SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Antón Sánchez

En Marea denuncia a falla de compromiso do Goberno do Estado con Galicia e ínstao a defender a conexión Vigo-Porto

En Marea denuncia a inaceptable falla de compromiso do Goberno do Estado con Galicia, e ínstao a ter en conta as necesidades da Comunidade e a traballar para favorecer o seu desenvolvemento económico. A formación acolle con estupor a nova que chega dende o Consello de Transportes da Unión Europea, ante o que, contra toda lóxica e incorrendo nun inaceptable agravio comparativo, o Executivo estatal non defendese a inclusión da conexión Vigo-Porto no Corredor Atlántico de Mercadorías.

Hai escasos días a Comisión de Transportes do Parlamento Europeo aprobaba a incorporación da liña Vigo-Porto ao Corredor Atlántico. Dábase, con esa primeira aprobación, un primeiro paso fundamental de cara á materialización dunha demanda que En Marea leva tempo defendendo; e logo da que unicamente quedaba agardar a aprobación definitiva do trazado por parte de Europa, asumindo o Consello da UE dita proposta.

En Marea considera intolerable que, en lugar de apostar de xeito decidido pola defensa dos intereses galegos, o Goberno obvie por completo á Comunidade, deixándoa á marxe da súa defensa ante o Consello de Transportes da Unión Europea. E é que, se ben o Executivo central si defenderá nese foro a ampliacion do Corredor Mediterráneo, non fará o mesmo coa conexión Vigo-Porto, nunha inaceptable mostra de ninguneo, máis grave se cabe logo da boa disposición amosada ao respecto pola Comisión de Transportes do Parlamento Europeo.

Este luns, 3 de decembro, tratouse nunha xuntanza do Consello de Transportes da Unión Europea o documento-proposta sobre a Rede Transeuropea de Transportes que definirá, entre outras, a columna vertebral de dita rede a través da aprobación dos corredores principais que conforman a Rede Básica dentro do mecanismo Conectar Europa, así como do seu financiamento. Un foro ante o que o Goberno de España ten deixado de lado as necesidades de Galicia, obviando a ampliación do Corredor Atlántico que precisa Galicia e centrando a súa defensa unicamente no Corredor Mediterráneo.

Así as cousas, En Marea esixe explicacións ao Goberno español sobre a non inclusión da conexión galega na proposta defendida polo executivo estatal ante o Consello de Transportes da Unión Europea da Rede Transeuropea de Transporte. E anuncia a presentación de iniciativas, tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso, para demandar o apoio á inclusión da liña Vigo-Porto na Rede Básica.

Tal e como destaca o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, a incorporación da liña Vigo-Porto ao Corredor Atlántico suporía un impulso de vital importancia para o desenvolvemento económico de Galicia. Así as cousas, En Marea insta ao goberno da Xunta a non permanecer de brazos cruzados e a actuar, realizando unha defensa desa conexión á altura das necesidades. Algo que ata o momento o executivo de Núñez Feijóo non ten feito.

“A potenciación do Eixo Atlántico é tan estratéxica como a do Corredor Mediterráneo, e é intolerable que isto se produza”, indica Sánchez, que lamenta a inactividade do Goberno central, así como a connivencia do galego. “Dende En Marea demandamos explicacións aos gobernos galego e español sobre o acontecido”, indica o voceiro, que entende imprescindible que ambos executivos clarifiquen os seus posicionamentos ao respecto.

“A falla de estratexia política do goberno galego a respecto dun tema tan fundamental para o futuro de Galiza é clamorosa, e agardamos, por outra banda, que a insensibilidade do goberno español con respecto ás demandas galegas se abandone”, indica o vicevoceiro de En Marea.

O vicevoceiro de En Marea acude ao TSXG ante a continua vulneración dos seus dereitos como deputado por parte da Xunta de Galicia

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, ven de presentar un recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para a protección dos seus dereitos coma deputado do Parlamento de Galicia ante a reiterada negativa por parte da Xunta de Galicia de entregar a documentación solicitada sobre o proceso de fusión das caixas galegas. O pasado 20 de setembro, Sánchez rexistrou por última vez un escrito dirixido á presidencia da Cámara galega na que se pedía acceder a documentos e informes sobre a fusión. Non era a primeira vez. Desde 2013 –xa como deputado de Alternativa Galega de Esquerda na anterior lexislatura- Antón Sánchez ten solicitado esta información sen obter nin a documentación requirida nin resposta algunha por parte da Xunta de Galicia pese a estar obrigada.

Os documentos solicitados son en primeiro lugar a carta de encargo da auditora KPMG que en teoría avalaba a fusión das caixas segundo Núñez Feijóo e Marta Fernández Currás, e onde o Goberno galego reflexaba as cuestións a auditar, información fundamental para valorar a responsabilidade da Xunta de Galicia. “Este documento desapareceu misteriosamente e non sabemos porque non se quere entregar” denunciou o vicevoceiro de En Marea.

O outro documento pedido foron os informes dos técnicos da consellería de Facenda incluídos no expediente de fusión. Tampouco nada se sabe deles.

“Estamos ante unha situación gravísima xa que se está ocultando a verdade non aos deputados e deputadas senón á cidadanía dun negocio que rematou coa venda das caixas galegas a prezo de saldo ao señor Escotet e que agora está a obter beneficios millonarios” remarcou Antón Sánchez que explicou que “ante a ocultación e mordaza da Xunta vémonos obrigados a recorrer á Xustiza pese a ser unha obriga da Xunta ofrecer esta información aos deputados e deputadas”.

A intención de ocultar e obstruír por parte tanto do Goberno galego como do Partido Popular queda de manifesto así mesmo na xestión da comisión de investigación das caixas de debería xa estar rematada, cun informe e unhas conclusións e “o PP continua a xogar cos tempos tratando de dilatar os tempos e evitar que as responsabilidades políticas que deriven non podan ser efectivas”. “Negativa de aceptar máis comparecencias ou ampliar a información son algunhas das cuestións que deixan en evidencia a intención de ocultar do Goberno galego e o PP” concluíu Antón Sánchez.

La entrada O vicevoceiro de En Marea acude ao TSXG ante a continua vulneración dos seus dereitos como deputado por parte da Xunta de Galicia aparece primero en Contrainformación.

Antón Sánchez e Xosé Manuel Beiras visitarán a Oriol Junqueras e Raúl Romeva

O encontro terá lugar o vindeiro 10 de decembro na prisión de Lledoners onde os dous dirixentes políticos permanecen en prisión preventiva á espera de xuízo. Un procedemento cuestionado por diferentes entidades defensoras dos dereitos humanos, nun tempo no que vimos como tribunais de Estados da Unión Europea se negaron a executar euro-ordes e a aplicar medidas cautelares polos mesmos actos que xustifican no Estado español medidas de excepción como a prisión preventiva.

Este encontro pretende mostrar a nosa solidariedade esixindo que dirixentes políticos de formacións legais poidan realizar o traballo político nas rúas e nas prazas, e tamén nas institucións nas que foron electos, como é o caso do dirixente de ERC Oriol Junqueras. Entendemos que o feito de que sigan en prisión preventiva é unha mostra máis da deriva autoritaria que atravesa aos poderes do Estado español diante das demandas democráticas postas enriba da mesa por boa parte da sociedade catalá.

Dende Anova Irmandade Nacionalista defendemos que en democracia todos os proxectos políticos poden ser non só defendidos, se non levados á práctica se acadan as maiorías sociais suficientes para facelo. O Estado español debera recoñecer antes ou despois o que fixeron xa Canadá ou Reino Unido: o de entender que os conflitos políticos no século XXI teñen que dirimirse abrindo as urnas, e non poñendo freos á democracia. Imaxes como a das cargas policiais nos colexios electorais nese histórico 1-O forman parte da historia máis negra do Réxime do 78 e son impropias de calquera democracia.

Nese sentido vemos con preocupación determinadas afirmacións dos voceiros da dereita española que non descartan a opción de ilegalizar partidos políticos independentistas. Este tipo de afirmacións evidencian unha concepción cativa da democracia, que non acepta a existencia dun marco de respecto dos nosos dereitos sociais e nacionais e que mesmo pon en perigo dereitos e liberdades civís consagrados no propio ordenamento xurídico vixente.

Entendemos que a mudanza de goberno no Estado español debe abrir un tempo novo no que se atendan as demandas sociais das clases subalternas, ao tempo que se amplía e se mellora a democracia. Debemos empurrar nesa dirección para blindar as conquistas sociais e conseguir un marco de benestar para as maiorías sociais, no que se consiga un marco novo que respecte o dereito a decidir dos pobos.

En Marea denuncia o fracaso da política industrial da Xunta, que supuxo a perda de 50.000 empregos desde 2008

En Marea denuncia o fracaso da política industrial da Xunta de Galicia e o seu absoluto desleixo ao respecto. E é que, mentres que a Comunidade continúa padecendo unha moi preocupante sangría do seu tecido industrial, con 50.000 empregos destruídos na última década; o goberno galego opta por desentenderse da situación reducindo case á metade o orzamento destinado a políticas de emprego.

Mentres que no conxunto do estado o tecido industrial gañou máis de 60.000 postos de traballo industrial no último ano, en Galicia a tendencia foi a inversa: destruíronse 8.500. Unha preocupante tendencia ante a que a Xunta non está a actuar con contundencia. E é que, tal e como denunciou o deputado Francisco Casal este venres, logo de que o conselleiro de Industria explicase o orzamento do seu departamento para 2019 no Parlamento, dende a chegada do Executivo Feijóo a partida para políticas de emprego tense reducido case á metade; pasando dos 421 millóns de euros orzamentados en 2009 aos 263 actuais. Unha redución que resulta aínda máis sangrante ao observar o nivel de execución orzamentaria, que se situou entre o 54% e o 71% nos últimos anos, deixando sen executar un total de 756 millóns de euros entre 2011 e 2017.

“A mellor proba do fracaso da súa política industrial é a evolución do emprego. Nunca na historia ningún Goberno en Galicia tivera un balance tan negativo.Destrución de emprego que non é algo do pasado, porque a EPA recén coñecida dá un dato moi preocupante: no último ano en Galicia volvéronse a destruír 8.500 empregos industriais, mentres que no resto do Estado a industria xerou máis de 60.000 postos de traballo. Como explica este diferencial tan negativo para o nos país?”, inquire o deputado de En Marea.

A situación resulta dobremente preocupante, pois á dramática destrución do tecido industrial e dos postos de traballo súmase a crecente precariedade. “Os datos non poden ser máis desalentadores” indica Casal, que destaca que o 91% dos contratos subscritos no último ano foron temporais, “cun índice de rotación, é dicir, número medio de contratos asinados nun ano por cada traballador de 4,21, e crecendo”.

Pero onde as estadísticas son máis demoledoras é no que se refire á aos menores de 30 anos, entre os que o índice de temporalidade chegou ao 63,4%. “Quen pode facer proxectos de futuro con estes datos, como vai medrar a natalidade en Galicia?”, pregunta Francisco Casal.

En Marea destaca que, de xeito paralelo, tamén o índice de producción industrial ten sufrido un preocupante descenso. “En 2008 estabamos nun índice de 140,071, e no que vai de 2018 situámonos no 110,054. É dicir, perdemos 30 puntos na evolución histórica”. Un descenso que contradí a tendencia xeral no conxunto do estado, onde a industria está a experimentar unha recuperación que continúa sen manifestarse en Galicia coa contundencia axeitada.

Francisco Casal destaca a relación entre este panorama e o desaforado encarecemento da enerxía, que deteriora a competitividade das empresas e resulta, ademais, inasumible para unha gran parte dos fogares galegos, entre os que tamén se incrementa a porcentaxe de unidades familiares en risco de pobreza enerxética.

“De novo o Goberno da Xunta amósase totalmente insensible coa pobreza enerxética que sofren mais de 400.000 persoas en Galicia, segundo o IGE. Xa fai uns meses impediu que se debatira neste Parlamento a Proposición de Lei de En Marea para paliar a Pobreza Enerxética, e agora dotan as axudas con 1,3  millóns de euros, o que só dará para axudar a unhas 3.000 familias. Compare este obxetivo coas 400.000 persoas en pobreza enerxética. Iso si, dotan 2,4 millóns para desenvolver un ecobarrio. Onde? En Ourense, para que o seu alcalde poida ter unha baza electoral orfo como está de realidades que presentar aos seus cidadáns”.

Reclama máis investimento para I+D+I
En Marea ve necesario que o goberno galego realice, ademais, un maior esforzo inversor no que se refire ao fomento da innovación. “Pensa o conselleiro que unha economía pode avanzar e ter futuro cun investimento público en I+D+i do 0,28%?”

O deputado tamén denunciou o nulo investimento previsto para transición enerxética. “Non hai nin un euro orzamentado para paliar e prever as súas posibles consecuencias e as transformacións que se van producir. Parece que a Xunta pensa ésta vai pasar de largo en Galicia. Non pensa a Xunta de Galicia que as políticas europeas de transición enerxética van a afectar as comarcas de As Pontes e Meirama antes ou despois? Non considera que hai que ir desenvolvendo políticas, estratexias e inversións para afrontalas con tempo e con espectativas de éxito futuro?”, indica Francisco Casal.
O deputado tamén denunciou o recorte dun 32% do orzamento destinado a políticas de desenvolvemento empresarial; “é dicir, o apoio á modernización, internacionalización, mellora da competitividade, innovación e productividade empresarial”. “Renuncien a seguir coa austeridade, incrementen os orzamentos como lles permiten o Estado e a UE e doten os orzamentos desta Consellería de polos menos 100 millóns de euros máis”, reclama Casal.

Brutal descenso do orzamento de vivenda: de 162 millóns en 2010, a 83

En Marea tamén denunciou este venres no Parlamento a nefasta políca de vivenda e medio ambiente da Xunta de Galicia. Un desleixo que evidencia a falla de sensibilidade do goberno autonómico cos problemas reais da cidadanía e a súa xestión pensada para favorecer os intereses de bancos e grandes empresas.

“Reformaron a LAU para reducir a estabilidade dos arrendatarios, reducindo de 5 a 3 anos a duración minima do contrato de aluguer. Deron ventaxas fiscais aos fondos buitre para investir en vivenda para aluguer. Negáronse a cumplir simplemente a Lei de Facendas Locais para que os concellos que quixesen facelo non puidesen aplicar un recargo ás vivendas baleiras de grandes posuidores. Rescataron bancos e adquiriron con diñeiro público miles de vivendas que as entidades bancarias non querían, pero non as utilizaron para axudar á xente que as necesitaba. Permitiron coas súas decisións o que está acontecendo en Cambre, na Patiña. Pero o que nos faltaba por ver era que practicaran a coaccción e o hostigamento cunha anciá de Ourense, inquilina de renda antiga, para tratar de botala da súa vivenda nun edificio da Xunta de Galicia. 2 altos cargos declararán como imputados ante unha querela da Fiscalía”, denuncia Antón Sánchez.
O vicevoceiro de En Marea foi o encargado de lembrarlle ao titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a súa nefasta xestión e a distancia cada vez maior existente entre os recursos que a Xunta dispón para vivenda e os dos países europeos verdadeiramente preocupados por garantir este dereito.

En Marea considera intolerable que no 2016 a Xunta executase únicamente o 15% do Programa de Rehabilitación de Vivenda. Así como que deixase sen utilizar 3 dos 5 millóns orzamentados no seguinte exercicio. Ademais, en 2017 “o programa estrela deste goberno para mobilizar a vivenda baleira executou 10.499 euros dos 300.000 orzamentados, un “exitoso” 3,2% que deu como resultado a posta para aluguer de 16 vivendas dentro dos 53 concellos adheridos”, lamenta o vicevoceiro.

Para En Marea resulta intolerable que a Xunta deixase igualmente sen executar unha importante porcentaxe dos recursos destinados ao Programa Aluga: o 80%. Unha nefasta xestión que se extende tamén ao Bono Aluguer Social, cuxo orzamento o goberno galego executou só nun 64%.

“A vostedes nunca lles interesou defender o dereito á vivenda fronte á vivenda como negocio. No ano 2010, segundo datos do IGE, iniciáronse en Galiza 2.900 vivendas de protección, no 2015 5 e no 2016, 4. A unha distancia sideral da media estatal, entre 35 e 50 veces menos. A política liberalizadora do mercado do solo e da vivenda, a rebaixa na porcentaxe de edificabilidade destinada a Vivenda Protexida, expresada na lei 8/2012 de vivenda de Galiza, o abandono do IGVS das políticas de construción de vivenda protexida, ou a baixísima execucción, ano tras ano dos orzamentos destinados a vivenda, derivan nun mercado no que pouco mais do 4% do total de vivendas son protexidas, menos da metade da media estatal. Un fiasco sin paliativos”.

Política ambiental supeditada aos intereses económicos e empresariais
O vicevoceiro de En Marea denunciou tamén o fiasco que supuxeron as políticas do goberno galego en materia medioambiental. Un eido que para o goberno galego semella non ter máis importancia que o rédito económico que del poida extraerse. “Esta é unha Consellería supeditada completamente á de Economía e industria, á Dirección de Enerxía e Minas e ás mineiras e eléctricas. Barra libre para as empresas que agreden o medio ambiente. As denuncias do Defensor do Pueblo pola situación das louseiras en Valdeorras, da Valedora pola mina de Touro, ou da Fiscalía polo caso das minas de San Fins, así o atestiguan. As mineiras e eléctricas márcanlles o paso a este goberno”, critica Antón Sánchez, que debullou tamén as reiteradas promesas incumpridas nesta área.

O vicevoceiro de En Marea lembrou que, a pesar do seu compromiso de sacalas adiante, a Xunta de Galicia aínda non teña aprobado as Directrices da Paisaxe, que aportarían garantías ambientais que actualmente non existen á hora de permitir a implantación de parques eólicos ou minas. Igual que sen cumprir quedou a comprometida ampliación da Rede Natura; o borrador da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía, a Lei de Patrimonio Natural; o Plan Director de Ríos de Galicia; a Oficina Técnica para a Promoción e Coordinación do Pacto dos alcaldes polo clima e enerxía de Galicia; o Plan de adaptación das costas galegas ao cambio climático; a nova Lei de Residuos;ou os Plans de recuperación, protección e conservación de especies ameazadas. A Xunta de Galicia regulou cun Decreto o seu Católogo de especies ameazadas. Sen embargo, das 74 especies en vías de extinción únicamente 2 contan con plans de protección”.

Anova aposta por relanzar En Marea como ferramenta da Unidade Popular para a ruptura co Réxime do 78

Hoxe o principal organismo entre asembleas de Anova Irmandade Nacionalista expresou a súa preocupación polo momento que vive nestes momentos En Marea. Unha deriva burocrática, iniciada pola actual Coordinadora, dilúe a súa orientación política rupturista e lamina a pluralidade interna do espazo, convertendo na práctica a En Marea nunha opción de parte e non no punto de encontro da Unidade Popular en Galicia.

Vemos con especial preocupación que o debate do Plenario 27 de outubro teña o seu centro en cuestións internas, nun debate no que cuestións procedimentais e internas ocuparán a maior parte do tempo do debate en detrimento do necesario debate de ideas. Nese sentido o documento político que se presenta non defende ningunha orientación política e estratéxica clara, o que na práctica supón un cheque en branco para a dirección que salga electa neste proceso poida tomar calquera decisión nun momento decisivo no que hai que revalidar os gobernos municipais e ampliar a rede de mareas municipalistas.

Non compartimos os prazos dados para inscribirse no censo de En Marea. Se o comparamos cos prazos de procesos anteriores, recortan en case un mes o tempo para darse de alta no censo. Promoveremos, con outros axentes de En Marea, emendas que permitan ampliar estes prazos e que ninguén que o desexe quede sen poder participar. Tamén resulta sorprendente que o Consello de Mareas esixa que un organismo superior como o Plenario teña que ter unha maioría de 2/3 para introducir emendas ao Regulamento que establece o seu funcionamento.

Entendemos que tanto o Plenario como o proceso de renovación do Consello das Mareas debe supoñer un punto e aparte nesta forma de proceder. Debemos recuperar as posicións de ruptura e armar un espazo realmente respectuoso coa pluralidade como garantía máxima para blindar as mareas municipalistas e dar a batalla contra o Partido Popular.

Nese sentido facemos un chamamento ao conxunto do espazo de Unidade Popular – e moi especialmente ás mulleres e homes implicados no día a día da construción das mareas – para que podiamos conseguir estes obxectivos. Todas e todos somos necesarios para relanzar En Marea como ferramenta de ruptura co Réxime do 78.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies