Javier F. Ferrero
Codirector de Encontro


O Consello de Ministros aprobou este venres un Real Decreto Lei de medidas urxentes que recupera o subsidio de desemprego para maiores de 52 anos, ata agora limitado a quen tiña máis de 55 anos.

A cantidade se beneficiarios vese amplamente incrementada, ao redor de 114.000 potenciais beneficiarios que se sumarían aos 260.000 que o cobran na actualidade, pero aínda hai cidadáns e cidadás maiores de 52 anos en grave perigo de exclusión social ao non dispoñer de ingreso algún. Diso falo con Joaquín García Martín, presidente da Asociación Vítimas do Paro.

 

A ministra Magdalena Valerio anunciou hai uns días a recuperación do subsidio para maiores de 52 anos, que lle parece o decreto?

Todo o que sexa que máis persoas desempregadas teñan un subsidio é positivo. Neste caso serán 114.000 máis os beneficiarios, pero seguimos vendo que quedan fóra do subsidio 220.000 persoas por diferentes requisitos como, por exemplo, non ter 15 anos cotizados ou ser autónomos toda a súa vida laboral e non chegar a 6 anos cotizados para desemprego no Réxime Xeral da Seguridade Social. Hai situacións moi inxustas e dramáticas de persoas con 64, 62, 60… 52 anos que seguirán malvivindo sen emprego nin ingreso algún.

 

Cre que se perdeu unha oportunidade para cubrir as necesidades deste segmento da poboación?

Por suposto. Levamos desde 2012 esperando que se volva a aprobar este subsidio e cando se logra vemos que non é “para todas as persoas desempregadas maiores de 52” (como está a vender o Goberno nos medios de comunicación). Vemos que se segue deixando sen o subsidio a 220.000 persoas e preocúpanos moitísimo porque, como van subsistir esas persoas que xa ninguén quere contratar?

 

A súa Asociación leva anos reclamando cobertura para os maiores de 52 anos, cre que tivo que ver a presión que exerceron co anuncio realizado?

É certo que a nosa asociación, e algunhas outras máis, xunto ao colectivo de persoas maiores de 52 anos, levamos desde 2012 reclamando a todos os partidos que se volvese a dar este subsidio, pero sendo sincero hei de recoñecer que o PSOE sempre foi favorable ao mesmo, da mesma forma que apoian un ingreso mínimo vital para todas as persoas desempregadas, por iso sorprendeunos que ao final só o recuperaran para unha parte e non para todos. Non me gustan as políticas “Titanic”, que se conforman con salvar a algúns e o resto que se apañe como poida.

 

Considera que este decreto, xusto a dous meses das eleccións, trátase dun anuncio electoral?

Sinceramente, si me parece que o fixeron con intereses electorais. Lévano anunciando desde xuño e podíano aprobar, se quixesen, nun dos primeiros Consellos de Ministros da mesma maneira que o fixeron o 8 de marzo. Desde o PSOE dicíanme que ao estar os orzamentos de 2018 aprobados non o podían incluír en ningunha partida orzamentaria, pero aprobáronse outros decretos que tampouco tiñan partida orzamentaria prevista.

 

Seguirán presionando para lograr a cobertura total antes das eleccións?

Sen ningunha dúbida. Seguiremos defendendo ás persoas desempregadas e imos dar varios pasos para que non se deixe a ninguén maior de 52 anos sen traballo nin subsidio. Un deses pasos será tentar que na Deputación Permanente, onde o PSOE necesita os votos de todos os deputados que apoiaron a moción de censura, algún deses partidos dígalles “Se, votaremos a favor… Pero non deixedes a esas 220.000 persoas sen subsidio aínda que vos custe 700 ou 800 millóns máis”.

Outro paso será que o propio PSOE e Goberno recapacite e vexan a situación tan inhumana en que quedan moitas persoas e modifiquen os requisitos do Decreto (por exemplo, rebaixando eses 15 anos de cotización). Tentaremos que se acorden destas persoas a maior cantidade posible de partidos nos seus programas electorais.

Vemos casos tan inxustos e discriminatorios que imos estudar a posibilidade de presentar un recurso naqueles tribunais que nos aconsellen os nosos avogados e os doutras asociacións coas que estamos a contactar, coma se temos que chegar ao Tribunal Constitucional ou a Estraburgo.

 

Que obxectivos ten a Asociación Victimas do Paro?

Lograr que non haxa persoas desempregadas e que todas as persoas, da idade que sexa, teñan ingresos garantidos, ben porque teñan traballo ou ben porque dispoñan dunha Prestación de Ingresos Mínimos ou Ingreso Mínimo Vital. Con iso lograríase que non houbese persoas sen teito pois llo poderían pagar, que os nosos mozos non tivesen que emigrar, que as mulleres puidesen ser máis independentes aínda….

Queremos que se faga un Plan Estatal de Emprego e Actividade, en coordinación entre Ministerio de Traballo, Servizos Sociais, CCAA, Patronal, Sindicatos… Se se quere é posible dar traballo ou actividade a todas as persoas e lograr o “Pleno Emprego”.

 

Supoño que nestes anos de actividade como presidente da Asociación tería varios desencontros e desgustos, que é o que máis lamenta?

Pois ter moi claro que se poden solucionar os problemas de moitas persoas desempregadas, persoas sen fogar, traballadores explotados e mesmo de mulleres que sofren violencia de xénero e que, como aos políticos débelles de parecer algo utópico ou imposible, len os nosos emails ou mensaxes pero non nos din “imos reunirnos para ver como o poñemos en marcha”. O noso obxectivo non é que o faga este ou aquel partido ou Goberno, a miña lema é “o importante non é quen o faga, o importante é que se faga”.

 

Quen os financia?

A Asociación Victimas do Paro non ten un euro de financiamento. Non realiza ningunha actividade económica precisamente para non xerar dúbidas nin malos pensamentos. Ao fundarse a nosa asociación, en decembro de 2013, queriamos cobrar un euro ao mes aos socios, pero vendo algunhas críticas que recibimos, a directiva decidiu suprimir a cota social. Non pedimos subvencións nin contamos con ingresos publicitarios nin de ningunha clase. Donativos… Temos un grupo de Teaming con só tres ou catro persoas que poñen un euro ao mes e de aí cubrimos gastos de autobús para poder ir a reunións ao Congreso un par de ocasións. O diñeiro poñémolo os membros da xunta directiva de forma altruísta. A gran vantaxe: que ao non recibir subvencións permítenos ser totalmente independentes aínda que cada un de nós teña a súa ideoloxía persoal.