Lugonovo alerta de que o Museo Provincial fai augas

Cada vez que chove o Museo Provincial fai augas. denuncia que a instalación cultural padece importantes deficiencias que mesmo poden comprometer o patrimonio que alberga.

“Os corredores están cheos de cubos para recoller as continuas pingueiras que verten do teito. As goteiras son tantas que mesmo alcanzan aos mosaicos poñendo en perigo a súa conservación”, relata Victoria Esteban Riesco.

A concelleira da formación refire que as humidades son unha “constante” na maioría das estancias e “moitas paredes aparecen atravesadas por gretas dun tamaño considerable que evidencian que esta falta de atención comeza a pasar factura ao edificio”.

“Os prexuízos alcanzan mesmo á vidreira da escaleira principal. Na repisa varios panos demostran que as filtracións tamén afectan a esta peza até o punto de podrecer o marco de madeira”, advirte Esteban Riesco quen lamenta que, ata o momento, a Deputación só recorrera a solucións provisionais para atallar o problema.

“Colocar almofías ou cubrir con plásticos as obras son medidas improvisadas das que se pode botar man nun momento puntual de emerxencia, pero non pode ser a forma de afrontar anomalías graves e persistentes como estas que se repiten dende hai anos cando, coma nestas semanas, se rexistran precipitacións de certa intensidade”, sinala a edil.

Dende o Grupo Municipal instan ás administracións a actuar o máis axiña posible para corrixir as eivas detectadas. “Cómpre incrementar, dende tódolos ámbitos de tutela posible, a supervisión e a vixilancia dos nosos bens culturais e artísticos.  Non pode ser que sexan os propios visitantes os primeiros sorprendidos do estado de precariedade no que se atopa unha das salas museísticas de referencia na capital; porque non só se está a reflictir unha mala imaxe da cidade senón tamén da consideración que as propias institucións teñen ao respecto do patrimonio que custodian. Dende logo, fai que se cuestione publicamente se o grao de protección que teñen é, cando menos, o convinte. O que non se pode é priorizar a ampliación de coleccións a costa de descoidar os fondos que xa se posúen”, conclúe Victoria Esteban en alusión ao investimento, superior a dous millóns de euros, realizado recentemente para adquirir os lotes de orfebrería castrexa de Álvaro Gil.

Deja un comentario