SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Ecología

Presentación da publicación “Sinfonía para el Cambio: activismo frente al cambio climático”

Amigos da Terra lanza a publicación “Sinfonía para el Cambio: activismo fronte al cambio climático” na que participaron máis de 30 persoas narrando as súas experiencias persoais de loita contra o cambio climático. A presentación desta publicación enmárcase na semana de accións que Amigos da Terra Internacional leva a cabo entre 5 e o 13 de outubro para reivindicar xustiza climática e remarcar a importancia do informe especial do Panel Intergobernamental de Cambio Climático (IPCC).

Este novo informe do IPCC sairá á luz a principios da semana que vén e abarcará os posibles escenarios globais e rexionais das próximas décadas en relación ao nivel de ambición das políticas que os países poñan en marcha. Amigos da Terra entende este informe como unha chamada de advertencia dirixida aos gobernos de todo o planeta e a ocasión perfecta para esixir aos principais responsables do cambio climático que actúen con urxencia e baixo os principios da xustiza climática.

Fronte á inacción dos gobernos ante o quecemento, a publicación “Sinfonía para el Cambio” recolle modos de vida inspiradores e demostra que existe un movemento crecente de persoas que saben plantarlle cara ao cambio climático.

“Doíame pensar que a miña xeración puidese perder a produtividade das nosas terras por culpa das continuas secas, do incremento da erosión ou do aumento dos custos para producir […] Somos moitas as persoas dedicadas á agricultura nesta zona, as que entendemos que a produtividade ambiental, social e ecolóxica non ten por que estar rifada coa produtividade económica”, realata Alfonso Mozo Guzman de Murcia, unha das persoas que participan en Sinfonía para o cambio.

“Hoxe creo totalmente imprescindible que xente como eu esteamos aquí (…) A existencia de persoas vendendo os seus produtos sans e ecolóxicos é equiparable á sanidade ou a educación pública. Agora mesmo sento que é unha responsabilidade seguir aquí”, asegura Pura Seoane de Galicia.

A lectura deste documento tamén deixa entrever a importancia de esixir solucións efectivas desde o ámbito das políticas, con accións destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas e a da Terra.  Por iso, a organización ecoloxista reclama obxectivos ambiciosos e vinculantes en materia de  redución de emisións, implantación de enerxías renovables, medidas de  eficiencia e o aforro enerxético, desinversión en combustibles fósiles  e a aposta decidida por alternativas económicas locais desde os sectores agrarios e gandeiros até os industriais.

Xa se están sufrindo as consecuencias do cambio climático por todo o mundo, e son os países que menos contribuíron os que se están sufrindo as peores consecuencias. Por este motivo a organización ecoloxista segue visibilizando esta situación de inxustiza climática esixindo responsabilidades aos países máis industrializados, e animando ás persoas a formar parte un movemento crecente de defensores da Terra.

En Galicia a presentación levarase a cabo dentro da Mostra do Posible en Cangas o domingo 7 ás 13:00 na Alameda Central onde contaremos con algunhas das testemuñas da publicación como parte da Directiva dun pequeno Monte Veciñal do concello coruñés de Rois que están a levar a cabo un proxecto de porco celta para a posta en valor do monte e a loita contra os incendios.

A mineira de Touro reincide e recibe unha nova multa por vertidos de augas residuais a un aflúente do Ulla

A asociación Aldea Viva desvela unha nova multa de Augas de Galicia á empresa da mina de Touro (Explotaciones Gallegas S.L) por unha cantidade de 20.000 euros, apenas unha semana despois de que coñecésemos a sanción de 30.000 euros á mineira polo vertido de augas residuais, que supuxeron segundo a administración “a alteración da calidade das augas por concentración de contaminantes superiores ós límites autorizables”.

No pasado mes de febreiro a asociación medioambientalista anunciaba a comunicación a Augas de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente do desbordamento da balsa mineira situada en Bama (Touro) con resultado de contaminación do río Brandelos (aflúente do Ulla), ó mesmo tempo que censuraba o descontrol e irresponsabilidade da empresa propietaria dos terreos, e que ahora pretende poñer en marcha o proxecto de megaminería. Un mes despois do suceso o conselleiro de Industria, Francisco Conde, informaba da tramitación dun expediente sancionador en resposta a unha pregunta do grupo parlamentar En Marea, xustificando en parte o acontecido polas condicións climatolóxicas, e recoñecendo o desleixo da administración durante todos estes anos.

Agora Augas de Galicia depura as responsabilidades e deixa sen xustificación tanto ó conselleiro Francisco Conde como á mineira de Touro, e asegura que “os episodios de choiva como os acontecidos no pasado mes de Febreiro non son infrecuentes na zona, e constátase que a empresa non tomou ningunha medida preventiva para evitar o vertido polo que se lle incoa este procedemento”.

O organismo público tamén rexeita a argumentación da empresa que intenta eludir as reponsabilidades negando que o vertido ilegal altere a calidade da auga. Neste senso Augas de Galicia afirma que as diferentes analíticas demostran o contrario “logo do desbordamento constátase un incremento notable na concentración de sulfatos no río Brandelos entre augas arriba e augas abaixo do vertido e tamén un incremento moi considerable dos parámetros de Cobre e Manganeso”.

Aldea Viva considera que a resolución destes dous expedientes sancionadores con resultado de culpabilidade a Explotaciones Gallegas S.L deberían ser motivo abondo para que a administración galega rexeite o proxecto mineiro xa que queda constatada a incompetencia e ausencia de responsabilidade da empresa dende que chegou ó municipio, a comezos dos anos 90.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies