A reportaxe documental realizada por Xose A. Bocixa Rei coa colaboración de Nós Televisión reúne as testemuñas de oito colectivos sociais que enfrontan e resisten, mediante a organización cidadá, as penosas consecuencias medio ambientais que ocasionan diversas empresas da comarca compostelá.

Na metraxe de 90 min. de X.A. Bocixa dan testemuña de forma coral ás organizacións Plataforma Mina Touro – O Pino Non, Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, Asociación de afectados polo verdeoiro de Lesta, Plataforma de afectados polo vertedoiro Santiago de Compostela – Miramontes, Plataforma Pola Recuperacion Do Sar, Plataforma de afectados pola Destilería de Contimunde, Colectivo Non Eólicos de Ordes, e a Comisión de seguimento da minería e defensa do rural, Mesía – Frades. Como organización invitada na participación do documental está Salvemos Catasós, como exemplo de loita longa parcialmente gañada.

Estes oito colectivos repartidos en máis de doce concellos da contorna de Compostela contan á cámara qué os levou a unirse e a organizarse e cómo se enfrontan, armados pouco máis que coa súa propia vontade, a determinadas empresas que actúan de forma perigosa para a saúde das persoas e o medio ambiente e que operan no amparo da pasividade das administracións.

Cada un destes grupos cidadás enfrontan loitas particulares e locales, mais todos coinciden nunha mesma denuncia: a pasividade da Xunta de Galicia e Goberno de España ante as actuacións altamente contaminantes e perigosas para a saúde e o medio de determinadas empresas que se xeolocalizan na contorna de Compostela.

 

A estrea

O 9 de febreiro en Ordes (Casa da Cultura, 19.30h) estrearase a reportaxe documental “Redes contra a política do espolio” coa presentación do seu director, Xosé Bocixa. Tras a proxección da película haberá un coloquio aberto con representantes de cada organización co obxectivo de afondar na realidade de cada conflicto e de establecer un diálogo co auditorio.

Música, deseño e talento galego.

X.A. Bocixa reúne ademáis na banda sonora desta reportaxe documental unha fantástica lista de música galega e combatente. Con unha escolma de temas especialmente seleccionados para a reportaxe Xenderal, Zënzar, Túzaros, Desequilibrio Mental… son só algúns dos artistas e bandas que aderezan músicalmente esta peza audiovisual.

Mención a parte merece o grafismo e ilustración do cartaz realizado pola ilustradora ordense Laura Romero, recentemente galardoada polo premio Compostela Ilustra 2018.

Cartaz deseñado por Laura Romero: https://bit.ly/2HTouKn

Os vídeo-avances

Ó longo desta semana os organizadores foron publicando pequenos clips de vídeo en forma de avances da reportaxe documental, no evento de Facebook creado para a convocatoria da estrea. O avance do vídeo coas impactantes imaxes do vertedoiro de SOGAMA e coas declaración dos veciños da Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta foi o vídeo máis compartido acumulando máis de 22 mil reproduccións. Estas pequenas píldoras de vídeo están a recibir moi boa acollida, e entre todos eles xa suman máis de 35.000 reproduccións e centos de compartidos.

 

Avance 4 – Comisión de Seguimento da Minería e Defensa do Rural, Mesía- Frades.

Avance 3 – Plataforma Casalonga Limpa de Residuos

Avance 2 – Plataforma de Afectados pola Destilería de Contimunde (Rois)

Avance 1 – Non ao vertedoiro de Lesta