O feminismo esixirá mañá en Cangas orzamentos para loitar contra a violencia de xénero

·         Trátase dunha acción apoiada por máis de 300 organizacións feministas que dará pé a mobilizacións por ducias de cidades e vilas.

·         As feministas de plantaranlle cara ao Goberno machista de Rajoy este mércores 16 de maio ás 20:30h fronte ao Concello.

 

Unha vez máis, vémonos na obriga de saír á rúa para esixir compromiso e orzamento que sosteñan o Pacto contra a Violencia de Xénero, que permitan avanzar na aplicación das 214 medidas aprobadas tras un ano de debates no Congreso.

Actualmente os 100 millóns negados ás CCAA afectan a 47 das 214 medidas do Pacto; entre elas no eido da educación relativas á prevención, detección precoz e atención para as diferentes violencias sexuais, así como formación en perspectiva de xénero para o profesorado.

Tamén na sanidade e servizos xurídicos; falamos de xulgados de violencia de xénero, atención xurídica, plans de atención psicolóxica non só ás vítimas senón tamén ás crianzas orfas de nai ou a vítimas de trata sen papeis.

Ademais, nos orzamentos para o pacto contra a violencia de xénero tamén se atopan 20 millóns para os concellos, que ao ser negados afectan a 12 medidas máis.

En primeiro lugar á medida 61 para a restitución aos concellos da competencia en e violencia de xénero, máxime cando o Goberno tampouco presentou o Proxecto de Lei para modificar a Lei 27/2013 que lla quitou, permitirlles a contratación de persoal para iso e garantir en todos os territorios servizos profesionais, estables e de proximidade, de atención xurídica, psicolóxica e de calidade a todas as vítimas e ás crianzas menores baixo a súa patria potestade ou custodia, tanto se viven nunha comunidade ou outra, ou nun municipio urbano ou rural, peninsular ou insular. Sobre elas teñen que ser creadas Unidades de Apoio Local integradas polo devandito persoal, a policía ou Garda Civil e o Xulgado de Violencia sobre a Muller do seu ámbito, con independencia da interposición da denuncia, para o seguimento e de seguridade individualizado.

Actualmente o Ministerio do Interior está a transferir, a custo 0, a protección das vítimas á Policía Local.  Estamos fartas, e non imos parar, imos facer as rúas nosas ata que nos sintamos seguras, ata que este estado podre deixe de ser patriarcal.

Dende a agrupación de Mulleres Feministas de Cangas animamos a toda a veciñanza de Cangas a saír ás rúas o mércores 16 para volver facer historia; para esixir os orzamentos que merecemos.

Deja un comentario