En Marea presenta o seu proxecto de Lei para configurar un verdadeiro sistema de rendas mínimas no noso país

A deputada de , , presentou o que o seu grupo defenderá no vindeiro período de sesións no Parlamento de para configurar un verdadeiro sistema de rendas mínimas no noso país, “porque precisamos un novo sistema galego de protección social, que sexa verdadeiramente eficaz e inclusivo”. A deputada de denunciou que actualmente “a RISGA non é máis que un parche”. “Catro anos e medio despois da súa entrada en vigor, a RISGA maniféstase totalmente insuficiente e ineficaz, pola súa escasa cobertura e ínfima contía, a descoordinación interadministrativa, a falta de coordinación efectiva entre servizos sociais e de emprego, a excesiva burocracia, arbitrariedade e opacidade na xestión, a incompatibilidade con outras prestacións de baixa contía ou os duros requisitos para o acceso á mesma” afirmou Vázquez Verao. De feito en 2017, a RISGA só cubriu ao 2 por cento da poboación en risco de pobreza(o 0,38 por cento da poboación galega) e esta prestación deixaba fóra ao colectivo de persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa. Ademais, Galicia ten ante unha das rendas mínimas de inserción de menor contía e cobertura do Estado.

Os obxectivos principais polos cales se aprobaba a Lei 10/2013 – favorecer a inserción laboral – tampouco non foron acadados na medida en que non se desenvolveron os tramos de inserción e transición ao emprego, á espera dun Decreto regulador que, debendo ter sido publicado nos seis meses posteriores á entrada en vigor da lei, a data de agosto de 2018 aínda está en tramitación. “Máis de catro anos despois, a Xunta saca en agosto o proxecto de Decreto, con 15 días hábiles de alegacións, para evitar a contestación social. O Decreto non resolve as principais eivas da RISGA” denunciou. Isto nun contexto de aumento da pobreza e a desigualdade, que se consolida en Galicia, tal como amosa a última Memoria do Consello Económico e Social de Galicia.

En 2017, segundo datos do Consello Económico e Social, os efectos do crecemento da economía a nivel macro, dende 2014, aínda non se fan notar na gran bolsa de persoas en risco de pobreza e exclusión do noso país, especialmente entre as mulleres, os fogares con menores a cargo, a infancia e a mocidade. Así, Galicia configúrase como unha “anomalía do norte” peninsular, cun nivel de risco de pobreza inferior á media estatal pero superior ao entorno no que nos emprazamos. A taxa de risco de pobreza, seguindo o indicador AROPE, en 2017, situábase no 22,6 por cento, o que supón unhas 612.085 persoas.

Coa crise, aumentou o número de fogares sen ningunha persoa perceptora de ingresos, non tendo diminuído o suficiente dende 2015, sendo aínda 34.700 os fogares nesta situación en 2017, ou cunha soa persoa perceptora de ingresos (464.700 vivendas en 2017). O contexto é a caída da poboación activa, de xeito que no 31,7 por cento dos fogares galegos ningunha persoa ten a condición de activa. Ademais, entre os fogares con poboación activa, o 9 por cento dos mesmos ten a todas as persoas en paro. Detrás desta realidade atópase, como salientou Paula Vázquez Verao, a elevada precariedade laboral no País, que fan que o salario medio e as pensións sexan dos máis baixos do Estado.

Así, a crise consolidou novos perfís de pobreza, ter emprego non garante a inclusión social (hai un 15 por cento de pobreza laboral) e os sistemas de protección social tradicionais, vinculados ao emprego, non funcionan. “Os sistemas de protección social do Estado español non son suficientes, hai un debilitamento dos dispositivos tradicionais de protección social e as rendas mínimas non chegan á poboación que as precisa” alertou Verao. A nova realidade da pobreza, marcada pola altísima precariedade laboral e o afondamento das desigualdades sociais,impón a necesidade dun novo modelo de renda que permita verdadeiramente a inclusión social de todas as persoas que o precisan, tamén a aquelas persoas e familias empobrecidas que non se atopen nunha situación de exclusión.

PROPOSTA DE EN MAREA: Unha prestación garantida de dereito subxectivo

A proposta de Renda Social Galega que fai En Marea pretende dar resposta a esta nova realidade da pobreza. O obxectivo é concretar o dereito a unha prestación social de natureza económica e percepción periódica que se configura como unha prestación garantida de dereito subxectivo, vinculada á carencia de rendas, para acadar a promoción da persoa e o seu empoderamento, superando as condicións que a levaron a precisar a prestación. Este dereito será estendido non só ás persoas en inclusión social, senón tamén para persoas e unidades de convivencia empobrecidas, considerando como tal aquelas cuxo nivel de ingresos non acade o 60 por cento da renda media dispoñible familiar.

A proposta de En Marea establece un sistema de garantida, en dúas grandes modalidades, compatibles con outras prestacións e rendas. Por unha parte, unha prestación garantida, non condicionada, sen requisito de cumprimento do plan de inclusión social/laboral, destinada a persoas en situación de necesidade; doutra banda, unha prestación complementaria de activación e inserción social, condicionada ao compromiso de seguimento dun plan de inclusión social ou de inserción laboral.

Constátase a insuficiencia dos fondos de inclusión social en no contexto de gran precariedade laboral e altos índices de pobreza: 0,1 por cento do PIB fronte o 0,4 por cento do PIB e fronte o ideal 2 por cento do PIB. “Falamos dunha cantidade de recursos inxente, si, máis de 1.200 millóns de euros (o Orzamento da Xunta é de 9.371 millóns de euros en 2018). Contrastan os 180 millóns que, en conxunto, a Xunta di dedicar ás funcións de Inclusión Social moi por debaixo da media europea, cos xuros da débeda que ocupan uns 1.200 millóns de euros en 2018.

Ademais, a caída do Orzamento da Xunta de 2009, dende o 18,4 por cento do PIB, ata o 14.8 por cento do PIB en 2018 supón que “a Xunta renuncia a exercer a súa capacidade de redistribución da riqueza, un recorte acumulado que se pode cuantificar en 2.275 millóns de euros”.

“Un sistema ben deseñado de rendas mínimas, que debe ocupar en torno a  un 2 por cento do PIB no investimento público, ten efectos positivos na elevación dos salarios, pola fixación dun solo mínimo de ingresos, e na activación da demanda interna, así como, especificamente, na promoción das economías locais” explicou a deputada de En Marea.

A lei presentada por En Marea conta con disposicións finais que prevén a elaboración, en seis meses, dun mapa social galego, un cronograma de implantación da lei por fases, unha memoria económica e proxecto de elevación das contías a medio prazo e o desenvolvemento dun Decreto regulador da Renda Social Galega, en colaboración coas entidades de iniciativa social e colectivos interesados.

“Precisamos ter un mapa social, pois o Goberno non coñece a situación da exclusión social e do risco de pobreza” remarcou. Hai un estudo de 2014 sobre a pobreza infantil, encargado pola Xunta, que non publicado na súa totalidade nin actualizado, e polo que o grupo parlamentario ten preguntado obtendo da Xunta a resposta de que non existía. “Así é como frivoliza a Xunta coa dramática realidade da desigualdade e a pobreza no noso país” lamentou a deputada de En marea.

“En lugar de tentar agochar a realidade, a Xunta debe explicar como vai dotar á poboación que o precisa dunha renda mínima decente, pois falamos dun dereito a nivel europeo” concluíu Paula Vázquez Verao.

Deja un comentario