SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Ana Pontón

Ana Pontón destaca a vixencia de Castelao e insta “a traballar con forza” para garantir o avance do BNG o 26M

  • Tilda a Feixóo de “terminator” da sanidade pública: “Cantas persoas máis teñen que morrer para que se acaben os recortes?”, interpelou
  • Proclama que non é posible dar “nin un paso atrás” na loita contra a violencia machista
  • Anima a practicar as ideas de Castelao en lugar de manipulalo para atacar o nacionalismo

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o acto do BNG en homenaxe a Castelao en Rianxo para reivindicar a vixencia do seu ideario e denunciar a quen, nun cínico exercicio de postverdade, non ten reparo en manipular a súa figura para atacar o seu legado máis importante: O nacionalismo.

“Aínda hoxe é tan potente a súa mensaxe que o españolismo ten necesidade de manipulalo”, salientou Pontón, “porque non se pode reivindicar a Castelao e criminalizar o nacionalismo ou prohibir o noso idioma para ensinar matemáticas ou ciencias”. Por iso, convida a Feixóo “a apropiarse de verdade do seu ideario e levalo á práctica” en lugar de poñerse diante da Derradeira lección do mestre para criticar ao nacionalismo “amosando a súa catadura política”.

Ante o busto do histórico nacionalista, instou a defender as ideas de Castelao “para agrandar e fortalecer ao BNG” de cara a cita electoral do 26M “e abrir un tempo novo en Galiza da man do Bloque porque nos tomamos en serio este país”, como demostra nos gobernos municipais exemplos de transformación a favor da maioría social.

De cara á cita electoral, fixo un chamamento “a traballar con forza, con convicción e con confianza para fortalecer ao BNG como alternativa a un PP que leva a Galiza ao desastre e para poñer freo á involución democrática”. “O reto máis inmediato: Sumar máis apoios nas eleccións municipais e europeas, ensanchar a base social e que todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón saiban que o BNG é a súa casa”, recalcou.

A dirixente do Bloque considera urxente abrir ese tempo novo ante un Feixóo- terminator para Galiza, mesmo en ámbitos tan sensibles como a sanidade pública.

“Está esnaquizando a sanidade a golpe de recortes e privatizacións, xogando coa vida das persoas. E pregúntolle a Feixóo, cantas persoas máis teñen que morrer para que se acaben os recortes no sistema público de saúde?”, interpelou despois de coñecerse que a Fiscalía está investigando dúas mortes o pasado 2 de xaneiro no servizo de urxencia do CHUS colapsado por falta de persoal suficiente.

Homenaxe a Castelao 2019Un Feixóo-terminator tamén para o emprego industrial mudo cando están en risco 390 postos de traballo en ALCOA, ou cando se comporta como “alumno aplicado do antifeminismo” destinando recursos a grupos que cuestionan o dereito ao aborto, a colexios que segregan por sexos, recortando as axudas ás vítima de violencia machista ou boicoteando a folga de mulleres do 8M.

“Non imos dar nin un só paso atrás” na defensa dos dereitos das mulleres e na loita contra a violencia de xénero, proclamou Pontón, que aproveitou para expresar publicamente o apoio do BNG “á compañeira Adriana”, -concelleira en Rianxo que presentou unha denuncia por violencia machista-, para que se investigue até o final e con todas as consecuencias.

Concellos diferentes

Na súa intervención, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, convidou a seguir o exemplo de Castelao “polo compromiso ético que representa, exemplo de entrega ao pobo e a nación galega, pola súa defensa do noso idioma e cultura”. E, ás portas do 26M, amosou o seu orgullo polas “políticas diferentes” que impulsa o BNG desde os concellos.

“Non somos meros transmisores doutras administracións, contables autómatas facendo o que nos mandan sen pensar, se analizar, sen facer política, porque a nosa veciñanza quere que sexamos altofalantes da liberdade, da xustiza social, de benestar, da defensa da sanidade e de compromiso coa xente”, recalcou.

A tradicional homenaxe a Castelao permitiu á líder do Bloque recalcou o compromiso da forza nacionalista na defensa do país, máxime nun contexto de involución que, advertiu, “non se combate desde o medo”. “Non imos dar un paso atrás na defensa de Galiza, nin á hora de cuestionar unha Constitución que é un corsé para desenvolver o país, á hora de cuestionar unha monarquía medieval, de denunciar a corrupción sistémica do Estado español e na defensa do dereito dos galegos e das galegas a vivir sen discriminacións”, concluíu ante medio millar de militantes e simpatizantes.

Ana Pontón e Tabaré Vázquez coinciden en destacar a importancia da colectividade galega en Uruguai

Considera “inspirador” o proxecto do Frente Amplio que demostrou que se pode saír da crise xerando benestar para a maioría social

O BNG propón recuperar o lectorado de galego na universidade deste país, para difundir lingua e a cultura e como recoñecemento á diáspora

Encontro co Patronato da Cultura Galega e coa directiva do Centro Galizia de Montevideo

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, pecharon a última xornada en Montevideo cunha reunión dunha hora co presidente da República de Uruguai, Tabaré Vázquez, con quen compartiron análise da actualidade política de ambos países e do contexto internacional, encontro no que coincidiron en destacar o peso e a importancia que ten xogado e que aínda xoga a colectividade galega neste país.

“Analizamos a situación política, en particular a da colectividade galega, tendo en conta que Uruguai é, proporcionalmente, o país americano con máis residentes galegos”, indicou Pontón, quen destacou o “cambio transformador” que as políticas desenvolvidas polo Frente Amplio desde o Goberno da república trouxeron para a sociedade.

“O Frente Amplio conseguiu un cambio en Uruguai, conseguiu reducir a pobreza, reducir o desemprego, logrou manter o país cun nivel estable de crecemento e iso é un logro que temos que valorar”, indicou a líder nacionalista, que ve nesas políticas un referente para o BNG.

“É evidente que a realidade de Galiza e de Uruguai son diferentes, pero as políticas do Frente Amplio son un referente para o proxecto nacionalista e de esquerdas do Bloque, e demostrou como un país pode saír da crise a favor da maioría social con políticas alternativas ás da dereita, demostrou que é posible saír da crise recuperando emprego e benestar para as persoas. Isto é inspirador a respecto do que o BNG defende para o noso país”, salientou Pontón.

Encontro con Tabaré VázquezNo encontro tamén se abordaron “distintos proxectos que ten a colectividade galega”, sinalou a portavoz nacional, así como interese en seguir dialogando “respecto dalgunhas reformas legais que se están levando a cabo en Uruguai e que poden servinos de exemplo”.

Pontón e Miranda completaron a última xornada en Montevideo con encontros coa diáspora, a través de reunións con responsables do Centro de Galiza e do Patronato da Cultura Galega, co que adquiriu o compromiso de trasladar ao Parlamento a proposta de recuperar o lectorado de galego na universidade de Uruguai, suprimido polos recortes.

“O Patronato da Cultura Galega en Montevideo está facendo unha importante labor na defensa da identidade, da cultura e da lingua galega”, indicou a dirixente do Bloque, “e asumimos a proposta de recuperar o lectorado galego na Universidade de Uruguai polo que significa de promoción da lingua e da cultura de Galiza, pola súa contribución ao ensino da nosa propia lingua pero tamén porque é unha obriga coa comunidade galega neste país”.

Pontón e Miranda salientaron o simbolismo do Centro de Galiza en Montevideo, porque foi o lugar onde se constituíu e onde se reuniu o Consello de Galiza, “alí estaba Castelo e todas as persoas exiliadas que seguiron mantendo viva a idea da nación galega”. A delegación galega pasa agora a Bos Aires onde continuará a súa axenda de contactos coa diáspora e coa esquerda social e política deste país, nunha capital que, durante décadas, mereceu o título de quinta provincia galega.

Ana Pontón pide a implicación da Xunta para dar unha solución á situación do Centro Galego de Bos Aires

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, mantiveron un encontro cos responsables da intervención do Centro Galego de Bos Aires, no que constataron a situación límite na que se atopa esta emblemática e histórica institución fundada pola colectividade galega na capital arxentina.

A dirixente nacionalista demanda a intervención da Xunta para darlle unha solución e anuncia iniciativas parlamentarias nese sentido e para que o Goberno galego dea explicacións pola súa inacción política.

“Saímos da reunión cunha gran preocupación polo futuro do Centro Galego, sobre como vai seguir prestando atención sanitaria aos usuarios e usuarias, que na súa maior parte son galegos ou descendentes de galegos, pero que a día de hoxe está nunha situación crítica, na UVI e a piques de ser desmantelado”, indica Pontón.

A dirixente do Bloque constatou “a falta de implicación da Xunta para aportar unha solución” despois de que se tomasen unha serie de decisións adoptadas polo Goberno que conduciron a esta situación. Pontón tamén fixo referencia ao feito de que a Fundación OSPAÑA “se desvinculara” da entidade “o que a colocou nunha situación límite”. Esa fundación, agora xa fora do centro, foi creada durante o Goberno bipartito como unha solución que permitira dar un soporte de socios que mantiveran a actividade do centro. “A desvinculación levouse a cabo dun xeito pouco claro”, denuciu Pontón.

Por iso, avanzou a líder nacionalista, o BNG levará ao Parlamento iniciativas “primeiro para esixirlle responsabilidades á Xunta pola súa deixadez e para reclamar que a Xunta de Galiza se implique para darlle unha solución a cal vai ser o destino final dese centro e para garantir a atención sanitaria e, en segundo lugar, polo importante patrimonio cultural, artístico e tamén de memoria histórica da entidade”.

Neste sentido, a dirixente do Bloque salientou que no Centro Galego de Bos Aires alberga a habitación na que faleceu Castelao “que debe ser declarada ben de interese cultural”, unha entidade que alberga tamén “un patrimonio dalgúns dos grandes pintores galegos e unha biblioteca que resume unha parte moi importante das aportacións da cultura galega da segunda metade do século XX”, explicou Pontón.

“É necesario e é posible unha solución para o Centro Galego de Bos Aires pero pasa inexorablemente por unha implicación política e o Goberno galego non pode seguir mirando para outro lado permitindo que esta entidade poida desaparecer. A Xunta debe ter altura de miras”, demandou.

Dentro da axenda de contactos políticos e sociais, Pontón e Miranda tamén tiveron un encontro con representantes do Movemento arxentino en defensa do aborto, responsables de diferentes forzas políticas e activistas feministas que deron a batalla para que as mulleres deste país poidan decidir sobre a súa maternidade.

Ana Pontón pide duplicar a partida orzamentaria que inclúe a construción da residencia de maiores de Ourense

Luís Seara afirma que “a parálise” do concello de Ourense repercute gravemente nos servizos públicos de atención a persoas con discapacidade

Santiago de Compostela, 15 de novembro, 2018. Na súa visita ao Centro Integral de Servizos “AIXIÑA” de Ourense, onde mantivo un encontro con diferentes asociacións de persoas afectadas por enfermidades neurodexenerativas, discapacidade física, esclerose múltiple, Lupus, enfermidades neuromusculares e renais, Crohn, Párkinson e ELA, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comprometeuse a levar á Cámara galega as súas demandas entre as que destacou aumentar a partida orzamentaria que inclúe a construción da residencia de maiores na cidade.

Acompañada da deputada, Noa Presas e o candidato do BNG á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, Pontón denunciou que as entidades levan máis dun ano sen poder cobrar as axudas do concello o que está dificultar gravemente o labor de atención social das persoas con discapacidade e diversidade funcional. “As administracións deben responder porque resulta ilóxico que tras conceder as axudas, as entidades beneficiarias non poidan cobralas”.

O BNG PIDE AO ESTADO QUE PAGUE A GALIZA A DÉBEDA HISTÓRICA DE 186 MILLÓNS DE EUROS EN DEPENDENCIA

Sobre a autonomía persoal, dixo que resulta “ grave” que non se cumpra a lei de accesibilidade ao que sumou contar cunha Lei de dependencia, que en moitos ámbitos só é “papel mollado”. En Galiza explicou, existe un 14% de persoas dependentes nun total de 17.000 das que 1.500, a pesar de ter recoñecido o dereito á dependencia, non reciben ningún tipo de axuda. Para resolver esta situación son necesarios máis recursos económicos polo que reclamou “os 186 M€ que o Estado debe a Galiza nesta materia”.

Neste sentido manifestou que “é grave que o Partido popular non reclamara esta débeda pero é igual de gravoso que o Goberno central non amose ningunha disposición a pagarlle a Galiza esta débeda histórica”. Con 186 Millóns de euros, recalcou, poderíamos pagar a dependencia ás persoas que agora non reciben a axuda.

Pontón non escatimou críticas o déficit dos servizos público en Galiza e nomeadamente en Ourense, tanto na provincia como na cidade. Nos nove anos de Goberno Feixóo, afirmou, “non foi investido nin un só euro para incrementar os servizos de atención a persoas con discapacidade” e o único que hai sobre a mesa é o anuncio para construír unha residencia de maiores.

Nos orzamentos do ano 2019, as partidas de 3 millóns de euros para residencias nas sete grandes cidades, son a xuízo da nacionalista, “ridículas” polo que anunciou que o BNG presentará emendas para incrementar os fondos de dependencia para Ourense e “duplicar a partida destinada á construción de residencias que inclúe a de Ourense”.

A portavoz do BNG apelou ao cumprimento da lei de dependencia e recriminou que tampouco se cumpra no que se refire ao tempo para acceder a unha residencia pública, establecido como máximo en nove meses cando en realidade o tempo en ocasións supera os dous anos.

O PP debe abandonar “o pasotismo e propaganda” no que está instalado e cambiar as palabras por feitos, concluíu.

LUÍS SEARA APOSTA POR HUMANIZAR A CIDADE DE OURENSE E FAVORECER A MOBILIADE

Para o candidato do BNG, á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, “o problema de mobilidade non reside en peatonalizar máis rúas, hai que humanizar a cidade” para facilitar o acceso ás persoas con discapacidade e para isto, resulta necesario, elaborar un plan municipal que identifique todas as necesidades para abordar a súa solución.

Por outra parte, o candidato tamén propuxo integrar de maneira real aos nenos e nenas con discapacidade no ensino, implementar a lingua de signos na administración, reordenar os centros cívicos para convertelos en centros integrados e que os novos autobuses cumpran a ratio de mobilidade.

O candidato do BNG agradeceu as propostas das diferentes asociacións e salientou que unha critica común referíase as dificultades no abono das axudas. Seara afirmou que “non é un problema de modelo, é un problema de xestión” que pon en risco a supervivencia das entidades aglutinadas en Discafis.

Seara asegurou que a actual corporación municipal demostrou non ter “capacidade” para resolver moitos dos problemas das persoas discapacitadas e mostrou o seu convencemento de que o BNG no concello levará adiante todas as propostas expostas hoxe na reunión. “Estamos, dixo, en contacto cos diferentes colectivos da cidade para recoller as súas demandas aos problemas que deixa o actual goberno”.

BNG

La entrada Ana Pontón pide duplicar a partida orzamentaria que inclúe a construción da residencia de maiores de Ourense aparece primero en Contrainformación.

Ana Pontón pide a Feixóo que se disculpe por intentar danar a Fernando Blanco e ao BNG con inxurias

A portavoz nacional, Ana Pontón, volveu expresar a satisfacción do BNG porque, aínda que tarde, a Xustiza confirmou que ex conselleiro de Industria, Fernando Blanco, desenvolveu o seu cargo de xeito irreprochable e en beneficio dos intereses de Galiza.

“Tarde pero a verdade saíu a luz”, salientou a dirixente do Bloque, quen se preguntaba como é posible que unha persoa poda ser investigada durante oito anos “sen ningún tipo de base, nun proceso no que os prazos se dilatan condicionando a vida persoal, política e profesional dunha persoa sen que pase nada”.

Á marxe da tardanza, “é un motivo de satisfacción que se confirme o que no BNG sabíamos: Que Fernando Blanco foi unha persoa que na súa vida política defendeu os intereses de Galiza, poñendo en cuestións moitos intereses económicos dos de sempre, e pode ir coa cabeza moi alta porque sempre estivo á altura e ten acreditado o seu compromiso con este país”, recalcou a líder nacionalista.

Pontón instou ao presidente do PP a desculparse por inxuriar tanto ao ex conselleiro como ao Bloque.

“Feixóo deber recoñecer que utilizou partidista e inxustamente unha causa para intentar danar a unha persoa e a unha forza política e que o fixo con inxurias”, argumentou, por tanto, “debe desculparse” tendo en conta ademais que o presidente da Xunta milita nun partido condenado por corrupción onde non se explica quen recibía sobres en B, como ven de denunciar o ex secretario de organización do PPdG, Pablo Crespo.

Ana Pontón fixo unha reflexión en relación as dimisións de cargos públicos. “Para esixir a dimisión a un responsable público ten que haber unha solidez nas acusacións, teñen que ter base e ten que haber probas contundentes, e iso é compatible coa transparencia e con ser esixentes cos cargos públicos”.

La entrada Ana Pontón pide a Feixóo que se disculpe por intentar danar a Fernando Blanco e ao BNG con inxurias aparece primero en Contrainformación.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies