SUNDAY 24 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: BNG

Luís Bará: “O PP recibiu un toque de Madrid e deu marcha atrás na reclamación de competencias”

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno galego, formulada polo  deputado do BNG, Luís Bará sobre o desenvolvemento da lei de política galega e a demanda ao Goberno central das competencias de Tráfico, circulación de vehículos e seguridade cidadá, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva respondeu que a Xunta non renuncia a novas competencias pero sempre que sexan útiles e financiadas.

Para o nacionalista, a resposta de Villanueva, evidencia o “xesto cara a galería” do Partido popular e do propio  Núñez Feixóo sobre o tope competencial en ámbitos como os xa transferidos a Euskadi e Catalunya. Agora, dixo, “déronlle o toque desde Madrid” e hai que “repregar velas e dar marcha atrás”.

Bará criticou que o Parido popular galego, no goberno dende o ano 2009, non conseguira ningunha transferencia, o balance é “cero patatero” a pesar do goberno amigo de Raxoi e co que sería máis fácil, supostamente, negociar as transferencias. A súa vontade política para conseguir algunha competencia para Galiza, recalcou é “cero”  e os seus anuncios agora chocan cos feitos.

O PP utiliza a escusa dos orzamentos para xustificar a falta de transferencias e insistiu en que o BNG xa denunciou publicamente “o agravio” dos orzamentos do Estado con Galiza. No vindeiro pleno, explicou Bará, teremos oportunidade de debater sobre esta cuestión porque os investimentos e a reclamación de transferencias “non son incompatibles, son complementarias”. Transferencias si, repetiu Bará pero tamén orzamentos “xustos e non discriminatorios para Galiza.”

O deputado recriminou ao director xeral de emerxencias  que tentara xustificar que   as competencias en Tráfico  non son necesarias nin o desenvolvemento da Lei de policía. Os datos de seguridade viaria e accidentes son en Galiza “extraordinariamente preocupantes” e a Xunta ten neste ámbito moita responsabilidade.

Despois da súa intervención, dixo Bará, queda claro que  o goberno non ten intención de avanzar. Vostedes están actuando como un “goberno paria” e aceptando a doutrina “da marcha atrás e da recentralización”. Non escoitei ningunha voz en contra das palabras de Casado cando propón recentralizar competencias, vostedes, sentenciou,  “apoian ese discurso, o discurso da recentralización de competencias”.

BNG, EH-Bildu e Esquerra presentan unha candidatura as Europeas en defensa dos dereitos nacionais e sociais

BNG, EH Bildu e ERC presentaron o acordo de coalición electoral aos comicios europeos que se traduce nunha candidatura conxunta que ten como obxectivos a defensa das liberdades, dos dereitos nacionais e sociais dos pobos e a loita contra a involución democrática. A capital galega acolleu esta primeira presentación pública, coa presenza da candidata Ana Miranda polo BNG, Josu Juaristi por EH Bildu e Diana Riba, por ERC.
A portavoz nacional, Ana Pontón, líder da forza política anfitrioa, destacou a importancia deste acordo para reforzar a voz de Galiza na Eurocámara.  “É un día importante para todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón e queren seguir tendo voz propia en Europa para defender os intereses dos galegos e das galegas”, salientou.

Esta candidatura, recalcou, “dános visibilidade como nación e garante unha representación con capacidades reforzadas, sen supeditacións e cunha única lealdade: a que lle debemos á sociedade galega”.  “Vai garantir que o noso país continúe a ter voz propia en Bruxelas a través de Ana Miranda quen, dígoo con moito orgullo, fixo máis por Galiza que o resto de eurodeputados e eurodeputadas galegas xuntas. E aí está o traballo e aí están os resultados”, recalcou Pontón.

Presentación candidatura Agora Repúblicas é a denominación desta alianza electoral, que dá continuidade a unha longa tradición de colaboración entre as tres nacións, “diante dun españolismo que nos nega”. “Agora Repúblicas é a Galeusca do século XXI”, indicou a líder nacionalista, Nomenclatura que en cada territorio se plasmará nunha papeleta propia: “O 26 de maio, os galegos e as galegas van poder coller a papeleta do BNG encabezada por Ana Miranda para darlle a Galiza un escano propio en Bruxelas”.

A motivación da candidatura, recalcou Pontón, vai máis aló da conxuntura electoral, porque nace nun contexto de involución democrática ao que quere plantar cara: “É ao tempo unha man tendida desde as nosas nacións ao conxunto de cidadáns e cidadás demócratas e progresistas do Estado español cos que compartimos valores, principios e soños”.

Rebeldía e esperanza

“A pantasma da involución non só recorre unha Europa que queremos transformar. No Estado está impulsada por unha ofensiva españolista que alimenta un discurso de odio contra o diferente, que fala de ilegalizar ideas democráticas, que defende o supremacismo do castelán, que ataca a liberdade de expresión, a loita contra a violencia de xénero, os dereitos políticos, as liberdades públicas”, denunciou.

Agora repúblicas “é unha alianza que aposta por gañar a esperanza e responder desde a rebeldía, esta candidatura é a mellor aposta para toda as persoas que queren parar a involución democrática e o roubo dos dereitos e liberdades e, desde logo, é a aposta segura para as que queremos máis Galiza noutra Europa posible, a das nacións sen Estado, dos dereitos e das liberdades”

“Fronte ao roubo da democracia, fronte á ofensiva e a radicalización do españolismo e das dereitas, fronte á negación das identidades e dos dereitos políticos dos pobos e das nacións do Estado, dicimos Agora Repúblicas para unha sociedade xusta, solidaria, feminista, diversa e plural, que faga bandeira da convivencia, do respecto e dos dereitos e liberdades”, sintetizou Pontón.

Presentación Acordo estratéxico

Desde EH Bildu, Josu Juaristi destacou que as tres nacións representadas no acordo “comparten unha tradición e cultura de colaboración histórica ante un Estado español que non acepta o dereito a decidir libre e democraticamente o noso presente e o noso futuro”. É unha alianza que establece “un marco de coordinación e colaboración estable, inclusivo e aberto a sumar”.

Juaristi salientou que “a mellor forma de responder ao momento político que vivimos, máis ben que padecemos, é seguir sumando forzas soberanistas, reforzando a colaboración entre Galiza, Catalunya e Euskal Herria en termos de acción política, democracia e dereitos fundamentais, tanto ante Madrid como  Bruxelas, cóbado con cóbado con outras nacións sen estado”.

“Traballamos para mellorar o día a día das nosas cidadanías, para ofrecer solucións e alternativas, porque o que fagamos agora determinará o futuro das nosas nacións, así como o modelo de sociedade do que nos dotaremos. Tamén no  Parlamento Europeo loitaremos por sociedades xustas, solidarias, abertas, progresistas, feministas e democráticas, para defender e conquistas todos os nosos  dereitos como persoas e como pobos e este acordo estratéxico é un paso importante en esa dirección”, concluíu.

Solidariedade e colaboración

En nome de ERC, Diana Riba asegurou que neste momento “nos encontramos con dúas alternativas sobre a mesa, a do populismo autoritario ou ben a dirección que propoñemos desde a esquerda transformadora, é o que está en xogo o 26M”.

“Os nosos son precisamente tres proxectos políticos que defenden a liberdade e a democracia ante a regresión antidemocrática dos poderes do Estado, e por iso é oportuno recordar aquí que facer un referendo non é delito, que manifestarse non é delito, que manifestarse no é alzamento, que protestar non é un tumulto e que opinar non é ilegal”.

Ante esa regresión democrática, explicou Riba, as forzas desta coalición “optamos pola solidariedade mutua, pola cooperación e o traballo compartido en defensa da democracia e das liberdades das nosas respectivas nacións”, concluíu.

A candidata do BNG, Ana Miranda, pechou a presentación co compromiso de volver converter o escano do Bloque “no escano de Galiza”, e puxo como aval o seu “intenso” traballo na Eurocámara en defensa do país con temas como o accidente do Alvia, o saneamento das rías, a defensa do emprego industrial, a frota do xeito ou a defensa da devolución dos bens espoliados polo Franquismo.

Compromiso cos galegos e as galegas

“É unha honra formar parte desta coalición desde a que loitar contra o fascismo e en defensa sen fisuras dos valores democráticos, dos nosos sectores produtivos e dos intereses dos galegos e as galegas. Porque sabemos que se o BNG está, Galiza está”, proclamou Miranda.

“Son unha muller de palabra, perseverante e  tendes o meu compromiso de que así seguirei sendo nesta nova etapa de ilusión que comezamos, e tendes o meu compromiso de que desmontaremos, paso a paso, todas as mentiras do Estado, -en relación ao sinistro de Angrois-, sexan do goberno que sexan e caia quen caia. Igualmente, tendes o meu compromiso de que este seguirá sendo un escano galego”, recalcou.

Así, salientou, “en Europa seguirase falando dos temas galegos: pesca, agricultura, saneamento das rías e sector industrial, pero tamén defensa dos dereitos das mulleres, das persoas desfavorecidos do mundo e potenciando a relación con pobos irmáns”. “Non estou aceptando as cousas que non podo mudar, estou cambiando as cousas que non podo aceptar”, concluíu Miranda citando a Angela Davis.

O acto contou cunha ampla representación de cargos públicos, militantes e simpatizantes do BNG nunha presentación que abriu o intelectual e escritor, Suso de Toro, facendo un chamamento á “rebeldía” e un recoñecemento do traballo do Bloque a favor do país.

Ana Pontón: “Nas Municipais imos a por todas en Mondariz cun proxecto de futuro liderado por Barros”

“Queremos liderar o goberno local e traballar man a man coa veciñanza con honestidade e desde a humildade”, proclama o candidato á Alcaldía

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou na presentación de Xosé Emilio Barros como cabeza de lista do partido nacionalista á Alcaldía de Mondariz, nun acto no que pediu o apoio da veciñanza para o candidato nacionalista, que aspira a liderar o futuro goberno municipal a partir da cita electoral do 26 de maio.

“Quero pedirvos que confiedes no BNG e no noso candidato, Xosé Emilio Barros, porque é unha persoa capaz, conciliadora, porque leva Mondariz na cabeza e no corazón e ten un proxecto de futuro e a equipa necesaria para liderar a transformación que precisa este concello”, indicou a líder nacionalista.

Pontón apelou á capacidade demostrada do Bloque nos concellos nos que goberna para transformar en positivo e mellorar a vida das persoas. “Temos experiencia e bo facer nos gobernos municipais, estádelo vendo aquí na parroquia de Queimadelos, pero tamén o podedes comprobar nos concellos de Ponteareas, Tomiño, Pontevedra”, citou a modo de exemplo, “que teñen esa marca de calidade que representa o proxecto do BNG”.

Barros, indicou, “ten un proxecto pensado desde aquí e para a veciñanza deste concello, ademais da tranquilidade de saber que ao fronte do municipio vai haber persoas honestas, que dan o mellor de si mesmas e que teñen claro que a política é servizo público, que están en política para mellorar a vida das persoas”.

IMG-20190125-WA0037A dirixente do Bloque pediulle aos veciños e veciñas “que confíen” na candidatura que lidera Barros, “porque o BNG ten ideas e un proxecto sólido para este concello, e por iso imos a por todas nas eleccións do 26 de maio porque queremos liderar o concello de Mondariz en beneficio da súa veciñanza”, concluíu.

Pola súa parte, o candidato asegurou asumir o reto “coa maleta chea de ilusións e co orgullo de representar a un grupo de compañeiras e compañeiros que participamos na vida política desde o convencemento de que é o mellor xeito de poñer o noso grao de area para traballar por Mondariz”.

Barros fixo un agradecemento expreso a todas que o apoiaron, tamén desde a veciñanza, e puxo como aval para pedir o apoio de cara aos comicios locais “o traballo desenvolto ao longo de moitos anos”.

Ese aval que lle permite encarar as eleccións “coa expectativa de liderar o futuro goberno de Mondariz, cunha equipa de homes e mulleres dispostas a traballar man con man coa veciñanza desde a humildade, con honestidade, con coherencia, con criterio político e coas ideas claras, unha equipa que cree e defende un proxecto participativo, dialógante e integrador para Mondariz”, subliñou.

No acto de presentación tamén participou Anxos Carballo, vogal da parroquia de Queimadelos na que o BNG goberna desde 2007, e o rexedor de Ponteareas, Xosé Represas, ante un nutrido grupo de militantes e simpatizantes e veciñanza que acudiron á presentación na Biblioteca Municipal Xoán X. Pérez Labaca.

A impunidade do franquismo con Queipo de Llano é semellante á que padecemos cos Franco en Meirás

A eurodeputada do BNG participa coa delegación de Memoria Histórica da Eurocámara nunha visita aos “espazos da represión” en Sevilla

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa nunha nova iniciativa do grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, neste caso no percorrido en Sevilla por diversos lugares paradigmáticos da represión franquista. Deste xeito, tras a reunión celebrada con asociacións memorialísticas, un dos lugares visitados foi o Cemiterio Municipal San Fernando de Sevilla, onde vítimas da represión están enterradas en foxas e a Basílica da Macarena, onde está enterrado o xenocida Gonzalo Queipo de Llano, ademais dun encontro no Parlamento andaluz.

“Lamentablemente, a impunidade do franquismo con Queipo de Llano, enterrado con todas honras, é similar a que padecemos en Galiza coa familia Franco a respecto do pazo de Meirás, unha das propiedades incautadas polo ditador que sigue en mans da súa familia”, subliñou Ana Miranda, quen considera que esta situación é unha “grave anomalía democrática que o Estado español ten o deber de corrixir” e critica que entre as promesas do novo Goberno tripartito andaluz está un paso atrás na memoria histórica.

E precisamente para rematar con esta anomalía a deputada galega considera que o Estado español conta cunha “útil ferramenta” como é a Resolución en contra do avance do fascismo, aprobada na Eurocámara o pasado 25 de outubro. Este documento insta, no seu artigo 20, a que os Estados Membros prohiban as asociacións e organización que fan apoloxía do fascismo e do nazismo. “É dicir, desde a Eurocámara pedimos ao Estado español que prohiba a Fundación Francisco Franco”, explica Miranda.

As emendas aprobadas nesta resolución tamén contemplan a retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos e a retirada de toda a simboloxía franquista, así como o desenvolvemento do traballo de contextualización e reinterpretación para que os símbolos que non sexan suprimidos contribúan á sensibilización do público e a recuperación da memoria histórica.

Visibilidade internacional

A visita a Sevilla enmárcase nas iniciativas organizada polo grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, integrada por deputadas e deputados de distintos países e de diferentes grupos políticos agás o PP, entre as que destacan a visita ao Val de Cuelgamuros, para reclamar a retirada dos restos do ditador, e a visita ao pazo de Meirás, onde a delegación puido comprobar como alí se fai apoloxía da ditadura.

“Desde o grupo de Memoria Histórica da Eurocámara queremos acadar visibilidade internacional para o problema da impunidade do franquismo e rematar co incumprimento de principios europeos sobre a memoria democrática nestes tempos de involución democrática como o novo goberno andaluz, que se permite mesmo usurpar figuras como Lorca, asasinado polo franquismo”, salienta Ana Miranda ao tempo que denuncia o continuo incumprimento da Lei de Memoria Histórica e do Informe da ONU sobre o franquismo.

Ana Pontón destaca a vixencia de Castelao e insta “a traballar con forza” para garantir o avance do BNG o 26M

  • Tilda a Feixóo de “terminator” da sanidade pública: “Cantas persoas máis teñen que morrer para que se acaben os recortes?”, interpelou
  • Proclama que non é posible dar “nin un paso atrás” na loita contra a violencia machista
  • Anima a practicar as ideas de Castelao en lugar de manipulalo para atacar o nacionalismo

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o acto do BNG en homenaxe a Castelao en Rianxo para reivindicar a vixencia do seu ideario e denunciar a quen, nun cínico exercicio de postverdade, non ten reparo en manipular a súa figura para atacar o seu legado máis importante: O nacionalismo.

“Aínda hoxe é tan potente a súa mensaxe que o españolismo ten necesidade de manipulalo”, salientou Pontón, “porque non se pode reivindicar a Castelao e criminalizar o nacionalismo ou prohibir o noso idioma para ensinar matemáticas ou ciencias”. Por iso, convida a Feixóo “a apropiarse de verdade do seu ideario e levalo á práctica” en lugar de poñerse diante da Derradeira lección do mestre para criticar ao nacionalismo “amosando a súa catadura política”.

Ante o busto do histórico nacionalista, instou a defender as ideas de Castelao “para agrandar e fortalecer ao BNG” de cara a cita electoral do 26M “e abrir un tempo novo en Galiza da man do Bloque porque nos tomamos en serio este país”, como demostra nos gobernos municipais exemplos de transformación a favor da maioría social.

De cara á cita electoral, fixo un chamamento “a traballar con forza, con convicción e con confianza para fortalecer ao BNG como alternativa a un PP que leva a Galiza ao desastre e para poñer freo á involución democrática”. “O reto máis inmediato: Sumar máis apoios nas eleccións municipais e europeas, ensanchar a base social e que todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón saiban que o BNG é a súa casa”, recalcou.

A dirixente do Bloque considera urxente abrir ese tempo novo ante un Feixóo- terminator para Galiza, mesmo en ámbitos tan sensibles como a sanidade pública.

“Está esnaquizando a sanidade a golpe de recortes e privatizacións, xogando coa vida das persoas. E pregúntolle a Feixóo, cantas persoas máis teñen que morrer para que se acaben os recortes no sistema público de saúde?”, interpelou despois de coñecerse que a Fiscalía está investigando dúas mortes o pasado 2 de xaneiro no servizo de urxencia do CHUS colapsado por falta de persoal suficiente.

Homenaxe a Castelao 2019Un Feixóo-terminator tamén para o emprego industrial mudo cando están en risco 390 postos de traballo en ALCOA, ou cando se comporta como “alumno aplicado do antifeminismo” destinando recursos a grupos que cuestionan o dereito ao aborto, a colexios que segregan por sexos, recortando as axudas ás vítima de violencia machista ou boicoteando a folga de mulleres do 8M.

“Non imos dar nin un só paso atrás” na defensa dos dereitos das mulleres e na loita contra a violencia de xénero, proclamou Pontón, que aproveitou para expresar publicamente o apoio do BNG “á compañeira Adriana”, -concelleira en Rianxo que presentou unha denuncia por violencia machista-, para que se investigue até o final e con todas as consecuencias.

Concellos diferentes

Na súa intervención, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, convidou a seguir o exemplo de Castelao “polo compromiso ético que representa, exemplo de entrega ao pobo e a nación galega, pola súa defensa do noso idioma e cultura”. E, ás portas do 26M, amosou o seu orgullo polas “políticas diferentes” que impulsa o BNG desde os concellos.

“Non somos meros transmisores doutras administracións, contables autómatas facendo o que nos mandan sen pensar, se analizar, sen facer política, porque a nosa veciñanza quere que sexamos altofalantes da liberdade, da xustiza social, de benestar, da defensa da sanidade e de compromiso coa xente”, recalcou.

A tradicional homenaxe a Castelao permitiu á líder do Bloque recalcou o compromiso da forza nacionalista na defensa do país, máxime nun contexto de involución que, advertiu, “non se combate desde o medo”. “Non imos dar un paso atrás na defensa de Galiza, nin á hora de cuestionar unha Constitución que é un corsé para desenvolver o país, á hora de cuestionar unha monarquía medieval, de denunciar a corrupción sistémica do Estado español e na defensa do dereito dos galegos e das galegas a vivir sen discriminacións”, concluíu ante medio millar de militantes e simpatizantes.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies