O país dos mil ríos e dos dez mil vertidos

Ríos, regueiros, ecosistemas fluviais…aloumiñan a paisaxe, dan nome a moitos recunchos da nosa terra, producen riqueza, son vitais para a vida e fan que sexa coñecida como “O País dos mil ríos”. Os ecosistemas acuáticos continentais, ríos, lagos, humedais, son elementos fundamentais do noso territorio, acollen servizos esenciais para o ser humano: auga para a vida, para o lecer e para os usos económicos, regulación da formación e fertilidade do solo, articulación da paisaxe, fonte de inspiración cultural e relixiosa.

O uso intensivo que o ser humano fixo destes ecosistemas—canalizando, encorando, alterando a súa forma e o seu funcionamento, extraendo auga sen control, verquendo todo tipo de refugallos, verquendo augas sen depurar—, degradou os ecosistemas pondo en perigo a súa capacidade de seguir prestándonos estes servizos. Detectadas as eivas a Unión Europea aprobou no ano 2000 a “Directiva Marco da Auga”, pasando dunha visión produtivista ao que ten que ser unha xestión de sustentabilidade do recurso hídrico, nacía unha “Nova Cultura da Auga” unha nova relación dos humanos cos ecosistemas fluviais, pasando dun enfoque de dominación da natureza cara unha visión de convivencia co medio.

Directivas da Unión Europea e a lexislación que as desenvolve en Galicia, incúmprense reiteradamente non facendo fronte aos problemas de perda da calidade da auga, da degradación dos ecosistemas acuáticos, da das fontes de subministro…Urxe realizar unha xestión avanzada dos sistemas de saneamento e drenaxe urbano, é imprescindible minimizar os impactos das augas residuais nos ecosistemas naturais, mais tamén resulta necesario incorporar novas formas de xestión, aplicar as normativas e facer cumprir a lexislación, fomentar a participación cidadá mediante consellos consultivos e órganos de participación pública.

Barbaña, Támega, Limia, Miño, Sil, Loñoá, Arnoia, Arenteiro, Avia…teñen que deixar de ser noticia por vertidos de todo tipo de contaminantes, débese de rematar coa impunidade con que actúan os delincuentes medioambientais. Todos e todas somos culpables, aínda que ben é certo que uns máis ca outros, neste senso as administracións públicas (alcaldes, fiscalía, confederacións hidrográficas, Xunta de Galicia) teñen demostrada unha total incompetencia, insensibilidade e incomprensible deixadez de funcións…

Hoxe, 10 de xullo de 2018, comeza nos xulgados de a causa pola contaminación que provocou a morte de toda a fauna piscícola no Barbaña no ano 2009, hoxe tamén presentamos a enésima denuncia por vertidos de augas sen depurar no mesmo río (das máis de 75 denuncias realizadas pola Plataforma Cidadá Ríos Limpos, máis de 30 son do Río Barbaña).

Lembrar que este xuízo celebrase grazas a persistencia e vontade de tres asociacións veciñais (San Breixo de Seixalbo, Ponte Noalla e Asociación Barbaña) coa colaboración de Ríos Limpos, grazas a eles as denuncias non quedaron sen resposta, personándose e poñendo cartos para que se seguira investigando e se buscaran os responsables que atentan contra o patrimonio natural de todos e todas.

Por todo elo, insistimos:

_ Pedir o cese inmediato do responsable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil pola súa incompetente e nefasta xestión, por permitir unha depuración insuficiente, por permitir un aproveitamento hidráulico abusivo, (máis de 50 encoros e máis de 1000 autorizacións de vertido aos ríos), polo seu desleixo, polo fomento e construción de obras inútiles e prexudiciais (canles, paseos fluviais, plans de control de vertidos obsoletos, Proxecto “ Regenera Limia”…).

_ Denunciar o estado dos recursos hídricos do conxunto da provincia, nos últimos anos un progresivo e galopante empeoramento da Bacía do Miño Sil, do Limia e do Douro. Fracaso da xestión da auga nunha provincia que ten entre os seus reclamos a súa riqueza termal e a calidade das súas augas.

_ Esixir a tódolos estamentos sociais, políticos, veciñais e cidadanía en xeral a axuda para a axeitada protección e a denuncia de tódolos estragos que soportan os ecosistemas fluviais.

_ “Quen contamina paga, quen destrúe ten que recuperar o estragado” esiximos que se remate coa impunidade coa que actúan os delincuentes medioambientais, están comentendo un crime contra a natureza, contra todos e todas nós. (Confederacións Hidrográficas, forzas e corpos de seguridade, axentes medioambientais, fiscalía) Hai medios técnicos, materiais e humanos para rematar con esta insultante impunidade.

Un dos obxectivos do Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 FAO/ONU e ” Garantir a dispoñibilidade da auga, a súa xestión sustentable e o saneamento integral da mesma”.

Outra política de xestión dos recursos hídricos non só é posible se non que é imprescindible para garantir a nosa vida, a vida das vindeiras xeracións.

Entre todos e todas podemos e debemos acadar que se faga unha xestión sustentable dos ecosistemas fluviais, todos e todas podemos lograr uns ríos con vida e uns ríos limpos.

Deja un comentario