SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: denuncia

Irregularidades e opacidade na adquisición de fármacos por parte do SERGAS

Segundo desprende o último Informe do Consello de Contas, o gasto farmacéutico da Xunta vai aumentando de maneira paulatina nestes anos (do 30% en 2014 ao 36% en 2016), con opacidade e incumprimento os procedementos establecidos na Lei de Contratos Públicos.

Mostrámonos moi preocupadas ante o incremento do consumo de fármacos neste contexto de irregularidades denunciadas polo propio Consello de Contas“, indican dende Esquerda Unida

O informe do Consello de Contas sobre farmacia hospitalaria resalta que, á hora de adquirir produtos, “a pesar da existencia de protocolos ou instrucións internas, estas non se cumpren”. É por iso que o sistema de información sobre a adquisicións e consumos de fármacos, (coñecido como a Aplicación SINFHOS), “non proporciona información sobre os prezos ofrecidos por diferentes laboratorios, e non conserva o historial de prezos”, o que imposibilita unha posición vantaxosa de cara a optar por fármacos máis accesibles. Ao non cumprirse o protocolo, “isto xera unha falta de homoxeneidade nos datos rexistrados”, en consecuencia, “non é o suficientemente efectivo e non permite a optimización de recursos”, así como o control do gasto.

Ademais, a documentación relativa ás adquisicións e condicións de subministración dos produtos carece de sistematización, o que xunto co sistema de compras directas que supera o 90% das adquisicións na farmacia hospitalaria, impide un cumprimento efectivo dos trámites establecidos na normativa reguladora dos contratos do sector público.

Aínda que o que máis chama a atención, dentro destas malas prácticas de acordos con laboratorios, é que nalgún caso se rexistran pagos por outros servizos, tales como “becas, cesión de equipos o mantemento dunha páxina web” así como unha “práctica estendida por parte dos laboratorios de ofertar bonificacións consistentes nun abono contable en función do volume de adquisicións, sen que isto se recolla de forma axeitada”, algo totalmente incrible e inaceptable.

Tras ter levado esta cuestión ao Parlamento da man de Eva Solla, voceira de Sanidade de En Marea, dende a Xunta de Galicia seguen sen dar as cifras que solicita a deputada, e non se ten nada claro sobre como funcionan os procedementos de adquisicións de fármacos na farmacia do hospital.

Ana Miranda: “O acordo de pesca entre a Comisión Europea e Marrocos vulnera a legalidade internacional”

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, critica duramente o acordo en materia pesqueira acadado entre a Comisión Europea e o Reino de Marrocos, xurdido tras as negociacións rematadas onte, xa que considera que se trata dunha vulneración da legalidade internacional, que esta recoñece como lexítimo dono das augas ao Sáhara Occidental.

O pasado mes de febreiro, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea excluíu as augas Saharauis do acordo pesqueiro con Marrocos e recoñeceu que o único e lexítimo propietario destes recursos é o Pobo Saharaui. Desde entón, segundo o BNG, debería terse impulsado un acordo pesqueiro coa República Árabe Saharaui Democrática (RASD) “e non continuar vulnerando a legalidade”.

“O BNG quere, por suposto, que exista un acordo de pesca, pero nas augas territoriais do Sáhara Occidental hai que facelo co Frente Polisario, e non con Marrocos, que incumpre todos os acordos”, explica Ana Miranda, quen lembra que hai xa dúas sentenzas do Tribunal de Xustiza Europeo sinalando que o acordo é ilegal.

A eurodeputada do Bloque critica, ademais, a afirmación da Comisión Europea segundo a cal esta consultou todas as partes preceptivas. “Isto non é certo, porque non consultaron a parte saharaui”, denuncia. “A Comisión non pode saltarse todos os procedementos e pasar por alto as sentenzas do Tribunal de Xustiza”, apunta.

Favores que pagar

“O BNG quere que exista un acordo de pesca, pero non quere un acordo de pesca ilegal en augas que son propiedade do seu lexítimo dono, o Pobo Saharaui, tal e como di a normativa internacional”, subliña Ana Miranda, quen lamenta que a Comisión Europea “siga a ser comprada por Marrocos como sempre, porque hai moitos favores que pagar, sobre todo en relación á emigración”.

“Non se pode cortoplacista defendendo os dereitos humanos por un lado, facendo un paripé, e logo, cando se trata de defendelos de verdade coa poboación afectada, deixalos de lado”, manifesta Miranda. A eurodeputada critica asemade a política, colonialista que leva a cabo Marrocos que desvía poboación marroquí ás zonas saharauis pesqueiras, facéndoa pasar por poboación local. Este procedemento vulnera os acordos da ONU, xa que estes estipulan que os acordos de pesca deben beneficiar as poboacións locais, é dicir, á poboación saharaui.

A respecto dos barcos que se atopan faenando nestas augas, a eurodeputada galega defende que desde o Bloque “queremos que sigan faenando alí, pero tras o preceptivo acordo co seu lexítimo dono”.

En Marea denuncia o deterioro da atención sanitaria que os recortes do goberno de Núñez Feijóo están a provocar nas zonas rurais

O voceiro de En Marea, Luís Villares, visitou os centros de saúde de Pontenova e Meira en Lugo onde puido comprobar como a Xunta de Galicia está a impor unha continuada redución de servizos na sanidade no ámbito rural. No caso concreto de Pontenova non se vai cubrir unha das prazas de médico alegando que a ratio é suficiente pero a dispersión demográfica e o avellentamento da veciñanza require duns coidados médicos que non se están a cubrir. Existe tamén unha praza de celador que tampouco se está a cubrir e provoca que moita xente maior teña que se trasladar ao centro para pedir cita e facer determinadas xestións que podería facer doutro xeito se esa praza estivese cuberta.

No centro de saúde de Meira, que funciona de forma continuada para atender a toda a comarca, vive unha situación similar. O voceiro de En Marea sinalou a necesidade de contar cun segundo equipo médico completo para dar servizo a toda a poboación. Pero tamén é preciso cubrir unha praza de enfermeiro que está vacante neste momento.

“Non se lle pode pedir á xente que viva no rural cando despois non se lles ofrece servizos básicos como é o dereito á atención sanitaria proxima, vital para salvar vidas e que agora mesmo non se está a producir” denunciou Luís Villares.

Unha situación que non é exclusiva na montaña de Lugo senón que se está a repetir por todo Galicia e que se está a agravar no verán co peche de camas nos hospitais, peche de servizos de pediatría en distintos lugares do noso país que está a provocar unha perda de dereitos e deterioro da calidade de vida das persoas que viven no rural. Ante isto que fai o goberno de Núñez Feijóo? absolutamente nada” remarcou Luís Villares polo que anunciou a intención do seu grupo de continuar a loitar ata lograr que a toda a poboación galega teña os mesmos dereitos e calidade de vida independentemente da zona na que viva.

En Marea denuncia a nula proactividade do Instituto Galego de Consumo e Competencia e o nulo interese amosado pola Xunta na defensa dos consumidores ante os abusos das grandes empresas

O voceiro de En Marea, Luís Villares, lamentou que a parte débil das relacións de consumo sexan sempre os cidadáns e cidadás tal e como se demostra no día a día nas estafas masivas incluso con bens do día a día. O recibo da luz é unha das estafas diarias que sufre á cidadanía que podería chegar a aforrar ata un 30 por cento se xestionarase ben os seus recibos. Pero tamén no recibo de telefonía e por suposto estafas bancarias, estas últimas en varios niveis xa que hai practicas abusivas aparentemente legais que ao final demostrase que non o son como o caso das preferentes ou cláusulas chan, pero hai moitas outras aínda pendentes de que se abran e que seguen a prexudicar diariamente aos consumidores.

Villares denunciou a pouca, ou nula, proactividade, amosada por parte do Instituto Galego de Consumo e Competencia. “A Xunta non está exercendo as súa responsabilidade en materia de consumo e menos de competencia. Non foi a que destapou a estafa das preferentes, nin das cláusulas chan, nin está a perseguir as prácticas de ´cartel` no prezo dos carburantes en Galicia que da lugar a que teñamos dos máis elevados de todo o Estado” declarou o voceiro de En Marea.

Pero tamén a falla de actuación por parte do Goberno galego referente as cláusulas chan de carácter preventivo ou a hora de destapar novos abusos.

Desde En Marea xa se propuxo en diversas ocasións crear oficinas de asesoramento enerxético, un servizo que sería esencial para axudar á cidadanía a entender e coñecer a súa factura da luz. Unha petición que como salientou o deputado Francisco Casal foi denegada por parte do Goberno galego asegurando que “todo o mundo entende perfectamente o seu recibo da luz”. Ante a falla de interese e acción da Xunta, En Marea de feito organizou unha serie de charlas por todo o país para precisamente axudar á cidadanía a estudar o seu recibo e buscar as mellores opcións a nivel individual e que está a provocar aforros de entre 100 e 300 euros ao ano no recibo da luz.

A pasividade da Xunta trasladase tamén a resolución xudicial dos conflitos. Cando se decidiu atacar as cláusulas chan en lugar de facer unha regulación e unha solución extraxudicial o que fixo foi crear un marco regulatorio que promovese a xudicialización destes conflitos o que provocou un colapso xudicial e non se aportou ningún tipo de reforzo que solucionase esta situación e resolver en tempo razoable os casos. Todo co silencio da Xunta que en ningún momento solicitou un reforzo de persoal.

O voceiro de En Marea destacou a “boa labor de asociacións como ACOUGA á hora de defender os dereitos das e dos consumidores fronte as grandes empresas”.

Por parte de ACOUGA, o presidente Manuel Pérez e o secretario Xoán Antón Pérez-Lema, puxéronse en contacto con En Marea para trasladar as súas preocupacións en distintos temas ante a falla de resposta da Xunta de Galicia da que aseguran non esperan xa “absolutamente nada xa que demostrou xa claramente que non é un goberno amigo dos consumidores, senón todo o contrario”.

Olalla Rodil: “A Xunta desvía fondos de I+D+i para costear outro novo edificio na Cidade da Cultura”

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, denuncia que o Goberno galego transvasou 700.000 € do Plan de financiamento do sistema universitario galego, destinados a I+D+i, para sufragar a construción dun novo edificio na Cidade da Cultura.

“É escandaloso que os recursos públicos en investigación vaian para cemento e para seguir aumentado o número de edificacións nunha Cidade da Cultura que segue a ser un pozo sen fondo porque vampiriza recursos públicos a esgalla sen apenas beneficio para o país”, denunciou a deputada portavoz parlamentaria de Cultura.

Ademais, lembra Rodil, a construción dunha nova edificación “supón o incumprimento do acordo parlamentario que en marzo de 2013 paralizou de maneira definitiva as obras da Cidade da Cultura”, acordo que o PP “se salta con total menosprezo as decisións da Cámara galega”. Neste caso, co agravante de que implica un novo recortazo nunha das partidas máis importantes do Plan de financiamento do SUG, “que vén soportando importantes recortes nos últimos anos”, sinalou.

“De novo, a Xunta de Feixóo aposta polo cemento en lugar de pola investigación e polo desenvolvemento, que son claves para un crecemento económico competitivo que se traduza en emprego de calidade”, argumentou.

A deputada nacionalista lembrou que no último pleno instou á Consellaría de Educación e Cultura a procurar alternativas máis económicas, -que o xa bautizado como Edificio Fontán-, para acoller os organismos universitarios que prevé instalar na Cidade da Cultura. Unha obra na que o Goberno galego, sinalou Rodil, “leva gastados máis de 300 millóns de euros públicos”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies