SUNDAY 24 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Amigos da Terra

Pedimos ao Goberno galego que siga o camiño das Illas Baleares e cree unha ambiciosa lei de residuos que poña á redución no centro.

Amigos da Terra celebra a aprobación da Lei Balear de residuos, que se posiciona como unha das máis ambiciosas de España e de Europa, e adiántase en moitas medidas á Directiva recentemente aprobada relativa aos plásticos dun só uso. A pesar da oposición que xerou o documento entre lobbys de envasadores e fabricantes de produtos de usar e tirar, estatais e europeos, a lei aprobouse con éxito e priorizando a protección ambiental e o residuo cero, fronte aos intereses e presións económicas.

Como medidas destacadas, establécese un obxectivo vinculante de redución do 10% en 2021, con respecto aos residuos xerados en 2010 e do 20% en 2030. Para acadar estes obxectivos, a lei propón a prohibición en dous anos dos principais produtos de plástico dun só uso como bolsas, envases, cápsulas de café, palliñas ou toalliñas. Ademais establece obxectivos de preparación para a reutilización, do 3% para 2025 e 5% para 2030 e deixa a porta aberta á reintroducción do Sistema de Depósito para os envases de bebidas.

Tamén é relevante a prohibición de produtos con microplásticos e nanoplásticos, así como os modelos non reutilizables ou recargables de chisqueiros, coitelas de afeitar, cartuchos e tóners de impresoras.

Con este documento aprobado, agora é o momento de iniciar a posta en marcha das súas medidas, para avanzar cara ao residuo cero, e reducir a elevada cantidade de plástico que afecta ao Mediterráneo, e outros mares e océanos. “Esta lei deberá ser un exemplo para seguir polo resto de Comunidades Autónomas como Galicia, e mesmo para as futuras normativas estatais, de maneira que a xeración e xestión de residuos no país poida cambiar a súa dinámica actual, e consíganse menores cifras de xeración de residuos e maiores porcentaxes de reutilización e reciclaxe, para dar así cumprimento ás Directivas Europeas, e reducir a problemática causada por incineradoras e vertedoiros no país”, declara María Durán, responsable da área de Recursos Naturais de Amigos da Terra.

Desde Amigos da Terra espérase que este tipo de normativas non sexan excepionais e noticia, senón que sexan as que predominen en todo o Estado, e así poidamos avanzar cara ao necesario residuo cero

Propostas para a implementación de novas infraestruturas para o abastecemento e almacenamento da auga na cidade de Vigo

En relación a problemática de abastecemento e almacenamento da auga na cidade de Vigo e contorna, Amigos da Terra ven de presentar ante as diferentes administracións implicadas (Concello de Vigo, Xunta de Galicia y Ministerio para la Transición Ecológica) unha serie de propostas de actuación que consideramos deberían aplicarse antes de expor outras medidas máis complexas, custosas e cun considerable impacto ambiental como transvasamentos ou novos encoros.

Desde Amigos da Terra consideramos que a aplicación das mesmas, cunha estimación prudente dos seus resultados, conseguiríase un aumento na capacidade de auga embalsada e no uso eficiente da mesma que moi probablemente faría innecesaria a medio prazo a construción de novas infraestruturas. Estas propostas poderían aplicarse ademais de maneira inmediata. Outro dato que sometemos a considerar é o aforro de custos económicos e ecolóxicos. Estas medidas resultarían considerablemente máis baratas e sen apenas impacto ambiental relevante e, ademais, de aplicación e resultados inmediatos.

Sobre o sistema de tarifas: Pasar do actual pago por tramos ao pago por consumo real.

Segundo o instituto galego de estatística IGE, o instituto nacional de estatística INE e a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) sinalásese que o sistema de tarifas do servizo de auga na cidade de Vigo é a que máis incentiva ao malgasto da mesma. O propio pleno do Concello de Vigo aprobou, por unanimidade, o cambio de devanditas tarifas para establecer o pago por consumo real. Un cambio de sistema de tarifas, aplicando o que se utiliza na práctica totalidade das cidades, implicaría un sensible aforro de auga, unha auténtica concienciación cidadá, e conseiguintemente un sensible aumento das reservas de auga.

Sobre os encoros de abastecemento: Aumentar a súa capacidade actual.

O principal encoro de subministración de auga a Vigo e o resto de Concellos da súa contorna, Eiras, conta cunha capacidade nominal de almacenamento de 22 hectómetros (21 hectómetros útiles). Sobre esta capacidade nominal establécense as previsións e posibles plans de continxencias, pero ese dato oficial non é o dato real. Eiras acumula máis de trinta anos de achegue de lodos e áridos e materiais de arrastre (especialmente marcados tamén polos procesos erosivos dunha conca fluvial na que os incendios son recorrentes). Recuperar a súa capacidade real de almacenamento, e mesmo incrementala de forma sensible poderá facerse cun dobre procedemento de dragado: das súas marxes desde terra e desde embarcación en toda a superficie da súa conca. Este proceso ten dous inconvenientes perfectamente corrixibles. Por unha banda o dragado inevitablemente produce lodos en suspensión durante os traballos que aumentan a turbidez da auga e dificultan a súa potabilización Afortunadamente a comarca de Vigo conta cunha segunda presa de abastecemento (Zamáns) que, aínda que de menor capacidade, permitiría garantir a subministración ata que os lodos en suspensión de Eiras volvesen sedimentarse. Unha vez completada esta actuación en Eiras podería facerse a mesma neste segundo encoro de Zamáns. O segundo problema consiste en dar un tratamento adecuado e ecoloxicamente responsable aos lodos que se extraerían de ambas as presas. Lamentablemente non se necesita afastarse moito da zona de extracción pois, como sinalabamos, atopámonos en zonas de incendios recorrentes. O curso alto dos ríos Oitavén e Zamáns, e consecuentemente os seus lodos de achegue ás presas, carecen de contaminación química nin compostos orgánicos persistentes en cantidades relevantes. Estes lodos poderían utilizarse como substrato e fertilizante para a rexeneración dos chans incendiados. Con este procedemento obteriamos por tanto o dobre beneficio do aumento de capacidade de auga embalsada e a rexeneración de áreas incendiadas. Un cálculo prudente indicaría que as reservas de auga, con este sinxelo e económico procedemento, poderían aumentar nun 10%, o equivalente a garantir máis dun ano de subministración nas peores condicións de ausencia de precipitacións. Como medida complementaria nun futuro debería priorizarse a posibilidade, de ser necesario, do recrecemento dos encoros existentes.

Sobre a rede de distribución: Programa intensivo de renovación e control de perdas.

O último dato oficial dispoñible cifra nun punto semanal o descenso na cantidade de auga embalsada na presa de Eiras pero desde o Concello de Vigo triplican ese dato oficial asegurando un descenso de entre tres e catro puntos semanais. Si realmente estase conseguindo un aforro significativo no consumo (o Concello cífrao nun 4´5% ) a baixa pluviosidade, aínda que con maiores precipitacións que no mesmo período do ano pasado cando se decretou a prealerta por seca, non explica por si soa este vertixinoso descenso nas reservas. O INE cifra nun 30% a media das perdas de auga derivadas das deficiencias nas redes de distribución. A hemeroteca dispoñible abunda en exemplos recentes de inundacións frecuentes nas rúas da cidade por rotura de tubaxes. Moitas obras de reparación en devanditas redes. Descoñecemos o efecto concreto na porcentaxe de minimización de perda de auga nas redes de distribución, aínda que a maioría porcentual dos fondos destinados a esta renovación das redes destínanse a actuacións complementarias de renovación de beirarrúas, firmes de estradas e sobre todo ornamentación e mobiliario urbano. Consideramos que a prioridade debería ser fundamentalmente a renovación das redes de saneamento (aínda con moitos quilómetros de tubaxes de fibrocemento) e a esa prioridade deberían destinarse os fondos da concesionaria correspondendo o resto de gasto ornamental das actuacións ao Concello.

Sobre as medidas concretas de aforro por parte do Concello: eliminar os baldeos e as fontes ornamentais de ciclo aberto e adoptar outras medidas.

Os propios traballadores da concesionaria da auga de Vigo pedían tomar medidas (xa en plena alerta por seca o pasado outono) para reducir o malgaste que significaba arroxar diariamente 1.500.000 litros de auga. Xa no ano 2009, cun consumo de 1.000.000 de litros diarios entón (en menos dunha década os baldeos incrementaron en 500.000 litros de auga o seu consumo) solicitaban polo menos evitalos en caso de choivas torrenciais. Consideramos que os baldeos nas rúas son incompatibles cun consumo responsable da auga. Non se trata só de reducilos en situación de prealerta por seca ou suspendelos en situación de alerta, máxime cando os mesmos realízanse con auga potabilizada e clorada da rede de abastecemento para o consumo humano. Existen alternativas suficientes (auga procedente da estación depuradora, tanques de tormenta de almacenamento etc) que se podería destinar a esa finalidade. As billas de auga para baldeo deberían substituírse polos modelos que incrementan a presión de saída reducindo o consumo. Os sistemas de rega manual e automatizado dos xardíns urbanos debe programarse de forma eficiente, evitando a rega de xardíns nas horas centrais do día (especialmente nas xornadas de máis calor) que implica un desperdicio do 40% da auga utilizada. A instalación por parte do Concello de Vigo de fontes ornamentais na cidade aumentou considerablemente estes últimos anos sexan de ciclo aberto ou pechado (e moi especialmente no primeiro caso) consideramos incompatible cun consumo responsable da auga seguir engadindo estes elementos ornamentais á decoración urbana. Como mínimo as fontes ornamentais de ciclo aberto deberían ser desconectadas da rede de subministración. Paralelamente todas as instalacións públicas deberían contar con sistemas eficientes de aforro de auga (perlizadores nas billas e todos eles con temporizador, cisternas de dobre descarga).

Sobre actuar contra as causas e non só nos efectos: Medidas exemplares contra o cambio climático

O Concello de Vigo e o seu alcalde, que presidiu durante anos a Rede Española de Cidades polo Clima e que mesmo acolleu algunhas das reunións da mesma coñece perfectamente que a seca é un dos efectos do cambio climático, e coñece igualmente cales son as súas causas. O Concello de Vigo debería ser exemplar tamén na loita contra as causas. E así chegamos ás luces do Nadal. Afirma o alcalde de Vigo que o consumo da iluminación ornamental será irrelevante aínda que este anuncio coincide coa noticia do prezo da electricidade en máximos históricos. Facer o cálculo do prezo quilowatt/hora multiplicado por ese nove millóns de luces é sinxelo (e a cantidade non é precisamente pequena) pero para o tema que nos ocupa aplicaremos outro indicador: a súa incidencia no cambio climático, porqué este indicador? Porque aquí chegamos á relación que diciamos ao principio: o cambio climático é o argumento de fondo que desde o Concello utilízase para esixir medidas contra a seca. Entre o 40% e 65% da electricidade que consumimos en Vigo, e a porcentaxe aumenta precisamente en función da seca, procede das centrais térmicas de carbón segundo despréndese do informe de oficio realizado pola oficina do valedor do cidadán do Concello de Vigo e a Universidade de Vigo, as maiores responsables a nivel autonómico da emisión de gases de invernadoiro que provocan ese cambio climático do que uno dos seus efectos, é xustamente a seca. O malgasto enerxético derivado deste tipo de actuacións (sumadas ao resto de contribucións de Vigo á emisión directa e indirecta de gases de invernadoiro) contribuirá sensiblemente a incrementar as causas do problema que simultaneamente pretendemos mitigar, nos seus efectos con medidas de urxencia.

Caudal ecolóxico do río Oitavén: Revisión á alza.

O río Oitavén, que abastece a presa de Eiras, conserva aínda, a pesar da construción no seu día de dita presa, uns valores ecolóxicos relevantes e en moitos casos únicos no contexto fluvial da Provincia. O seu caudal ecolóxico efectivamente debería ser analizado para a súa actualización engadindo o factor climático e a súa incidencia na menor pluviosidade. Concretamente, ao contrario do que propón o Concello de Vigo, desde Amigos da Terra consideramos que devandito caudal ecolóxico debería revisarse á alza, nunca diminuírse.

Amigos da Terra denuncia o arboricidio na estrada OU-536

A estrada OU-536 está xestionada pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda (Xunta de Galicia). Esta estrada comunica a capitalidade provincial coa Ribeira Sacra e coas Terras de Trives-Caldelas, unha das máis bonitas da provincia polo seu trazado e polas formacións arbóreas que se atopan no seu percorrido. Tanto na Derrasa (Pereiro de Aguiar) como a a altura do Pinto (Esgos) hai árbores centenarias de grandes dimensións (carballos, plátanos, freixos, nogueiras, choupos…) árbores que non supoñen ningún risco para a seguridade vial e que forma un harmonioso conxunto de alto valor patrimonial, estético e paisaxístico (lembramos que estamos na estrada de entrada a Ribeira Sacra e ao Macizo Central Ourensá) polo que e preciso protexer e realizar os coidados precisos ao arborado existente tal e como se fai nos países do conxunto da Unión Europea.

Nestes días, avisados por veciños/veciñas e usuarios da OU-536 pódese observar que tanto na Derrasa (Pereiro de Aguiar) como no Pinto (Esgos) están cortando polo pé as árbores existentes (traballo realizado pola empresa pública da Xunta SEAGA e unha empresa madeireira ourensá). Árbores de alto valor patrimonial, paisaxístico, etnográfico…Medidas dun dos exemplares xa cortados polo pé (un plátano de sombra con máis de 30 metros de altura, 126 centímetros de diámetro e uns 80 anos de idade en moi bo estado de saúde e situado detrás da valla de protección da estrada, árbore que estaba a entrada da aldea do Pinto).

Xa cortaron ata o día de hoxe (15 de outubro de 2018) 20 choupos e 4 plátanos de sombra, todos eles exemplares únicos, de grandes dimensións e bo porte, ningunha das árbores supuña risco para a seguridade polo que a súa corta polo pé non ten xustificación. Tamén se observan danos nas árbores lindeiras ás cortadas e estragos en paredes de pedra.

Tendo en consideración o valor patrimonial e paisaxístico das árbores da estrada OU-536, tendo en consideración que estamos na entrada da Ribeira Sacra, é preciso a protección e coidado das árbores que aínda quedan, un dos poucos exemplos na provincia de Ourense de corredor arbóreo ao longo dunha estrada, un exemplo de respecto ao patrimonio arbóreo, de cultura e de sensibilidade.

Solicitamos e esiximos a protección do conxunto das árbores existentes ao longo da OU-536. Que no caso de ser preciso algunha poda das árbores se faga seguindo os criterios axeitados sinalados polos especialistas en mantemento da arborado.

Consideramos que despois das desfeitas realizadas as árbores que tanto en Ourense como en Galicia se teñen feito nos conxuntos arbóreos que ata fai ben pouco había na contorna das nosas estradas, estamos no intre de trocar de actitude e protexer os poucos exemplos que nos quedan. A OU-536 é un destes poucos exemplos que se deben conservar.

Dirixiranse escritos a Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e aos Concellos de Pereiro de Aguiar, Esgos e aos concellos que integran a Ribeira Sacra. Non poden promover a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e sen xustificación estragar e destruír o patrimonio arbóreo que integra a este territorio único polos seus valores patrimoniais e naturais.

“Só aquel que coñece os valores das árbores sente o desexo de protexelos”

Presentación da publicación “Sinfonía para el Cambio: activismo frente al cambio climático”

Amigos da Terra lanza a publicación “Sinfonía para el Cambio: activismo fronte al cambio climático” na que participaron máis de 30 persoas narrando as súas experiencias persoais de loita contra o cambio climático. A presentación desta publicación enmárcase na semana de accións que Amigos da Terra Internacional leva a cabo entre 5 e o 13 de outubro para reivindicar xustiza climática e remarcar a importancia do informe especial do Panel Intergobernamental de Cambio Climático (IPCC).

Este novo informe do IPCC sairá á luz a principios da semana que vén e abarcará os posibles escenarios globais e rexionais das próximas décadas en relación ao nivel de ambición das políticas que os países poñan en marcha. Amigos da Terra entende este informe como unha chamada de advertencia dirixida aos gobernos de todo o planeta e a ocasión perfecta para esixir aos principais responsables do cambio climático que actúen con urxencia e baixo os principios da xustiza climática.

Fronte á inacción dos gobernos ante o quecemento, a publicación “Sinfonía para el Cambio” recolle modos de vida inspiradores e demostra que existe un movemento crecente de persoas que saben plantarlle cara ao cambio climático.

“Doíame pensar que a miña xeración puidese perder a produtividade das nosas terras por culpa das continuas secas, do incremento da erosión ou do aumento dos custos para producir […] Somos moitas as persoas dedicadas á agricultura nesta zona, as que entendemos que a produtividade ambiental, social e ecolóxica non ten por que estar rifada coa produtividade económica”, realata Alfonso Mozo Guzman de Murcia, unha das persoas que participan en Sinfonía para o cambio.

“Hoxe creo totalmente imprescindible que xente como eu esteamos aquí (…) A existencia de persoas vendendo os seus produtos sans e ecolóxicos é equiparable á sanidade ou a educación pública. Agora mesmo sento que é unha responsabilidade seguir aquí”, asegura Pura Seoane de Galicia.

A lectura deste documento tamén deixa entrever a importancia de esixir solucións efectivas desde o ámbito das políticas, con accións destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas e a da Terra.  Por iso, a organización ecoloxista reclama obxectivos ambiciosos e vinculantes en materia de  redución de emisións, implantación de enerxías renovables, medidas de  eficiencia e o aforro enerxético, desinversión en combustibles fósiles  e a aposta decidida por alternativas económicas locais desde os sectores agrarios e gandeiros até os industriais.

Xa se están sufrindo as consecuencias do cambio climático por todo o mundo, e son os países que menos contribuíron os que se están sufrindo as peores consecuencias. Por este motivo a organización ecoloxista segue visibilizando esta situación de inxustiza climática esixindo responsabilidades aos países máis industrializados, e animando ás persoas a formar parte un movemento crecente de defensores da Terra.

En Galicia a presentación levarase a cabo dentro da Mostra do Posible en Cangas o domingo 7 ás 13:00 na Alameda Central onde contaremos con algunhas das testemuñas da publicación como parte da Directiva dun pequeno Monte Veciñal do concello coruñés de Rois que están a levar a cabo un proxecto de porco celta para a posta en valor do monte e a loita contra os incendios.

Amigos da Terra denuncia o desmantelamento dos Servizos Forestais Públicos

Amigos da Terra manifesta o seu pesar polo desmantelamento dos Servizos Forestais Públicos, o que conleva unha maior desprotección e un moito maior risco para os ecosistemas forestais de Galicia e para os propios traballadores e traballadoras forestais.

Dende Amigos da Terra presentábamos nos pasados meses de xuño e tamen no 1 de agosto, ante o Consello Forestal, unha serie de de demandas que afectan o normal funcionamento do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais e o cumprimento do PLADIGA 2018 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Desde a súa aprobación o PLADIGA 2018 segue sen ter en consideración as situacións meteorolóxicas que se producen ao longo do ano, séguese coa teima e coa tradiciónal definición da “época de máximo risco” ampliada este ano ata o 31 de outubro. Os incendios forestais non teñen data fixa no calendario, o incremento do número de incendios forestais, a situación pola que están a pasar os nosos ecosistemas forestais e o propio cambio climático obrigan a que o operativo de prevención e extinción de incendios forestais se poida expandir ou contraer en función das necesidades reais que se produzan en cada momento.

Falla de vixilancia as 24 horas do dia en dias de perigo alto ou extremo con moitas zonas de “sombra” (os incendios son comunicados polos cidadáns ou os medios dos servizos forestais nos seus desprazamentos cotiás…) hai incendios que cando se sabe deles xa teñen unhas dimensións considerables cun maior risco de propagación, maior risco para as persoas e os bens, incremento dos custes de extinción…Non se poden ter pechadas casetas/torretas de vixilancia dos ecosistemas forestais sendo sustituidas en moitas zonas exclusivamente por cámaras. A vixiancia ao traveso dos postos fixos segue sendo o mellor e máis eficaz método de vixiancia e prevención de incendios. Os vixiantes son habitualmente da zona e coñecen os lugares e teñen unha gran experiencia na detección inmediata e a interpretación da vexetación que está ardendo inicialmente.

Non se están cubrindo tódalas baixas do persoal de prevención e extinción propias (brigadas da Xunta de Galicia tanto fixos como fixos-discontinuos), nin nas brigadas da empresa pública SEAGA, moitas brigadas que día tras día só entran con dous ou tres compoñentes, a media debe de ser de cinco brigadistas como mínimo por brigada para garantir a operatividade e a protección tanto dos compoñentes das brigadas de extinción-prevención como para a protección da colectividade e os ecosistemas. Na precampaña do 2018 en días de “risco extremo” entraron brigadas con só un compoñente.

O convenio coa FEGAMP é un xiro de 180 graos na política de prevención e extinción de incendios forestais da Xunta de Galicia, é un paso atrás na imprescindible profesionalización duns traballos de alto risco, non se garante unhas condicións salariais axeitadas, non se garante o equipamento material e técnico axeitado, non se garante a formación imprescindible para a extinción de incendios e a realización das labouras de prevención dos traballadores e traballadoras contratadas polos concellos, a selección do persoal tampouco se realiza baixo criterios e principios de publicidade, mérito e capacidade…Todo isto, demostrado nos últimos anos, conleva unha maior descordinación, menor eficacia, maior desprofesionalización duns traballos onde o perigo e o risco é unha constante incrementandose os danos aos ecosistemas forestais ao incrementarse a propagación dos incendios forestais que se producen.

Vehículos autobombas, imprescindibles para a extinción de incendios, non se cubren as 24 horas do día, débense cubrir tódalas baixas ou xubilacións de autobombistas.

Na precampaña houbo Distritos onde só estiverón operativas 2-3 autobombas cando contan con 8 vehículos de extinción (5 autobombas inoperativas en situacións risco extremo de incendios).

Baixas de axentes forestais sen cubrir (Distritos Forestais onde tiña que haber entre 20-23 axentes medioambientais/axentes forestais só están operativos para traballos de prevención-extinción de incendios 14-15 axentes) isto afecta directamente a eficacia do operativo de prevención-extinción de incendios, maior carga de traballo, suspensión de vacacións, incumprimento da lexislación existente en canto a compatibilización da vida laboral e familiar, maior perigo para os ecosistemas forestais de Galicia por unha menor protección, maior tempo de reacción diante dos incendios e menor eficacia por non poder realizar as labouras propias destes profesionais por falla de persoal. Hai Distritos Forestais que contando cunha superficie de máis de 112.000 hectáreas en parte das quendas só se conta con un axente (máis de 50.000 hectáreas por funcionario).

Infrautilización de medios e recursos con que conta o conxunto da provincia de Ourense (medios de concellos, mancomunidades, deputacións, consellerías…), medios gardados nos garaxes ao non estar integrados no operativo de prevención e extinción de incendios forestais, demostración da falla dun “Plano de Emerxencias de Incendios Forestais Integral” plano que debe contar cun “mapa de Medios e Recursos” dispoñibles para axudar na loita contra os incendios forestais cando se precisa e cando se producen. A falla deste mapa de medios e recursos fai que se produzan desprazamentos de medios dos Servizos Forestais a máis de 100 quilómetros dentro da provincia mentres a carón de onde se produce o incendio forestal (5-15 minutos) hai autobombas ou maquinaria parada, infrautilizada. É preciso optimizar os medios e recursos públicos dispoñibles con elo melloraremos a operatividade, melloraremos o tempo de reacción, melloraremos a extinción dos incendios e minimizaremos os efectos dos mesmos cando se produzan.

Incumprimento e falla de coñecemento, do persoal asignado ao PLADIGA, do “Plan de Prevención de Riscos Laborais” e dos “Plans de Acción” a levar adiante nos servizos forestais públicos da Xunta de Galicia. Ao Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais e aos Distritos Forestais tense solicitado de palabra e por escrito o cumprimento da normativa de aplicación. Despois de 23 anos da aprobación da Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais, actualizada polo Real Decreto lexislativo 5/2000 e reformada pola Lei 53/2003 entregouse a algún persoal (mes de xuño de 2017) dous documentos (avaliación de riscos laborais e plan de acción) documentos elaborados no ano 2013 e 2014. Non se impartiu a imprescindible formación a todo o persoal que participa no PLADIGA, nin xiquera se informou ao persoal de maneira axeitada. É bo lembrar que a prevención e a extinción de incendios forestais é un dos sectores con maior siniestralidade laboral e con máis mortes por accidentes laborais. É urxente por en marcha cursos de formación e aplicación efectiva do plan de acción elaborado polo servizo de prevención.

Na maioría dos Distritos Forestais non hai reunións para alomenos subsanar os erros que se producen, buscar a forma de mellorar a operatividade e funcionamento do Distrito, coordinar os propios medios con que conta a Consellería, coordinarse axeitadamente con outros medios que integran o operativo PLADIGA…non se respectan a distintas estruturas operativas do Distrito nin as funcións de cada un dos seus integrantes. Na ampla maioría dos casos funcionase por inercia e sen un obxectivo claro. Distritos onde non hai ningunha reunión ao longo de todo o ano. Sen unificar criterios na xestión do persoal propio, organización do traballo, horarios, vacacións, reunións de coordinación, estrutura e funcionamento dos distritos forestais. 5 distritos forestais na provincia, 5 territorios que funcionan cada un a súa maneira.

Os traballos de prevención de incendios (áreas cortalumes, devasas, faixas auxiliares de pistas e camiños, desbouzados, faixasde xestión de biomasa…), non se realizan ao seu debido tempo. Estando na “Época de Máximo Risco”, os traballos de prevención en moitos casos están sen realizar ou realízanse fóra da época axeitada non cumprindo co obxectivo que debe ter unha política de prevención de incendios forestais (este feito lamentablemente ocurriu no ano 2017). Lembrar, costume perdida nos últimos anos, que estes traballos preventivos e de xestión de biomasa deben de realizarse antes do mes de xullo de cada ano.

No PLADIGA faise referencia a accións dirixidas a poboación, entre outras “accións sociolóxicas e de educación ambiental”, a realidade é que as chamadas “Aulas Forestais” no caso de Ourense está pechada. Non houbo, non hai campañas de educación e sensibilizacióndirixidas ao conxunto da poboación escolar e tampouco a cidadanía, outro dos teóricos obxectivos que non se cumpren por que non hai vontade de levar adiante estas actuacións imprescindibles se queremos cambiar determinadas pautas de comportamento e se queremos que se valoren os ecosistemas forestais. Os propios datos facilitados no PLADIGA 2018 non se corresponden coa realidade das actuacións levadas a cabo.

Convenio de colaboración coas forzas armadas para a prevención de incendios forestais, dende Amigos da Terra consideramos, que non cumpre cós seus obxectivos, outro gasto cargado aos contribuíntes de Galicia inxustificado e de demostrada ineficacia. Cos perto de 600.000 euros (non se facilitaron os datos da aportación que fai a Xunta de Galicia no ano 2017), poderíanse cofinanciar programas agroambientais para evitar o uso tradicional do lume como ferramenta, programas de educación/sensibilización medioambiental, ou xestionar a biomasa nas faixas de prevención ao longo de 2.400 quilómetros de camiños forestais e estradas. Ourense soporta o 50% aproximadamente dos incendios de Galicia e no ano 2016 nesta provincia queimouse máis do 50% da superficie de Galicia. Preguntámonos ao igual co resto da poboación de Galicia canto custou o desplegue da UME nos incendios acontecidos no 2017, catro millóns e medio de Euros, cinco millóns de Euros? e imprescindible informar e ser trasparente no gasto do diñeiro público.

Falla de divulgación do PLADIGA 2018 entre os propios integrantes que teñen que cumprir este protocolo de actuación, o PLADIGA presentado tódolos anos no Consello Forestal de Galicia e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, non deixa de ser un plano mediático (cara a galería) posto que unha boa parte do operativo de prevención e extinción de incendios forestais non o coñece, non se coñecen as funcións, responsabilidades que cada un dos colectivos ten, obxectivos, prioridades…non resulta doado cumprir un plan cando non se da a coñecer ao conxunto das persoas e colectivos que participan no mesmo.

O informe elaborado polo Consello de Contas no 2016 debería facernos reflexionar a todos e todas (O Plan Forestal de Galicia elaborado no 1992 e que sinalaba o roteiro da política forestal ata o ano 2030 previa que se adicara un 13 % do diñeiro a prevención e extinción de incendios e o 87% ao fomento e desenvolvemento forestal), a realidade é que se adica máis dun 70% a extinción de incendios forestais e un escaso 30% a prevención ou políticas de desenvolvemento dos ecosistemas forestais (estamos moi lonxe do que ten que ser unha política forestal equilibrada e que busque a sustentabilidade do patrimonio forestal de Galicia).

No ano 2018 lamentablemente a Xunta de Galicia volve a apostar todo a unha carta, extinción-extinción-extinción...un ano mais a eficacia do operativo PLADIGA e a desfeita económica, ecolóxica e social que supoñen os incendios forestais estarán ao ditado que marquen os condicionantes meteorolóxicos.

Por último, dende Amigos da Terra queremos facer unha reflexión por todos coñecida e de sentido común, mais moi pouco posta en práctica – É posible solucionar os erros do pasado mediante o diálogo e a participación do conxunto da sociedade – Máis de 40 anos de fracasos na loita contra os lumes forestais en Galicia deben de ser mais que suficientes para atopar solucións ao mais grave problema medio ambiental que ten o noso país.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies