SUNDAY 24 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: En Marea

En Marea insta á Xunta a crear puntos de información enerxética estables nos Concellos

O grupo parlamentario de En Marea ven de presentar unha moción no Parlamento de Galicia para a creación de puntos de información enerxética estable nos concellos ante a falla de información suficiente da cidadanía sobre as tarifas da luz e a falla de acción por parte da Xunta de Galicia ao respecto. Unha falla de información que como sinalou o deputado de En Marea no Parlamento de Galicia, Francisco Casal, “supón un traslado ilexítimo de rendas dos fogares cara ás eléctricas que podería superar os 200 millóns de euros ao ano en Galicia”. “É o mais grave é que podería correxirse dunha maneira bastante sinxela e cuns orzamentos moi contidos” denunciou.

A evidencia da ineficacia das accións da Xunta “é palmaria” analizando os datos segundo Francisco Casal. Para xustificar esta afirmación explicou que o mercado  regulado é sen discusión o mais ventaxoso para os fogares e aínda así case 150.000 ao ano en Galicia estanse a pasar ao mercado libre, moitos deles sen sabelo. “Isto prodúcese polas campañas masivas das comercializadoras, que non teñen contraposición por parte da administración” asegurou. Así mesmo a discriminación horaria é a tarifa mais vantaxosa, pero en Galicia só a teñen un 6 por cento dos fogares, contra o 94 por cento dos fogares en Alemania. O motivo é que as comercializadoras eléctricas non teñen interese en que a xente se decate de que a discriminación horaria beneficiaría a máis do 95  por cento dos fogares. Referiuse tamén do Bono Social que en Galicia so chega a 9.678 usuarios pese a existir 24.092 familias numerosas e pese a que os trámites para conseguilo son moi sinxelos.

“Isto demostra que a ausencia de información dos consumidores galegos de electricidade e unha realidade evidente, aínda que o Goberno Galego segue a negala, rexeitando todas as iniciativas deste grupo para desenvolver campañas e iniciativas cunha intensidade e dotación orzamentaria proporcional ao problema e garantir que se lle da solución” declarou Francisco Casal.

Ante a insuficiente actuación do Goberno da Xunta, En Marea puxo en marcha unha campaña informativa por todo o País e que permitiu descubrir que as campañas do Goberno galego non acadaron os seus obxectivos xa que o 80 por cento das persoas que acoden as charlas informativas descoñecen que contrato e tarifa teñen nos seus fogares, o 90 por cento descoñecen se están abonados ao mercado regulado ou ao mercado libre, o 80 por cento descoñecen as vantaxas de ter contratada a tarifa de discriminación horaria, e case 100 por cen das persoas descoñecen se a potencia contratada é a adecuada para o seu fogar, aceptando a que a compañía comercializadora lles propoñe.

Aínda que as medidas mais importantes para baixar o recibo da luz van moito mais alá de ter a potencia e a tarifa adecuada, En Marea presentou diversas actuacións nese senso e que facelo pode supoñer aforros importantes ao ano para case todos os consumidores. Así, para un consumidor medio estar no mercado regulado no canto do libre supón un aforro de entre 6 e 9 euros ao mes. Estar na discriminación horaria supón un aforro de entre 10 e 40 euros, esta última cifra para os que teñen calefacción eléctrica, de aforro mensual.

“A falta de información sobre os contratos e as tarifas domésticas de electricidade mais adecuadas teñen un custo para todos os fogares galegos de entre 125 e 213 M€ ao ano. Cartos arrebatados de xeito ilexítimo dos petos das cidadás e cidadáns que acaban en beneficios das eléctricas ante a pasividade da Xunta que non fai o necesario para que esteamos informados suficientemente” insistiu Francisco Casal.

Para arranxar esta situación, o grupo de En Marea presentou unha moción no pleno do Parlamento na que se insta á Xunta a adoptar as seguintes medidas:

1.- Crear Puntos de Información Enerxética estables en todos os Concellos de mais de 15.000 habitantes. Dotados de toda a información necesaria e persoal especializado para asesorar a toda a cidadanía en asuntos como: as tarifas eléctricas e de gas mais vantaxosas; hábitos no fogar para rebaixar o consumo enerxético; medidas para incrementar a eficiencia enerxética; alternativas para o autoconsumo eléctrico; asesoramento e tramitación do Bono Social Eléctrico e de calefacción; alternativas enerxéticas a partir da biomasa, xeotermia, etc.

2.- Nos Concellos de menos de 15.000 habitantes garántese que haxa como mínimo un Punto de Información Enerxética por Comarca.

3.- Dotar de orzamento por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria o acordo coa FEGAMP para a implantación dos Puntos de Información Enerxética.

4.- Desenvolver a través do Instituto Galego de Consumo campañas informativas nos medios de comunicación públicos e privados para que a poboación coñeza as vantaxes do mercado regulado da electricidade, da tarifa de discriminación horaria e de ter contratada a potencia axeitada en cada fogar.

5.- Instar ao Ministerio de Industria e Turismo a cambiar os tramos regulados de potencia contratada de electricidade, establecéndoos en tramos de 0,2 kilowatios.

6.- Regular legalmente, dentro das súas competencias en materia de consumo, que as compañías comercializadoras de electricidade e de gas, no que lles pode afectar,  informen claramente aos seus abonados a través dos recibos de:

  1. Se están no mercado regulado ou libre e as súas implicacións: perda do dereito ao Bono Social; perda das garantías contra os cortes de subministro; etc.
  2. Cálculo exacto do importe que aboarían no recibo en caso de estar en discriminación horaria e potencia máxima consumida en cada período de facturación

Profesionais do dereito e da saúde mental constatan os prexuízos que causan as políticas da Xunta para os dereitos das migrantes e os doentes mentais

  • Rosa Cerqueiro e Miguel Vieito participaron na comisión alternativa de Sanidade impulsada pola oposición parlamentaria
  • Vieito falou sobre a exclusión das persoas migrantes do sistema sanitario galego e Cerqueiro explicou o abandono por parte da Xunta da atención á saúde mental

A sala de En Marea no Parlamento de Galicia acolleu unha nova sesión da comisión alternativa de Sanidade impulsada polas tres forzas da oposición parlamentaria. Os comparecentes neste ocasión foron o investigador e especialista en dereito da exclusión Miguel Vieito e a psicóloga clínica do SERGAS, Rosa Cerquido. Os dous concluíron, cada quen desde o seu campo de especialidade, que as políticas da Xunta de Galicia provocan serios prexuízos en materia de falta de atención sanitaria.  No caso dos doentes de enfermidades mentais polo abandono dos programas especializados en este tipo de doenzas e no caso das persoas migrantes coa exclusión dos dereitos a seren atendidos polo sistema sanitario galego. A deputada de En Marea e vicepresidenta do Parlamento, Eva Solla, explicou na súa quenda de intervención nesta comisión que están “constatados os prexuízos das políticas sanitarias do PP e que tanto na atención mental como nos dereitos das migrantes foron reiteradamente denunciados no Parlamento de Galicia”.

Rosa Cerquido é psicóloga clínica do Servizo Galego de Saúde e integrante do Movemento Galego da Saúde Mental. A comparecente na comisión alternativa de Sanidade explicou cal era a situación da atención mental en Galicia, unha atención que cualificou como “un panorama sombrío e que temos a obriga de reverter”. Cerquido resumiu na súa intervención a situación da atención á saúde mental en Galicia explicando que en “situacións de crise ecómica aumentan o número de doenzas mentais e, polo tanto, faise máis necesaria esta atención, o que sucedeu en Galicia é que se abandonou a saúde mental xusto no momento en que era máis necesaria”.

Cerquido explicou tamén na súa intervención que a atención en Galicia ten un problema de “accesibilidade” aludindo a un estudo encargado pola propia Consellería de Sanidade que afirma que un de cada cinco galegos/galegas presentou durante a súa vida un transtorno de tipo mental, pero estas cifras contrastan coas que explican que só unha de cada tres persoas con doenzas chegan a contactar cos servizos sanitarios”. Engadiu que case a “metade con transtornos graves e tres de cada catro con transtornos moderanos non acudiron a atención primaria nin a especializada”. Iso revela un problema de acceso dos doentes aos servizos de atención no sistema sanitario galego. Pero aínda tendo en conta esta situación, en xuño de 2018, máis de 8.000 persoas esperaban por unha primeira cita no servizo de psquiatría, segundo as cifras da Consellería de Sanidade.

Sinalou que tanto Galicia como Asturias son as comunidades con maior “prevalencia nos casos de depresión e de ansiedade”. No mesmo sentido, explicou a especialista que estas dúas comunidades son as que rexistraban maior número de mortes por suicidio. Neste panorama, Rosa Cerqueiro explicou que en Galicia se rexistrou un “aumento importante dos problemas de saúde mental que requiren de atención especializada, aumento moi preocupante de mortes por suicidio, un aumento excepcional do consumo de psicofármacos, dificultades para acceder aos servizos de saúde mental e dificultades obter tratamentos psicolóxicos, tanto na infancia, na adolescencia como nos adultos”.

Segundo Cerqueiro, as implicacións máis graves derivadas da política actual da Xunta en saúde mental son tres fundamentalmente. “A decisión de reducir as políticas de protección social e sanitaria nun contexto de crise económica levou a un aumento da desigualdade social, o empobrecemento e a exclusión social”. Unha segunda implicación é que a precariedade asistencial en persoal, recursos e organización dos servizos levan a un risco aumentado de perda da calidade dos coidados e da seguridade das persoas atendidas”. En terceiro lugar, segundo sinalou Cerqueiro “estamos expostas a unha violentación inaceptable de dereitos fundamentais”. Cerqueiro sinalou tamén que todos estes datos aínda eran máis graves se se analizaban con perspetiva de xénero, onde unha vez máis, as mulleres estaban máis afectadas por estas carencias.

EXCLUSIÓN DE PERSOAS MIGRANTES DO SISTEMA SANITARIO GALEGO

A comparecencia de Miguel Vieito centrouse no exclusión do sistema sanitario galego das persoas migrantes. O investigador e especialista en dereitos da exclusión sinalou que as políticas do PP neste caso “foron eleccións deliberadas para deixar sen atención a migrantes e favorecendo a facturación dos servizos sobre os dereitos a atención das persoas”.

Vieito apuntou na comisión alternativa de Sanidade no Parlamento de Galicia, que desde o decreto do goberno central de 2012, o que se produciu foi “unha exclusión legal das persoas migrantes, un cambio legal baseado en argumentos falaces que a estatísticas desminten”. Entre eses argumentos falaces utilizados polo PP está o aforro económico, a sustentabilidade, a loita contra o turismo sanitario. Vieito explicou que os datos din exactamente o contrario: “as persoas migrantes fan menos uso da sanidade porque son novas e sanas”. Sinalou tamén que nos últimos anos houbo un retroceso nos dereitos sociais que supuxo unha regresión de case 30 anos e que, na práctica, deixou sen atención a 873.000 persoas”.

Ademais de explicar como afectou o decreto de 2012, Vieito sinalou cal foi a actitude que adoptou a Xunta de Galicia ante a situación xerada: “complicou todos os trámites e o acceso das persoas migrantes ao sistema de saúde, chegando a facer unha obscena deixación de funcións cando delegan este acceso aos servizos sociais como se non fosen un asunto sanitario”.

Miguel Vieito citou na súa comparecencia un informe de Médicos del Mundo no que se informaba de 107 casos de exclusión na atención sanitaria. Vieito sinalou que a Xunta de Galicia puido ter tomado decisións que atemperaran os prexuízos do decreto de 2012, pero fixo o contrario “e tomou deliberadamente a decisión de excluír aos migrantes do dereito á atención universal”. Segundo o avogado “a Xunta favoreceu o criterio económico por riba do cumprir os dereitos ata o punto de que os migrantes que recibían antes a factura do servizo que o diagnóstico do que lles pasaba”.

Vieito engadiu que desde a entrada en vigor do decreto16/2012 “a mortalidade na poboación migrante incrementouse nun 15%, o que supón 70 mortes a maiores no Estado por culpa da posta en marcha dunha norma que exclúe as persoas migrantes”. Sinalou o avogado que todas cifras aumentaban de maneira considerable se se utilizaban parámetros de xénero para estudalas.

En Marea empraza a Celaá a ser “coherente” e modificar o sistema de bolsas universitarias que foi endurecido por Wert en 2013

  • O deputado Miguel Anxo Fernán Vello presentou varias iniciativas parlamentares para que a Ministra de Educación elimine a parte variábel das axudas a estudantes universitarios que tantos problemas lles xenera e causa importantes retrasos no pagamento.

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou varias preguntas parlamentares e vai rexistrar unha proposición non de lei para emprazar á Ministra de Educación, Isabel Celaá, a “ser coherente coa posición que mantiveron estando na oposición” e proceder canto antes á modificación do sistema de bolsas xerais de Universidade que o anterior Goberno do PP, con Wert á cabeza do Ministerio, empiorou e dificultou “na liña propia do PP de instaurar políticas elitistas, regresivas e que atentan contra o dereito ao acceso universal na educación”.

O deputado de En Marea reclama ao Goberno de Sánchez que se volte ao sistema de bolsas anterior á reforma do PP en 2013 e lémbralle que o PSOE foi moi crítico con esta modificación cando gobernaba Rajoy. Fernán Vello salienta o rexeitamento da comunidade educativa a este sistema de bolsas e pide a Celaá que tamén leve a cabo un cambio no calendario de solicitude e concesión destas axudas de xeito que se resolvan as resolución antes do inidio do curso académico, facilitando o acesso especialmente a estudantes en situación socio-económicas máis desfavorábeis. Demanda que se ingresen as contías na súa integridade no primeiro trimestre do curso.

“Desafacer as desfeitas do PP no sistema de bolsas”

Fernán  Vello explica que En Marea ten reclamado este cambio ao longo de toda a lexislatura mais co PP no Goberno sempre se opuxo. “Agora goberna o PSOE que censurou a modificación de Wert. Sería moi oportuno que se aproveitase o marco de reforma da LOMCE para que a Ministra restitúa tamén o sistema de becas xerais á situación anterior, completando así un marco de reforma educativa amplo”.

É preciso lembrar que o PP fixo unha modificación do sistema de concesión de becas de Universidade estabelecendo unha parte fixa e outra variábel que provoca enorme inquedanza e causa enormes restrasos no pagamento das axudas que ás veces chegan a final de curso. “A demora no pagamento provoca importantes problemas económicos aos sectores sociais con menos recursos económicos, o que leva a moitos estudantes a abandoar os estudos ou ter que compatibilizalos con traballos que lles restan tempo para estudar”. Neste sentido, puntualiza Fernán Vello, a comunidade educativa, a CRUE, teñen criticado a vinculación “da parte variábel co rendemento académico porque se ten demostrado que estudantes con situaciones económicas precarias son os que máis precisan as becas pero vense obrigados a traballar, situación que  repercute negativamente no seu  rendemento”. Polo tanto, “que fixo o PP? Dificultar o acceso á educación de persoas con condicións socio-económicas piores. Educación elitista”.

“Instamos ao Goberno de Sánchez a reflexionar sobre este tema, mellorando o sistema de becas porque son unha parte fundamental para incentivar o acceso universal e a igualdade. De feito, investigacións internacionais indican que as bolsas melloran significativamente o acceso, a continuidade na carreira, a graduación e o futuro”.

Unha médica de urxencias do CHUS traslada á Fiscalía dúas mortes nos corredores o pasado día 2 de xaneiro

  • A situación foi denunciada na segunda xornada da comisión de investigación alternativa sobre a situación da sanidade pública galega que tivo lugar esta mañá no Parlamento de Galicia
  • Nesta xornada compareceron o técnico de emerxencias sanitarias do 061, Óscar Graña, a médica de urxencias do CHUS, Fátima Nercellas, e a enfermeira no CHUS, Elisabeth Dosil, quen coincidiron en sinalar o total abandono e inhibición por parte da Xunta de Galicia ante a grave situación do sistema sanitario público

A sala de En Marea no Parlamento de Galicia acolleu a segunda xornada da comisión de investigación alternativa sobre a situación da sanidade pública do noso país na que compareceron o técnico de emerxencias sanitarias do 061, Óscar Graña, a médica de urxencias do CHUS, Fátima Nercellas, e a enfermeira no CHUS, Elisabeth Dosil. Os tres comparecentes coincidiron en sinalar a grave situación que se está a vivir no sistema sanitario público do noso país cun total abandono e inhibición por parte da Xunta de Galicia.

O primeiro en falar foi Óscar Graña, técnico de emerxencias sanitarias do 061, quen asegurou que o emprego e a organización das ambulancias no noso país estase a pensar e planificar unicamente en base a criterios económicos e non pensando no benestar das persoas. Asegurou así mesmo que o número de ambulancias é manifestamente insuficiente o que provoca como situacións habituais que unha persoa teña que esperar máis de 4 horas nun hospital tras ser dado de alta ocupando unha cama que non pode ser empregada por alguén pendente de ingreso, ou que as persoas que teñan que trasladarse para tratamentos hospitalarios teñan que soportar viaxes de máis dunha hora e media por traxecto.

Así mesmo asegurou que se está a vulnerar a propia lexislación trasladando nas ambulancias máis persoas das permitidas, ou persoas dependentes sen acompañante o que provoca que no caso de que lle aconteza algo o condutor non pode facer abolsutamente nada para impedilo. Así mesmo non se están a garantir as condicións hixiénico-sanitarias ao non coñecer nin tan sequera que tipo de posibles enfermidades contaxiosas poden presentar os trasladados que en moitos casos están a compartir ambulancia con outros doentes aos que poden igualmente contaxiar.

O ratio de ambulancia por habitante é tamén totalmente insuficiente e moi por debaixo do recomendable polo Ministerio e os tempos de espera ante unha chamada ao 061 superan en moitas ocasións os 25 minutos, que é o tempo máximo en casos por exemplo de ictus, infarto ou accidentes graves.  A contratación por parte das empresas concesionarias de persoal sen a preparación requirida foi outra das cuestións denunciadas por Óscar Graña. Problemas para se comunicar entre técnicos que teñen que empregar os seus propios teléfonos móbiles, problemas para localizar o lugar das emerxencias para o que se teñen que valer das indicacións dadas pola persoa que chamou ao 061, ou o feito de que todo o rexistro das emerxencias atendidas se faga con papel de calco e onde prima a facturación a terceiros que a calidade asistencial, foron outras das cuestións salientadas esta mañá por este técnico de emerxencias sanitarias do 061.

“A poboación galega segue a depender da sorte da hora do día no que se produza o accidente. Non dispomos de ningún sistema para desdobrar as ambulancias en caso de catástrofe. O único que hai no momento é tratar de localizar ao persoal que queiran de xeito voluntario colaborar. Non se dispón de sistema que permita alertar ao persoal que acudiron alertados polas redes sociais, sistemas de comunicación tiveron que usar os propios teléfonos, non dispoñemos de información de como montar un hospital de campaña, non hai uniforme para identificalos” alertou Óscar Graña.

A todo isto súmase a situación de precariedade absoluta que teñen que soportar estes profesionais cun convenio colectivo conxelado desde hai máis de 3 anos, contratos en practicas con salarios de 800 euros mensuais.

A médico de urxencias do CHUS, Fátima Nercellas, informou pola súa parte do traslado á Fiscalía de dous casos de falecemento nos corredores do CHUS acontecidos o pasado día 2 de xaneiro despois de ter avisado en diversas ocasións á xerencia e ao propio Conselleiro da gravidade da situación en urxencias, con 29 persoas graves sen atender nos corredores. “Ese día houbo catro paradas nos corredores de urxencias, dúas saíron adiante e dúas persoas faleceron” informou.

“Estamos nunha situación dramática. A día de hoxe estamos entrando na epidemia da gripe esta semana supostamente activase o plan de continxencia que é acumular aos doentes entre cortinas en urxencias. Non poden saír de urxencias ata saber que tipo de gripe é e polo tanto tampouco poden subilos a planta xa que deberían estar en habitacións separadas pero si poden estar en urxencias cos seus acompañantes” declarou Fátima Nercellas.

A última en intervir nesta segunda xornada foi Elisabeth Dosil, enfermeira no CHUS, quen denunciou o total abandono da sanidade pública e asegurou que a “falla de estabilidade nos profesionais leva aparellado falla de confianza dos doentes ante o cambio continuo do médico e fai imposible unha relación de confianza entre ambos”.
Así mesmo, as listas de agarda fan que teñan que acudir a urxencias incluso derivados polos seus propios médicos como explicou a enfermeira do CHUS.

A sobrecarga de traballo á que se enfrontan a diario nos servizos de urxencias do noso país está a provocar un elevadísimo porcentaxe de baixas por problemas de saúde, aumentando tamén o risco de comenter erros e dificultando enormemente a relación entre os propios traballadores. “O nivel de estrés e tensión que se vive a diario faite pensar que vas a guerra diariamente en vez de ir ao teu posto de traballo” asegurou.

O material foi outra das denuncias nas que coincidiu asegurando que está totalmente obsoleto e que teñen que buscar equipos que funcionen por todo o hospital. “Non podemos ir a traballar a sala de críticos co medo de que falle o material de asistencia vital e falla” afirmou. “Non queremos alarmar a ninguén pero non queremos ser cómplices da destrución da sanidade pública” concluíu.

VINDEIRAS SESIONS DA COMISION ALTERNATIVA DE INVESTIGACION DA SANIDADE 

A vindeira semana terán lugar dúas novas xornadas da comisión alternativa de investigación da situación da sanidade pública do noso país. A primeira delas será o martes ás 16.30horas coa comparecencia de Marian Rodríguez Blanco, pediatra do Hospital da Barbanza, e Encina Galego, pediatra de Atención Pediátrica.

A seguinte sesión será o xoves tamén as 16.30 horas coa comparecencia de Miguel Vieito Villar, xurista e investigador en dereito da saúde (exclusión sanitaria), e Rosa Cerqueiro Landín, Psicóloga Clínica do Sergas.

O Concello de Manzaneda demanda á Red Eléctrica Española por incumprir o convenio e non desmontar a liña de alta tensión obsoleta entre Trives e Aparecida

O Concello de Manzaneda ven de demandar á Red Eléctrica Española (REE) por incumprimento do convenio asinado no que se comprometía a desmontar a liña obsoleta de alta tensión entre Trives e Aparecida. Así o ratificaba o pleno do Concello de Manzaneda que tivo lugar este pasado 30 de novembro.

Xa con data de 1 de xuño do presente ano, o concello mandoulle un requirimento a REE instandoa a desmontar de forma inmediata a antiga liña de 220 kw co fin de evitar os evidentes perxuizos que a súa existencia actual supón, non recibindo a día de hoxe ningunha resposta por parte da compañía eléctrica.

En setembro do ano 2009, Rede Eléctrica de España S.A., en base ao artigo 4.2 do Real Decreto 195572000, de 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, proxectou o transporte de enerxía eléctrica de nova xeración en Galicia e Castela León.

Argumentouse a necesidade de alimentar electricamente o futuro tren de alta velocidade Madrid-Segovia-Valladolid-Zamora-Ourense-Vigo, ademais de indicar a mellora da seguridade e calidade da subministración en Galicia e Castela-León e posibilitar a exportación da crecente produción de orixe eólica. Razón pola que procedeu á instalación da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 400 kV, dobre circuíto para conectar as subestacións de Trives (Ourense) e Aparecida (Zamora).

Esta instalación eléctrica contou coa Declaración de Impacto Ambiental favorable da Secretaria de Estado de Cambio Climático, ademais de contar coas preceptivas autorizacións do Ministerio de Industria.

Na parte expositiva das estipulacións, asinadas entre o concello e os representantes de REE, ademais de diferentes compromisos, como o respecto ambiental e a reposición de posibles danos ao seu estado orixinario, sinálase que a nova liña de alta tensión de 9,780 quilómetros, substituiría á actual liña de transporte de enerxía eléctrica de 220 kV de simple circuíto. Afirmando taxativamente que esta última liña será desmontada unha vez que se puxo en servizo a futura liña eléctrica a 400 kV.

É dicir, Rede Eléctrica de España S.A. comprometeuse no ano 2009 a retirar a liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 220 kV, simple circuíto, situada entre Trives e Aparecida (Ourense e Zamora) unha vez que estivese en funcionamento a liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 400 kV, dobre circuíto, que conectaría as subestacións de Trives e Aparecida, e cuxo trazado discorre parcialmente polo municipio de Manzaneda (Ourense). Con todo, o devandito compromiso non se cumpriu e actualmente están en funcionamento, desde hai dous anos, e discorren polo municipio, unha liña de 400 kV (simple circuíto) e a antiga liña de 220 kV.

REE cambiou o proxecto a un dobre circuíto 400kV/220kV sobre os mesmos apoios que non foi completado no tramo Conso-Trives no que se mantén as dúas liñas de maneira independente.

En consecuencia, “os veciños e veciñas de Manzaneda, entre outros, teñen que soportar, sete anos despois, dúas liñas de alta tensión ao seu paso por este municipio contravindo así os acordos alcanzados, o que resulta, de xeito evidente, unha anormalidade que debe corrixirse canto antes”, asegurou o alcalde Félix Domínguez.

Tamén no parlamento galego, se aprobou unha proposición non de lei por unanimidade do grupo parlamentar de En Marea instando a Rede Eléctrica de España S.A., como transportista único e xestor da rede de transporte, a:

a) Cumprir, o máis axiña posible, co compromiso adquirido e proceder ao desmantelamento da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 220 kV, simple circuíto, no tramo Conso-Trives, independentemente de que sexa instalado ou non o dobre circuíto sobre os apoios da liña de 400 kV.

b) Rexenerar o trazado da liña, unha vez desmontada, para recuperar da mellor maneira posible o equilibrio ambiental e ecolóxico.

Os incumprimentos de REE, tanto cos acordos adoptados na parlamento galego, como nos requerimentos do Concello de Manzaneda, obriga a este último a demandar a Red Eléctrica Española por incumprimento do convenio asinado.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies