SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: En Marea

En Marea insta á Xunta a aportar persoal e medios que palíen as graves carencias dos servizos de urxencias

En Marea reclama solucións urxentes ás graves carencias que atravesan as os servizos de urxencias dos hospitais galegos, e ante as que, a pesar das mobilizacións e folgas impulsadas polo persoal sanitario, a Consellería fai ouvidos xordos. Así o reclamou no pleno do Parlamento a vicepresidenta da Cámara e deputada Eva Solla, que presentou unha moción na que se instaba a poñer solución ao déficit de medios humanos e materias que están a sufrir os nomeados servizos no conxunto dos centros hospitalarios galegos.

Eva Solla denunciou a insensibilidade e a total ausencia de voltade de diálogo da Consellería de Sanidade. Un departamento que “fai augas”, e que en lugar de aportar solucións se empeña en negar o evidente e gravísimo deterioro da asistencia sanitaria.

“Falamos de carencias que son transversais ao conxunto do sistema sanitario e que xeran sufrimento ao persoal, que non pode conciliar, que se vé obrigado a facer gardas e horas extra sen alternativa e sentíndose desprezados, porque non hai ninguén na Consellería que escoite as súas demandas”, denuncia a deputada.

A representante de En Marea lembrou o mes de folga que xa leva o servizo de urxencias do CHUS, así como os dous meses  que pasaron desde que os PACs comezaron tamén a súa folga reclamando profesionais suficientes para dar unha mellor atención. Unha situación límite que, tal e como destaca Eva Solla, representa “o termómetro da grave situación que atravesa o conxunto da sanidade galega”.

“O incremento das urxencias está moi ligado ao deterioro da atención primaria. Moitos profesionais non poden dar atención a domicilio ante o colapso das consultas nos centros de saúde, con agardas de ata dez días que levan ao consecuente incremento das demandas de atención en PACs e Urxencias”. Así o destacou Eva Solla no pleno, no que tamén puxo de manifesto a relación entre a sobrecarga das urxencias e as elevadas listas de agarda nas consultas de atención especializada. “Para oftalmoloxía a agarda é duns 9 meses; cardioloxía, ano e medio. Falamos de situacións que provocan un elevado deterioro da saúde das persoas enfermas, que cando empeoran sen posibilidade de ser vistas polo seu especialista recorren tamén ás urxencias hospitalarias”.

A deputada de En Marea denuncia a “xestión absolutamente nefasta” que o goberno do Partido Popular está realizado da sanidade pública. “A pesar do colapso das urxencias, mantéñense plantas pechadas na Coruña, no Salnés e en Compostela. Abrilas, incrementar a plantilla do sistema sanitario público e cubrir as carencias nos servizos de urxencias é a solución. Tamén elaborar plans funcionais de servizo, e escoitar as demandas dos profesionais”, demanda Solla.

Para En Marea non cabe seguir agardando máis, e ante a pasividade do executivo da Xunta, que durante anos non planificou a necesidade dos MIR ou de enfermería”, esixe medidas que palíen as graves carencias. “Non contrata de forma estable, polo que os profesionais marchan; non se cubren baixas e vacacións; móvese oas profesionais entre servizos provocando descubertos; hai problemas nos PACs, nas urxencias, no 061; hai desabastecemento de fármacos. Faltan pediatras, hai informes negativos do Consello de Contas, temos sobre a mesa a xantaxe de Povisa e segue sen haber ningunha solución real. A Consellería fai augas”, conclúe a deputada.

Coa proposta defendida por Eva Solla o grupo de En Marea fai un chamamento á Xunta de Galicia para incrementar os efectivos profesionais nos servizos de urxencias tanto de atención primaria como de atención especializada de xeito permanente, acordando coas representantes sindicais das e dos traballadores as melloras necesarias no inmediato.

Así mesmo reclama a apertura das plantas e alas inoperativas de xeito permanente, dotándoas co persoal necesario para absorber as necesidades de ingresos hospitalarios e establecer protocolos para asistencia ás persoas pendentes de ingreso. Ademais, considera urxente atender o incremento de efectivos de persoal nas urxencias do CHUS, demandados pola Xunta de Persoal, así como a substitución do 100 por cento das ausencias e o cumprimento dos requirimentos da Inspección de Traballo.

Por último, En Marea pide a elaboración dun plan funcional para as urxencias do Complexo Hospitalario Uuniversitario de Santiago (CHUS) negociado coa Xunta de Persoal e repoñer o material obsoleto nos hospitais do Servizo Galego de Saúde, con especial atención ao material das urxencias do CHUS.

En Marea denuncia a falla de compromiso do Goberno do Estado con Galicia e ínstao a defender a conexión Vigo-Porto

En Marea denuncia a inaceptable falla de compromiso do Goberno do Estado con Galicia, e ínstao a ter en conta as necesidades da Comunidade e a traballar para favorecer o seu desenvolvemento económico. A formación acolle con estupor a nova que chega dende o Consello de Transportes da Unión Europea, ante o que, contra toda lóxica e incorrendo nun inaceptable agravio comparativo, o Executivo estatal non defendese a inclusión da conexión Vigo-Porto no Corredor Atlántico de Mercadorías.

Hai escasos días a Comisión de Transportes do Parlamento Europeo aprobaba a incorporación da liña Vigo-Porto ao Corredor Atlántico. Dábase, con esa primeira aprobación, un primeiro paso fundamental de cara á materialización dunha demanda que En Marea leva tempo defendendo; e logo da que unicamente quedaba agardar a aprobación definitiva do trazado por parte de Europa, asumindo o Consello da UE dita proposta.

En Marea considera intolerable que, en lugar de apostar de xeito decidido pola defensa dos intereses galegos, o Goberno obvie por completo á Comunidade, deixándoa á marxe da súa defensa ante o Consello de Transportes da Unión Europea. E é que, se ben o Executivo central si defenderá nese foro a ampliacion do Corredor Mediterráneo, non fará o mesmo coa conexión Vigo-Porto, nunha inaceptable mostra de ninguneo, máis grave se cabe logo da boa disposición amosada ao respecto pola Comisión de Transportes do Parlamento Europeo.

Este luns, 3 de decembro, tratouse nunha xuntanza do Consello de Transportes da Unión Europea o documento-proposta sobre a Rede Transeuropea de Transportes que definirá, entre outras, a columna vertebral de dita rede a través da aprobación dos corredores principais que conforman a Rede Básica dentro do mecanismo Conectar Europa, así como do seu financiamento. Un foro ante o que o Goberno de España ten deixado de lado as necesidades de Galicia, obviando a ampliación do Corredor Atlántico que precisa Galicia e centrando a súa defensa unicamente no Corredor Mediterráneo.

Así as cousas, En Marea esixe explicacións ao Goberno español sobre a non inclusión da conexión galega na proposta defendida polo executivo estatal ante o Consello de Transportes da Unión Europea da Rede Transeuropea de Transporte. E anuncia a presentación de iniciativas, tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso, para demandar o apoio á inclusión da liña Vigo-Porto na Rede Básica.

Tal e como destaca o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, a incorporación da liña Vigo-Porto ao Corredor Atlántico suporía un impulso de vital importancia para o desenvolvemento económico de Galicia. Así as cousas, En Marea insta ao goberno da Xunta a non permanecer de brazos cruzados e a actuar, realizando unha defensa desa conexión á altura das necesidades. Algo que ata o momento o executivo de Núñez Feijóo non ten feito.

“A potenciación do Eixo Atlántico é tan estratéxica como a do Corredor Mediterráneo, e é intolerable que isto se produza”, indica Sánchez, que lamenta a inactividade do Goberno central, así como a connivencia do galego. “Dende En Marea demandamos explicacións aos gobernos galego e español sobre o acontecido”, indica o voceiro, que entende imprescindible que ambos executivos clarifiquen os seus posicionamentos ao respecto.

“A falla de estratexia política do goberno galego a respecto dun tema tan fundamental para o futuro de Galiza é clamorosa, e agardamos, por outra banda, que a insensibilidade do goberno español con respecto ás demandas galegas se abandone”, indica o vicevoceiro de En Marea.

En Marea manifesta a súa “tristura e preocupación” polo auxe da extrema dereita en Andalucía e convida a unha reacción colectiva para ofrecer unha alternativa política afincada en valores republicanos, democráticos e sociais

“Recibimos con moita preocupación o auxe da extrema dereita nas eleccións andaluzas”, asegurou hoxe o voceiro de En Marea, Luís Villares, tras coñecerse os resultados dos comicios autonómicos, nos que a extrema dereita (VOX) acadou 12 escanos e o Partido Socialista perdeu o Goberno depois de 40 anos.

“O debilitamento do bipartidismo polo fartazgo ocasionado pola corrupción encamíñase cara opcións políticas de nova dereita e extrema dereita, e non cara alternativas que como Adelante Andalucía presentábase coa bandeira da rexeneración e os dereitos sociais”, precisou Villares que considera que esta situación “debe facernos reflexionar especialmente sobre dous aspectos: a incapacidade da formulación actual da esquerda rupturista de aglutinar unha alternativa de rexeneración política e ilusión social nunha sociedade castigada polo paro e a corrupción, e pola contra a capacidade de sedución crecente na poboación da extrema dereita, en liña das tendencias neofascistas en auxe no resto de Europa”.

En canto aos resultados o voceiro de En Marea asegura que “prodúcennos tristura e preocupación”, e convida a unha reacción colectiva para ofrecer, en todo o sur de Europa, “unha alternativa política afincada en valores republicanos, democráticos e sociais, pero que resulte asequible á cidadanía e non negue a realidade na que vive a poboación, para non desconectar coa solución aos seus problemas”, concluiu.

En Marea insta á Xunta a acometer a necesaria ampliación do centro de saúde do Porriño

En Marea insta á Xunta de Galicia a acometer dunha vez por todas a necesaria ampliación do centro de saúde do Porriño e a garantir unha dotación de persoal e medios suficiente para cubrir as necesidades asistenciais de todos os municipios aos que presta servizo. Así o reclamou este mércores no Parlamento de Galicia, onde a deputada Eva Solla defendeu unha iniciativa coa que tamén denunciou a non cobertura das baixas e vacacións.

A ampliación do centro de saúde do Porriño é unha demanda histórica. Xa en 2010 o Concello puxo a disposición unha parcela de 525 metros cadrados e asinou un acordo coa Xunta de Galicia, que incluía a creación dun servizo de fisioterapia e outro de radioloxía. Porén, case unha década despois a situación non mudou, os terreos fican baldíos e de novo o goberno galego non inclúe no seu orzamento para o vindeiro ano a partida para impulsar esa infraestrutura nin para mellorar a Unidade de Atención ás Drogodependencias. Dúas medidas aprobadas por unanimidade no pleno do Concello do Porriño.

Tal e como lembra a deputada Eva Solla, os pediatras soportan unha elevada carga de traballo, e o espazo para urxencias e rehabilitación dispoñible tamén é insuficiente. Ademais, o número de pacientes potenciais tense incrementado nos últimos anos ata superar os 40.000. Unha carga asistencial que se agrava no caso do PAC, que tamén dá cobertura a outros municipios da contorna, como Mos ou Salceda de Caselas.

Eva Solla lembra a nova concentración convocada para este xoves no Porriño, onde a veciñanza volverá reclamar que se acometa a ampliación pendente. E insta ao goberno galego a dotar este e o conxunto dos PACs galegos de persoal suficiente e a cubrir baixas e vacacións. “Non pode ser que reiteradamente o goberno non habilite as partidas precisas para cubrir as necesidades en materia sanitaria”, indica a deputada, que lamenta que o goberno galego desoa de xeito reiterado as peticións e permaneza impasible ante as carencias.

Esa liña, a deputada lembra que o déficit de medios e persoal que afecta ao PAC da localidade é un problema que se extende ao conxunto dos puntos de atención continuada de Galicia, cuxo persoal está a mobilizarse. “Lonxe de buscar solucións ás carencias dos PACs, que na súa maioría traballan con dotacións de persoal moi por debaixo das necesidades, a Xunta propón unha solución que atenta contra os dereitos dos traballadores”, denuncia Eva Solla.

“Os profesionais piden un plan de continxencias que permita cubrir as ausencias imprevistas cun modelo análogo ao que funciona no 061. Algo que non se fixo. Lonxe diso, agora a Xunta pretende obrigar ao persoal a figurar nunha listaxe sen ningún tipo de contrapartida, violando o seu dereito á conciliación e forzándoos a incrementar a súa xornada laboral”. Unha solución inaceptable.

En Marea pedirá ao presidente da Xunta que diga que ten que agochar en relación á xestión do caso do PAC da Estrada e os enfermos de Hepatite C

O voceiro de En Marea, Luís Villares, informou dos temas que o seu grupo levará ao pleno do Parlamento da a tras a xunta de voceiros desta mañá. Entre eles a proposición non de lei para regular a provisión da xefatura de servizo no Sergas xa que “é necesario acabar co alto grao de discrecionalidade e arbitrariedade que se está a dar e establecer os méritos a valorar para que os traballadores e traballadoras réxense non só pola confianza política senón tamén pola meritocracia.

En Marea levará así mesmo unha proposición non de lei sobre o plan estratéxico de Galicia para o novo período da PAC na que se ten en conta a influencia do Brexit que suporá unha minoración dos fondos europeos e un cambio de estratexia da Unión Europea así como as directrices básicas dentro do reparto que fai o propio Estado e no que En Marea aposta porque sexa Galicia o que maior grao de competencia teña a hora de realizar este reparto.

O sector do automóbil será outro dos que centrará as iniciativas de En Marea ante o anuncio do ERTE por parte de PSA Vigo. Luís Villares considerou fundamental reclamar un plan industrial que supoña que todo os sector que vive arredor de Citröen teña un desenvolvemento acorde das posibilidades do noso país.

En Marea presentará tamén unha iniciativa na que se insta ao goberno galego a acabar de xeito definitivo co proxecto da Mina Touro-O Pino despois do informe recibido desde Europa no que se advirte das graves consecuencias que tería para o Camiño de Santiago seguir adiante con este proxecto. O voceiro lembrou un informe similar hai máis de 10 anos en Lugo respecto a unhas obras no cuartel de San Fernando que podería poñer en risco a declaración da muralla como Patrimonio da humanidade  motivo polo que a Xunta de Galicia desestimou estas obras. “Estamos nun suposto análogo polo que isto bastaría xa para dar para atrás a mina” salientou Vilares.

En relación a sesión de control, o voceiro de En Marea preguntará ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que ten que agochar en relación aos recortes na sanidade pública galega. “Despois da farsa de creación de comisión de investigación dos recortes queda en evidencia a obstaculización continuada para que a oposición faga o seu traballo e investigar o acontecido no PAC da Estrada, cos enfermos de hepatite C e o todos os recortes destes anos na sanidade” denunciou Villares.

O voceiro de En Marea considerou inxustificable a postura do PP que por un lado negan a participación dos familiares das vítimas do falecido no PAC da Estrada e das persoas que están a ser investigadas da Consellería en relación ás mortes por hepatite C, pero por outra non teñen problema algún de que familiares das vítimas do sinistro do marisquiño teñan voz na comisión de investigación que está tendo lugar tamén no Parlamento ou os familiares das vítimas do Alvia que tamén están a ser escoitadas no Congreso. “Non hai explicación racional que xustifique esta diferencia de trato” asegurou o que leva a se facer a pregunta sobre o que ten que ocultar o PP.  “Pretenden que falemos só de números, e nós dicimos non porque detrás dos números hai persoas que o pasaron moi mal a causa dos recortes” afirmou Villares. O mesmo acontece coa participación de Felix Ruibal que mentres o PPdeG vetaba a súa comparecencia na comisión de investigación sobre os recortes na sanidade, si participou na comisión de investigación do Marisquiño.

O voceiro de En Marea rematou asegurando que se trata dunha falla de respecto e unha diferencia de trato inadmisible e lembrou que non existe ningunha norma nin impedimento algún no regulamento que impida que as persoas investigadas polos casos mortes por hepatite C podan participar na comisión de investigación do Parlamento. Ante a negativa e o veto imposto polo PP, En Marea pedirá explicacións directas ao presidente da Xunta de Galicia sobre que é o que teñen que agochar para se comportar así.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies