Comisións de Portavoces e Organización

As cousas seguen igual, só uns pequenos avances. As nosas mobilizacións cambiaron un Goberno, moveron cadeiras, sacaron diñeiro de onde nos contaban que non había, fixeron aparecer formas un pouco máis agradables na política, pero no fondo todo segue igual. Á parte dos pequenos avances conseguidos o pasado ano e este en torno ao Índice de Prezos ao Consumo, hai pouco que contar.

Aínda por riba, o Sr. Presidente do Goberno, que empezou facendo declaracións moi prometedoras aos medios, descólgase o 28 de decembro cunha sonora inocentada aos case 9 millóns de pensionistas en forma de Real Decreto, imos, como Rajoy no ano 2.012, coa conxelación de efectos retroactivos.

O Goberno apraza 6 meses máis a decisión definitiva da revalorización das de acordo co Índice de Prezos ao Consumo, máis coñecido polas súas siglas “IPC” ou “Custo da Vida” e parece ser que xa está prevista a negociación cos chamados “Axentes Sociais” para que esa subida non sexa de acordo co IPC, senón tendo en conta varios factores; o crecemento económico, os ingresos e gastos da Seguridade Social e o crecemento dos salarios. Dito doutro xeito, se non o remediamos na rúa, podémonos esquecer da revalorización por Lei da pensión co IPC Real O máis probable
será que as pensións empecen a perder poder adquisitivo a partir do ano próximo e mesmo volver á insultante subida do 0,25 do Goberno do PP e a aplicar o factor de empobrecemento, mal chamado de sustentabilidade, polo que se baixan as pensións por vivir máis tempo.

A outra inocentada deste decreto, a pensión mínima para persoas menores de 60 anos por incapacidade permanente total, foi modificada para non estar vinculadas ao salario mínimo que subiu un 22%, dependendo só do arbitrio do goberno e dos seus Orzamentos. Grazas á presión constante na rúa, grupos políticos do Congreso conseguiron tirar esta primeira decisión e agora, ao validarse o Decreto Lei, estas pensións subirán un 22% en 2019. Pero só hai garantía para este ano.

E, para rematar a inocentada, esquécese da promesa de equiparar o sistema especial de Empregadas de Fogar ao Réxime Xeral da Seguridade Social. Un compromiso que foi “torpedeado”, de forma continuada, polo PP desde o 2012, porque o pasado decembro finalizaba o período transitorio establecido para a devandita equiparación e agora, o Goberno do PSOE permite a emenda do PP: que a demora chegue ata o 2024.

Se as mulleres desexamos avanzar na equiparación de dereitos laborais e de seguridade social e proceder á ratificación do Convenio 189 da Organización Internacional do Traballo sobre traballo decente para traballadoras e traballadores domésticos, demandamos a derrogación nos Orzamentos Xerais do Estado, da moratoria o PP.

 

IMOS A QUEDAR QUIETOS?

Pois non Sr. D. Pedro Sánchez. Saiba vostede, por se non llo dixo ninguén, que España estivo crecendo o últimos dez anos de “crise ficticia” entre un 2,5 e un 3% de Produto Interior Bruto, ou sexa, a riqueza de todo o país, o que equivale a un incremento de 35.000 millóns de euros por ano. Saiba que España gasta en pensións un 11% do Produto Interior Bruto, mentres Francia gasta un 13,5% e Italia un 14,00%. Saiba que temos unha diferenza de menos por ingresos fiscais coa media da Unión Europea do 6% do Produto Interior Bruto, o que equivale a uns 80.000 millóns de euros menos de recadación. Saiba que o gasto social en España está 7% por baixo da media da Unión Europea. Saiba tamén que a evasión fiscal española leva acumulados en paraísos fiscais a friorenta de 457.000 millóns de euros, e a fraude fiscal rolda uns 90.000 millóns recoñecido polo propio Goberno. Iso por non mencionar a amnistía fiscal, as axudas á banca, ás autoestradas, as eléctricas ou o Castor, ou por non falar da enxeñería financeira de bancos e empresas do IBEX35 para eludir impostos, ou a corrupción que campou, e campa ao longo e ancho do país.

Saiba Sr. Presidente, que non abandonaremos a rúa mentres non nos ofrezan solucións. A primeira das cales ha de ser que a Pensión Mínima suba na mesma proporción que o Salario Mínimo Interprofesional. Pedímoslle valentía para realizar políticas sociais de verdade, non declaracións baleiras de contido aos medios de comunicación. Atrévase a  elevar a pensión mínima o 22% que subiron o salario mínimo, que as dúas cousas, pensión mínima e salario mínimo vaian xuntas. Se realmente quere vostede avanzar na boa dirección, habemos de chegar aos 1.084 € de mínimo vital que fixa a Carta Social Europea, para as pensións mínimas e non retributivas e para o salario mínimo interprofesional.

Por último, saiba Sr. Presidente que esta Coordinadora non abandonará a rúa ata que se nos admita como interlocutores sociais e podamos negociar unha reforma do Sistema Público de Pensións para o futuro. Un debate aberto a toda a sociedade. Porque demostramos que só as mobilizacións producen avances sociais, seguiremos:

INSISTIR PERSISTIR RESISTIR, NUNCA DESISTIR.

GOBERNE QUEN GOBERNE As PENSIÓNS DEFÉNDENSE.