SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Etiqueta: Aldea Viva

Multan con 30.000 euros á mineira de Touro por vertidos contaminantes a un aflúente do Ulla

A asociación xa viña advertindo que a empresa propietaria dos terreos mineiros, Explotaciones Gallegas S.L, e as autodenominadas “empresas de valorización” que operan nestes terreos, estaba a depositar toneladas de residuos  contaminantes que chegaban ós cursos fluviais.  Alertaban de que a antiga mina estaba a ser usada como un macrovertedoiro co risco que iso supón para o medio ambiente e a saúde pública.

Aldea Viva recibiu esta semana a resolución do expediente sancionador, que finalmente ditou a culpabilidade de Explotaciones Gallegas e imposición dunha multa de 30.000 euros por vertido de augas residuais con alteración da calidade das augas do afluente do Ulla.

Augas de Galicia desmonta as alegacións de Explotaciones Gallegas.

Na resolución do expediente sancionador, o organismo público deixa claro que a excusa da recuperación paisaxística que alega a empresa non lle permite “realizar vertidos contaminantes ó dominio público”. Augas de Galicia concluíu, contrariamente ó que alegaba a mineira, que “as certidumes de Aldea Viva coinciden cos informes dos técnicos de Augas de Galicia”.
Así e todo, Aldea Viva bota en falta que non se impuxeran ao propietario medidas para evitación de novos vertidos.
A pesares de demostrarse os repetidos episodios de contaminación que está provocando esta compañía, os seus responsables optan por tirar balóns fora  a través do principio de autoridade, o cal consiste en non asumir a culpabilidade e tentar desmentir as evidencias científicas con informes partidarios do profesor Felipe Macías, quen presuntamente tería intereses económicos e familiares nas empresas denunciadas.

REVÉS AO PROXECTO DE REAPERTURA DA MINA

A mineira sancionada é a socia principal de Cobre San Rafael, a sociedade que pretende reabrir a explotación de cobre nestes terreos.
Os vertidos ao dominio público hidráulico son un dos principais riscos do proxecto de reapertura da mina, con danos causados que xa se padeceron no anterior período de explotación entre os anos 1973 e 1986, e dende o peche a actividade até a actualidade. A presente resolución, desenmascara en parte as xa cuestionadas actuacións nestes terreos durante os últimos trinta anos por parte da mineira.
Esta resolución é un revés á mineira na súa pretensión de reiniciar a extracción de cobre, que leva meses afanada en campañas de marketing e lavado de imaxe, segundo Aldea Viva.

O concello de Touro inicia obras de canalización do Río Portapego sen autorización de Augas de Galicia, denuncia Aldea Viva

O concello de Touro pretende canalizar un tramo do río Portapego, para o que solicitou autorización a Augas de Galicia, e cuxo expediente se atopa actualmente en período de información pública e en prazo de alegacións, que remata o vindeiro 28 de agosto.

Pero o concello de Touro, facendo caso omiso á lei de augas e para sorpresa da veciñanza, comezou este luns día 20 as obras no río Portapego sen a preceptiva autorización de Augas de Galicia e faltando unha semana para rematar o período de alegacións ás obras.

As obras comezaron co tapado do leito augas arriba do tramo a canalizar para o que utilizaron material de escavación; isto provocou o rebordamento das augas polas rúas do núcleo urbano de Fonte Díaz, ao tempo que deixaron sen caudal o leito natural augas embaixo.

A asociación Aldea Viva vén de poñer os feitos en coñecemento de Augas de Galicia instando a que actúe ao respecto e se repoña o caudal ao río.

Fai unha semana a asociación Aldea Viva deu a coñecer un informe de Augas de Galicia relativo ao expediente de autorización desta obra ao tempo que fixo público que presentarían alegacións ás obras, por entender consonte ao informe de Augas de Galicia, que os problemas no río Portapego son causados polas actuacións nos terreos da mina.

Este colectivo afirmaba que debe ser o propietario dos terreos mineiros, Explotaciones Gallegas, quen acometa na súa propiedade as actuacións necesarias para evitar a contaminación e os arrastres de materiais que entullan o Portapego; ao tempo que sosteñen que as obras pretendidas polo concello non solucionarán o problema.

Para Aldea Viva é un feito gravísimo que sexa a propia administración, local neste caso, quen incumpra as autorizacións previas, e como tal considera que o alcalde Ignacio Codesido (PP), ou en quen delegara, queda deslexitimado para o desempeño das funcións do seu cargo.

Aldea Viva denuncia que a administración intentou tapar a desfeita dos propietarios da mina de Touro cunha inversión de diñeiro público no Portapego

Aldea Viva denuncia que a administración intentou tapar a desfeita dos propietarios da mina de Touro cunha inversión de diñeiro público no Portapego A contaminación do río Portapego non pasa desapercibida para calquera que pase polas rúas de Fonte Díaz (Touro).

A escasos 50 metros da coñecida discoteca Dona Dana discorre este regato que leva as súas augas ó río Lañas, afluente do Ulla. Chama fortemente a atención a cor roxiza que presenta, orixinada pola oxidación dos sulfuros procedentes da mina, e a falta de vida reflexada nas herbas queimadas polas augas ácedas nas beiras do río. Isto non ten nada de novo dada a xa coñecida situación medioambiental do municipio provocada polas labores extractivas e a falta de control da administración. O que resulta escandaloso é a cantidade de diñeiro público que se gastou en supostamente solucionar esta situación sen resultado ningún.

Foron diversos os estudos e proxectos que se deseñaron, coa execución de varias obras todas tan infrutuosas como custosas, e sempre pagadas con diñeiro público: dende un proxecto da Deputación Provincial para suposto “saneamento e recuperación do río”, fondos europeos a través de GDR-Ulla-Tambre para suposta “recuperación ambiental, e eliminación de depósitos de metais pesados” até investimentos da Consellería de Medio Rural. En total máis de 300.000 euros gastados nun ridículo treito de trescentos metros de río no núcleo urbano de Fonte Diaz; isto é mil euros de diñeiro público por cada metro, sen mellora algunha.

O CONCELLO DE TOURO GASTA MÁIS DE 20000 EUROS ANUAIS EN RETIRAR OS LODOS PROCEDENTES DA MINA

A herdanza envelenada da antiga mina de cobre de Touro non só deixou importantes danos medioambientais senón tamén económicos. O goberno popular de Ignacio Codesido gastou o ano pasado 24.500 euros na limpeza da rede de saneamento por mor dos continuos colapsos que xeran os lodos e outros materiais procedentes da mina, tal e como anuncia o alcalde na revista municipal.

Estes gastos deberían ser asumidos pola empresa propietaria dos terreos, Explotaciones Gallegas S.L, e non con cargo ó erario público, algo que só se entende dende a suposta connivencia que existe entre a promotora da mina e o alcalde de Touro. Finalmente a asociación medioambiental Aldea Viva considera que o emprego de diñeiro público para tentar paliar os estragos ambientais deixados polas actividades extractivas privadas acaba sendo a norma no noso país; onde, quen contamina NON paga.

As actuacións da promotora da mina de Touro deixan sen auga a aldea de A Santaia

A veciñanza empregaba as augas do río Ameneiro-Lamas para regadío de cultivos e hortas e abastecemento do gando e dun lavadoiro público. Na actualidade este río está gravemente contaminado polo depósito de residuos da mina que desbordan á ribeira.

Read more ...

Aldea Viva insta a medio ambiente a cumprir as súas obrigas e coñecer que residuos se verten nos terreos da mina de Touro

Dende residuos de ENCE, a contedores de chapapote do Prestige, residuos urbanos e vertedoiro “municipal”, ou até o intento de enterramento de reses mortas durante a crise das vacas tolas, os terreos da antiga mina de Touro parecen dar cabida a todo aquelo que noutro sitio non interesa.

Co tempo acabaron instalándose aí empresas como Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L. (TEN) e outros operadores que se autodenominan “empresas de valorización”, que entre outros producen os denominados “tecnosoles”.

A día de hoxe, calquera que se achegue ás extensas áreas da antiga explotación mineira nas que se depositan os “supostos tecnosoles” pode atopar a simple vista nesa mestura todo tipo de restos plásticos ou envases mesmo de medicamentos. En épocas de choiva os lixiviados destes materiais aos ríos é constante; e os cheiros permanentes.

Aldea Viva vén de presentar un escrito dirixido á Consellería de Medio Ambiente, para que requira á empresa TEN, S.L. e aos demais operadores a documentación que acredite, a través dos seus libros e rexistros, os residuos que depositaron na zona; facendo mención ao Decreto 59/2009 da Xunta de Galicia, polo que se regula a trazabilidade dos residuos, e que obriga aos xestores de residuos que realicen operacións de almacenamento, valorización ou eliminación, a levar un rexistro documental dos residuos producidos e/ou xestionados.

Aldea Viva tamén lembra á Consellería de Medio Ambiente a Lei 22/2011 de Residuos, que establece os principios da política de residuos e a protección da saúde humana e o medio ambiente por parte das autoridades, para que non se xeren riscos para as augas, o aire, o solo, nin se causen incomodidades por malos olores ou ruídos.

 Neste contexto, e tendo en conta que segundo os propios datos das empresas, estas recepcionan milleiros de toneladas de residuos e de que se están substanciando xa varias denuncias, a Administración medioambiental galega, competente en materia de vixilancia e control, debera inspeccionar a zona de vertido dos residuos e comprobar se se están a cumprir as obrigas dos xestores relativas ao almacenamento, mestura e envasado dos mesmos, (artigos 18 e 20 da Lei 22/2011), e que así mesmo, se aplique no seu caso o réxime sancionador ao abeiro da Lei 26/2007 de Responsabilidade Medioambiental e cos principios de que “quen contamina, paga”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies