WEDNESDAY 16 JANUARY 2019

Archivos por Etiqueta: alcoa

O BNG apoia o rescate de Alcoa e propón un pleno extraordinario coa comparencia de Feixóo

  • Pontón critica que permaneza mudo cando hai 400 empregos en xogo e insta a dar unha resposta masiva na manifestación deste domingo
  • Reunión co grupo provincial do Bloque na Deputación da Coruña e co comité de empresa, co que comparte “indignación” coa Xunta e o Estado

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG vai pedir a celebración dun pleno extraordinario a vindeira semana coa comparecencia do presidente da Xunta, despois de que as últimas reunións celebradas en Madrid coa multinacional non fixeran máis que confirmar a intención da empresa de pechar a súa planta na Coruña.

“Se hai algunha cuestión que merece un pleno extraordinario é garantir 400 postos de traballo na Coruña, o Goberno debe estar á altura das circunstancias aínda que sexa no tempo de desconto xa que non o fixo até agora e, como país, temos que reaccionar”, indicou Pontón tras censurar o mutismo de Feixóo. “Debe saír do seu silencio e poñerse á fronte para buscar unha solución”, recalcou.

A líder do Bloque fixo esta proposta tras a reunión mantida na Deputación co grupo provincial do BNG, coa vicepresidenta Goretti Sanmartín á cabeza, e co comité de empresa de ALCOA para abordar a situación a menos dunha semana de que a multinacional aplique o ERE extintivo.

Neste sentido, Pontón declarou compartir a “indignación” dos e das traballadoras por  como se está levando un proceso “que nin sequera podemos considerar unha negociación porque ALCOA mantén o peche da fábrica cunha proposta enganosa que pretende facernos pasar por parvos aos galegos e as galegas e que ademais significa unha navallada polas costas á cidade da Coruña e ao conxunto do país”, denunciou.

A día de hoxe, non hai ningunha proposta encima da mesa que garanta o futuro de ALCOA e, por iso, demanda á Xunta e  ao Ministerio “traballar para darlle a volta a esa situación”. Pontón salientou a importancia de dar unha contundente resposta social como país na manifestación prevista para o vindeiro domingo na cidade herculina, e instou a unha participación masiva.

“É importante que sintan nesa manifestación que hai un país detrás, que non tira a toalla e que reclama o seu dereito a producir. Son importantes as declaracións pero hai que  cumprir esas declaracións e se todos dicimos que ALCOA ten futuro, Goberno central e galego teñen que implicarse para ver como se converten en realidade, en lugar de servir de coartada para abaratar o despedimento e o desmantelamento da fábrica na Coruña a unha multinacional”, alegou Pontón.

A formación nacionalista aposta pola intervención inmediata da factoría e por unha tarifa específica para industrias electrointensivas.

“O BNG dixo desde o primeiro momento que a fábrica da Coruña ten futuro con o sen a multinacional, polo tanto, a Administración ten que asumir a xestión de ALCOA é buscar un comprador que garanta a continuidade da empresa e do emprego”, explicou a portavoz nacionalista. “Non nos temos que resignarnos a pasar de ser produtores a importadores de aluminio”, indicou Pontón, “nin ao disparate de que nun país exportador de enerxía vexa en risco 400 postos de traballo polos custes enerxéticos”, concluíu.

No encontro celebrado na Deputación tamén participou o candidato a Alcaldía, Francisco Jorquera, a portavoz municipal en Arteixo, Silvia Seixas, e o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas.

O BNG apoia a concentración de Alcoa en madrid e pide intervención pública da fábrica para garantir o emprego

Rivas critica a pasividade de Feixóo: “Non se mollou nada, pese a que están en xogo 400 postos de traballo na planta da Coruña nun sector estratéxico”. Esixe unha tarifa específica para empresas electrointensivas

O BNG apoia a concentración dos e das traballadoras de ALCOA ante a sede do Ministerio de Industria en Madrid na que participa o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, en representación da formación nacionalista. Neste novo acto de protesta,  o Bloque volve reclamar unha solución urxente para garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo na Coruña solución que, a día de hoxe, pasa pola intervención por parte da SEPI.

“A solución pasa pola intervención temporal de ALCOA por parte da SEPI”, salientou Rivas, quen recriminou a falta de decisión política de Feixóo á hora de defender o futuro dunha fábrica estratéxica na comarca da Coruña.

“Non se mollou nada o señor Feixóo e a Xunta debe tomar cartas no asunto e defender o que ten que defender que son aos traballadores do noso país e a un sector estratéxico para Galiza”, recalcou. Ademais da intervención ante a chantaxe da multinacional por manter o ERE extintivo, o Bloque demanda unha tarifa específica e estable para as empresas electrointensivas, “é posible e hai que facelo dunha vez porque é a única maneira de solucionar este problema”, recalca Rivas.

O BNG lembra que a planta xa foi de titularidade pública como Inespal antes de ser vendida a ALCOA nunha operación prexudicial para o Estado. Agora, a intención da multinacional é pechar a factoría sen permitir a súa venda porque o único que lle interesa e quedarse coa cota de mercado.

De feito, a empresa no inviste na planta da Coruña e agora que ten a cota de mercado quere pechar sen facilitar opción alternativas como unha venda e sen darlle aos traballadores e traballadores máis saídas que irse a rúa. Por iso, o BNG demanda que, ante prácticas mafiosas deste estilo, o Estado utilice os mecanismos cos que conta para resolver a situación e un deses mecanismo é que a SEPI se faga cargo da planta e sexa esta entidade a ferramenta pública que busque comprador.

Os traballadores/as de Alcoa esixen na Delegación do Goberno medidas urxentes para paralizar o ERE

Os traballadores e as traballadoras de Alcoa trasladaron na tarde deste luns as mobilizacións contra o peche da fábrica até a Delegación do Goberno na Coruña, cunha demanda inaprazábel: esixir do Executivo central medidas de urxencia para paralizar o ERE de extinción, garantir a continuidade dos empregos e a actividade produtiva e, dunha vez, avanzar na creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e que recoñeza o estatus das empresas electrointensivas.

“Urxe tomar medidas e tomalas xa”, advertía durante a protesta Julio Moskowich, membro do comité pola CIG. “O Goberno español non pode seguir agardando, ten que pór en marcha medidas inmediatas para evitar o peche da fábrica, incluída a nacionalización da empresa”, aseverou. Lembra que Alcoa estivo no seu día, como INESPAL, no sector público e se a multinacional persiste na súa idea de pechar a planta da Coruña, sería na SEPI o lugar axeitado onde as instalacións se terían que reincorporar.

Ademais, apunta que, a pesar das limitacións introducidas pola reforma laboral de 2012, a lexislación laboral actual permitiría adoptar medidas para paralizar o ERE, “só fai falta ter unha vontade política que até agora non estamos percibindo”. Abundando nesta cuestión, denunciou que as actuacións realizadas polo Goberno español e a Xunta de Galiza non están a altura das circunstancias que require a defensa do emprego e do tecido industrial e demostran a incapacidade de ambas as Administracións para responder as ameazas de Alcoa.

Necesidade de crear unha tarifa industrial estábel

Xunto á retirada inaprazábel do ERE, a sección sindical da CIG esixe do Goberno español que comece xa a traballar na creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel “e que nos permita ser competitivos”. “O gran problema desta fábrica non está nin no prezo da materia prima nin na suposta obsolescencia das instalacións, está nos elevados custes da electricidade”, afirma.

Neste senso, Moskowich lembra que a CIG xa lle trasladou á Xunta, ao Goberno estatal e á patronal do sector unha proposta de creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas, baixo o cumprimento dunha serie de requisitos (entre os cales está o mantemento do emprego) e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía. “É intolerábel que nun país como Galiza, que produce e exporta enerxía, periguen os postos de traballo e pechen industrias polo prezo da electricidade”.

O próximo venres, 30 de novembro, os traballadores e as traballadoras van secundar unha xornada de folga de 24 horas na fábrica da Coruña. Ese día, segundo as pretensións da multinacional, está previsto que finalice o período de consultas do ERE. A representación da planta galega non recoñece o marco de negociación imposto por Alcoa, porque son dous centros de traballo diferentes e entenden que os expedientes deben ser negociados separadamente por cada un dos comités.

A empresa non acepta a mediación

Para dirimir este punto, a representación social propuxo a mediación do AGA e o pasado sábado houbo reunión coa presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais para que iniciara a tramitación do proceso. Porén, Alcoa comunicaba esta tarde a súa negativa a aceptar a mediación, dando unha mostra da escasa vontade negociadora que ten.

Así as cousas, o comité acordou asistir mañá martes á mesa convocada en Madrid “máis para comunicar, novamente, o noso desacordo co marco de negociación e esixir a retirada do ERE. Esta fábrica é viábel, ten futuro e imos loitar até o final por garantir os empregos e o mantemento da actividade produtiva”.

A CIG pide que se cumpra coa declaración aprobada no Parlamento

O tempo bótase enriba e por iso, a CIG reitera o chamamento que lanzou a pasada semana á Xunta de Galiza para que dea cumprimento da declaración institucional aprobada no Parlamento galego o pasado mes de outubro, pola cal se insta á Consellaría de Industria a artellar unha fronte común política e sindical na defensa do emprego en Alcoa e dun sector estratéxico para o noso país, como é do aluminio.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, volveu emprazar a Xunta para que dea cumprimento inmediato desta declaración e que se constitúa unha mesa de traballo en Galiza (integrada por sindicatos, comités, empresas electrointensivas e institucións) “para que o Goberno galego leve a Madrid unha postura galega, igual que dende Asturias levan unha proposta asturiana, e non un posicionamento que responda unicamente á visión do PP”.

Ana Miranda pide á Comisión que medie no conflito de Alcoa e inste ao goberno central a paralizar o ERE

A eurodeputada do Bloque participou na xuntanza mantida entre os comités de empresa das factorías de A Coruña e Avilés e a representante da Comisión

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defende que a Comisión Europea debería ser mediadora na situación da multinacional Alcoa, igual que xa fixo a respecto de outras empresas, “posto que hai máis de 4.000 postos de traballo directos e indirectos en xogo tanto en Galiza como en Asturias”, apuntou.

“A Comisión debería instar ao Estado español a paralizar o Expediente de Regulación de Emprego, xa que incumpre toda a normativa laboral, e a realizar un control público da empresa, tal e como está previsto na propia Constitución, e tal e como se fixo cos bancos”, manifestou a deputada nacionalista tras participar xunto a outros eurodeputados e eurodeputadas na xuntanza que mantiveron os comités de empresa das plantas de A Coruña e Avilés e a representante do gabinete da Comisión de Emprego.

Ana Miranda lembra que a Comisión Europea actuou no mercado do aceiro, polo que ao seu xuízo tamén pode facelo no mercado do aluminio, “aínda que tería que abrir un marco regulatorio novo”. Neste sentido afirmou que “sería importante que o abra, posto que Alcoa é a única empresa con monopolio”.

comités AlcoaSegundo explicou Miranda, a propia Comisión insta a que se prolongue o proceso para ter unha maior marxe de manobra. “Non imos permitir que se pechen estas empresas en Galiza e Asturias para logo mercarlle o aluminio a Arabia Saudita”, asegurou a eurodeputada nacionalista ao tempo que resaltou a forte mobilización social que se está producindo en A Coruña e Avilés na defensa dos postos de traballo.

Pregunta escrita

Xa no pasado mes de outubro Ana Miranda trasladou unha pregunta escrita á Comisión Europea, na que constataba a incoherencia da multinacional, que alega perdas económicas pese a ter recibido nos últimos catro anos máis de 500 millóns de euros de fondos públicos.

Nesta iniciativa Ana Miranda defende asemade a necesidade de garantir a competitividade das empresas asentadas en Galiza, xa que considera que é tremendamente prexudicada polos elevados custes da electricidade.

Concentración na Torre de Hércules contra o peche de Alcoa

Para o próximo sábado, día 10 de novembro, está convocada unha nova acción en defensa dos postos de traballo en Alcoa-A Coruña. ÁS 12 horas, os traballadores e traballadoras reuniranse na rampla de acceso á Torre de Hércules e formarán a frase «peche non!!».

Nova acción en defensa dos postos de traballo en Alcoa-A Coruña

Do comité de empresa piden a colaboración cidadá para completar este xesto reivindicativo e amosar a unión contra a decisión da multinacional estadounidense de pechar as factorías da Coruña e de Avilés (Asturias).

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies