situacións” declarou Villares. No mes de setembro lembrou o paro en Galicia subiu o dobre cá no conxunto do Estado, o dobre, e nove de cada dez contratos asinados foron temporais. Hai 175 mil fogares con algún membro en paro e 70 mil onde todos están no paro. 35 mil fogares non teñen ingreso de ningún tipo: nin salarial, nin pensións nin prestacións por desemprego.

A precariedade laboral trae empobrecemento social como remarcou Villares. Así durante a recesión, os que quedaron no paro e agora atopan traballo perderon o 30 por cento do seu salario real. “Ser autónomo significa ser precario, porque globalmente ingresan de media a metade que os traballadores asalariado. Cando Feijoo chama aos mozos e mozas a ser emprendedores por conta propia, é dicir autónomos, estaos chamando á precariedade” afirmou.
Con estas situacións nas familias galegas, non é de estrañar a conclusión deitada polos datos do IGE que di que o 40 por cento dos fogares en Galicia chega a fin de mes con dificultade ou moita dificultade e dous de cada dez galegos está en risco de pobreza. “E mentres a xente loita por chegar a fin de mes as estratexias do señor Núñez foron o turismo de bocadillo e enganar a traballadores e parados” lamentou o voceiro de En Marea.

ESTAFAS MASIVAS 
“Voulle falar de sobres señor Feijóo. Pero non se asuste, que non vou falar dos sobres que tan ben coñecen no PP. Falo da corrupción institucional, da que vostedes forman parte, que legaliza que mes a mes as grandes empresas multinacionais nos podan timar, tangar, estafar, sisar, roubar con total descaro, mentres vostedes miran para outro lado” dixo Villares para se referir as facturas enerxéticas. Así remarcou a subida da electricidade subiu un 35 por cento no último ano; o butano, un 30 por cento en dous anos; e o gasóleo, un 35 por cento en tres anos.

VIVENDA
Esta estafa permitida polos gobernos debe completarse con dous elementos clave, a vivenda e o que pagamos de catastrazo por ser titulares de inmobles. “O encarecemento da vivenda tanto en propiedade como en aluguer impide á mocidade emanciparse, e leva unha parte excesiva da renda das familias, aumentando o risco de impago en caso de despido ou precarización naqueles fogares onde hai traballo” denunciou Villares.

En canto ao catastrazo asegurou que se está producindo unha “verdadeira desfeita económica en familias que viven espazos rururbanos” facendo pagar á xente como se fosen grandes empresarios só por ter un galpón onde gardar a leña.

UN GOBERNO SEN PROXECTO DE PAÍS E SEN VALORES
Na segunda parte da súa intervención, o voceiro Luís Villares centrou a atención na falla dun horizonte estratéxico de Galicia “porque ten á fronte un presidente que leva dous anos de paseo polo Barrio de Salamanca, pendente de si mesmo, e cos pés, o corazón e a cabeza moi lonxe desta terra”. “Unha terra que vostede non pisa, pero que permite que outros pisoteen” denunciou. Neste sentido falou da aprobación da lei de depredación ambiental, “para que veñan os de fóra a esquilmar os nosos recursos naturais, como se Galicia fose unha colonia africana do século pasado”.

A desertificación que provocan os monocultivos de eucaliptos nótase na cabeceira dos ríos, que reteñen menos auga e provocan períodos de seca : así sucede no Verdugo, que logo se traducen no desabastecemento de auga en cidades como Vigo. “Non é de estrañar que pase isto cando Galicia ten unha das menores superficies de espazos de protección natural de todo o Estado” como sinalou o voceiro de En Marea.

En xeral, a auga importa pouco, por iso a calidade da súa depuración é tan baixa en Galicia e o saneamento integral das rías nunca chega. O medio ambiente é rendible, e as rías do Burgo e de Ferrol poderían ser hoxe fonte de emprego e non sumidoiros da súa incompetencia.O clima cambiou xa, e Galicia é o primeiro emisor de CO2 sen que o seu goberno estea ocupándose da economía circular, a transición enerxética ou a descarbonización da economía.

Villares asegurou que o modelo Feijóo segue baseado en queimar e por iso priman o trasporte por estrada sobre o ferrocarril. A mobilidade sostible foi a principal prexudicada do bloqueo do PP das áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, pero tamén da mancomunación de servizos como a recollida de lixo; as augas; ou o alumeado público, que se podería negociar ao por maior ou mesmo dar lugar á creación de empresas públicas, como sucedeu este ano en Barcelona.

A actuación sectárea do PP onde non goberna quedou evidenciada coa pretensión de destruír a fachada litoral do Porto da Coruña para servir os intereses da especulación inmobiliaria, o mesmo que fixeron en Lugo cando o mesmo día da moción de censura anularon o convenio para a transformación urbana do Barrio da Residencia. “Só financian obras se cren que lles vai reportar éxito partidario” afirmou Villares que valorou coma “unha forma institucionalmente corrupta de usurpar o poder democrático, como fixeron Rey Varela como Bea Mato, usando o cargo para a promoción persoal”.

LOITA CONTRA OS LUMES
A problemática dos lumes no noso país, foi outra das partes da intervención de Luís Villares que afirmou que “é un problema para a xente, pero é un negocio para os amigos”. “Mentres unha empresa vexa negocio en queimar montes e casas, os chisqueiros estarán ao servizo dos desalmados, non pirómanos nin terroristas, senón amigos dos que hoxe nos gobernan” remarcou.

O voceiro de En Marea tivo unhas palabras tamén para o incendio do pasado domingo no que toda Galicia contivo a respiración cando viu arder Mondariz, pensando que volvía repetirse a vaga de lumes do ano pasado. “Carballeda de Avia, Chandebrito e Vigo volveron ás nosas cabezas e as catro persoas falecidas, aos nosos corazóns” asegurou ao tempo que lamentou que “un ano máis tarde, a mesma incompetencia”. “A súa única política segue a ser mirar para o ceo e agardar a que chova. Patético” concluíu.

DEREITOS NACIONAIS

Luís Villares denunciou os ataques á nosa autonomía política que afirmou foron constantes durante estes últimos anos, “e o Presidente da Xunta, en vez de defendernos, dedicouse a agochar e agachar a cabeza fronte Madrid”. Tres deslealdades que quedaron na impunidade política para Villares: a negación dun sistema de financiamento xusto que nos permita atender dignamente as necesidades da nosa cidadanía, a falta de investimentos comprometidos en Galicia, que dende 2014 sumaron case 2300 millóns de euros, e as medidas recentralizadoras, coa escusa dos principios de contención de gasto e de unidade de mercado, que nos recortaron competencias propias, ou que quedaron baleiradas de contido.

ESCASEZ DE VALORES DEMOCRÁTICOS
“Ademais da ausencia de proxecto de país, o presidente non anda sobrado de valores democráticos como a igualdade, a liberdade, a cultura, a memoria democrática ou a ética” afirmou. Así, en materia de igualdade aclarou que non é de estrañar que malia a histórica folga feminista do 8 de marzo, a Xunta non reaccionase, e “Feijóo siga a día de hoxe lexitimando os comportamentos máis casposos, rancios e machistas dentro das filas do seu partido” con exemplos claros como as declaracións do alcalde de Vilanova, o alcalde de Palas condenado por acoso á secretaria do Concello, o alcalde de Noia e os seus chistes humillando ás mulleres no 8 de marzo, e “o Virrei Baltar II permitíndose ofrecer emprego público a cambio de favores sexuais co seu respaldo político”.

LIBERDADE DE INFORMACIÓN
A situación da CRTVG tivo tamén oco no discurso do voceiro de En Marea que lembrou os 20 venres negros das traballadoras e traballadores dos medios públicos fronte a actitude “claramente autoritaria e antidemocrática coa que trata de ocultar e amordazar a todo aquel que discrepa con el”.

“O Feijóo máis autoritario tornou un medio de comunicación nun medio de manipulación, ao estilo dos gobernos ruso, húngaro ou polaco, o que é coherente coa liña máis reaccionada marcada polo seu xefe de filas Pablo Casado, aliñado cun discurso clasista, xenófobo e negador da nosa diversidade social, cultural, e tamén, por certo, lingüística” dixo Villares.

LINGUA
En materia lingüística, denuncio o voto a favor dos 12 deputados galegos do PP no Parlamento español que votaron hai quince días con Ciudadanos a proposta de aniquilar a plena oficialidade do galego. “Toni Cantó en nome de Ciudadanos apuntou contra a nosa lingua e unha vez máis o PP sacou a careta e disparou. Os 12 deputados galegos do PP deberan ter sido cesados fulminantemente. Non só por facer o ridículo máis espantoso pasando por certo que ninguén en Galicia falaba castelán, senón tamén pola traizón a Galicia que iso supón” asegurou.

MEMORIA DEMOCRÁTICA
“Que Feijóo ten un problema coa cultura e a lingua de Galicia non é algo novo. Tampouco o son as súas mentiras. Pero o sucedido a semana pasada durante a chegada da “A derradeira lección do mestre” a Galicia é algo que non esqueceremos” advertiu o voceiro de En Marea. “Señor Feijóo, os que estivemos ao seu carón durante o acto vímoslle o texto que lía, perfectamente subliñado, o que acredita que os seus silencios foron actos conscientes de manipulación da memoria do noso país. Será que algúns no PP se senten fillos dos que dispararon a Bóveda” asegurou.

“Estes son os seus valores democráticos: A desmemoria, a impunidade, o esquecemento dos paseados” díxolle o voceiro de En Marea a Feijóo.

ÉTICA POLÍTICA E CORRUPCIÓN
Luís Villares fixou un percorrido pola multitude de casos de corrupción que salpicaron ao PP galego neste ano comezando coa condena por prevaricación e malversación a un dos deputados do PP e dous altos cargos do goberno galego no Caso Campeón. Tamén o caso Valedora que puxo ao descuberto toda unha trama de corrupción institucional de tráfico de influencias utilizado por Milagros Otero, Valedora do Pobo a proposta do PP, para colocar na administración á sobriña de Manuel Fraga.

“Afortunadamente, todos os valores que lle faltan ao Presidente tenos unha cidadanía que non se resigna a vivir baixo a bota popular” aclarou o voceiro de En Marea.

MOBILIZACIÓN SOCIAL
No último ano vivimos, como subliñou Villares, unha marea de mobilizacións sociais de gran intensidade, sociedade civil viva, “invisibilizada pola tele de Feijoo, pero que existe, que denuncia, que non se conforma”. Os recortes na sanidade, a histórica mobilización feminista, o rexeitamento á mina de Touro, as manifestacións en defensa do dereito a un traballo digno, por un sistema de pensións digno, ou as mobilizacións de milleiros de nais e pais en decenas de Concellos para defender unha educación da calidade, foron algúns dos exemplos que aludiu o voceiro de En Marea.

“Tamén a veciñanza de Tui, que logo dunha explosión da que non teñen culpa tiveron que aturar que a Xunta non lles indemnice polo 100 por cento do valor da súa vivenda, polo que van ter que pagar do seu peto máis do 25 por cento os desfeitas das súas casas, logo de quedar sen nada” denunciou Villares.

Neste punto, o voceiro de En Marea fixo referencia á violencia das políticas antisociais e sen proxecto de país e que provocaron a rebeldía das tres formas máis extremas e dolorosas que hai na vida: a emigración coa marcha de 270.000 persoas, a implosión demográfica, e unha verdade incómoda que ningún goberno quere afrontar como é toda a xente que non aguantou a presión da desestruturación da súa vida durante a recesión e optou desesperadamente por suicidarse. A ratio por suicidios no Estado é de 7,1 por cada 100.000 habitantes. En Galicia, sobe ao 12, case un suicidio por día.
“Galicia é feminista, sostible, solidaria cos seus maiores, cos seus mozos e mozas, social, valente e orgullosa dos seus profesionais e dos seus servizos públicos, traballadora e merecente de salarios dignos, e fachendosa de ter unha lingua e cultura de seu. A Galicia é democrática, cooperativa, fraterna e igualitaria. Vostede non se parece en nada á Galicia de hoxe en día” concluíu Villares.

MÍNIMA XUSTIZA SOCIAL E IGUALDADE DE OPORTUNIDADES

Fronte o panorama do goberno Feijóo, o voceiro de En Marea presentou a alternativa de En Marea para garantir unha mínima xustiza social e a igualdade de oportunidades, para o que cómpre apostar polo feminismo, a sanidade, a educación e os servizos sociais. Así hai que rectificar as políticas de Igualdade, e aprobar normas que permitan a conciliación laboral e familiar, o aumento de tempos de descanso tras o parto estendidos a ambos membros da parella e blindar legalmente a igualdade salarial. En Sanidade, o día 19 presente un proxecto de orzamentos co investimento equivalente ao ano 2008, e destine o incremento á contratación de persoal sanitario suficiente para a atención primaria e os servizos de atención continuada, así como en campañas de saúde pública, con atención singular aos problemas de obesidade.

Ante a incapacidade de POVISA para atender os seus compromisos contractuais co SERGAS, resulta razoable demandar que o centro pase a formar parte do sector público, mediante a articulación de dúas medidas sucesivas. Primeiro a expropiación do centro con pago dun xustiprecio á empresa, e a súa adquisición polo SERGAS, coa finalidade de que se garanta a atención das 137.000 persoas asignadas ao hospital e a estabilidade dos 1.400 traballadores necesarios para a súa atención.

En Educación, aumentar o investimento que permita recuperar os 1.200 docentes perdidos estes anos; desenvolver sistemas propios de bolsas que garantan o acceso igualitario ao ensino público; transitar cara un servizo de comedor de provisión directa e gratuíta, así como apoiar o ensino rural, e un mapa de FP adaptado á nosa realidade laboral.

Para fomentar a cohesión social e acabar coa precariedade laboral convén mellorar a calidade do emprego e para iso cumprir coa nova Lei de contratos do sector público e introduza cláusulas sociais na contratación administrativa que asegure que os servizos contratados sono a empresas que respectan os dereitos laborais, a conciliación, o tempo de descanso, a protección á maternidade e a igualdade salarial.

Para unhas condicións de vida dignas cómpren un bo lugar onde vivir e o acceso á enerxía. En Marea propón intervir no mercado de vivenda reducindo a especulación, aumentar a reserva de chan para vivenda protexida, ampliar a bolsa de vivenda pública para ofertar en réxime de aluguer, a prezos non especulativos, especialmente destinados á mocidade; e aumentar as prazas de residencia pública para estudantes, non só para a universidades, senón tamén para os estudos de FP.

No relativo a enerxía, En Marea aposta por poñer a funcionar o servizo galego de consumo e competencia para rematar coas estafas dos recibos, perseguindo as prácticas monopolísticas, e sacando do mercado os colectivos vulnerables mediante bonos e tarifas de inclusión social.

Vencer os prexuízos sobre a lingua está en mans dunha norma sen custo económico coa derrogación inmediata do decreto prohibe ensinar e aprender matemáticas e ciencias en galego.

Favorecer a mobilidade sostible contribuímos a descarbonizar a economía e á transición enerxética asumindo como propia a competencia dun ferrocarril de proximidade para as áreas metropolitanas, e aposte polo FEVE e a conexión costa interior e a saída de mercadorías dos portos por vía férrea.

UN PACTO POR UN NOVO TRATO CIDADÁN 

O voceiro de En Marea ofreceu un pacto aos partidos da oposición para ofrecer “un novo trato cidadán baseado na xustiza”, un contrato social con tres partes:

  1. Acordar propostas de emenda aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2019 de garantía dun mínimo de investimentos sociais, en proporcións de PIB semellantes aos dos orzamentos de 2009, en materia de educación, sanidade e servizos sociais.
  2. Acordar a progresiva desmercantilización dos bens básicos esenciais impedindo que as grandes empresas, maiormente multinacionais e fondos de inversión, fagan negocio a costa da nosa vida, a nosa saúde e dos nosos dereitos. Neste sentido Villares remarcou o amplo consenso social arredor da:

  • A auga. Toda xestión do ciclo da auga debera ser estritamente pública, para evitar calquera atisbo e especulación con ela, como ben de acceso universal.
  • sanidade. Os concertos coa privada non aforran cartos, son ruinosos, como amosa a situación de POVISA ou a xestión da débeda do Álvaro Cunqueiro, ademais do tratamento pirata dos nosos datos médicos.
  • educación. Nin cabe que as empresas se lucren de dar comidas aos nosos nenos e nenas nin desviar cartos á concertada, singularmente á que segrega por sexos.
  • As pensións. A pretensión da UE de rematar co sistema público de pensións para forzar sistemas privados é o negocio máis suculento dos fondos buitre. Cotizacións máis altas para prestacións máis baixas.. para que polo medio outros se queden co esforzo de vidas enteiras de traballo.
  • A prevención e extinción de incendios. Galicia arderá mentres haxa empresas que saquen beneficio do lume. Nin os medios aéreos nin nos parques de bombeiros poden ser privados. O servizo de prevención e loita contra o lume en Galicia debe ser único e público.
  • Servizos sociais. A atención a persoas maiores e dependentes non pode ser un negocio que se lucre a costa das pensións dos xubilados e o esforzo das familias.

3. Reforma estatutaria de carácter social. Ante obsolescencia dun estatuto de autonomía que non contempla carta de dereitos sociais das galegas e galegos, dende En Marea propoñen adquirir e compartir o compromiso de erixir en dereito social básico, con carácter vinculante fronte o poder público autonómico, para o auga, o acceso a unha vivenda digna e un mínimo de renda vital e de enerxía dispoñible en cada fogar.

Trátase, como salientou Villares, dun pacto arredor duns valores sociais compartidos, baseados na solidariedade social, na cooperación e na sustentabilidade ambiental, que teñen Galicia como o espazo natural de referencia, e procuran a máis xusta distribución da riqueza que xera o conxunto do País. “Porque non somos unha gran empresa, senón unha gran familia. Todo coa finalidade de poñer a política ao servizo da xente real. Todo coa finalidade de que deixemos de ser números e por fin sexamos, de novo, persoas” rematou Luís Villares a súa intervención no Debate do estado da Nación.

Luís Villares: “Temos un presidente autómata, completamente ausente da realidade política e social do noso país”

“Tivemos esta mañá unha intervención dun presidente autómata, dun robot, ausente completamente da realidade política e social do noso país”. Esta foi a valoración que fixo o voceiro de En Marea do discurso de Alberto Núñez Feijóo esta mañá no Debate do estado da Nación no que lamentou que non “fora capaz de falar nin dar unha soa proposta para arranxar os problemas de Galicia”. “Un presidente que veu a contar a fábula dun país que non existe cun mal balance contable para evitar falar dos problemas da xente” afirmou Villares.

Fronte a isto, salientou a “realidade incómoda” que existe no noso país e que non se pode ocultar como son as catro persoas falecidas nos lumes do outono pasado pola incompetencia na xestión por parte Xunta de Galicia e temos unha persoa falecida o verán pasado polos recortes na sanidade. “Nada disto mereceu unha soa palabra para o noso presidente, unha soa desculpa, un so cariño, un so recoñecemento, porque temos un presidente sen corazón, sen cabeza, sen ideas, absolutamente ausente que tento tapar a súa incompetencia cun discurso plano” criticou Luís Villares.

Os problemas da cidadanía de Galicia na actualidade para o voceiro de En Marea son tres e ningún deles foi tratado na Cámara galega na sesión desta mañá. Así non se falou dos recortes na sanidade pública e que tanto preocupan á cidadanía, nin dos 1.200 profesores e profesoras menos no sistema educativo público do noso país, nin os problemas en servizos sociais. Pero tampouco falou doutro dos grandes problemas de Galicia como é a precariedade laboral que non mereceu por parte do presidente palabra algunha sen ofrecer nin unha soa proposta en materia de emprego.

A desigualdade entre homes e mulleres é para o voceiro de En Marea outro dos grandes problemas do país lamentando que o presidente da Xunta non aproveitase a ocasión para “desautorizar aos seus alcaldes machistas”. Unha falla de compromiso que quedou de manifesto ante a ausencia total de medidas en materia de igualdade e de loita contra a violencia de xénero. “Non houbo unha soa proposta nova, xa que o anuncio de poñer oficinas de atención as mulleres vítimas de violencia de xénero non é novidoso o que esqueceu dicir é que primeiro as puxeron, despois as quitaron e agora din que as queren recuperar” aclarou o voceiro de En Marea.

“Este é panorama que ocultou o presidente da Xunta de Galicia, esta é a falla de respostas aos problemas reais. Temos un presidente que non vive no noso país, non vive cos pés na terra, non vive apegado aos problemas da xente” asegurou Luís Villares. Fronte o isto, o grupo de En Marea presentará na súa intervención da tarde no Debate do estado da Nación denunciará estas carencias e proporá unha serie de “alternativas para que Galicia sexa un país mellor onde vivir”.

Luís Villares: “A cidadanía ten dereito a saber que o a Xunta non está a altura para defender os seus intereses e mañá o demostraremos no Debate do estado da Nación”

O portavoz de En Marea, Luís Villares, volveu a esixir esta mañá a dimisión do alcalde de Vilanova polas súas declaracións machistas asegurando que “a única verdade é que temos un machista recalcitrante ao fronte dun Concello, indigno representante dos veciños e veciñas de Vilanova”. Por este motivo, urxiu a que presente a súa dimisión inmediata e no caso de que non o faga, instou ao Partido Popular a retirar o seu apoio. “A realidade é a do alcalde de Vilanova, de Noia cos seus chistas machistas o Día internacional da Muller, a do alcalde de Palas condenado por acoso á secretaria do Concello e que mantén o apoio do PP, a de Baltar o acosador e as súas ofertas de traballo a cambio de favores sexuais, esta é a realidade do PP” declarou o portavoz de En Marea.

A segunda verdade incómoda de hoxe no noso país foi “todas e todos onte a noite contemos o alento” por medo a que se volvera a repetir o domingo negro do 15 de outubro do pasado ano coa vaga de lumes, “afortunadamente non foi así”. O voceiro quixo agradecer en primeiro lugar a actuación dos servizos de Protección Civil como trasladou a propia tenente de alcalde de Mondariz nunha conversa con Luís Villares esta mesma mañá, así como a todo o equipo de goberno, aos profesionais do servizo contra incendios e a propia veciñanza que foron quen, unha vez máis, de suplir as carencias que existían por parte do Goberno galego. Unhas que a propia tenente de alcalde denunciou onte a noite nunha canle de televisión privada estatal, xa que “non puido facelo na TVG”.

“Puidemos ver ao novo Conselleiro visiblemente descoñecedor da realidade dos lumes e servizos contra incendios que seica mereceu un premio so por estar na comisión contra os lumes que se pecho en falso” asegurou Villares. Criticou que un ano despois da vaga de lumes sigamos sen ter un mando único, nin un teléfono específico ao que podan chamar as autoridades, nin un protocolo de coordinación e se manteña ademáis a manipulación informativa. “Un ano despois, o Goberno galego non aprendeu nada” salientou Villares quen anunciou que será “outra das realidades incómodas das que En Marea dará conta no Debate do estado da Nación”.

En relación ao Debate do estado da Nación que terá lugar mañá, Villares vaticinou que o “contista dos peares volverá ao Parlamento para contar as súas fábulas”. Referiuse ao anuncio realizado xa polo presidente da Xunta de Galicia a través dos medios de comunicación anunciando rebaixa de impostos sobre o que o voceiro de En Marea preguntouse se a cidadanía preferirá manter os impostos como ata agora e manter persoal nos hospitais e nos centros de urxencias ou ao revés. “O problema é que a Xunta de Galicia non empregou os recursos públicos para garantir a atención á cidadanía. A cidadanía ten dereito a saber que o goberno galego non está a altura para defender os seus intereses e mañá o demostraremos no Debate do estado da Nación” asegurou o voceiro de En Marea.

En Marea consegue o compromiso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para solventar as carencias da EDAR de Sarria

En Marea ten conseguido desbloquear a situación da EDAR de Sarria, que tras todas as xestións e a presión exercidas pola formación será obxecto dunha renovación, cuxos custes asumirá integramente a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. O voceiro Luís Villares e o seu homólogo no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello achegáronse este venres ata a localidade lucense xunto á deputada no Parlamento galego Paula Vázquez Verao e a eurodeputada Lidia Senra, onde tamén reclamaron unha solución para Ponte Ribeira, así como a posta en valor do conxunto do patrimonio ligado ás distintas rutas do Camiño de Santiago.

En Marea ten conseguido arrincar o compromiso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para solventar as carencias da estación depuradora de augas residuais de Sarria. Tal e como destaca o voceiro da formación, Luís Villares, “a situación da depuradora desbloqueouse unha vez houbo un cambio de goberno propiciado por En Marea”. E é que a “Confederación podía ter actuado antes, e non o fixo unicamente por unha actuación sectaria do PP, que sempre prioriza a vontade de non beneficiar á cidadanía dos lugares nos que non goberna”.

Villares destacou “o desleixo ambiental da Xunta respecto á conservación das rías e ríos, da riqueza acuícula, pesqueira e marisqueira”, así como as políticas sectarias que caracterizan o Partido Popular. E lembrou que, a pesar das 15 iniciativas relacionadas coas concas hidrográficas galegas que En Marea ten levado ao Parlamento de Galicia, o goberno galego non amosou interese por darlles resposta na meirande parte dos casos.

Unha vez acadado o compromise da Confederación para solventar dunha vez as carencias da EDAR de Sarria, En Marea fai un chamamento para que o Concello da localidade actúe con responsabilidade e poña en marcha as actuacións o antes posible e sen agadar ao período preelectoral. “Non podemos permitir que os recursos que son de todas e todos sexan empregados unicamente con fins electoralistas”, indica Villares.

O tema da EDAR de Sarria tamén ten sido levado por En Marea ao Congreso, tal e como lembrou Miguel Anxo Fernán Vello. O voceiro do grupo de En Marea na Cámara estatal celebrou o compromiso acadado na xuntanza mantida por el co presidente da Confederación Hidrográfica, pero lembrou tamén todas as necesidades relacionadas coas concas fluviais aínda pendentes de atender, “como a necesidade dun plan de rexeneración dos ríos ou a necesidade de actuar nos máis de 40 encoros existentes nesta demarcación”.

Pola súa banda, Lidia Senra denunciou tamén a necesidade de que o calidade das augas e dos cauces fluviais sexa abordada de xeito responsable polas administracións. “Parécenos moi grave que haxe un incumprimento das directivas europeas respecto á calidade das augas e á recollida e tratamento de augas residuais, e é fundamental visibilizalo”, afirma a eurodeputada, que levará o caso de Sarria ao Parlamento Europeo.

Ponte Ribeira
No que afecta a Ponte Ribeira, En Marea solicita a reconsideración dos informes da Confederación Hidrográfica Miño Sil realizados pola Avogacía do Estado respecto a unha situación urbanística que xa non é a actual. A formación entende que os servizos xurídicos do estado deben revisar o tema e asumir responsabilidades. Ao igual que a Xunta, de que quen En Marea reclama tome cartas no asunto e actúe para “repoñer unha vía fundamental para Sarria dende o punto de vista urbanístico, pero tamén patrimonial; pois hai que lembrar que pola Ponte Ribeira transcorre o Camiño de Santiago”.

En relación con iso, Lidia Senra apunta que no Ano Europeo do Patrimonio Cultural resulta inadmisible a situación de desprotección de elementos patrimoniais coma este. “Hai que pasar das palabras aos feitos”, reclama a eurodeputada, que avoga por formar ás administracións locais, “que actualmente se atopan de costas á conservación e valorización do patrimonio cultural”.

En Marea chama a atención sobre todas e cada unha das Rutas Xacobeas existentes en Galiza e insta a poñelas en valor, así como a totalidade do patrimonio cultural, paisaxístico e social ligado a elas.

En Marea presenta as demandas da ‘Axenda Galega do Cambio’ que trasladou ao Executivo

Este documento “reflexa o traballo que levamos ao Congreso. A materialización das demandas do conxunto da cidadanía galega a nival local, comarcal e o conxunto do país”, explicou o voceiro Antón Gómez-Reino.

“Levamos dous anos trasladando as demandas a un goberno conservador do PP que facía oidos xordos ás demandas da cidadanía galega. Agora abriuse un novo tempo político: o noso papel é esixir para que as demandas da cidadanía galega, de consenso no parlamento, cheguen ao Goberno do Estado e consigamos dar pasos adiante para mellorar a vida das galegas”, afirmou Gómez-Reino, destacando que En Marea “está facendo o que non fai a Xunta nin Feijóo” porque “somos a garantía para que as demandas da cidadanía galega cheguen ao Goberno”.

Pola súa banda, a deputada Alexandra Fernández destacou que En Marea estará atenta ao compromiso da chegada do AVE a Galicia pero “non compartimos a folla de ruta da AP-9” porque “a proposta da auditoriía non nos vale, supón retrasar a toma de decisión. Pedímoslle que audite a sociedade galega, é unha demanda maioriataria da cidadanía galega”.

“Queremos que cando se discuta a PL da AP-9 no Congreso,  o PSOE tome a decisión de votar o mesmo que votou en Galicia. Pedimos coherencia”, explicou Fernández, destacando outros temas como a “vertebración interna do país, cohesión interna, que o ferrocarril vertebre o país, desenrolo do Eixo Atlántico, conexión con Portugal, reforzo da media distancia zonas metropolitanas de Vigo e Coruña”.

A deputada Yolanda Díaz mostrou a súa solidaridade coas traballadoras do mar “que se están mobilizando en defensa de dereitos laborais dignos”.

Díaz destacou que “Galicia ten que estar ao mesmo nivel que Catalunya e Euskadi” e para iso incidiu na transferencia da AP-9 e da A-53.

“Hai que defender Galicia de forma transversal. É inaudito que estemos sufrindo o acoso das grandes eléctricas. Pedimos medidas para intervir nos prezos da factura da electricidade. Medidas claras que teñen que ver coa enerxía como sector estratéxico, ademais da recuperación das centrais hidroeléctricas”, explicou a deputada, lembrando a importancia das medidas en materias industriais xa que agora “non hai excusas porque temos un ministerio de Industria”.

A deputada Ángela Rodríguez – Pam defendeu “dúas cuestións fundamentais: no que ten que ver coas políticas públicas feministas e as politicas verdes e sostibles”.

Respecto das políticas feministas, a deputada destacou “o gran avance co Pacto de Estado contra as violencias machistas” pero lembrou que “aínda non temos financiación”. “Ten que haber un avance, recuperar as competencias locais para atender ás vitimas de violencia machista”, explicou.
Ademais, pediu mellorar a financiación para atender á dependencia e revertir os recortes, lembrando os problemas demográficos, e derogar o copago farmacéutico.

No que ten que ver con ENCE, a deputada lembrou a solicitude de En Marea ao Goberno dunha xuntanza específica para falar desta cuestión para acabar coa prórroga e conseguir por fin “unha ría sen ENCE”.

A senadora de En Marea, Vanessa Angustia, destacou “catro eixos fundamentais sobre o sector produtivo do mar e da pesca: urxencia de poñer na axenda a aplicación real e total da norma de desembarque de descartes. Pídese un plan nacional de seguros combinados, ademais a base dun seguro por mala mar. Defender a riqueza económica, social e ambiental para Galicia. É motor económica que xenera riqueza na nosa costa”.

Ademais, a senadora lembrou as peticións das grandes cidades.

Pola súa banda, o deputado Miguel Anxo Fernán Vello destacou a situación de Lugo, “que sofre un atraso histórico en materia de infraestruturas”.

“Hai una sinatura pendente con Lugo, tanto no tema ferroviario como nas estradas de titularidade estatal”, explicou.

No aspecto que toca a cultura, “situamos nun primeiro plano: cultura e idioma. Propoñemos un plan de dinamización turística e patrimonial da ruta Xacobea, é unha rede cultural cun importante patrimonio artístico. Hai que poñelos nun primeiro plano cultural e económico”.

Ademais, destacou o apoio á candidatura da Ribeira Sacara e o cumprimento dos dereitos lingüísticos e a carta das linguas minoritarias”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies